Centro Social Afundación Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Centro Social Afundación Vigo
Centro Social Caixanova.JPG
Coordenadas 42°14′14.56″N 8°43′19.71″O / 42.2373778, -8.7221417Coordenadas: 42°14′14.56″N 8°43′19.71″O / 42.2373778, -8.7221417
País Flag of Galicia.svg Galicia, España
Cidade Vigo
Inauguración 23 de xuño de 2003
Sitio Web Centro Social Afundación Vigo

O Centro Social Afundación Vigo (anteriormente Centro Social Fundación Novacaixagalicia de Vigo e antes Centro Social Caixanova de Vigo) é un edificio multifuncional inaugurado o 23 de xuño de 2003,[1] no que se realizan exposicións ou eventos de entidades tanto públicas coma privadas, así como organizacións non gobernamentais que desempeñen actividades acordes coa filosofía do Centro. O CSC aposta pola asistencia social, o apoio aos sectores produtivos, a difusión da tecnoloxía, a extensión da sociedade do coñecemento, o desenvolvemento económico, a formación, o medio ambiente, a cultura e o fomento do emprego.[2]

O edificio[editar | editar a fonte]

Fachada da rúa Policarpo Sanz.

O Centro Social Afundación atópase na Casa Bárcena ( r/ Policarpo Sanz, 24 e 26, esquina coa r/ Velázquez Moreno, 20), histórico inmoble do centro vigués erixido a finais do século XIX. O edificio, de estilo eclecticista, foi erixido polo arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Domínguez, incursor do movemento modernista en Vigo.

A Casa Bárcena (orixinalmente chamada "Sete casas para particulares")[3] foi construída entre 1879 e 1884 para o Conde de Torrecedeira, Manuel Bárcena Franco, quen pretendía que o edificio fose "a máis grandiosa obra civil da época".[4]

O inmoble consta de dúas fachadas con catro andares e con corpos saíntes no centro. A Casa Barcena está realizada en granito e destaca pola súa rica decoración e ornamentación realizada segundo o gusto da burguesía da época, desexosa de edificios de arquitectura ecléctica que reflectisen o seu poder e prestixio social.

A Casa Bárcena constitúe a primeira grande obra do arquitecto vigués na súa vila natal, tralo seu remate, o arquitecto realizaría algúns dos máis fermosos edificios da cidade que datan desta época.

No ano 1928 o inmoble foi mercado pola Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo, entidade que o ocuparía ata 1955. En 1955, co traslado da Caixa, o edificio sería alugado, sendo empregadas algunhas das súas salas para exposicións.

No ano 2003 a entidade bancaria Caixanova rehabilitouno, converténdoo na súa sede social. Coa rehabilitación creouse un xardín interior co fin de proporcionar luminosidade a tódolos andares do inmoble. Na súa construción mesturouse o granito con grandes cristaleiras e pezas escultóricas, ademais do xardín foille engadida unha cuberta superior.

Salas de exposicións[editar | editar a fonte]

As salas de exposicións da Colección Afundación (de 3.000 m²) acollen, segundo os expertos, a mellor colección de arte galega do mundo. Os fondos da colección ascenden a 4.000 obras, das cales se expoñen 120 delas organizadas nun percorrido de forma didáctica, desde a arte galega do século XIX até os nosos días.

Tres zonas de exposición dedícanse a mostras temporais procedentes de diferentes museos ou coleccións privadas. Tamén se expoñen nestas salas exposicións de divulgación científica ou etnográfica e percorridos artísticos, novidosos ou consagrados, nunha firme aposta pola calidade creativa.

O centro dedica catro espazos a aulas de formación e obradoiros de creatividade.

Naturnova[editar | editar a fonte]

A exposición Naturnova consta de 37 módulos organizados en tres áreas temáticas: O Universo, A Biosfera, O Home e O Medio. Este Centro Interactivo de Educación Medioambiental responde á preocupación pola preservación do medio ambiente.

Auditorio[editar | editar a fonte]

O Auditorio ten unha capacidade para 360 persoas e está equipado con sistemas de última tecnoloxía. A Sala de Conferencias ten un aforo para 122 persoas. As Salas de Reunións están dispoñibles para empresas ou entidades que queiran celebrar os seus actos institucionais cunha capacidade que oscila entre as 10 e as 22 persoas e están así mesmo equipadas con equipos audiovisuais.

Salón de recepcións[editar | editar a fonte]

O salón de recepcións ten a finalidade de ser o marco para as recepcións dos eventos que se organicen no centro.

Instituto de Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O Instituto de Desenvolvemento creouse co obxectivo de potenciar os sectores produtivos galegos e a creación de emprego (www.idcaixanova.com).

Área de Novas Tecnoloxías[editar | editar a fonte]

A Área de Novas Tecnoloxías foi creada para a formación e o fomento das novas ferramentas tecnolóxicas.

Centro de Iniciativas Sociais[editar | editar a fonte]

O Centro de Iniciativas Sociais está dedicado á teleasistencia, promoción do voluntariado, inclusión social, desenvolvemento integral da infancia e xuventude, atención ás persoas maiores etc.

Centro de Difusión Tecnolóxica[editar | editar a fonte]

O Centro de Difusión Tecnolóxica que lles ofrece preparación ás empresas para aproveitar con éxito as continuas innovacións tecnolóxicas, os novos métodos de traballo e os avances nas comunicacións.

Notas[editar | editar a fonte]