Antiga estación de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°14′05″N 8°42′46″O / 42.23472, -8.71278

Vigo
(clausurada)
Estación de Ferrocarril, fachada, Vigo.jpg
fachada
SituaciónPraza da Estación s/n
36201 Vigo
Servizoscafetaría, aparcamento
Liñas
Media distanciaMD, Rexional
Intermodalidade

A estación de Vigo foi unha estación de ferrocarril de Adif na cidade de Vigo destinada principalmente ao tráfico de pasaxeiros. Estaba situada na Praza da Estación, no céntrico barrio de Casablanca e próxima á rúa Urzáiz, foi derrubada en 2011 e constituía unha das dúas cabeceiras da liña Monforte - Vigo.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Primeira terminal de pasaxeiros (1878)[editar | editar a fonte]

Primeira estación de Vigo, no século XIX.

A primeira estación de tren de Vigo foi un proxecto do ano 1860 do enxeñeiro Francisco Javier Boquerín. As obras concluíron en 1878, tres anos antes da finalización da liña Ourense - Vigo. O primeiro servizo ferroviario partiu dela o 18 de xuño de 1881. En 1923 construíuse unha nova planta nas ás laterais, quedando á mesma altura da parte central do edificio.[2]

No ano 1981 concluíron as obras de electrificación da liña Monforte-Vigo, permitindo así a chegada dos primeiros servizos con trens eléctricos, sendo as UT 440 as encargadas de inaugurar devandita electrificación, e permitindo posteriormente a chegada de trens máis rápidos e máis potentes a Vigo, como as UT 444 ou as locomotoras 251 ou 252, sendo tamén locomotoras habituais por esta zona ata a súa baixa as locomotoras 277. A electrificación era a estándar de RENFE: 3 kV CC.

O edificio de viaxeiros foi protexido como Ben de Interese Cultural por Resolución do 6 de outubro de 1990 da Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental, DOG nº 231 do 23 de novembro de 1990.[3]

Segunda terminal de pasaxeiros (1987)[editar | editar a fonte]

No ano 1987 construíuse un novo edificio para viaxeiros, que sería inaugurado o 28 de setembro dese mesmo ano, substituíndo o orixinal. Ambos predios conviviron até finais da década de 1990, en espera de que se decidira cal ía ser o uso do edificio máis vello, expondo entre outras posibilidades a instalación do Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Porén, ese proxecto non saíu adiante e a antiga terminal foi finalmente desmantelada, levando as súas pedras para seren almacenadas na parcela de Mantemento de Infraestruturas na estación de Redondela.

En xaneiro 2011 o Ministerio de Fomento adxudicou á UTE formada polas empresas FCC Construcción e Acciona Infraestructuras as obras da nova estación, que pasaría a ser denominada Vigo-Urzáiz, cabeceira do Eixe Atlántico de alta velocidade. O orzamento da adxudicación ascendeu a 68,4 millóns de euros. O proxecto consistía na execución da obra civil a nivel de praia de vías (nivel de plataformas) da nova estación, a cal se había de situar no mesmo lugar que anterior, mais a unha cota 15 m inferior, como consecuencia do trazado adoptado para o acceso a Vigo da nova liña ferroviaria do Eixe atlántico, e cuxo acceso se realiza, desde Redondela, a través dun túnel de 8 km de lonxitude, o túnel das Maceiras.[1]

O 27 de agosto de 2011 pechou a estación de Vigo, procedendo ao progresivo derrubamento de todas as instalacións, incluíndo as naves de mantemento, para proceder á construción dunha estación soterrada a 15 m por debaixo da cota orixinal. Os servizos de pasaxeiros desviáronse á ata a que entón era estación de mercadorías: Vigo-Guixar. Os talleres de mantemento foron trasladados definitivamente á estación de Redondela en xullo de 2012.

Como consecuencia da supresión desta estación foi tamén desmantelada a vía existente até Bifurcación de Chapela e así, a liña Monforte - Vigo pasou a ser denominada no catálogo oficial da Rede Ferroviaria de Interese Xeral como "liña Monforte - Bifurcación de Chapela". Inevitablemente, tamén quedou desafectada do tráfico ferroviario a estación de Chapela.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]