O Dinoseto é un arbusto con forma de dinosauro que se exhibe no centro da cidade de Vigo.[1]
A súa primeira localización foi na rúa Rosalía de Castro da cidade debido a unha equivocación da empresa encargada da súa instalación, xa que debía situarse de xeito inicial nun parque infantil situado na parroquia de Navia,[2] nos arrabaldes da cidade. Porén, o Dinoseto converteuse de xeito inmediato nun éxito nas redes sociais, o que provocou que se situase de xeito permanente no casco urbano da cidade, concretamente na céntrica Porta do Sol. É neste lugar onde se pode visitar actualmente e no que se converteu nunha das grandes atraccións turísticas da cidade, converténdose en tradición que os turistas se fagan un selfie na plataforma que se atopa situada ó carón da escultura,[3] como foi o caso de Pedro Sánchez, candidato por aquel intre á presidencia do goberno español polo Partido Socialista Obrero Español nas eleccións xerais do ano 2016, durante a súa visita á cidade no mes de maio do mesmo ano,[4] ou os músicos Luis Fonsi e James Rhodes,[5] no 2017 e 2018 de xeito respectivo.
Como consecuencia da súa popularidade, o Concello de Vigo colocou novos sebes con forma de dinosauro, como é o caso do Rinoseto (con forma de triceratops en Navia)[6] ou o do Dinosetiño, situado ó carón do Dinoseto orixinal na Porta do Sol da cidade.[7]
Debido á popularidade do Dinoseto na cidade de Vigo e nos concellos da súa área de influencia, en xaneiro do ano 2017 e após un ano de traballo, o enxeñeiro redondelán Xavier Souto rematou o desenvolvemento do videoxogoDinoseto vs The World, que consiste en evitar obstáculos mentres o usuario manexa o Dinoseto por diversos escenarios da cidade de Vigo. O xogo está actualmente dispoñíbel de balde para o sistema operativoAndroid.[8]