Xermade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°21′N 7°48′O / 43.350, -7.800

Xermade
Escudo de Xermade
Casa do concello Xermade 03.JPG
Casa do Concello de Xermade.
Situacion Xermade.PNG
Situación
Xentilicio[1]xermadés
Xeografía
ProvinciaProvincia de Lugo
ComarcaComarca da Terra Chá
Poboación1.806 hab. (2019)[2][3]
Área166,6 km²[3]
Densidade10,84 hab./km²
Entidades de poboación10 parroquias e 232 lugares[4]
Capital do concelloXermade
Política (2019[5])
AlcaldeRoberto García Pernas (PSdeG-PSOE [6])
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 3
PSdeG-PSOE: 5
Eleccións municipais en Xermade
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes91,83%
Na rede
www.xermade.org
xermade@concellodexermade.com
editar datos en Wikidata ]

Xermade é un concello da provincia de Lugo, pertence á Comarca da Terra Chá.

Demografía[editar | editar a fonte]

Segundo o IGE, en 2014 tiña 2.036 habitantes (2.339 no 2006, 2.414 no 2005, 2.464 no 2004, 2.516 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «xermadés».

Censo total 2014 2.036 habitantes
Menores de 15 anos 131 (6.43 %)
Entre 15 e 64 anos 1.211 (59.48 %)
Maiores de 65 anos 694 (34.09 %)

Xeografía[editar | editar a fonte]

Situación[editar | editar a fonte]

Limita cos concellos de Muras, Vilalba, Guitiriz na provincia de Lugo e os concellos de Monfero e As Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña.

O termo municipal abarca dez entidades colectivas ou parroquias, e 232 lugares.

Orografía[editar | editar a fonte]

A Serra da Carba delimita ao concello polo Norte, chegando aos 876 metros en Goía – Peñote. Ao Oeste, está a Serra da Loba, co cumio de 706 metros no Candieiro e os 702 metros no Serrón do Lobo.

Numerosos ríos e regatos reparten a auga do Concello ata o Atlántico e o Cantábrico. A través do Trimaz e o Labrada, chegan ao Ladra, que a canaliza ata o río Miño. Polo Norte, o río Eume delimita Xermade e Muras.

A topografía do concello é en xeral chá. De tódolos xeitos o relevo faise máis agreste no N. e O. do término onde arrincan as serras da Carba (700-800 m.) e da Loba (700 m.). De ámbolos dous sistemas montañosos descenden arroios de cara ós rios Labrada e Trimaz, afluentes do Ladra, que verte as súas augas no curso alto do Miño. Un pequeno tramo do noroeste aporta as súas augas á conca do Eume[8].

Comunicacións[editar | editar a fonte]

Xermade está a 50 quilómetros de Lugo[9].

  • Dende a A6: Saída en Parga ou Guitiriz, en dirección a Buriz, pola LU-170.
  • Dende a A8: Saída de Vilalba, pola LU-861.
  • Dende a AG-64: Polas saídas de Cabreiros e Lousada.
  • Dende Viveiro, pola estrada LU-540

Climatoloxía[editar | editar a fonte]

O clima é oceánico con invernos chuviosos e con neve nos cumios. Os veráns son frescos e axeitados para a práctica de deportes de natureza.

Historia[editar | editar a fonte]

Toponimia[editar | editar a fonte]

O topónimo fai referencia ao nome do antigo poseedor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). En concreto, viría de (uilla) Ieremiati, como flexión vulgar en xenitivo do nome bíblico Ieremias,  nome atestado na Galiza na época medieval. Alternativamente, tamén poder provir de *(uilla) Germinati, forma en xenitivo de Germinatus, nome de orixe latina [10][11].

Escudo[editar | editar a fonte]

Unha banda de ouro que lembra á que se dispón nas armas dos Andrade. Un báculo de prata que fai referencia  á xurisdición dos mosteiros de Meira e Monfero, sobre estas terras.  Dous bazantes (moedas de orixe bizantina[12]) de ouro en alusión ás testemuñas arqueolóxicas, en particular ás referidas á cultura castrexa. Todo sobre un campo de sinople (verde), que representa a importancia da vexetación para a vida deste Concello. O conxunto cinguido con coroa, por ser concello creado na xurisdicción real[13].

