Saltar ao contido

Estadio Municipal de Balaídos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estadio Municipal de Balaídos
Datos
Coordenadas42°12′43″N 8°44′25″O / 42.211861, -8.740328
LocalizaciónVigo, Galicia
Construción
Inauguración30 de decembro de 1928
ArquitectoJenaro de la Fuente
Estadio
SuperficieHerba
Dimensións105 x 69
Capacidade24791[1]
PropietarioConcello de Vigo
OperadoraCelta de Vigo
LocalíaReal Club Celta de Vigo
Eventos
editar datos en Wikidata ]

O Estadio Municipal de Balaídos (Abanca-Balaídos por motivos de patrocinio)[2] é un estadio de fútbol situado no barrio de Balaídos, na cidade de Vigo. É o estadio no que xoga como local o Real Club Celta de Vigo, equipo da Primeira división española.

O topónimo do lugar deriva de Abeladíos, facendo referencia a un lugar onde abondan as abeleiras[3]. O estadio é obra do arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez e foi inaugurado o 30 de decembro de 1928 cun partido entre o Celta de Vigo e o Real Unión de Irún, no que gañou o Celta por 7-0. Entre 1967 e 1971 o concello levou a cabo unha reforma en profundidade unha por unha a tódalas bancadas, dándolle a configuración actual, salvo a banda de Río (que recibe o seu nome por estar sobre o río Lagares).

No ano 1969 realizouse unha remodelación para ampliar a zona de pé e asento baixo viseira nas bancadas de Marcador, Tribuna e Gol. O proxecto foi asinado polo arquitecto Antón Román Conde en colaboración coa empresa madrileña Construcciones Laminares S.L., dos arquitectos José Ruiz-Castillo y Ucelay e mais Ricardo Urgoiti, especializados nas láminas de formigón armado. Representou un grande desafío técnico xa que debía construírse en moi pouco tempo e a cuberta de formigón acadaba na lonxitude máxima os 16,5 metros.[4]

Posteriormente foi remodelado con motivo da acollida do Mundial de Fútbol de 1982, na que se completa a remodelación anterior e reformase entre outras cousas a bancada de Río. Tamén se fixeron obras no campo en 2004 con motivo da primeira participación do Celta na súa historia na Liga de Campións, e adecuando o estadio á normativa da FIFA. Naquel momento o estadio tería unha capacidade de 31.800 espectadores.

A comezos da tempada 2012/13 acometeuse unha reforma para acondicionar o vetusto estadio, tapando o foso que circundaba o terreo de xogo e eliminando algunha das primeiras filas da bancada, nas que era moi mala a visibilidade, para eliminar os obstáculos entre o afeccionado e o terreo de xogo, emulando así os campos de xogo ingleses[5]. Con esta remodelación a capacidade do estadio quedaría en pouco menos de 30.000 asentos.

En 2015 comezou unha reforma en todo o recinto, modernizando as bancadas de Tribuna e Río, renovando completamente a cuberta exterior e reconstruíndo os fondos achegándoos ó terreo de xogo. Trala inauguración da nova bancada de Marcador o 4 de xuño de 2023 con 6209 novas butacas, comezarase o proceso para a nova bancada de Gol, cunha estrutura semellante que levará ó Estadio de Balaídos a unha capacidade final que roldará os 27000 espectadores en 2026.[6]

Partidos internacionais

[editar | editar a fonte]

Ao longo da historia acolleu diversos partidos internacionais da selección galega e enfrontamentos da selección española e a portuguesa.

O 2 de abril de 1933 acolleu o encontro España-Portugal (3-0). Antes do partido a galega Emilia Docet, miss España dese ano, saíu ao campo cun traxe típico portugués, acompañada doutras rapazas co traxe galego. Acadouse unha recadación de 130.000 pesetas[7]. Os combinados peninsulares volveron enfrontarse o 26 de setembro de 1979 (1-1) e o 19 de xaneiro de 1994 (2-2).

