Mosteiro de Santa María de Montederramo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mosteiro de Montederramo»)
Mosteiro de Santa María de Montederramo
Fachada renacentista da igrexa
PaísEspaña
LocalizaciónMontederramo
Coordenadas42°16′28″N 7°30′07″O / 42.274477, -7.501938Coordenadas: 42°16′28″N 7°30′07″O / 42.274477, -7.501938
editar datos en Wikidata ]

O mosteiro de Santa María de Montederramo é un mosteiro galego medieval, beneditino e logo da orde do Císter posiblemente fundado no século X e que chegou a se converter nun dos mosteiros de maior poderío económico e social ata a desamortización[1]. A fachada da igrexa é un exemplo do estilo herreriano en Galicia.

Situación[editar | editar a fonte]

Localízase na parroquia de Santa María de Montederramo, no concello de Montederramo, na Ribeira Sacra. Sitúase a 46 quilómetros ao leste da capital da provincia de Ourense, no extremo dunha altiplanura de 920 metros de altitude media ao carón do río Mao.

Historia[editar | editar a fonte]

Ventá románica situada no muro sur da igrexa, na galería superior do claustro e pertencía á primitiva igrexa románica.

Posiblemente foi fundado no século X nun lugar distinto ao que ocupa na actualidade, no lugar de Seoane Vello, pese a que deste feito non existen probas documentais. Pola contra, si existen noticias do seu funcionamento ata mediados do século XII, e noméase como mosteiro de San Xoán de Seoane Vello, ou simplemente San Xoán Vello, e como pertencente á orde beneditina.

Segundo consta nun documento asinado en Allariz de 27 de agosto de 1124 foi refundado por Tareixa de Portugal. Neste documento rexistrase por vez primeira a denominación Rivoira Sacrata.

A conservación do arquivo do mosteiro no Arquivo Histórico Nacional proporciona abondosa documentación sobre as actividades do mosteiro.

A documentación existente sobre Montederramo das doazóns reais anteriores ao seu traslado de lugar e ao seu ingreso na Orde do Císter son consideradas por moitos autores como falsas, polo que a primeira referencia histórica considerada realmente válida data do ano 1142, cando o rei Afonso VII lle pediu ao seu parente San Bernaldo que lle enviase monxes para implantar a reforma do Císter nos mosteiros de Meira, Sobrado, Melón e Montederramo. A data que se dá para a unión efectiva a Orde do Císter é o ano 1153.

Deste xeito procederon a construción dun novo mosteiro que xa denominarían como de Santa María de Montederramo, e namentres duraron as obras a comunidade seguiu a residir no antigo cenobio. As obras rematáronse cara ao ano 1163.

Paso abovedado con casetóns que comunica a entrada do mosteiro co claustro da Porteria.

Durante este século XII téñense documentadas numerosas doazóns reais. No Arquivo Histórico Nacional atópase un dos primeiro documentos do rei Fernando II de León e Galicia, unha doazón ao mosteiro datada o 13 de outubro de 1157. A esta doazón seguirían outras do mesmo rei o 16 de xullo de 1168 e o 2 de abril de 1170. Neste mesmo ano de 1170 a comunidade faise cargo da que estaba a ser ata entón malograda fundación do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, converténdose nunha filial de Montederramo, e tamén se fixo cargo dos mosteiros de Santo Adrián e San Ciprián.

No ano 1163 o abade Sancho, que recibiu unha bula do papa Alexandre III no que acolle ao mosteiro baixo a súa protección e amparo.

A partir de entón as pugnas co bispo de Ourense van ser frecuentes e o intermediario elixido os distintos papas, Urbano III (c. 1186) ou Inocencio III (1198 e 1200).

Desde principios do século XIII consérvanse foros e escrituras de compras e vendas do mosteiro, sendo os dous primeiros dos anos 1206 e 1207.

