Historia da cirurxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Iápix extraendo unha frecha da perna de Eneas, fresco de Pompeia.
Extracción da pedra da loucura, de Hieronymus Bosch.
Operación cirúrxica nun quirófano moderno.

A cirurxía é a rama da medicina que manipula fisicamente as estruturas do corpo con fins diagnósticos, preventivos ou curativos. Ambroise Paré, cirurxián francés do século XVI atribúelle cinco funcións:

  • Eliminar o superfluo
  • Restaurar o que se escordou
  • Separar o que se uniu
  • Reunir o que se dividiu, e
  • Reparar os defectos da natureza.

Desde que o ser humano fabrica e manexa ferramentas empregou o seu enxeño tamén no desenvolvemento de técnicas cirúrxicas cada vez máis sofisticadas. Pero até a revolución industrial non se vencerían os tres principais obstáculos cos que se encontrou esta especialidade médica desde os seus inicios: a hemorraxia, a dor e a infección. Os avances nestes campos transformaron a cirurxía, dunha "arte" arriscada (e menosprezada por iso), a unha disciplina científica capaz dos máis asombrosos resultados.

As profesións de cirurxián e de médico sufriron numerosos encontros e desencontros ao longo da historia. En xeral, o cirurxián (barbeiro, compoñedor...) foi considerado o técnico, mentres o médico (máis relacionado historicamente co sacerdote ou o xamán) era o auténtico curador.

Durante o desenvolvemento da medicina moderna, a ensinanza de ambas as disciplinas agrupouse nunha mesma formación académica que, na maioría dos países desenvolvidos, permite a obtención dunha titulación conxunta de licenciatura en medicina e cirurxía.

Boa parte da historia da cirurxía, en calquera caso, está intimamente relacionada coa historia da medicina (e coa historia de ciencia, en xeral). As novas tecnoloxías aplicadas á arqueoloxía confirman que a súa orixe se remonta á mesma orixe do Homo sapiens, cuxa vida ao aire libre era obxecto de numerosos accidentes, feridas e hemorraxias, susceptíbeis de tratamento cirúrxico mediante técnicas rudimentarias.

As primeiras técnicas cirúrxicas empregáronse para o tratamento das feridas e os traumatismos producidos no curso da vida á intemperie. A combinación de estudos arqueolóxicos e antropolóxicos (en tribos cuxo modo de vida semella ao dos primeiros seres humanos) ofrece información sobre métodos rudimentarios de sutura, amputacións, drenaxes ou cauterizacións de feridas con instrumentos candentes. Existen numerosos exemplos: unha mestura de salitre e xofre vertida nas feridas e á que se prendía lume, empregada por algunhas tribos asiáticas; as técnicas de drenaxe dos indios dakota, mediante o emprego dunha cana de pluma "conectada" cunha vexiga urinaria animal para succionar o material purulento; o achado de agullas do Paleolítico que poderían terse empregado en suturas (os masais usan agullas de acacia co mesmo fin); ou o enxeñoso método desenvolvido por algunhas tribos da India e América do Sur, selando as feridas menores mediante a aplicación de térmites ou escaravellos aos que, tras morder os bordos aproximados da ferida, se lles retorce o pescozo para deixar as cabezas rixidamente enganchadas a xeito de grampas.[1]

Introdución[editar | editar a fonte]

The Quack (ca. 1785) pintura de Franz Anton Maulbertsch, que mostra un cirurxián-barbeiro no exercicio do seu oficio.

O desenvolvemento e o progreso da cirurxía en occidente estivo moi influído por numerosos acontecementos, e durante longo tempo os cirurxiáns foron relegados nunha caste inferior entre os menciñeiros, e a súa exclusión dos estudos médicos foi unha medida nefasta durante varios séculos.[Cómpre referencia] Non foi verdadeiramente até o século XIX cando os grandes progresos no contexto político, relixioso e tecnolóxico o permitiron.

Até finais do século XVIII (en Francia e Alemaña), ou mediados do XIX (en España), as profesións de cirurxián e de médico eran diferentes, incluso con distintas consideracións sociais.[2]

En occidente, na Idade Media, os médicos son clérigos, e non laicos. Algúns ocupaban mesmo altas funcións eclesiásticas. O seu casamento estaba (e está) prohibido pola Igrexa católica, e por iso non podían dar os seus coidados ás mulleres (de aí a necesidade de comadroas e parteiras).

Aínda por riba, non podían exercer a cirurxía porque Ecclesia abhorret a sanguine ('a Igrexa ten horror ao sangue').[3]

María Tareixa de Austria e seu fillo máis vello Lois, o Gand Dauphin.
Lois XIV e a súa familia, por Nicolas de Largillière.

Finalmente, un médico non ten o dereito de exercer unha profesión manual. Por esta razón, os actos cirúrxicos lles están tamén prohibidos.

Estes encoméndanse aos barbeiros que, ademais de cortar o pelo e barbear, tiran os dentes, tratan as feridas e as úlceras, practican as incisións dos abscesos, as sangrías... despois do diagnóstico dun médico. De aí a denominación de cirurxián-barbeiro.

É famoso o caso de María Tareixa de Austria (1638 - 1683), filla de Filipe IV de España e esposa de Lois XIV de Francia que tiña un absceso na axila e Antoine Daquin, médico do rei, oponse a que Dionis, o cirurxián, lle practique unha incisión; a raíña morreu.[4].

Máis tarde, en 1686, Lois XIV, afectado dunha fístula anal, vendo que os tratamentos médicos non daban ningún resultado, fixo chamar ao seu cirurxián, un tal Félix Tassy, que o curou, o que permitiu darlle un certo crédito aos cirurxiáns entre os médicos.

