Teatro Circo Tamberlick

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Teatro Circo Tamberlick
Fachada trala reforma de 1907
Localización de Teatro Circo Tamberlick en Galicia
Teatro Circo Tamberlick
Localización en Galicia
Enderezorúa Eduardo Iglesias
CidadeVigo
PaísGaliza Galiza
Coordenadas42°14′10″N 8°43′22″O / 42.236124, -8.722815Coordenadas: 42°14′10″N 8°43′22″O / 42.236124, -8.722815
Arquitecto/sDomingo Sesmero
Alejandro Sesmero
Capacidade800 - 1104
Inauguración11 de outubro de 1882
Peche4 de febreiro de 1989
Demolición1991

O Gran Teatro Circo Tamberlick foi un centro de representación escénica, circense (espectáculos ecuestres e ximnásticos) e sala de cinema da cidade de Vigo. Era de titularidade privada e foi inaugurado o 11 de outubro de 1882, sendo demolido en 1991.

Descrición[editar | editar a fonte]

Situado na rúa do Circo, hoxe rúa Eduardo Iglesias, os seus donos iniciais foron Augusto Bárcena Franco, Francisco Martínez Villoch e Mariano Pérez. Cun orzamento de 40.000 pesetas, obtivo licenza de obra o 30 de marzo de 1882.[1]

O arquitecto municipal Domingo Rodríguez Sesmero aplicou en interior e exterior, para o primeiro proxecto (non realizado), unha decoración orientalista. O modelo que seguiu debeu ser o Teatro Circo Price, construído en 1880 en Madrid polo arquitecto Agustín Ortiz.[2] O 2 de maio de 1882, os promotores presentaron unha solicitude para variar o deseño da fachada, asinado tamén por Domingo Sesmero, alegando aforro de tempo de construción, pois a nova era moito máis sinxela e con menos ornamentos.[3]

Tiña unha bancada case que circular ao redor dunha pista de 13 metros de diámetro, con cinco filas de asentos abaixo, un nivel de 29 palcos enriba e outro de galería superior.[4]

Foi estreado o 11 de outubro de 1882 polo tenor italiano Enrico Tamberlick que, á fronte da súa compañía, protagonizou a sesión inaugural coa ópera en tres actos Poliuto de Gaetano Donizetti.[5] Sucesivamente, Vigo asistiu ás representacións de Rigoletto, L'Africaine, Il trovatore, Dinorah, Un ballo in maschera, Fausto, Lucrecia Borgia, Marina, La traviata, Aida, I puritani, Ernani, La sonnambula e Linda di Chamounix.[6] No verán de 1883 celebráronse uns xogos florais baixo a presidencia de Emilio Castelar.[7] En 1894 engadiuse un remate superior de fachada, colocando unha peita co nome. Ese ano recibíronse cinco compañías e representáronse 110 obras diferentes.

O 29 de abril de 1897 tivo lugar neste teatro a primeira proxección cinematográfica na cidade de Vigo, procedente do Teatro do Liceo de Pontevedra,[a] composta por doce pezas de cine mudo do Cinématographe Lumière (L'Arroseur arrosé, L'Arrivée d'un train en gare de La Ciotat,…). Estivo ao cargo dos portugueses César Marques e Alexandre Pais de Azevedo, delegados da casa Lumière.[8] As proxeccións proseguiron en Tui (o 13 de maio no Teatro local), A Coruña[b] (o 23 de maio no n.° 25 da rúa Real), Ferrol (o 16 de xuño nun local da rúa Real) e Lugo (o 7 de xullo no Teatro-Circo).[9][10]

O 6 de xaneiro de 1900, Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE, pronunciou no Tamberlick un discurso de hora e media de duración.[11] En 1921 o Teatro acolleu a III Asemblea Nacionalista.[12]

