Pazo de San Roque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°13′33.67″N 8°42′44.78″O / 42.2260194, -8.7124389

Pazo de San Roque
Concello Vigo
Provincia Pontevedra
Comunidade Galicia
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal (século XVII)
Estilo actual (século XVII remodelado )
Estado actual en bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia

O pazo de San Roque é unha casa señorial de finais do século XVII que se atopa no outeiro de San Roque, en Vigo. O edificio é propiedade de Abanca, porén a leira da antiga mansión é hoxe en día un parque municipal aberto ao público, o Parque de San Roque. Cada 16 de agosto celébranse, dende o século XVIII, na carballeira e capela de San Roque as festas de San Roque, de gran devoción en Vigo.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia do pazo e a capela de San Roque están pouco documentadas. Sabemos que a capela ergueuse por volta de 1600 despois de que a peste batese con forza no pobo de Vigo en 1598 con máis de dúas mil vítimas e a xente atribuíse a curación a San Roque.

O pazo constrúese en 1688, e nel morou nos seus comezos a familia Méndez de Soutomaior. Un dos últimos inquilinos foi Francisco Xavier Quiroga, comandante de Mariña de Vigo. Despois de anos de abandono, no ano 1925 a casa é mercada pola antiga Caixa de Aforros Municipal de Vigo, hoxe Abanca, polo que é de propiedade privada, só abríndose en días sinalados, como nas Festas de San Roque, cada 16 de agosto. No ano 1935 o Concello de Vigo converte a leira nun xardín municipal. No ano 2003, o, daquela, Novagalicia Banco rehabilita todo o edificio para acoller eventos[1]. Restáurase a fachada, cámbianse as cubertas, incluídas as estruturas de madeira, e susbtitúese o coro da capela. Tamén se restauran os tres retablos decimonónicos de San Roque, Nosa Señora do Rosario e a Dolorosa[2].

Estilo[editar | editar a fonte]

Típico pazo galego de finais do século XVII, de fábrica de cantaría de granito galego cunha superficie total de 640 m², que conta con dous andares, semisoto e planta terrea.

Á leira accédese grazas a un portalón de pedra cun amplo panel, cun oco con linteis e decorado con brasóns e xanela central. O pazo é un edificio ameado con muros encalados, agás os recercamentos de fiestras, brasóns e esquinais. Preto do pazo atópase a Capela de San Roque, ampla, con brasóns e espadana, que se comunica cunha singular ponte en arco a unha construción circular[3]. Cómpre salientar tamén o pombal.

Xardíns[editar | editar a fonte]

Malia ser un pazo de propiedade privada, a leira é un parque público, Parque de San Roque. Ten unha superficie de 17.000 m² e acolle ademais do pazo, a capela de San Roque, o pombal e ademais conta con árbores senlleiras, especialmente eucaliptos e carballos centenarios. Ademais atópanse outras especies como castiñeiros, camelias, cerdeiras, bidueiros, magnolias, abetos, loureiro e acacias. Existe ademais un palco da música de recente construción, e que na súa parte inferior acolle as oficinas da Irmandade de Devotos de San Roque[4].

Afundación[editar | editar a fonte]

Dende que Afundación adquiriu o edificio fixo unha serie de reformas para o habilitar para sala de reunións, conferencias, convencións, xantares, ceas etc. cos máis modernos medios tecnolóxicos. No semisoto áchase o vestíbulo, aseos, almacén, cociña e un salón-comedor, na planta terrea existe outro vestíbulo, a área de recepción, aseos, gardarroupa, gabinete, a sala de xuntas e dúas salas de conferencias[5].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]



Falta algunha imaxe que ilustre o artigo
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.