Historia do Concello[editar | editar a fonte]

Idade Antiga[editar | editar a fonte]

Varios xacementos do Paleolítico sitúan en Xermade unha grande actividade nas primeiras épocas do poboamento de Galicia[14].  Dous situados na Pena Grande de Férvedes, en Lousada e outro no monte de Candamil (Abrigo Curaceiro). Son cavidades naturais entre rochas que serviron de morada e refuxio aos primeiros habitantes de Xermade. Ao pé do primeiro destes xacementos, da Pena Grande de Férvedes, atopouse a manifestación artística máis antiga coñecida ata hoxe en Galicia; o colgante de Férvedes, unha peza ornamental do Paleolítico superior de máis de 17.000 anos de antigüidade[15]. É un pequeno colar de pedra decorado cun trazo recto en ámbalas dúas caras.

A grande cantidade de medoñas son outro claro exemplo do megalitismo. Destaca pola súa extensión a necrópole de Lousada, na Abelleira, que é un conxunto de medoñas na que se atoparon restos megalíticos (por exemplo, puntas de frechas)[16].

Os castros son manifestacións da cultura celta. Son significativos os castros de Xemaré e das Testas (en Burgás ), a Aira dos Mouros e O Castro (en Cabreiros), o Castro da Igrexa (en Cazás), Castrorramil (en Momán), Castrillán, Sucastro e A Graña (en Roupar) e o Monte do Castro (en Miraz).

A Vila Romana da Graña, deixa entrever restos un hipocausto (único no interior da provincia de Lugo), que indica que puido ser unha “villae” (residencia dun patricio romano), que conxuga estancias nobres e instalacións para a transformación e almacenamento de produtos agropecuarios[17].

A estancia dos romanos corrobórase coa aparición en Cazás dunha lápida ofrendada ós lares viais, coa inscripción LARIBUS VIALIBUS PLACINIDA EX VOTO POSUIT, facendo referencia a unha posible vía que pasaba polo termo[18].

Dos pobos xermanos quedan munerosas mostras na toponimia.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Xermade era encrucillada de camiños. O Camiño Real da Carba, entre Mondoñedo e Ferrol, foi unha importante vía de comunicación medieval que se atopaba nestas terras cos camiños que unían Lugo e Betanzos con Viveiro[19].

No Antigo Réxime, as parroquias de Lousada e Burgás - esta do señorío do conde de Lemos - formaban parte da xurisdicción de Vilalba; a de Roupar pertencía ó mosteiro de Meira e a de Momán, ó de Monfero; a de Xermade formaba parte do señorío dos Andrade e a de Cabreiros inseríase ma xurisdición das Pontes de García Rodríguez[18]

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

O ano 1840 é a data na que aparece por primeira vez o concello de Xermade. Nos anos vinte do século pasado a constante emigración ós países iberoamericanos propiciou a creación en Cuba de varias sociedades culturais, como a Liga Agraria de Xermade, os Fillos de Roupar e S. Mamede de Momán, que costearon as escolas de Roupar e Coto do Ameixeiro[20]

Pascual Madoz, no seu Dicionario Xeográfico-Estatístico-Histórico de España, detalla a súa orografía, poboación e organización administrativa en 1850[21].

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Patrimonio relixioso[editar | editar a fonte]

Igrexa Parroquial de San Xulián[22]. Construída no s. XVIII e reformada en 1.930 e 1.970. Ten planta rectangular; o chan e o teito son totalmete modernos. A fachada principal ten un arco semicircular e sobre el unha fiestra co mesmo tipo de arco. O presbiterio ten un retablo da segunda metade do s. XVIII de estilo barroco en tonos vermellos e azuis e molduras douradas. No retablo aparecen as imaxes da Virxe do Carme cunha carmelita e unha monxa carmelita axeonllada ós pés (s. XVIII); San Xulián (titular) cun fusil na man dereita e un paxaro na esquerda (pintado ó óleo) e a Dolorosa cuha espada cravada; a Inmaculada, San Roque e Santa Ana sentada cun libro na man (s.XVII). O retablo está coroado polo Pai Eterno. Á entrada da sacristía hai unha pila con auga bendita. Cruz procesional do s. XVII en prata con imaxes de Cristo e San Xoán Bautista. A construción da igrexa, casas e a estrada alteraron gravemente o castro que se ergue no lugar[23].

Capela da Divina Pastora[24]. Pequeno santuario situado en O Seo. Foi totalmente reconstruída a finais de século; formada por unha nave cuberta a dúas augas e sacristía detrás. Ten un pequeño pórtico a tres augas sobre catro pilastras de cantaría. No presbiterio aparecen as imaxes de San Xoán Bautista, San Roque, San Rosendo e Divina Pastora; e na sacristía un Cristo, San Xoán Bautista e Divina Pastora. Á entrada da sacristía hai unha pila con auga bendita. A carón de dita capela hai un cruceiro.