Na Francia da época, Jean Pitard, un barbeiro famoso, obtén do prévôt royal [5] de París, Etienne Boileau, a autorización de constituír unha corporación independente, baixo a dirección de seis xurados, para examinar aos barbeiros que desexasen practicar a "cyrurgie" (cirurxía, no francés da época). Isto provoca un enfrontamento entre a corporación dos barbeiros e a Facultade de Medicina, que se resolve cun decreto de 1660 que anula a creación da corporación dos cirurxiáns, os que piden o seu restablecemento e someterse ao primeiro barbeiro do rei, Retz de Villeneuve. Pero Lois XIV oponse e exixe que sexa Félix Tassy, que foi o que obtén o posto.

Créase unha cátedra de cirurxía no Jardin des plantes de París, da que se encarga Dionis. Co apoio do rei, os primeiros cirurxiáns (Mareschal, Lapeyronie, Lamartinière) obteñen cinco prazas de profesores nomeados polo primeiro cirurxián.

Isto provoca a cólera da Facultade de Medicina, que se manifesta nas rúas de París exixindo nomear ela aos profesores. Pero as turbas acoden en apoio da Facultade de Cirurxía e os médicos débense poñer a salvo, despois de seren batidos e humillados.

A partir dese momento, os cirurxiáns obteñen incluso que se lles provea dos cadáveres necesarios para os seus estudos sen ter que reclamalos á Facultade de Medicina.

A pesar diso, o número de cadáveres é insuficiente e algúns teñen que roubarse nos cemiterios ou comprarse directamente aos verdugos, o que provoca novas batallas coa Facultade de Medicina, que non vacila en facer intervir aos bedeis para recuperar os corpos ou en provocar sanguinarias batallas.

Coa Revolución francesa, a diferenza entre cirurxián e médico é abolida. Non hai máis que un ensino único que comprende a medicina, a cirurxía e os partos.

Prehistoria[editar | editar a fonte]

Cranio datado no Neolítico, 3500 a. C., conservado no Museo de Historia Natural de Lausana, trepanado posibelmente con sílex. Crese que tras a operación o doente sobreviviu.
O uso do sílex é a primeira invención do Homo sapiens.

Da época prehistórica algunhas pezas esqueléticas fósiles testemuñan feitos cirúrxicos tales como craniotomías (numerosos casos de trepanacións) e de amputacións de membros (máis raros) a partir do Mesolítico.[6][7] Tamén se encontraron evidencias en restos humanos prehistóricos do Protoneolítico [8] e do Neolítico, en pinturas rupestres.

Encontráronse máis de 120 cranios prehistóricos en Francia, datados en 6500 anos a.C., 40 deles con furados de trepanación.

Folke Henschen, médico e historiador sueco, expón que en escavacións realizadas en 1970 en sedimentos do río Dnipr amosan a existencia da trepanación no Mesolítico, hai aproximadamente 14000 anos.[9] Suxírese que as trepanacións facíanse para curar epilepsias, xaquecas e doenzas mentais.[10]

Os sinais de cicatrización nos bordos das reseccións permiten pensar que a craniotomía non era fatal, e que o operado sobrevivía despois da operación. As evidencias que apoian a teoría da supervivencia de moitos destes individuos trepanados inclúen a formación de novo tecido óseo ou calos óseos ao redor do orificio do trépano. Nalgúns estudos as taxas de supervivencia superan o 50 %.[11]

Utilizábanse diversas técnicas para realizar as trepanacións. Por exemplo, a abrasión da bóveda cranial con sílex, o corte dun burato circular que se ía agrandando pouco a pouco na bóveda cranial con perforacións circulares liberando unha peza ósea ou tamén cortes que tamén separaban un fragmento óseo.

O estudo das técnicas utilizadas por pobos primitivos de América do Sur e da illa de Borneo, permiten facerse unha idea do que puidera utilizarse na época prehistórica.

A preparación do doente, é dicir, o seu adormecemento, puidera realizarse con derivados da durmideira[12].

A anestesia do paciente, que debe sobrevivir á operación, implica o uso de vendaxes primitivas. Para facelas, seguramente se empregarían elementos vexetais como a goma e as follas de nenúfar, que posúen efectos antisépticos.

A arxila puido empregarse nos dedos conxelados. Encontráronse pegadas en covas da época Magdaleniano.

A ausencia de infección testemuña un coñecemento da asepsia.

Aínda que menos frecuentes, coñécense polo menos tres casos de amputación no Neolítico antigo en Europa occidental: Sondershausen, no leste de Alemaña (amputación dun brazo), Vedrovice, en Moravia (amputación da man) e Buthiers-Boulancourt, Francia que, grazas ás modernas técnicas, revelan unha amputación do antebrazo esquerdo practicada hai 6900 anos a un home de idade[13]

A cirurxía no mundo antigo[editar | editar a fonte]

Mesopotamia[editar | editar a fonte]

Os primeiros trazos de actividades científicas datan das civilizacións humanas do neolítico, onde se desenvolven o comercio e a urbanización [14]. Así, para André Pichot, en La Naissance de la science,[15] a ciencia nace en Mesopotamia (entre os ríos Tigris e Éufrates), contra os anos 4000 - 3500 a.C., a civilización sumeria, principalmente nas cidades de Sumer e Elam.

As primeiras interrogacións sobre a materia, coas experiencias da alquimia, están ligadas aos descubrimentos das técnicas metalúrxicas que caracterizan este período. A fabricación de esmaltes data de 2000 a.C. Pero a innovación máis importante provén da invención da escritura cuneiforme (en forma de cravos) que, polos pictogramas, permite a reprodución de textos, e a elaboración abstracta de conceptos.

Pequena táboa de arxila en escritura cuneiforme[16].

A numeración foi tamén o primeiro método científico que veu a luz, nun sistema sexaxesimal (de base 60), (gesh, en mesopotámico), que permitía realizar cálculos cada vez máis complexos. André Pichot explica tamén que "con dúas canas de diámetros diferentes, podían escribir todos os números [sobre táboas de arxila]".