No ano 1192 Gonzalo é o abade do mosteiro que dirixiu a comunidade por mais de 28 anos. No ano 1225 Guillermo é o novo abade. No ano 1227 e 1228 Afonso IX confirma as supostas doazóns feitas por Afonso VII, documentos que -como xa se comentou- autores como Souza Soares ou Sánchez Belda consideran falsificacións feitas a finais do século XII. Estas doazóns volverán ser confirmadas por Fernando II no ano 1232. No ano 1241 o rei Fernando III de Castela cedeu o mosteiro a exención "das cousas que transportasen para o seu sustento...", confirmada no ano 1252 polo seu fillo Afonso X, o cal tamén confirmou os anteriores documentos no ano 1255 e fixo novas concesións a favor do mosteiro nos anos 1274 e 1277. Outra doazón documentada é a que realizou a raíña de Aragón Berenguela Alfonso no ano 1273.

Claustro da portería.

O rei portugués Dinís tamén ditou orde a favor do mosteiro no ano 1284, en relación á devolución de colleitas en Portugal levadas pola forza e pertencentes ao mosteiro, dato significativo xa que é mostra das posesións que tiña no país veciño. Nos anos 1286, 1287, 1291 e 1294 o rei Sancho IV de Castela volveu confirmar todos os privilexios dados ao mosteiro polos seus devanceiros e concedeu outros novos. De novo o rei Fernando IV nos anos 1302 e 1309 confirmou as cartas anteriores, e tamén no 1309 concedeulle ao abade de Montederramo o privilexio de nomear xuíz e meiriño para gobernar aos moradores do seu couto.

Desde o ano 1242 o abade foi Fernando Velasco, no 1255 figura como abade Xoán Páez; con posterioridade documentase no ano 1267 o abade Gil Pérez, Xoán Yáñez a partir de 1286. Desde o ano 1296 figura como abade Xoán Martínez, aparecendo en documentos por última vez no ano 1321, sucedéndoo no cargo Gonzalo Pérez.

Nos anos 1330 e 1331 Afonso XI fixo novas confirmacións dos privilexios reais anteriores. No mesmo ano de 1330 Pedro Fernández de Castro, Adiantado Maior de Galicia, Pertigueiro de Santiago e Mordomo do Rei e pai de Inés de Castro e do Adiantado Fernando Ruiz de Castro doou terras no seu testamento ao mosteiro.

No ano 1335 unha carta do rei Afonso IV de Portugal serve de testemuño das posesións do mosteiro nesas terras.

Cara ao ano 1349 documéntase un novo abade, frei Xoán, producíndose por entón un troco no sistema levado ata o momento pola comunidade onde primaban as adquisicións de propiedades fronte ao que agora se faría mais común, o aforamento das terras, chegando a ser a política exclusiva desde o ano 1393.

Pedro I de Castela O Cruel confirmou os privilexios de Sancho IV e no ano 1371 tamén Henrique II confirmou privilexios anteriores. En documentos de 1375 aparece como novo abade Pedro. As confirmacións reais continuaron con Xoán I de Castela (no 1381) e Henrique III de Castela no 1393.

Claustro reglar.

Ao abade Pedro sucedeuno Gonzalo, que aparece documentado desde o ano 1393, permanecendo no cargo uns trinta nos, aparecendo no 1425 Xoán. No ano 1452 o novo abade foi frei Vicencio Vasco de Monforte, sucedéndoo o breve abade Afonso (1470-1472) e a este frei Gonzalo de Quiroga (1473-1490).

No ano 1415 o papa Bieito XIII expediu unha bula reducindo a priorado o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, filial do de Montederramo.

No ano 1494 aparece como prior-presidente a Gómez de Folgoso, na vez de abade, sinal do inicio de introdución da reforma cisterciense, a congregación de Castela, que actuaba a través dos Capítulos Xerais.

A finais do século XV o mosteiro fixo a súa última grande adquisición o mosteiro de Santa María de Castro de Rei.