Igrexa Parroquial de San Bartolomé. Foi reformada a principios deste século, pero data do s. XVIII. Detrás ten unha nave, capela maior cuberta cun sinxelo artesoado e sacristía. Na pedra da fachada principal está grabada a imaxe do Redentor. O retablo é neoclásico con releves de San Bartolomé e San Mamede (s. XVIII). A sacristía ten a imaxe de San Antón (s.XVIII). A carón hai un cruceiro con catro cabezas de anxos e instrumentos da paixón.

Capela de San Antón. Formada por unha nave de teito moderno,arco triunfal, capela maior con sinxelo artesoado e sacristía detrás. O presbiterio ten chan de pedra e o resto de cemento. A sacristía ten a entrada polo lado esquerdo, ó igual ca nave e no lintel da porta lateral está a data 1.751. No presbiterio, inmediato ó altar maior hai un fermoso retablo (s. XVIII), con columnas salomónicas e imaxes laterais de San Ramón Nonato e San Antón de Padua, e imaxe da Inmaculada ó óleo (s.XVIII). Na sacristía está a imaxe de San Estanislao de Koska do s. XVII.

Igrexa Parroquial de San Pedro de Miraz[25]. Non é posible defini-lo seu primeiro estilo, xa que está totalmente reformada. Consérvase, iso si, un retablo salomónico e esculturas de San Pedro, San Antón de Padua e Nosa Señora da mesma época. Posúe tamén unha escultura de San Roque vestido de pelegrino cun can ós pés (s. XVII). A carón da igrexa hai un cruceiro liso de cantaría.

A parroquia de San Pedro Fiz de Roupar, posúe un rico patrimonio relixioso, que se detalla a continuación[26]:

- Igrexa Parroquial[27]. Ten nave rectangular a dúas augas. O presbiterio é a catro augas e a sacristía a 1 vertente e está situada á esquerda da capela maior. A torre das campás en cantaría está a poucos metros da igrexa.

– Retablo maior: É salomónico do s. XVIII, con esculturas do titular San Pedro, San Roque, San Antón de Padua, San Ramón Nonato e a Inmaculada.

– Retablo dereito: Con columnas salomónicas da primeira metade do s. XVIII e a escultura de Santa Lucía.

– Retablo esquerdo: Con esculturas de Santa Bárbara e un Cristo da mesma época.

- Ermida de Buscalte. Ten planta rectangular, teito de madeira con dúas vertentes, chan de laxes e tellado de lousa. O retablo ten esculturas de San Miguel e Nosa Señora do Carme do s.XVIII.

- Capela da Hermida. Construción de planta rectangular, teito a dúas vertentes, muros de mampostería e chan de laxes. Ten esculturas de San Estebo (titular) e San Bartolomé (s.XVIII). Nos arredores da capela aparecen sepulturas antigas, que deixan entrever a existencia dun cemiterio.

- Torre de Roupar. Casa señorial provista de torre de cantaría (desapareceu o escudo de armas). A capela é rectangular con teito de madeira a tres vertentes e retablo barroco con esculturas de San Roque (titular), a Inmaculada e San Antón de Padua (s.XVIII).

E dous cruceiros dignos de mención:

Cruceiro dos séculos XVI - XVII [28]. Cruceiro de tipo de tipo “De Crucifixo” con plataforma cuadrangular de tres chanzos e cunha mesa acaroada pola parte do anverso. O pedestal composto de varias pezas, ten unha gran escocia e unha peza cuadrangular cunha mediacana enriba. O varal é octogonal comezando e rematando en cadrado. Nos paramentos recadrados de abaixo amosan os símbolos da paixón: Martelo, coroa, tenaces, escada e disciplina. Ten un capitel cuadrangular con caras de anxo con ás. A súa cruz é octogonal con remates florenzados e botón central. No anverso da cruz presenta a Cristo Crucificado con tres cravos, mans abertas e pé dereito sobre o esquerdo. Cabeza ergueita cara adiante cunha coroa de espiñas e unha cartela coas siglas INRI. O seu pano de pureza vai anoado á dereita. Polo reverso da cruz fica a Piedade co Cristo en brazos. Cruceiro todo de granito cun bo estado de conservación.

