Fortaleza do Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fortaleza do Castro
CastroFortress.jpg
Concello Vigo
Provincia Provincia de Pontevedra
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas 42°13′56″N 8°43′39″O / 42.23219444, -8.72743889Coordenadas: 42°13′56″N 8°43′39″O / 42.23219444, -8.72743889
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal renacemento (século XVI)
Estilo actual Renacemento
Neoclásico (século XVI
século XVIII)
Estado actual Xardín-Miradoiro
Véxase tamén
Castelos de Galicia

A fortaleza do Castro é un forte ergueito no alto do monte do Castro, na cidade de Vigo. A fortaleza actual data do século XVI, e formaba parte, xunto co Castelo de San Sebastián e as desaparecidas murallas da cidade, dunha rede estratéxica de castelos para a defensa da cidade.

Historia[editar | editar a fonte]

Vigo en 1856, por Francisco Coello.

No lugar no que se atopa o que hoxe é unha fortaleza, ergueuse o Castelo do Castro, que formaba parte do sistema defensivo da cidade. Construíuse na Idade Media ao mesmo tempo que a Fortaleza de San Sebastián e maila fortaleza que unía ambas as fortificacións.

A fortaleza do Castro estaba formada por tres recintos amurallados. Na actualidade só se conserva o primeiro recinto e parte do segundo; o terceiro, que sería a muralla da cidade, desapareceu na súa totalidade. O primeiro recinto é a fortaleza que coroa o cumio do Castro, agora convertida en miradoiro. O segundo recinto é a fortaleza de San Sebastián, na actualidade ocupado pola praza do Rei e a casa consistorial. Atopáronse pasadizos e túneles que comunicaban os castelos entre si e coa cidade.

Os proxecto de fortificar Vigo remóntanse ao século XVI, por mor dos frecuentes ataques que sufría a cidade, especialmente por parte dos ingleses. Pero non foi até 1665, en plena guerra con Portugal, cando se iniciaron os traballos de fortificación. É, pois, da mesma época que a fortaleza de San Lourenzo, situada en Goián, na beira do Miño.

Xardíns na parte alta e miradoiro.

A muralla construída é irregular por mor á orografía aberta por varias portas e defendida por tres baluartes. Na parte máis alta atopábase o forte de San Sebastián. Tras o asedio de 1665, o capitán xeneral de Galicia ordena completar as obras, e foi logo, en 1666 cando o coronel e enxeñeiro Fernando de Gourannanbergue e mailo mestre de campo Diego Arias Taboada elaboran un intenso plan de fortificación e unión das fortalezas do Castro e de San Sebastián. A xulgar polos escritos da época a cidade nunca quedou ben defendida, pois a fortaleza se encontraba relativamente lonxe do mar e non podía deter os desembarcos. Ademais era doado acadar o cumio sen que o inimigo estivese descuberto. Logo de tres anos rematou a guerra con Portugal e as murallas perderon a súa importancia.

Despois de varios intentos de as mellorar, Vigo sofre a sonada batalla de Rande (23-24 de outubro de 1702) en plena guerra de sucesión, onde os invasores desembarcaron e saquearon novamente a vila. Despois disto houbo varios intentos inútiles de fortificación da vila. Cen anos despois, en 1809, o castelo do Castro volve ser protagonista debido á invasión dos franceses encabezada por Napoleón Bonaparte, onde el 28 de marzo, a fortaleza é reconquistada polos vigueses tras unha dura e heroica batalla, trala cal os franceses se renden. A vila dende entón pasa a ter o título de "Fiel, Leal e Valorosa".

Cruceiro no interior do forte.

Dise que dende a fortaleza partían varios túneles que comunicaban con distintos puntos da cidade, como co castelo de San Sebastián, o centro histórico e incluso se conta que co monte da Guía situado a máis de tres quilómetros, pouco antes do estreito de Rande. Aínda se poden ver restos na fortaleza de San Sebastián e hai poucos anos se atoparon restos deles na achegada rúa de Celso Emilio Ferreiro. A carón das murallas do castelo do Castro, até non hai moito tempo, era perfectamente visíbel a entrada dun destes túneles, onde se conta que se practicaron execucións durante a guerra civil española.

Características[editar | editar a fonte]

A fortaleza ten forma poligonal e está construída en fábrica de perpiaño de granito. Hoxe en día atópase aberta ao público, integrada no parque do Castro e completamente axardinada tanto exterior coma interiormente. Dentro atopamos unha ruta botánica con especies exóticas de interese, varias esculturas, un cruceiro, e na parte alta o miradoiro á ría e un xardín formal coa fonte e a escultura en honra ao “Empuxe Vigués" de 1969, obra de Camilo Nogueira Martínez.

A fortaleza atópase baixo a protección de Declaración xenérica do Decreto do 22 de abril de 1949, e a Lei 16/1985 sobre o Patrimonio Histórico Español.

A finais de 2013 por orde do Concello de Vigo iníciase o derrubamento do edificio en pedra ameado que fora o emprazamento do restaurante de referencia vigués El Castillo. Co derrubamento descubrirase parte do paramento da muralla agochado parte do século XX.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]