A partir do ano 1502 figura a fronte do mosteiro frei Alvaro de Abelenda, o que sucederon o abade Blas de Taguile (1510) e frei Xoán de Onrubia (1513-1516), o último dos abades vitalicios.

No ano 1517 o papa León X restableceulle a categoría de abadía a Xunqueira de Espadanedo. No ano 1518 produciuse a unión á congregación, pasando a comunidade a ser gobernada por abades trienais.

A prosperidade que trouxo a incorporación á reforma provocou unha transformación dos edificios chegando en Montederramo a ser completa, chegando a incluír a igrexa.

No ano 1582 estableceuse no mosteiro un Colexio de Artes e Filosofía, converténdose na Casa Central de Estudos da Orde Cisterciense.

No ano 1820 foron apresados e axustizados dezaseis monxes do mosteiro por ser considerados opostos ao réxime constitucional. Trala desamortización foi adquirido en parcelas por diversos particulares. Unha desas familias puxo á venda a súa parte do mosteiro no ano 2010[2].

Descrición[editar | editar a fonte]

A igrexa[editar | editar a fonte]

Fachada norte da igrexa.

A traza da igrexa é a dada no ano 1598 polo xesuíta Juan de Tolosa, que traballara nas obras do Escorial e que estaba a traballar daquela na igrexa da Compañía de Villagarcía de Campos. Esta traza de estilo herreriano non foi respectada no cruceiro e a cabeceira.

A construción material da igrexa encargóuselle ao mestre de obras Pedro de la Sierra que asinou o contrato para as obras de reconstrución o 23 de marzo de 1598. Ao ano seguinte acolleu na obra ao seu irmán Juán. Ambos seguindo os planos de Tolosa son os autores da fachada, a arquería do coro e as tres naves.

Afachada da igrexa de estilo renacentista foi rematada no ano 1607, segundo consta nunha inscrición situada na propia fachada. Caracterízase pola súa sinxeleza e a precede un adro. Divídese en tres corpos sendo os laterais lisos e máis baixos cunha ventá na parte inferior e outra mais pequena no superior. O lado norte ten acaroado un contraforte.

No corpo central unha ancha portada con dous pares de piares de pilastras estriadas e capiteis xónicos, que soportan un tímpano en arco decorado coa figura dun vaso cunha planta. Sobre o tímpano un fornelo coa imaxe de Santa María, obra de Juan de la Sierra colocada no ano 1610. Encima deste fornelo rematado cun tímpano ábrese un ventanal pequeno en exceso para iluminar o coro. O corpo central remata cun frontón triangular co escudo da congregación rematado por tres grandes bólas. Na central pódese ler 1607, considerada a data de terminación das naves e a fachada. O campanario atópase sobre o muro sur do cruceiro situándose mais atrás que a fachada. Feito cun só muro adornado con pilastras estriadas. Rematouno Pedro de la Sierra a principios do ano 1632.

No lado norte catro contrafortes e dous mais na cabeceira lisa.

No interior sitúase o coro alto na entrada das naves. Unha reixa feita en madeira separa a cabeceira do resto pechando as tres naves o espazo reservado aos actos de culto da comunidade. A actual é de 1769 e presenta o escudo da congregación nela.

As naves sepáranse por piares de gran tamaño que nas súas caras que miran ao interior decóranse con pilastras acanaladas e capiteis xónicos. Enriba unha cornixa serve de arranque á bóveda de medio canón marcada por arcos faxóns e moita decoración da nave central. As naves laterais cóbrense con bóveda de crucería con oxivas sobre pilastras lisas.

A construción do cruceiro e a cabeceira foille encomendada a Simón de Monasterio e Pedro de la Sierra executou as obras entre 1620 e 1631.

O cruceiro cóbrese cunha sinxela cúpula con lanterna apoiada sobre pendentes lisas. Cinco capelas laterais, cunha cubrición de bóvedas de medio canón e arcos de medio punto, saen do cruceiro.

A Capela Maior componse de dous tramos de gran profundidade. Decórase con pilastras estriadas. A bóveda de medio canón decórase con casetóns e ventás con lunetos.