Cruceiro do século XIX, Cruceiro de tipo “De Cruz” con plataforma cuadrangular de catro chanzos; o último con voo feito en granito, e pedestal troncopiramidal moldurado. O varal é octogonal comezando e rematando en cadrado. No varal móstranos os símbolos da paixón: escada, espada, tenaces, martelo, cravos e custodia. Ten un capitel troncopiramidal con ábaco de lados curvos e vértices achafranados. Ademais ten volutas e caras de anxo con ás. A súa cruz é cuadrangular cos brazos en chafrán. No anverso da cruz había dúas figuras pero, hoxe tan só queda a figura da esquerda cunha cruz na man dereita e un libro na esquerda. Polo reverso da cruz fica a Virxe en actitude de orar cos dedos das mans entrelazados sobre o abdome. O cruceiro é todo de granito agás os tres primeiros que son de xisto cun bo estado de conservación.

O cruceiro é obra de Julián Fontenla feito no ano 1827, escultor con orixes en Cuntis e, polo tanto, é un BIC declarado: Os cruceiros de máis de 100 anos están protexidos polo Decreto 571/1963, de 14 de marzo, “sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico”; ademais, teñen a consideración de Bens de Interese Cultural (BIC) segundo o establecido no Diario Oficial de Galicia da nova Lei 5/2016 de 4 de Maio do Patrimonio cultural de Galicia.

Igrexa parroquial de Santa Mariña de Cabreirós[29]. A antiga igrexa era obra de dúas épocas. Parte da nave era máis antiga (s. XVI), a capela maior databa do s. XVIII. A torre das campás estaba separada do resto do edificio. A nave era rectangular con teito de madeira con dúas vertentes. Enriba do lintel da porta lateral había un releve en pedra que representa unha figura humana espida. A capela maior con teito de madeira a catro augas, e arco triunfal de medio punto. A sacristía está ó lado norte do presbiterio. Os muros eran de pedra, o chan de laxes e o tellado de lousa.

- Retablo maior: Da primeira metade do século XVIII con columnas salomónicas.

- Retablo dereito: De estilo rococó cun releve de San Antón de Padua sacando unha alma do lume (derradeiro terzo do s. XVIII).

- Retablo esquerdo: De estilo neoclásico, con esculturas de San Caetano e Nosa Señora do Carme (s. XVIII) e San Antón de Padua (s. XIX).

– Retablo da nave: Cun Cristo de finais do s. XVIII e imaxe de Santa Mariña (titular da parroquia).

Cruz parroquial de prata con releve de Santa Mariña.

Capela do Reguengo (Capela de San Xosé). De planta rectangular, teito de madeira a catro augas. Orientada a poñente. Ten muros de pedra e tellado de lousa. O retablo é neoclásico con releve do Pai Eterno (s. XIX) e escultura da Sagrada Familia.

Capela do Camiño. Foi restaurada recentemente. Ten planta rectangular, teito de madeira con dúas vertentes, muros de mampostería e tellado de lousa. Posúe un retablo neoclásico coa imaxe da Inmaculada. No lintel da porta aparece esta inscrición: “ESTA CAPILLA LA HIZO DN./ FRANCO PEZ I PEÑA, PRO./ AÑO DE 1.790”.

Capela das Castiñeiras. Ten planta rectangular, teito de madeira con dúas vertentes, muros de mampostería e chan de laxes con tellado de lousa. Presenta un retablo neoclásico con esta inscrición: “ESTE RETABLO SE PINTÓ PR. DEVOCIÓN DE D.MANUEL SÁNCHEZ, AÑO DE 1.876”, con escultura de Santa Eufemia (titular) e San Lucas co tinteiro nos cornos do boi e inscrición: “San Marcos, 1.876”.

Patrimonio natural[editar | editar a fonte]

Río Eume[editar | editar a fonte]

Delimita Xermade polo Noroeste, dando nome ao Parque Natural Fragas do Eume. Este espazo está cuberto en grande parte por bosques de carballo e castiñeiro con alta diversidade de especies forestais e fauna. Abarca unha zona de Xermade limitando coa provincia da Coruña

Complexo Húmido Parga - Ladra - Támoga[editar | editar a fonte]

Está formado por unha extensa rede fluvial con lagoas, árbores de ribeira (ameneiros, salgueiros, freixos, carballos e acivros centenarios…) e zonas húmidas asociadas a pasteiros, áreas agrícolas.  Acolle un importante número de aves acuáticas e mamíferos[30].

