O edificio, a obra máis ambiciosa do soado arquitecto galego Manuel Gómez Román, comezou a construírse en 1919. As obras remataron en 1923. Na obra colaborou o mestre canteiro José Araújo Pérez, un dos fundadores do socialismo en Vigo e organizador da Sociedade de Canteiros, empregando perpiaño do mellor granito da canteira de Castrelos (granito groso e con moito cuarzo de difícil traballo), como moitos outros edificios senlleiros da cidade como o achegado Cine Fraga.
De estilo ecléctico, as fachadas son de cantaría de granito e ordénanse verticalmente mediante un corpo base no andar baixo, pilastras no tramo superior e un último andar que actúa como entaboamento. Á súa vez, cada unha destas partes está enmarcada por unha moldura horizontal.
Nesta obra Gómez Román amósase máis academicista e ecléctico, mais con toques modernistas e secesionistas nalgúns elementos, coma as grilandas verticais e cubos con enfeites de follas de loureiro con froitos e fitas, fendas nas pedras, ornamentación floral, elevadas formas prismáticas que superan a liña da cornixa e se enfeitan con coroas etc. A planta baixa é clasicista e ten grandes vans entre columnas con base, fuste con aneis, chapitel toscano e arquitrabe. As dúas entradas ao edificio fican en cadanseu corpo que sobresae da liña da cornixa, unha no chafrán (a actual entrada ao Banco Pastor), e a outra na rúa Policarpo Sanz (entrada á Fundación Pedro Barrié de la Maza). O edificio remata nun bico con cúpula no chafrán, que achega verticalidade, a voada molduración e a cornixa achegan horizontalidade á construción. A cabeza de Hermes, deus do comercio, aparece na falsa clave do arco de medio punto do gran van do chafrán. Na cumieira, enriba de cinco piares aparecen cinco figuras que representan os cinco continentes. Tamén salienta a integración do ferro como elemento decorativo nos enreixados das portas e fiestras do andar baixo e nos peitorís dos balcóns.