Os sumerios descobren as fraccións e tamén que a numeración chamada "de posición" permitía o cálculo de grandes números. O sistema decimal aparece igualmente, vía o pictograma do cero inicial, que tiña o valor dunha coma, para notar as fraccións. A civilización mesopotámica levou tamén á constitución das primeiras ciencias tales como a metroloxía,[17], a álxebra (descubrimento de placas de cálculo que permitían as operacións de multiplicación e de división, ou táboas de inversos para esta última [18]; pero tamén as potencias, as raíces cadradas e cúbicas, así como ecuacións de primeiro grao, cunha e dúas incógnitas), a xeometría (cálculos de superficies), teoremas[19]), e a astronomía (cálculos de mecánica celeste, previsións dos equinoccios, describiron constelacións.[20], denominaron dos astros visíbeis).

No código de Hammurabi inclúense algunhas leis referidas especificamente á cirurxía.[21]

Beroso, filósofo caldeo do III a.C. recolle múltiplas tradicións escritas sobre Babilonia (principalmente dos arquivos de Borsippa) e chega a afirmar que desde que o deus Oannes ensinou ao pobo sumerio todo o coñecido sobre civilización, nada novo se inventou. Esta sorprendente afirmación deixa de parecer tan hiperbólica cando se analizan as táboas sumerias e se evidencia todo o que a civilización mesopotámica desenvolveu ou inventou varios miles de anos antes da nosa era.

A medicina ten un estatuto particular; é a primeira ciencia práctica herdeira dun savoir-faire ás apalpadas [22] Das 30.000 táboas cuneiformes descubertas, unhas 800 tratan algún tema médico (unha delas, a primeira receita coñecida). O nome do primeiro cirurxián coñecido é Urlugaledin, do 4000 a.C., cuxo selo persoal mostra dous coitelos rodeados de plantas medicinais. Este carimbo áchase no Museo do Louvre de París.

O modelo de saúde-enfermidade entre os sumerios baseábase nunha concepción sobrenatural da enfermidade: esta era un castigo divino imposto por diferentes demos tras a ruptura dalgún tabú. Deste xeito o primeiro que debía facer o médico era identificar cal dos aproximadamente 6000 posíbeis demos era o causante do problema. Para iso empregaba técnicas divinatorias baseadas no estudo do voo das aves, da posición dos astros ou do fígado dalgúns animais. Por tanto a medicina estaba intimamente ligada ao sacerdocio, quedando a cirurxía relegada a especialidade médica de segunda categoría.[23] Non obstante, o desenvolvemento das técnicas cirúrxicas é notábel: en Nínive encontráronse instrumentos de bronce e obsidiana de elegante factura: bisturís, serras, trépanos etc.

O código de Hammurabi (achado en Susa, Irán, e conservado no Museo do Louvre), por outra parte, ampara baixo a súa profusa lexislación a especialidade da cirurxía. Algúns fragmentos deste código tratan especificamente sobre intervencións cirúrxicas.[24]

India[editar | editar a fonte]

Os arqueólogos descubriron que os pobos da Civilización do val do Indo, desde o antigo período de harappa (ca. 3300 a.C.), coñecían a medicina e a odontoloxía. O antropólogo físico Andrea Cucina, da universidade de Missouri-Columbia, descubriu que aqueles homes xa limpaban os dentes. Posteriores investigacións na mesma zona evidenciaron que perforaban os dentes entre os anos 9000 e 7000 a.C.[25]

A civilización hindú, por outra parte, describe no Atharvaveda algúns procedementos médicos, ampliados parcialmente no Ayurveda, dous dos seus libros sagrados. O último, datado no ano 800 a.C., é o precursor dun tratado de cirurxía hindú coñecido como Susruta Samhita (600 a.C.). Susruta é o suposto autor (aínda que non se coñece nada deste individuo ou colectivo). Neste tratado descríbense técnicas cirúrxicas enxeñosas, posteriormente reinventadas pola medicina contemporánea: a redución de fracturas mediante férulas, a sutura das feridas, fístulas cauterizadas ou a drenaxe de abscesos. Este manual contén un anexo que relaciona e representa graficamente 121 instrumentos cirúrxicos diferentes.

A medicina hindú é a primeira en desenvolver técnicas específicas de cirurxía plástica: desde reparacións para deformidades do pavillón auricular tras a perforación para colocar pendentes, até unha elaborada técnica de rinoplastia, presumibelmente desenvolvida en ladróns tras ser aplicada a lei da amputación do nariz prevista para este delito. Tamén se describen métodos cirúrxicos de eliminación de cálculos renais, cálculos vesicais e incluso un método para intervir as cataratas.[26][27]

Exipto[editar | editar a fonte]

Ferramentas cirúrxicas nun baixorrelevo do templo de Kom Ombo, Exipto.

Contra o ano 3100 a.C. comenza o período de esplendor da civilización exipcia, cando Narmer, o primeiro faraón, establece a capital en Menfis. Ao igual que ocorre coa civilización sumeria e a escritura cuneiforme consérvase unha ampla serie de documentos sobre esta civilización grazas ao emprego da escritura xeroglífica.

Da primeira época monárquica (2700 a.C.) data o primeiro tratado de cirurxía, escrito por Imhotep, visir do faraón Netjerikhet ou Zoser (2667 - 2648 a.C.), que foi sacerdote, astrónomo, médico e primeiro arquitecto do que se ten noticia. Tal foi a súa fama como curandeiro que acabou deificado, considerándose o deus exipcio da medicina.[28] Outros médicos notorios do Imperio Antigo (do 2500 ao 2100 a.C.) foron Sachmet (médico do faraón Sahure) ou Nesmenau, algo así como director médico da súa época. Nunha das xambas da entrada do templo de Menfis encóntrase o gravado máis antigo dunha intervención cirúrxica: unha circuncisión. Dos moitos papiros que se conservan coñécese nove sobre materias médicas, dos que o máis coñecido e importante é o papiro de Ebers, bautizado co nome do seu descubridor, Georg Ebers.