En 1907 o arquitecto Manuel Felipe Quintana Ochaita firmou un proxecto de marquesiña para a parte dianteira da fachada, que non se executou. Nesas datas o propietario era Francisco Molíns.[13] O local funcionou durante moitos anos como sala de cine, explotada polo empresario Isaac Fraga Penedo, propietario desde 1920, que reformou a pista para convertela en platea con butacas, colocando a cabina ao fondo do primeiro nivel de palcos. En 1922 Fraga estreou nel películas realizadas por Alejandro Pérez Lugín sobre a Guerra do Rif.[4] Na medición da capacidade practicada polo concello o 7 de novembro de 1923 o Tamberlick ocupaba o primeiro posto con 1.104 prazas, seguido do Teatro Odeón con 733, o Royalty con 603 e o Ideal Cinema con 574.[11] O 31 de maio de 1929 estreouse neste lugar a obra de teatro O Mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte.[12]

A primeira proxección de cine sonoro en Vigo tamén foi no Tamberlick, o 14 de marzo de 1930, a cinta foi The Jazz Singer. O derradeiro filme proxectado foi Quen enganou a Roger Rabbit? (1988).[4] Na súa demolición, en 1991, conservouse a fachada de pedra. O resto do predio é agora un patio de veciños.[14]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Primeiro proxecto para a fachada, de Domingo Rodríguez Sesmero.[15] 
Caras y Caretas (Buenos Aires) faise eco dunha representación en 1907.[17] 
Anuncio publicitario do teatro no Faro de Vigo do 14 de maio de 1922. 
Publicidade, con debuxo de Camilo Díaz, no Catálogo de Vigo de 1922-23.[18] 
Folleto, en PDF, da Empresa Fraga S.A. co programa do 18 de xuño de 1924.[19] 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En Pontevedra a proxección foi o 17 de abril de 1897.
  2. Na Coruña xa puideran coñecer o espectáculo das imaxes animadas con anterioridade, nunhas sesións celebradas no Teatro-Circo durante o mes de setembro de 1896. Aquelas imaxes foran proxectadas mediante un sistema distinto.
Referencias
  1. Comesaña García 1988, p. 53.
  2. García Filgueira 2011, p. 476.
  3. García Filgueira 2011, p. 480.
  4. 4,0 4,1 4,2 Cabo Villaverde, José Luis e Sánchez García, Jesús Ángel (eds) (2012). Inventario de cines de Galicia Fundación Barrié (en castelán).
  5. Mosquera, Javier (11/10/2012). "Tamberlick y el Teatro-circo". Faro de Vigo (en castelán). 
  6. Álvarez Blázquez 2008, p. 348-349.
  7. La Ilustración Española y Americana. a. XXVII. n. XXXI. (22/8/1883) p. 5 Madrid.
  8. "120 anos de cine en Vigo: as «Vistas» Lumiére no Tamberlick". vigoe.es. 29/4/2017. 
  9. Nogueira, Xosé (2002). "Apuntamentos verbo das imaxes documentais no cinema galego". Grial (154): 216. ISSN 0017-4181. 
  10. Castro de Paz 1996, pp. 38-40.
  11. 11,0 11,1 Garrido Rodríguez 1991, p. 21.
  12. 12,0 12,1 "Descubrir a pie el relato cultural del Vigo de preguerra". Faro de Vigo (en castelán). 5/6/2016. 
  13. Garrido Rodríguez 1991, p. 20.
  14. "El Tamberlick ‘reabre’ 120 años después con los Lumière". Atlántico Diario (en castelán). 1/5/2017. 
  15. García & Filgueira 2011, p. 484.
  16. La Ilustración Española y Americana. a. XXVII. n.º XXXI. 22/8/1883. Madrid. [1] [2]
  17. Caras y caretas. 15/6/1907, n.º 454
  18. Catálogo de Vigo : (Vigo a través de un siglo) (1922-1923) en Galiciana.
  19. Biblioteca Regional de MadridUbicación: Gráfico — Signatura: Caj.1607/23, documento integrante dun lote de partituras e outros materiais do compositor e barítono José Luis Lloret.

Vexase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]