Dúas portas nos extremos do muro do fondo da capela maior permiten a súa circunvalación a través dunha estancia rectangular feita con moito esmero no ano 1614. Trátase do trasaltar e presenta un fornelo para altar ás costas do retablo e cuberta con bóveda casetonada de medio canón.

Outros elementos destacados do interior do templo son a sancristía á que se accede atravesando unha porta na parede sur da capela maior. A estancia ten bóveda de crucería e dous arcos sostidos por pilastras acanaladas e capiteis corintios.

Unha escaleira comunica a nave sur do cruceiro co deambulatorio do alto do claustro procesional.

Os retablos[editar | editar a fonte]

No retablo maior da igrexa traballou o afamado escultor Mateo de Prado, ao que se lle debe o fundamental. Trátase dun dos primeiros retablos barrocos de Galicia. Xesús Ferro Couselo sinala como no ano 1650 veu a Montederramo "para ver e trazar os retablos e demais obras..." Bernaldo de Cabrera. Cabrera, que tivo ao seu carón como escultor a Mateo Prado, enviou ao seu fillo o ensamblador Juan de Cabrera en setembro de 1662 para que contratase a fabricación do retablo maior. Ensamblouse no ano 1664 e rematouse coa policromía no 1666.

Ferro Couselo recolleu a seguinte cita no Libro de gastos de obras 1664 a 1665 do mosteiro [3]:

"Hase hecho un retablo para el Altar Mayor, de gran primor y hermosura, como se puede ver. Costó la escultura, que hizo Matheo de Prado, vecino de Santiago, veinticinco mil rs. Demás de lo dicho, se dieron a Matheo de Prado quinientos rs. por lo bien que lo hizo, que es lo que suele usarse en semejantes conciertos"

Seguindo a María Dolores Vila Jato demarcaría un estilo manierista e do primeiro barroco (columnas salomónicas...). Segundo Fernández Gasalla, a extraordinaria altura da capela maior obrigou a dispoñer tres andares cun ático rematado por un frontón curvo, que se dividen verticalmente en tres bandas mediante columnas pareadas. A transición entre corpos resólvese de xeito anticlásico, instalando sobre os espazos intermedios volutas e aletas de frontón curvo que coroan os relevos. Sobre os fustes dos soportes, divididos por terzos, esténdese unha decoración variada e preciosista (grilandas, estrías helicoidais, follas de palma etc.) No primeiro corpo parellas de columnas salomónicas flanqueaban unha gran custodia con forma de pavillón cupulado de planta central, dotado de tres corpos. Os extremos están gornecidos por cadanseus atlantes con pé de león. En aparato engárzanse nove paneis de altorrelevo representando escenas da vida da Virxe e de Cristo. No primeiro andar encóntranse a Adoración dos Pastores e a Adoración dos Magos. Sobre o tabernáculo iría un relevo coa lactación de san Bernaldo, flanqueado pola Coroación de Espiñas e a Piedade. No terceiro andar aparece o panel coa Asunción da Virxe, acompañado polo Bautismo de Cristo e a Resurrección. A edícula do ático acolle a Coroación da Virxe, entre os escudos da congregación de Castela e da Orde do Císter.

A causa do seu mal estado tivo que ser retirado e desmontado no ano 1953, sendo restaurado e volto a montar recentemente.

Os retablos laterais acollen as imaxes de San Bieito, A Inmaculada Concepción, San Xosé e San Bernaldo. A Inmaculada obra de Mateo de Prado (posiblemente para o trasaltar) destaca sobre todas elas. Os retablos adórnanse con medallóns e as catro mesas de altar. Aínda que Mateo de Pardo elaborou varios retablos colaterais entre 1652 e 1654 en colaboración con Bernaldo Cabrera, os actuais foron realizados durante o século XVIII.

