Casa Yáñez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa Yáñez
Edificio
Nome inicialCasa para Paulino Yáñez
EstiloHistoricismo, neogótico
LocalizaciónPraza de Compostela con rúa Velázquez Moreno, Vigo
Coordenadas42°14′21″N 8°43′19″O / 42.239033333333, -8.7218138888889Coordenadas: 42°14′21″N 8°43′19″O / 42.239033333333, -8.7218138888889
Construción
Construción1899
Remate1900
Dimensións
Plantas5 (4 + faio)
Equipo
Arquitecto(s)Michel Pacewicz
Enxeñeiro estruturalManuel Pérez Conde
ContratistaDimas Vallcorba
PromotorXosé García Barbón
editar datos en Wikidata ]

A Casa Yáñez é un pequeno edificio senlleiro de estilo historicista obra do arquitecto Michel Pacewicz, que data de 1900 e que se atopa na praza de Compostela (Alameda), no centro da cidade de Vigo.

Historia[editar | editar a fonte]

A Exposición Universal de París serviu para que Michel Pacewicz, a través da súa amizade con Benito Sanjurjo, tomara contacto coa alta burguesía viguesa como Manuel Bárcena, Rosendo Silva, Francisco e Paulino Yáñez etc. Todos quedaron tan impresionado pola beleza da súa obra que encargaron ao arquitecto francés a redacción de catro proxectos. Estes proxectos foron elaborados na súa residencia francesa de Chatou e tróuxoos consigo ao chegar a Vigo. Un deles era a Casa para Paulino Yáñez o Casa Yáñez.

Por mor de que en Vigo non era recoñecida a súa sinatura para proxectos de arquitectura utilizou a sinatura doutros profesionais como Jenaro de la Fuente Domínguez ou o mestre de obras Dimas Vallcorba. Este último foi o encargado de asinar, en xaneiro de 1900, o proxecto para a Casa para Paulino Yáñez.

Paulino Yáñez, destacado importador de madeiras radicado en Vigo, coñeceu a Pacewicz da man de Benito Sanjurjo, daquela residente en París, cando, xunto con outros potentados vigueses, asistiron á Exposición Universal de 1889.

En 1897, Michel Pacewicz viaxa a Vigo cos seus planos e deseños, pero debido a que a súa nacionalidade francesa o incapacita para asinar proxectos, debe recorrer á sinatura doutros para sacar adiante as súas propias obras. Desta maneira, o proxecto da casa Yáñez foi asinado polo mestre de obras Dimas Vallcorba, en 1900. Pacewicz acabará instalándose en Vigo definitivamente en 1904, onde residirá ata a súa morte en 1921, deixando unha fonda pegada na arquitectura burguesa da cidade, que se impregna do seu eclecticismo elegante e grandioso, influíndo de xeito notable na obra de arquitectos rivais, coma o mesmo Jenaro de la Fuente Domínguez.

Descrición e estilo[editar | editar a fonte]

O edificio, feito en cantaría moi coidada de granito galego, é de estilo historicista semellando os pazos góticos urbanos do século XV. Salienta a galería de madeira do seu chafrán de estilo neogótico onde se combinar elementos neogóticos como arquiños oxivais lobulados, trazarías caladas nos peitorís, pináculos e remates apuntados. Conta tamén con orlas ou bordos verticais de cerámica esmaltada en tons dourados; a galería ten coma bico un gran gablete a xeito de cortina.

Chafrán da espectacular galería de madeira no chafrán.

Ten dúas fachadas (a que dá á praza de Compostela e a que dá a rúa Velázquez Moreno) e conta con planta baixa, tres andares e un faiado. As superficies son lisas feitas con perpiaño de granito apomazado (tratamento da pedra co que se conseguen superficies chas, lisas, mais non brillantes coma na puidura[1]). A fachada da Alameda organízase arredor dun torreón ameado lixeiramente descentrado como eixo organizador dos vans, e ten unha trazaría de pedra calada nos dous balcóns do primeiro e segundo andar, nos peitorís dos vans e da cornixa voada; tamén na cristaría da cornixa, que se apoia sobre unha arcaría cega de arquiños oxivais. Todo isto dá ao conxunto lixeireza. A fachada á rúa Velázquez Moreno ten un corpo semicentrado con miradoiros saíntes nos dous primeiros andares e conta con trazaría gótica nos vans. O corpo central remata sen cornixa. Esta fachada ten tamén unha xanela en forma de rombo.

A porta de acceso do chafrán (hoxe unha administración de lotaría) é de estilo ecléctico, cun arco en mitra rematado nunha flor de lis; do lintel parten os canzorros ou ménsulas que aturan a galería, porén, a porta que dá á Alameda é de estilo neogótico. Outros enfeites que marcan o estilo pseudomedieval son o arco conopial da porta, os cordóns que enmarcan as fiestras, e algúns motivos heráldicos en relevo afundido nos linteis.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Proposta de definición do Servizo de Normalización Lingüística da USC

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]