Gravado representando unha circuncisión nunha tumba de Saqqara, fronte a Menfis, Exipto.

O papiro Ebers, conservado na Universidade de Leipzig, está considerado como o tratado de medicina máis antigo coñecido. A súa elaboración dátase en torno ao ano 1550 antes da nosa era e a súa lonxitude é duns vinte metros.
Inclúe receitas, unha farmacopea e a descrición de numerosas enfermidades, así como algúns tratamentos cosméticos.
Sobre cirurxía existen algunhas mencións sobre o tratamento das trabadas de crocodilo ou das queimaduras.
Recomendaba o drenaxe das inchazóns graxas, aínda que advertía de determinadas patoloxías da pel que non debían ser tocadas.

O papiro Edwin Smith é un documento, algo menos coñecido, datado no ano 1600 a.C. e de tan só cinco metros, que é un manual de cirurxía traumática de sorprendente calidade para a época.
Como exemplo, unha aproximación diagnóstica interesante tras un traumatismo cranioencefálico:

Se visitas a un home cunha ferida profunda na cabeza debes apalpala, incluso aínda que o enfermo trema intensamente. Pídelle que levante a cabeza e observa se lle doe ao abrir a boca e observa se o corazón lle late debilmente. Observa se ten saliva ao redor da boca e se gotexa ou non, e se sangra polo nariz e os oídos, e se ten o pescozo ríxido, ou non pode mover a cabeza aos lados

No anexo final deste manuscrito descríbese con detalle como tratar unha escordadura de mandíbula, e as exhaustivas descricións anatómicas, cuxo posíbel orixe quizais estea na depurada técnica de embalsamamento, non serían superadas até moitos séculos máis tarde.

China[editar | editar a fonte]

Desde a segunda metade do Século XX a medicina occidental (cuxa corrente imperante é de marcada tendencia bioloxicista) acepta non obstante a coexistencia dun modelo de saúde-enfermidade baseado nun paradigma ambientalista ou integral: a enfermidade é o resultado da desaparición do equilibrio natural entre o ser vivo e o seu contorno, o medio ambiente que o rodea. Este desequilibrio ou falta de harmonía entre individuo e ambiente constitúen o eixe principal do milenario modelo oriental.[29][30]

Mapa de puntos de aplicación da acupuntura. Dinastía Ming.

A medicina chinesa tradicional describe o equilibrio de cinco elementos que considera fundamentais: auga, terra, lume, madeira e metal. Á súa vez o seu equilibrio é o resultado da presenza de dúas forzas: o Yin e o Yang, que actúan simultaneamente.

O manual médico chinés máis antigo coñecido está datado en torno ao ano 2600 a.C. e coñécese co nome de Nei Ching. Este texto atribúese ao emperador amarelo, Huang Di, aínda que historiadores modernos consideran que foi compilado de fontes antigas por un estudoso entre as dinastías Zhou e Han, máis de 2000 anos máis tarde), época na que progresou a medicina, sobre todo baixo os Han orientais, con Zhang Zhongjing e Hua Tuo.

O Neio Chin desenvolve moitos conceptos médicos interesantes para a época. Porén, o tabú de respectar os cadáveres humanos parece que restou coñecementos de anatomía cirúrxica, sendo os seus principais tratamentos superficiais ou de menor importancia (cauterización de feridas, masaxes en patoloxías traumatolóxicas etc.). A medicina chinesa desenvolveu, en cambio, unha disciplina a cabalo entre a medicina e a cirurxía denominada acupuntura: segundo esta disciplina a aplicación de agullas sobre algún dos 365 puntos de inserción (ou até 600, segundo as escolas) restauraría equilibrio perdido entre o Yin e o Yan.

Hua Tuo foi un famoso médico dos Han orientais na época dos Tres Reinos. Foi o primeiro en aplicar a anestesia xeral en cirurxía, uns 1600 anos antes de que fose adoptada polos europeos.[31]

Bian Que (Pien Ch'iao) foi o "doutor milagre" descrito polo historiador chinés Qima Nan en Shi Ji o cal pondera a súa gran habilidade. Noutro libro, Liezi (Lieh Tzu) describe que Bian Que explica dúas vías de intercambio de corazóns en humanos.[32] Tamén relata que Bian Que usou a anestesia xeral antes que Hua Tuo, pero a fonte de Liezi está cuestionada, e o autor puidera ser que recompilara historias doutras obras.[33] De calquera maneira, queda establecido o concepto de transplante de corazón ao redor do ano 300 a.C.

América precolombiana[editar | editar a fonte]

Existen numerosos achados arqueolóxicos que demostran a práctica da trepanación por todo o continente americano (incluídas as tribos indias de América do Norte). Pero o maior desenvolvemento da cirurxía alcanzouse nas dúas principais civilizacións do centro-sur: Azteca e Inca. Aínda que en xeral a concepción da saúde-enfermidade é de tipo animista ou espiritual, o profundo coñecemento de herbas e principios activos naturais dotou dun arsenal importante a estas culturas: Pódese destacar o uso da coca (Erythroxylum coca), o iagué (Banisteriopsis caapi), o iopo (Piptadenia peregrina), o pericá (Virola colophila), o tabaco (Nicotiana tabacum), o ioco (Paulinia yoco) ou o curare e algunhas daturas como axentes anestésicos.

Un coitelo tumi peruano.