O coro[editar | editar a fonte]

Trátase dun coro que conserva no seu lugar só 21 táboas pero unha obra de feitura exemplar. O resto as táboas atópanse no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e en coleccións privadas. Nas táboas dos sitiais represéntanse escenas bíblicas e da historia cisterciense. Foi finalizado a finais do ano 1608 e seguindo a Ferro Couselo é obra de Alonso Martínez, portugués de nacemento e ourensán por ter desenvolto gran parte da súa vida profesional nesta provincia.

O mosteiro[editar | editar a fonte]

A fachada norte, ou principal, do mosteiro fai ángulo recto coa igrexa (de maior altura). As continuas modificación das que foi obxecto fixeron que perdese a súa simetría, principalmente coa reforma que no século XVIII buscou dar unha maior anchura a fachada principal e na que optaron por construír unha a moito máis estreita que a planta xeral.

A porta principal componse de dúas columnas que soportan un friso rematado por un tímpano curvo. Unha segunda porta con arco de medio punto e rematada cun fornelo serve de acceso ao claustro baixo, entrada cuberta por unha bóveda de medio canón e decorada con casetóns. Na fachada oeste unha porta lisa de medio punto e doelas sobre perpiaño, posiblemente obra do século XVI.

Os claustros[editar | editar a fonte]

Claustro da portería.

Consta de dous claustros. O claustro reglar ou procesional rematouse no século XVI. Combina elementos do gótico serodio do primeiro corpo cun segundo corpo con elementos renacentistas. Na actualidade no primeiro corpo sitúase un colexio público de educación primaria. O piso baixo cóbrese con bóveda de crucería con claves decoradas. Cada un dos lados están compostos por unha arquería formada por vinte arcos de medio punto con tímpanos calados montados sobre un sistema de seis lóbulos. Na súa parte central apoiábanse sobre parteluces hoxe desaparecidos. Os arcos sepáranse con contrafortes de perpiaño rematados por unha moldura en cornixa e sobre ela pináculos. Esta arquería posiblemente sexa obra de principios do século XVI.

O corpo superior foi realizado con posterioridade. Consiste nunha arquería simple de arcos de medio punto sobre xambas apoiadas nos contrafortes do corpo inferior. Remátase cunha cornixa. Este corpo superior considérase obra de Juan de la Sierra, pai ou Juan O vello (pai de Pedro e Juan de la Sierra), e baseándonos nas inscricións que se conservan nos distintos lados do claustro realizouno nos anos 1578, 1581, 1583 e 1585.

No muro leste deste claustro ábrese unha porta de entrada a unha estancia a que se considera Sala capitular. Ilumínase con dúas ventás e cóbrese con bóveda casetonada de medio canón rebaixado.

No corpo superior das xambas saen oito arcos de descarga que no lado oposto apóianse en repisas. Unha cornixa soporta o tellado de madeira.

Claustro reglar.

No seu lado sur destaca unha porta coidadosamente decorada que serviría de acceso as distintas pezas do mosteiro hoxe arruinadas. Neste muro aprécianse abondosas pezas románicas da antiga fábrica reempregadas na construción. No corredor leste sitúase a porta que comunica coa igrexa.

Un pasadizo comunica os dous claustros, conectando desde o lado oeste do claustro procesional co claustro da hospedaría. Trátase dunha obra de certo mérito construtivo cuberta con bóvedas nervadas. no seu lado sur arranca unha escaleira que comunica cos deambulatorios altos de ambos claustros.

O claustro baixo ou da hospedaría, contemporáneo á igrexa é de marcado estilo renacentista tardío, e se lle atribúe a Juán de la Sierra, pai, que rematou a obra entre o ano 1575 (data dada nun gravado do claustro atopado no ano 1972) ou 1578, ano tradicionalmente considerado como o de remate. O corpo baixo componse por unha arquería de catro ocos de medio punto adornadas con molduras lineais sobre columnas cilíndricas lisas. Remátase cunha imposta con lixeira cornixa. O tellado é de madeira. O piso alto é unha galería de fustes troncocónicos sobre enxutas e as claves dos arcos baixos. Os fustes rematan en zapatas decoradas e sobre elas un arquitrabe casetonado base dunha longa cornixa. O conxunto destaca pola súa coidada decoración: medallóns, bustos en altorrelevo, escudetes e cartelas de gran variedade e imaxinación, decoración floral e xeométrica... Nos medallóns identifícanse á Virxe María, Santiago, San Pedro, San Paulo, San Xoán, Carlos I ou Filipe II.

