Edificio Albo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edificio Albo
Edificio Albo 04.jpg
Edificio
Estilo Racionalista, rexionalista galego, neobarroco
Localización Vigo, Galiza
Coordenadas 42°14′04″N 8°43′00″O / 42.234569, -8.716739
Construción
Inicio 1942
Remate 1949
Equipo
Arquitecto(s)

Francisco Castro Represas

Pedro Alonso Pérez

O Edificio Albo é unha construción situada no cruzamento da rúa Urzáiz coa Gran Vía, no centro da cidade de Vigo. Foi un dos edificios máis altos da cidade na súa época. Actualmente está considerado un dos mellores exemplos de arquitectura da posguerra na cidade.

Historia[editar | editar a fonte]

O Edificio Albo é unha das obras máis senlleiras da arquitectura viguesa do século XX. Recibe o seu nome da familia Albo, procedente de Santander e que fixo fortuna coas conservas, fundando a empresa Conservas Albo. Grazas ao bo momento da industria conserveira trala Guerra Civil, deciden investir na construción de edificios destinados ao alugueiro, amosando tamén o seu poderío económico e social na vila.

En 1940 mercan un soar creado polo novo trazado pavimentado dende a rúa Urzáiz, que daría lugar ao que hoxe é a Gran Vía viguesa. Para realizar o edificio, contratan aos arquitectos Francisco Castro Represas e Pedro Alonso Pérez, destacados promotores da arquitectura racionalista. As obras, iniciadas en 1942, duraron deica 1949, pola escaseza de ferro e cemento dos anos da posguerra.[1]

Construción e estilo[editar | editar a fonte]

Neste edificio podemos comprobar como nos anos de posguerra existe unha reacción ás ideas e formas racionalistas en arquitectura, para adoptar un rexionalismo/nacionalismo galego, con numerosos elementos neobarrocos incluídos dentro dunha factura inicialmente racionalista. O resultado final é un edificio de dez andares, cun inferior de factura con elementos clasicistas, incluíndo columnas toscanas. No resto da fachada podemos contemplar elementos neobarrocos, como frontóns partidos, pináculos, balaustradas ou cornixas molduradas, dentro do deseño racionalista orixinal.[1] O chafrán central do edificio marca un eixo de simetría para o mesmo, cun claro dominio da verticalidade combinada coa horizontalidade dos andares dos edificio, e a inclusión de elementos vangardistas, como grandes vans de esquina, esquinais curvos nos apaisados da fachada, ou un lintel para protexer da caída da auga. No cume do edificio os arquitectos colocan unha reprodución da Vitoria de Samotracia, realizada polo escultor Xesús Picón, e unha agulla que salienta a sensación de verticalidade do conxunto. O edificio, realizado en cantaría de perpiaño de pedra de gra galega pulida de primeira calidade, resalta pola súa maxestática nunha das zonas máis céntricas de Vigo. En definitiva, o edificio Albo é un bo exemplo dun racionalismo heterodoxo para o momento, nacido dunhas condicións sociais, culturais e políticas moi particulares, como foi a posguerra na cidade industrial de Vigo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Garrido Rodríguez, Jaime, 2000: Arquitectura da Pedra en Vigo, Vigo, Construcciones Conde, p.422

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]