Cabe destacar o achado da primeira escola de medicina en Monte Albán, próximo a Oaxaca, datada en torno ao ano 250 da nosa era, onde se encontraron gravados anatómicos entre os que parece amosarse unha intervención de cesárea, así como a descrición de diferentes intervencións menores, como a extracción de pezas dentarias, a redución de fracturas ou a drenaxe de abscesos. Existen documentados en Monte Albán contra o século III os primeiros cranios trepanados con signos de cicatrización.[34][35]

Os aztecas distinguían entre o médico empírico (algo así como o "barbeiro" tardomedieval europeo) ou Tepatl, e o médico xamán, ou Ticitl, máis versado en procedementos máxicos. Incluso algúns curandeiros podían especializarse en áreas concretas, encontrándose exemplos no códice Magliabecchi de fisioterapeutas, comadroas e "cirurxiáns", propiamente ditos. O traumatólogo, ou "compoñedor de ósos" coñecíase como Teomiquetzan, experto sobre todo en feridas e traumatismos producidos en combate. A Tlamatlquiticitl ou comadroa facía seguimentos do embarazo, pero podía realizar embriotomías en caso de aborto. Cómpre destacar o uso de oxitócicos (estimulantes da contracción uterina) presentes na planta de Cihuapatl.

Os coñecementos de anatomía (baseados na experiencia achegada por guerras e sacrificios rituais) avalan unha técnica cirúrxica e traumatolóxica notabelmente avanzada, sendo común a utilización de férulas e dun variado instrumental cirúrxico. As ferramentas cirúrxicas varían moito entre as diferentes tribos americanas, desde pequenos punzóns de óso a auténticos bisturís con mango, como os testemuñados entre os Karimé, ou o tumi, de manufactura Moche e símbolo da medicina peruana.

A amputación non era un medio terapéutico para salvar a un paciente, ao contrario, amputar un pé ou unha perna era signo de "Fóra de combate" para os soldados; eviscerar o abdome, signo de triunfo contra comandantes de mediana xerarquía, e a decapitación era o máximo signo de derrota contra un comandante ou rei. As amputacións de membros simbolizaban a derrota contra grandes guerreiros, e facíanse sempre con perfección en pleno combate resecando pola articulación coxofemoral e era un signo de boa sorte ao conservar o fémur do combatente derrotado.

A antigüidade clásica[editar | editar a fonte]

Grecia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Estatua de Esculapio, coa súa vara, no museo do Teatro de Epidauro, Grecia

En torno ao mar Exeo desenvolveuse entre os anos 2500 e 1500 a.C. a cultura minoica, que foi, ao final da prehistoria, a precursora da civilización grega.

En 1971, durante unha escavación arqueolóxica en Nauplia, encontráronse nunha tumba micénica [36] numerosos instrumentos médicos, datados nuns 1500 anos antes da nosa era (coitelos, tesoiras, pinzas, algunhas sondas) atribuídos por algúns autores ao mítico médico (entre os gregos) Palamedes.

Situación dos principais xacementos micénicos en Grecia.

Os textos gregos máis antigos que inclúen coñecementos sobre medicina son os poemas homéricos: a Ilíada e a Odisea.

Na primeira descríbese, por exemplo, o tratamento que recibe o rei Menelao tras ser alcanzado por unha frecha no pulso durante o asedio a Troia: o cirurxián resultou ser Asclepio, elevado a deus da medicina na mitoloxía grega, educado na ciencia médica polo centauro Quirón, e coñecido na Roma antiga como Esculapio.

Do seu nome deriva esculapio [37], un antigo sinónimo de médico, e o nome de Hixía, súa filla, serviu de inspiración para a actual rama da medicina preventiva denominada Hixiene.[38]

A Asclepio atribúese tamén a orixe do caduceo ou vara de Esculapio, símbolo médico universal na actualidade.[39]

A Grecia clásica[editar | editar a fonte]

Pero dentro do marco cultural no que nós nos desenvolvemos (a chamada cultura occidental), algúns filósofos e científicos buscan as raíces da ciencia moderna na época dos antigos gregos, na Grecia clásica.

Vasilla grega de 480-470 a.C. representando unha escena cirúrxica.

Eles foron os creadores da lóxica dedutiva. Porén a súa filosofía natural tiña un defecto moi importante: consideraba innecesaria a comprobación experimental das conclusións. Era, incluso, degradante para o filósofo da época suxerir que as conclusións obtidas nun proceso mental lóxico precisaban seren confirmadas pola comprobación experimental.[40]

Polo tanto, na chamada antigüidade clásica a medicina e, sobre todo, a cirurxía, estaba moi pouco desenvolvida. Como quedou dito, as tarefas manuais eran desprezadas polos científicos (filósofos) da saúde, entendendo a cirurxía como unha aberración do verdadeiro tratamento das enfermidades, que viña dado por unha simple axuda á natureza curadora (coa dieta e a fitoterapia).

Porén para algúns, como o epistemólogo Geoffrey Ernest Richard Lloyd,[41] o método científico fai a súa aparición na Grecia do século VII a.C. Así Aristóteles é un dos primeiros sabios en elaborar demostracións científicas. Porén, os filósofos denominados presocráticos son os primeiros en interrogarse sobre os fenómenos naturais. Chamados φυσιόλογοι (physiologoi, 'fisiólogos') [42] por Aristóteles porque tiñan un discurso racional sobre a natureza, investigan sobre as causas naturais dos fenómenos que chegaron a ser os primeiros obxectos do método.

Hipócrates. Gravado de Peter Paul Rubens (1638).