LIC Serra do Xistral[editar | editar a fonte]

Inclúe no seu espazo de Rede Natura a Serra da Carba, sistema montañoso que se estende polo norte do Concello[31]. De gran importancia ecolóxica pola presencia de especies endémicas típicas destas zonas e diversos tipos  de uces. Na parte alta dos vales predomina o bosque caducifolio. Fauna variada pola diversidade de hábitats.

Os Lagos de Lousada[editar | editar a fonte]

É un espazo privado de interese natural (EPIN), unha figura de protección pensada para áreas en mans de particulares nas que existen formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres[32].

Patrimonio Civil[editar | editar a fonte]

Muíños:[editar | editar a fonte]

Os muíños de auga son edificacións singulares espallados por toda a xeografía do concello usados para moer o gran dos cereais colleitados na zona e que se almacenaba nos hórreos ou cabazos. Cabe destacar o muíño situado en Burgás[33].

Batáns:[editar | editar a fonte]

Son máquinas movidas pola forza da auga, detinadas a trocar os tecidos tradicionais ( básicamente liño ), en tecido máis compactos, mediante o mecanismo de mazos de madeira[34]. Hai restos destas construcións en Lousada, a carón do rego Folgoso.

Casa da Neveira: [editar | editar a fonte]

Situada tamén en Lousada. É un edificio de base rectangular, en pedra. A neve que se recollía en zonas próximas no inverno, pisábase na Casa da Neveira ata convertila en xeo, separado por láminas de palla para permitir así o seu corte posterior. Era usada para conservar o peixe no porto de Ferrol, ata onde chegaba a través do Camiño Real[35].

Cárcere de Roupar: [editar | editar a fonte]

Edificio usado polo correxidor do rei en tempos do Conde de Amarante, como cadea. Dedúcese claramente que o Sr. Amarante recibiu no século XVIII de parte do Reino o dominio de Roupar, que logo pasaría ao Conde de Pallares por emparentamento e sucesión destas familias nobiliarias[36].

Ponte de Isabel II:[editar | editar a fonte]

Ponte sobre o río Trimaz en Cabreiros construído no século XIX, durante a época do reinado da raíña que lle da o nome, doi ademais recentemente reformada[37]

Escola Habanera de Roupar[editar | editar a fonte]

É un fermoso e emblemático edificio, símbolo da preocupación que pola cultura tiveron os emigrantes da parroquia de Roupar na segunda década do século XX[38].  Recentemente restaurada e acondicionada, a edificación alberga hoxe o centro socio-cultural da parroquia de Roupar de Arriba. Está ubicaca xunto á igrexa parroquial[39].

Xermade na cultura popular[editar | editar a fonte]

"Rabeache pola peneira/ rabeache por peneirar/ e rabeache por te casar/ na parroquia de Roupar"[40]

"Aún recuerdan los más viejos/ de Pepa la Loba andanzas/ por Germade y por Cospeito/ por Muras y Santaballa./ Cometió robos y crímenes/ vivió en el monte escondida/ hasta que un día quedó / su banda disminuida./ Pepa vivió con un hombre/ que por marido trataba/ en una casa en Roupar/ que está cerca de Villalba./ Allí moriría un día/ en la abejera instalada/ viuda y cuidando a un hijo/ y no se supo más nada"[40]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Xermade.

Lugares de Xermade[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Xermade vexa: Lugares de Xermade.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Xermade

Burgás (Santa Baia) | Cabreiros (Santa Mariña) | Candamil (San Miguel) | Cazás (San Xulián) | Lousada (Santo André) | Miraz (San Pedro) | Momán (San Mamede) | Piñeiro (San Martiño) | Roupar (San Pedro Fiz) | Xermade (Santa María)