No lado sur deste claustro unha porta lisa serve de acceso a fachada oeste do mosteiro que presenta un balcón e ocos con molduras do século XVI. Da fachada oriental do edificio quedan como testemuñas algunhas ruínas e muros interiores do resto das dependencias estragadas polo tempo.

Segundo a tradición a Serra de San Mamede, que se ergue ao sur do mosteiro, recibiu o seu nome dun monxe deste mosteiro que fixo vida eremítica no cumio do monte ata a súa morte no ano 1160 segundo se recolle nun documento medieval.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. de Sa Bravo, H. (1995). Monasterios de Galicia (5ª ed.). León: Everest. ISBN 84-241-4459-7.  páxina 259.
  2. "Una familia pone a la venta parte del monasterio ourensano de Montederramo", Faro de Vigo, 14 de xuño de 2010 (en castelán).
  3. Citado por José González Paz: "El desaparecido baldaquino de Oseira", en Cuaderno de Estudios Gallegos nº 66, 1967, 115-116.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bonet Correa, Antonio: La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII, Madrid, Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 1966.
  • Cid Rumbao, Alfredo. Crónica y guía del monasterio de Montederramo. (1974). Editado polo concello de Montederramo e o Ministerio de Información e turismo. Editorial La Región. Depósito Legal OR. 198/1974.
  • Fernández Castiñeiras, Enrique y Folgar de la Calle, M. Carmen: "Recuperación del arte mueble del Monasterio de Santa María de Montederramo", en "Restauro. "Revista Internacional del Patrimonio Histórico", nº 6, 2010, suplemento.
  • Fernández Gasalla, Leopoldo: "La autoría del retablo de Montederramo: Bernardo Cabrera y su hijo Juan de Cabrera, retablistas del escultor Mateo de Prado", Brigantium, 6, (1989-1990), pp. 175–182.
  • Fernández Gasalla, Leopoldo: "Bernardo Cabrera", en Pulgar Sabín, Carlos del (editor): Artistas galegos. Arquitectos. séculos XVII e XVIII, Vigo, Nova Galicia Edicións, 2004, pp. 48 e 51.
  • Fernández Gasalla, Leopoldo: "Mateo de Prado y la escultura del retablo mayor de Montederramo", en Fernández Castiñeiras, Enrique y Monterroso Montero, Juan (coordinadores): Piedra sobre agua. El monacato en torno a la Ribeira Sacra. Opus monasticorum IV. A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2010, pp. 101–131.
  • Fernández Gasalla; Leopoldo: "Bernardo Cabrera y la arquitectura del retablo del monasterio de Santa María de Montederramo” in FERNÁNDEZ CASTIÑEIRAS, Enrique y Monterroso Montero, Juan (coordinadores): Entre el agua y el cielo, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, editora académica, vol. 7. 2012. pp. 59–86.
  • Fernández Rodríguez, Begoña: "El Monasterio de Santa María de Montederramo (Montederramo. Ourense): un ejemplo de recuperación”, en Restauro. Revista internacional del patrimonio histórico, nº 6, 2010.
  • Ferro Couselo, Xesús. Las obras del convento e iglesia de Montederramo en los siglos XVI y XVII. Separata do Tomo I do Boletín Auriense. Ourense (1971).
  • Valle Pérez, José Carlos: "La arquitectura cisterciense en Galicia", A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza,1982.
  • Vila Jato, María Dolores: "La escultura del renacimiento en Galicia. El Manierismo", Santiago, 1978.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas:[editar | editar a fonte]