É necesario facer unha referencia a Hipócrates de Cos (século V a.C. - século IV a.C.), a figura médica por excelencia da cultura grega clásica. Aos 13 anos comezou os seus estudos de medicina que lle abriron as portas do templo dos Asclepiades (de Asclepio, deus mitolóxico da medicina). Logo viaxou a Exipto para rematar a súa formación. Deixou unha obra composta por 53 escritos que foi recollida polos seus discípulos no Corpus hippocraticum.
Pai indiscutido da medicina moderna, o seu mérito fundamental foi o de desenvolver un sistema racional baseado na observación e na experiencia para o estudo das doenzas, cuxas causas atribuía a fenómenos naturais e non a intervencións dos deuses ou a fenómenos de tipo máxico-relixioso. Na medicina hipocrática descríbese o corpo humano como unha asociación dos catro humores: flegma (auga), bile amarela (lume), bile negra (terra), e sangue (aire); as doenzas desenvólvense por unha perda do equilibrio destes humores. O mantemento da saúde efectúase a través da dieta e a hixiene. Indubidábel xenio da medicina naturista, a el atribúese o coñecido xuramento hipocrático. As súas ideas persisten durante toda a Idade Media e o Renacemento.

Os campos médicos abarcados por Hipócrates inclúen a medicina interna, a hixiene, a ética médica e a dietética. Sobre cirurxía inclúe numerosas anotacións nos seus escritos. A xeito de exemplo esta definición da especialidade e de como debe exercer un cirurxián:

A cirurxía trata do paciente, o cirurxiáns, os axudantes e os instrumentos: o tipo e a orientación da luz; a colocación idónea do doente e dos instrumentos; a hora, o método e o lugar. O cirurxián debe sentarse nun lugar ben iluminado e confortábel, para el e para o paciente. As uñas deben cortarse rasas. O cirurxián debe aprender a manexar os seus dedos mediante a práctica continua, sendo de especial importancia el indicador e o polgar. Téñense que mover ben, con elegancia, apresa, con axilidade, limpeza e ao momento.

No corpus hipocrático advírtese unha notábel exactitude anatómica, e sorprenden algunhas propostas terapéuticas de plena vixencia na actualidade, como a drenaxe do empiema pleural ou os tratamentos suxeridos para os traumatismos craniais.[43]

As súas propostas para a redución de fracturas incluían o deseño de diversos soportes físicos (banco hipocrático, escaleira hipocrática, soporte de redución de fracturas de úmero ou poleas de extensión), de enxeñosa factura e probada eficacia.

Deseños hipocráticos de dispositivos de redución de fracturas
Banco hipocrático, deseñado para a redución de fracturas vertebrais.
Escaleira de tracción hipocrática.
Aristóteles. Museo do Louvre.

Tras Hipócrates a seguinte figura médica grega de interese é Aristóteles. Este pensador polifacético aprendeu medicina con seu pai, pero non consta un exercicio desta disciplina. Aristóteles funda a física e a zooloxía, cando a ciencia adquire un método, baseado na dedución. A el débese a primeira formulación do siloxismo e da indución.[44] As nocións de "materia", "forma", "potencia" e "acto" foron os primeiros conceptos de elaboración abstracta.[45] Para Aristóteles, a ciencia está subordinada á filosofía ("é unha filosofía secundaria", dixo) e ten por obxecto a busca dos primeiros principios e das primeiras causas, o que o discurso científico chamará o causalismo e que a filosofía denomina aristotelismo.

Porén, Aristóteles é a orixe dun retroceso do pensamento en relación a certos presocráticos en canto ao lugar da Terra no espazo. Seguindo a Eudoxo de Cnidos, imaxina un sistema xeocéntrico e considera que o cosmos é finito. E será seguido nisto polos seus sucesores en materia de astronomía, até Copérnico, coa única excepción de Aristarco, que propuxera un sistema heliocéntrico.

En cambio a súa escola peripatética foi o berce de varios médicos e cirurxiáns insignes da época: Diocles de Caristo, Praxágoras de Cos ou Teofrasto de Eresos son algúns exemplos. Esta escola porén non achegou novidades destacábeis en materia de cirurxía.

Período alexandrino. Alexandría na época romana[editar | editar a fonte]

Contra o ano 300 a.C. Alexandre o Grande conquista Exipto. A cidade de Alexandría, así denominada na súa honra, poucos anos máis tarde, durante o período chamado alexandrino (de 323 a.C. - 30 a.C.) convértese no referente cultural do mar Mediterráneo e Oriente Próximo, sendo o prolongamento da cultura grega na época romana e está marcado por progresos significativos en astronomía e en matemáticas, así como por algúns avances na física e na medicina. Alexandría foi o centro intelectual dos sabios da época, que eran gregos.

A chamada escola de Alexandría recompilou e desenvolveu todos os coñecementos sobre medicina (como os de moitas outras disciplinas) coñecidos na época, contribuíndo a formar algúns destacados cirurxiáns. Herófilo de Calcedonia foi o primeiro en realizar diseccións en público, e incluso algunhas fontes apuntan a posibilidade de que os tolomeos puxeran á súa disposición reos condenados a morte para practicar viviseccións.[46] Este clínico interesouse polo estudo dos sistemas nervioso e dixestivo.

Outro médico notábel da escola alexandrina foi Erasístrato de Ceos, descubridor do colédoco (conduto de desembocadura da bile no intestino delgado, e do sistema de circulación portal (un sistema venoso que atravesa o fígado con sangue procedente do tracto dixestivo).

Paralelamente desenvólvese a escola empirista, cuxo principal expoñente médico foi Glauco de Tarentio (século I a.C.). Podería considerarse a Glauco como o precursor da medicina baseada na evidencia, xa que para el só existía unha base fiábel: os resultados fundados na experiencia propia, na doutros médicos ou na analoxía lóxica, cando non existían datos previos para comparar. Baixo este paradigma filosófico desenvolvéronse técnicas cirúrxicas como a intervención de cataratas ou a litotomía (extracción de cálculos renais mediante unha incisión na vexiga ou no uréter).