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2019) "Xermade".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.Este produto emprega a API de datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), pero non está certificado ou aprobado polo IGE.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia (Escribir o nome do concello e premer en Buscar)
  5. Goberno de España, Ministerio do Interior (ed.). "Elecciones 2019". resultados.eleccioneslocaleseuropeas19.es. Consultado o 27 de maio de 2019. 
  6. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Xermade". www.fegamp.gal. Consultado o 14 de setembro de 2019. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. Vázquez Cernadas, María del Carmen (1993). Xermade, en Galicia pueblo a pueblo. La Voz de Galicia. pp. 1574–1575. 
  9. "Concello". Concello de Xermade. Consultado o 08/09/2020. 
  10. González, Xosé (01/01/2014). "Toponimia do Concello de Xermade". Consultado o 24/08/2020. 
  11. Cabeza Quiles, Fernando (2008). Toponimia de Galicia. Ed. Galaxia. p. 402. ISBN 978-84-9865-092-1. 
  12. Corbelle, Sabela. "Escudos que reflejan la historia y la naturaleza de cada municipio". El Progreso. Consultado o 24/08/2020. 
  13. "Orixe do Escudo do Concello". Concello de Xermade. Consultado o 24/08/2020. 
  14. Vázquez Varela, J.M (1995). "La historia humana en el Cuaternario de Galicia". Caderno Lab.Xeolóxico de Laxe XX: 181–194. 
  15. Pérez, Cristina (09/06/2018). "Os investigadores Gómez Vila e Antonio Riveira radiografan os xermadeses de antano". El Progreso. Consultado o 08/09/2020. 
  16. Vázquez Varela, J.M; Gaberias Vérez, X. (1994). Nuevos datos y perspectivas sobre el megalitismo del Noroeste de la Península Ibérica: los materiales del túmulo 5 de la necrópolis de Lousada, Xermade. Boletín do Museo Provincial de Lugo. pp. 65–74. 
  17. Gómez Vila, Javier; Neira González, María del Mar; Borrajo Santos, Rubén (2017). Xermade na Historia. Servicio de Publicacións da Deputación de Lugo. pp. 11–130. 
  18. 18,0 18,1 Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. T. XLIV. Ed. El Progreso. 2005. p. 176. ISBN 84-87804-23-3. 
  19. Riveira Requeijo, Antonio (2013). "Camiño Real da Carba, Mondoñedo-Ferrol treito polo concello de Xermade". Dialnet (6): 245 – 257. ISSN 1888-6183. 
  20. Blanco Parada, José Manuel; Arribas Arias, Fernando; Saavedra Pérez, Mario (2006). "Xermade". Caderno de Estudios Chairegos (Nº3): 73–115. 
  21. Madoz, Pascual (1847). Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. Tomo VIII. p. 352. 
  22. Moure, Xabier (16/11/2013). "Igrexa parroquial de Cazás". Patrimonio Galego. Consultado o 08/09/2020. 
  23. Moure, Xabier (16/11/2013). "Igrexa Parroquial de Cazás". Patrimonio Galego. Consultado o 24/08/2020. 
  24. "Concello de Xermade". Consultado o 24/08/2020. 
  25. "A PARROQUIA DE MIRAZ CELEBROU O SEU PATRÓN, SAN PEDRO". Amigus. 05/07/2010. Consultado o 08/0/09/2020. 
  26. "Patrimonio Relixioso de Xermade". Consultado o 24/08/2020. 
  27. "Igrexa de San Pedro Fiz de Roupar". Patrimonio Galego. 16/04/2020. Consultado o 24/08/2020. 
  28. "Cruceiro de San Pedro Fiz de Roupar (II)". Patrimonio Galego. Consultado o 24/08/2020. 
  29. "Restos de la Iglesia parroquial de Sta. Mª de Cabreiros". Galicia Máxica. Consultado o 24/08/2020. 
  30. "Parga - Ladra - Támoga". Espacios naturales de Galicia. Consultado o 24/08/2020. 
  31. "Deputación de Lugo". Terras do Miño. Consultado o 080/09/2020. 
  32. "Os Lagos de Lousada, en Xermade distinguidos como espacio privado de interés natural". Galicia Press. Consultado o 08/09/2020. 
  33. Bas López, Begoña (1991). Muíños de marés e de vento en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 439. ISBN 84-87819-13-3. 
  34. "Primeiros pasos para a posta en valor da ruta dos batáns de Xermade". Lugo Xornal. Consultado o 08/09/2020. 
  35. Sánchez, Laura (05/07/2017). "A casa da Neveira: excavación arqueológica olvidada". Consultado o 24/08/2020. 
  36. "DON ENRIQUE RIVERA ROUCO E A PARROQUIA DE ROUPAR". Amigus. 25/09/2006. Consultado o 08/09/2020. 
  37. Arias, Cristina (07/09/2018). "El Concello de Xermade señaliza y mejora la ruta de senderismo del Trimaz". El Progreso. Consultado o 24/08/2020. 
  38. Arias, Cristina. "Cuba, onde a chaira habita". El Progreso. Consultado o 08/09/2020. 
  39. "Galicia Única. Revista Digital Independiente". 07/01/2011. Consultado o 24/08/2020. 
  40. 40,0 40,1 Roca, María. "Tras os pasos de santos, bandoleiros e viaxeiros". El Progreso. Consultado o 24/08/2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.