O 27 de decembro de 2007 a selección galega enfrontouse ó Camerún, no terceiro partido da época contemporánea. Rematou con empate (1-1), os dous goles metidos de penalti, adiantándose primeiro Galicia, por medio de Xulio Álvarez no minuto 70, e empatando para Camerún Song, no minuto 87[8].

Mundial de Fútbol de 1982

[editar | editar a fonte]

O 14 de xuño de 1982 foi a primeira ocasión en que se celebrou en Galicia un encontro dunha Copa Mundial de Fútbol. Os participantes, Italia e Polonia, que ese día empataron a cero goles, serían, ao finalizar o campionato, gañador e terceiro clasificado respectivamente.

Xogáronse, en total, tres partidos:

Italia 0 – 0 Polonia 14 de xuño de 1982 – Estadio de Balaídos, Vigo
Asistencia: 33.000
Árbitro: Michel Vautrot (Francia)
 


Italia 1 – 1 Perú 18 de xuño de 1982 – Estadio de Balaídos, Vigo
Asistencia: 25.000
Árbitro: Walter Eschweiler (Alemaña Federal)
Conti Anotado no 18º minuto 18' Díaz Anotado no 83º minuto 83'
 


Italia 1 – 1 Camerún 23 de xuño de 1982 – Estadio de Balaídos, Vigo
Asistencia: 20.000
Árbitro: Bogdan Dotchev (Bulgaria)
Graziani Anotado no 60º minuto 60' M'Bida Anotado no 61º minuto 61' 
 

Outros eventos

[editar | editar a fonte]

Amais de encontros deportivos, o estadio de Balaídos acolleu tamén diversas actuacións musicais[9].

O 29 de xullo de 1990 actuou Madonna ante 20.000 persoas, como parte da súa xira Blond Ambition Tour, con Siniestro Total como abreconcertos. A artista cantou varias cancións cunha camiseta do Celta.[10]. En xullo de 1992 o festival Afroamérica trouxo durante dous días artistas como Tracy Chapman, B.B. King, Gilberto Gil, Willy DeVille, Dr. John, Celia Cruz con Tito Puente e Milton Nascimento. O 21 de agosto de 1992 a banda Dire Straits actuou ante 40.000 persoas. O 18 de xullo de 1998 tocaron The Rolling Stones, na xira Bridges to Babylon, ante 35.000 espectadores. O 21 de xullo de 2001 actuou Alejandro Sanz ante 15.000 persoas.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Instalacións". rccelta.es. Consultado o 3de agosto de 2023. 
  2. "O estadio pasa a chamarse Abanca Balaídos". Faro de Vigo. 05-06-2018. Consultado o 01-06-2022. 
  3. "Balaídos: existen máis lugares con ese nome? Que significa?" Arquivado 18 de maio de 2015 en Wayback Machine., no blog Toponimia de Vigo, 6 de setembro de 2012.
  4. Conde, A. Román; Presa, Emilio; Lumbreras, José (1972-04-30). "Nuevo estadio municipal de Balaidos – España". Informes de la Construcción (en castelán) 24 (239): 73–79. ISSN 1988-3234. doi:10.3989/ic.1972.v24.i239.3254. 
  5. "Balaídos estrena "maquillaje" en el partido contra el Wigan", artigo de Armando Álvarez en Faro de Vigo, 11 de agosto de 2012 (en castelán).
  6. "Abel Caballero: "Reitero el compromiso de licitar Gol en cuanto se acabe la grada de Marcador"". Cadena Ser (en castelán). 15 de marzo de 2023. 
  7. "El duelo ibérico en 33 anécdotas", artigo en Marca, 16 de novembro de 2010 (en castelán).
  8. "Un pobo contra os elementos" Arquivado 29 de febreiro de 2008 en Wayback Machine., artigo n' A Nosa Terra, 29 de decembro de 2007.
  9. "Madonna marcou en Balaídos, en 1990, o inicio da presenza das grandes estrelas da canción", artigo en La Voz de Galicia, 24 de febreiro de 2008.
  10. Veinte años de la "Revolución Rubia" de Vigo", artigo no Faro de Vigo, 30 de xullo de 2010 (en castelán).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]