Roma[editar | editar a fonte]

A civilización etrusca, antes de importar os coñecementos da cultura grega, apenas desenvolvera un corpus médico de interese, se se exceptúa unha destacábel habilidade no campo da odontoloxía: en varios xacementos etruscos se encontraron próteses dentais fixas, móbiles, con arame de ouro, con dentes naturais e artificiais, e mesmo algunhas coroas de ouro fundido.[47]

Un dos poucos cirurxiáns romanos coñecidos da era precristiá foi Arcagato do Peloponeso, citado por Plinio na súa Naturalis Historia, onde tamén refire que inicialmente seu alcume era Vulnarius (o curaferidas), pero os seus métodos e os seus sucesivos fracasos valéronlle o novo apelativo de Carnifex (o executor).

Catéteres romanos. Século I a.C.

Entre os anos 25 a.C. e 50 da nosa era viviu outra figura médica de importancia, Aulo Cornelio Celso, nado probabelmente na Galia Narbonense.

Aulo Cornelio Celso.

En realidade non hai constancia de que exercera como médico, pero consérvase del un único traballo, De Re Medica Libri Octo, que é un tratado de medicina, e a única sección conservada dunha enciclopedia moito máis extensa (chamada Artes), fonte primaria de temas como a dieta, a farmacia, a cirurxía e temas relacionados.

Nel describe por primeira vez a técnica cirúrxica da ligadura, ou no que propón a utilización de materiais semirríxidos ou moldeábeis como a cera para que actuaran a xeito de férula no tratamento das fracturas óseas. Describe tamén até 50 tipos de instrumentos cirúrxicos. Trátase dunha ampla obra que inclúe tratamentos para feridas, hemorraxias, feridas de frecha ou varices, e atribúe á cirurxía unha importancia capital entre as especialidades médicas.[48]

Suponse que as partes perdidas da enciclopedia incluían volumes sobre agricultura, dereito, retórica e arte militar. De Re Medica é un dos mellores rexistros do saber dos médicos alexandrinos. A obra enteira desapareceu durante toda a Idade Media, até que a comezos do século XV, en Italia, redescubríronse e volveron a circular os libros de tema médico. Foi a primeira obra médica antiga en ser impresa (Venecia, 1478) e, xa desde antes, cando circulaba manuscrita, converteuse en obxecto de veneración dos médicos (e dos non médicos) humanistas do Renacemento, que valoraron sobre todo a pureza do seu estilo latino e a precisión das súas doutrinas médicas. O de escritor elegante foi o apelativo máis empregado para designalo.

Así describe Celso ao cirurxián ideal:

O cirurxián debe encontrarse na madureza da vida, ter man rápida e firme, que nunca vacile, e tan rápida a dereita como a esquerda; vista aguda e clara; aspecto tranquilo e compasivo, xa que o seu desexo é curar aos pacientes e, á vez, non deixar que os seus gritos lle fagan apresurarse máis do que requiren as circunstancias, nin cortar menos do debido; tampouco permite que os berros do paciente afecten a el nin ao seu traballo.

En Roma, a casta médica organizábase xa, dun modo que recorda á actual división por especialidades, en médicos xerais (medici), cirurxiáns (medici vulnerum, chirurgi), oculistas (medici ab oculis), dentistas e os especialistas en enfermidades do oído. Un destes médicos lexionarios foi Dioscórides, grego, un dos primeiros botánicos, autor do manual farmacolóxico máis coñecido e empregado até o século XV. As súas viaxes co exército romano permitíronlle recompilar gran número de herbas e substancias medicinais e redactar a súa magna obra De Materia Medica.

Dioscórides.
Galeno.

As lexións romanas dispoñían dun cirurxián de campaña e dun equipo capaz de instalar un hospital en pleno campo de batalla para atender aos feridos durante o combate.[49] Un destes médicos lexionarios foi Dioscórides, grego, un dos primeiros botánicos, autor do manual farmacolóxico máis coñecido e empregado até o século XV. As súas viaxes co exército romano permitíronlle recompilar gran número de herbas e substancias medicinais e redactar a súa magna obra De Materia Medica.

Pero a figura médica romana por excelencia foi Galeno, cuxa influencia (e os seus erros anatómicos e fisiolóxicos) perduraron até o século XVI. Galeno de Pérgamo naceu no ano 130 da nosa era. Baixo influencia grega e ao amparo dun dos maiores templos dedicados a Esculapio (Asclepio), estudou medicina con dous seguidores de Hipócrates, Estraconio e Sátiro, e despois visitou as escolas de medicina de Esmirna, Corinto e Alexandría. Finalmente viaxou a Roma onde a súa fama levouno a ser o médico do emperador Marco Aurelio. Porén, en Roma as autopsias estaban prohibidas, polo que os seus coñecementos de anatomía fundábanse en diseccións de animais, o que o levou a cometer moitos erros.

No campo da cirurxía describiu a presenza dos nervios larínxeos recorrentes, cuxo corte accidental nunha intervención de bocio pode provocar a perda da voz. A súa dedicación ao tratamento das feridas dos gladiadores fíxoo merecedor dunha gran fama como cirurxián e traumatólogo. Constan tamén varias intervencións novas e exitosas, como a reparación dun labio leporino, ou a extirpación de pólipos nasais.

Morreu en torno ao ano 200, deixando un legado non sempre beneficioso para o progreso da medicina, pero de indubidábel valor. O seu nome, ao igual que antes o de Esculapio, converteuse en sinónimo de médico, aínda usado hoxe.

A cirurxía é o movemento incesante de mans firmes e experimentadas.
Galenus, Definitiones Medicae XXXV.

Areteo de Capadocia non tivo a fama e o recoñecemento público de Galeno pero, no pouco material escrito que se conserva del, demostra un gran coñecemento e aínda un maior sentido común. Non se coñecen moitos datos deste modesto médico romano, salvo a súa procedencia turca, e que viviu durante o século I. Debeu de formarse en Alexandría (onde se permitían as autopsias) xa que os seus coñecementos de anatomía visceral son moi completos.

