Monte da Guía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°15′20″N 8°42′07″O / 42.255552777778, -8.7018166666667

O monte da Guía dende o monte do Castro.
Ermida da Nosa Señora da Guía, no cumio do monte.

O monte da Guía é unha elevación situada na parroquia viguesa de Teis, a carón da ría de Vigo, que acada 128 metros de altitude. É un dos parques maiores da cidade.

Desde o alto do promontorio hai unha vista bastante completa da cidade de Vigo, así como da ría, as illas Cíes, a cara sur da península do Morrazo e a ponte de Rande. Antigamente, as mulleres dos pescadores subían a este monte para facer fogueiras e así poder orientar os seus maridos de regreso ao peirao.

Está coroada por unha pequena ermida erixida na honra da Nosa Señora das Neves: Nosa Señora da Guía, obra do arquitecto Manuel Gómez Román.

Ata o ano 2000 estivo situada na súa ladeira máis protexida, cara ao mar, a Escola de Transmisións da Armada, localización militar que tivo relevancia na segunda guerra mundial, ó ser usada como lugar de aprovisionamento por submarinos alemáns, o que se evidencia nalgunha película bélica. Naquela época fíxose un túnel baixo o monte para que o tren chegase ás instalacións militares para levar provisións. Tempo despois, ó ser innecesario o transporte ferroviario, o túnel foi usado como almacén militar.

Na súa aba, hai pequenas praias como a da Lagoa ou a da Punta, e un paseo a través dunha senda botánica sinalada. Conta cunha carballeira e distintas especies ornamentais de interese, entre as que ademais dos carballos, destacan os piñeiros.

O monte da Guía está conectado co centro da cidade mediante o autobús urbano (liña 17).