Sede da Xunta de Galicia en Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°14′25″N 8°43′11″O / 42.24028, -8.71972

Fachada oeste.

A sede da Xunta de Galicia en Vigo é a actual delegación institucional da Xunta de Galicia en Vigo. Entrou en funcionamento o 1 de marzo do ano 2002[1], e foi deseñada por Esteve Bonell e Josep M. Gil Guitart no ano 1995 como parte do concurso "Abrir Vigo ó Mar", proxecto que levou no ano 2005 o Premio Nacional de Arquitectura de España.[2]

Características[editar | editar a fonte]

O complexo institucional, situado no nº 8 da rúa de Concepción Arenal, foi creado para dar cabida aos distintos edificios administrativos de servizos múltiples que concentraban as oficinas administrativas da Xunta de Galicia, e que se atopaban noutrora dispersos pola cidade.

O conxunto arquitectónico foi pensado para ocupar o fondo dos xardíns de Elduayen, no peirao da cidade, establecendo ademais unha orde coas edificacións que conforman a praza da Estrela. Así mesmo, o proxecto cumpría ofrecer unha visión que axudase a ordenar e completar a fronte marítima da cidade de Vigo, dentro do proxecto de apertura á ría de Vigo.[3]

Vista parcial da fachada sur.

O edificio institucional que para a Xunta de Galicia construíron o estudo dos arquitectos cataláns Bonell e Gil é unha única peza formada por dous inmobles, configurados a distintas escalas, que repite un mesmo tema formal.

As dúas pezas prismáticas ofrecen cara á banda axardinada, trazada en paralelo co bordo do mar, as súas frontes de cristal afundidas en ángulo cóncavo, enmarcadas polos cerramentos laterais de pedra e as cubertas chás, que completan as caixas envolventes.[3]

As fachadas laterais péchanse cunha dobre pel constituída, na súa capa exterior, por unha celosía de pedra, intercalada cunha orde monótona de aberturas, trala disponse unha pel continua de cristal. Esta solución transfórmase, mediante a expresividade do material, nunha solución axeitada para a paisaxe e o clima de Vigo.[3]

A altura do edificio e a súa disposición de ocos, fan que a súa visión dende o mar continúe e complete a masa de edificacións residenciais, confundíndose con elas para, ao variar o ángulo de observación, descubrir as dúas fachadas encartadas que se abren e axudan a conformar un gran espazo público no que a arquitectura contemporánea sinala a vontade da cidade de abrirse ao mar.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]