As dúas obras conteñen poucas reflexións teóricas e polo menos un dos seus libros trata de cirurxía (aínda que deste non se coñece ningún exemplar, só se sabe da súa existencia por alusión). Foi o primeiro médico en describir o cadro clínico do tétano, e a el débense os nomes actuais da epilepsia e da diabetes.[50]

Bizancio[editar | editar a fonte]

O Imperio Romano de Oriente foi, tras a división despois da morte de Teodosio, o herdeiro da cultura e a medicina gregas. No seu afán por recuperar, ou non perder, os coñecementos clásicos da cultura bizantina exerceu unha función fundamental recompilando e catalogando o mellor das tradicións grega e romana. O médico persoal de Xuliano o Apóstata, Oribasios, recolleu en 70 volumes (As sinagogas médicas) todo o saber médico até a súa época.[51]

Seguindo con este espírito compilador pero pouco innovador encontramos a Alexandre de Tralles (irmán do arquitecto da basílica de Santa Sofía), ou a Etión de Amida, do século VII, especialmente dedicado á cirurxía. Entre as súas obras está un tratado sobre aneurismas (De vasorum dilatatione) e moitos capítulos sobre cirurxía xinecolócica.[52]

Idade Media[editar | editar a fonte]

Considérase xeralmente, desde un punto de vista evidentemente eurocentrista, que, tras da caída do Imperio Romano de Occidente (476 d.C.),[53] gran parte de Europa (a Europa occidental) perdeu o contacto co coñecemento escrito, iniciándose a enominada posteriormente, e con desprezo, a escura Idade Media.

Pero cómpre ter en conta os avances tecnolóxicos e a evolución do pensamento científico do mundo oriental (a civilización árabe-musulmá) e, en primeiro lugar, os do Imperio Bizantino que, herdeiro do saber latino, e cos saberes que tomou do mundo árabe-musulmán, e mesmo dos da China, foi decisivo na construción da ciencia moderna.

O período da Idade Media esténdese desde a data antecitada até 1492 (data do descubrimento de América; coñece un desenvolvemento sen precedente das técnicas e das disciplinas científicas, a despeito dunha imaxe escurantista, propagada polos manuais escolares.

Cirurxía árabe na Idade Media[editar | editar a fonte]

Seguindo as ensinanzas de Mahoma: "Buscade o saber aínda que teñades que ir a China", ou "Quen deixe a súa casa para dedicarse á ciencia, segue os pasos de Alá", o mundo árabe soubo recoller as ensinanzas das culturas coas que conviviu.

O mundo árabe-musulmán tivo o seu apoxeo intelectual desde o século VIII até o século XIV, o que permitiu o desenvolvemento dunha cultura científica específica, iniciada en Damasco baixo os últimos omeias, e despois en Bagdad baixo os primeiros abásidas. A ciencia árabe-musulmá esta fundada na tradución e a lectura crítica das obras da Antigüidade.[54] A extensión do saber árabe-musulmán está estreitamente ligada ás guerras de conquista do islam que permitiu aos árabes entrar en contacto coas civilizacións hindú e chinesa.

Capa de Kitab-el-Mansuri, obra médica de Rhazes.

Entre os musulmáns Al Hakim (o médico) era sinónimo de sabio mestre. Os médicos árabes tiñan a obriga de especializarse nalgún campo da medicina, e existían varias clases dentro da profesión: De maior a menor categoría encontramos: Al Hakim (o médico do maristán, hospital), Tahib, Mutabbib (médico en prácticas) e Mudawi (médico cuxo coñecemento é soamente empírico).

O maior hospital coñecido da época medieval estaba en O Cairo: o Al-Mansur, fundado en 1283, que estaba xa divido en salas de especialidades médicas, ao modo actual, contaba cunha sección de dietética coordinada coa cociña do hospital, unha sala para pacientes externos, sala de conferencias e biblioteca.[55]

En todos os manuais médicos árabes encóntranse grandes capítulos ou seccións dedicados á cirurxía, inspirados na tradición alexandrina, aínda que orixinalmente aprendidos non en Alexandría, senón en Gundishapur (Persia), onde os exiliados nestorianos se encargaron de traducir as principais obras clásicas do grego ao árabe. Alí foi onde se formaron os primeiros médicos árabes, baixo as ensinazas de Hunayn ibn Ishaq (808-873), que chegou a ser médico persoal do califa Al-Mamum e fundou a primeira escola médica do islam.

Anos despois destacaría Abu Bakr Muhammad ibn Zakkariya, (o seu longo nome completo é Abū Bakr Muhammad ibn Zakarīyā al-Rāzī) (ابو بکر محمد بن زكريا الرازی en árabe), coñecido como Zakariya-ye Razi ( زكريای رازی en persa) e tamén como Zakariya al-Razi en árabe; ou en latín como Rhazes e Rasis (en galego, Al-Razí). De acordo con Al-Biruní naceu en Rayy, Provincia de Teherán, Irán o ano 865, e morreu na mesma cidade en 925. Foi médico do califa e director fundador do hospital de Bagdad.

Non consta que tivera un especial interese na cirurxía, excepto algunha proposta de extracción de molares cariados incluída na súa obra médica Kitab-el-Mansuri.[56]

A pesar da súa transcendencia como figura médica do islam, Ali ibn Sina ou Avicena (980 - 1037), non incluíu na súa monumental enciclopedia Qanum (O Canon) ningún tratamento cirúrxico de interese, recomendando a cauterización como método xeral cirúrxico.

De modo similar, os filósofos e médicos andalusís Avempace (ca. 1080 - 1138) e Averroes (1126 - 1198) apenas desenvolveron a materia cirúrxica nas súas obras médicas, dedicadas preferentemente ás plantas medicinais.

Abulcasis.
Ilustración dos instrumentos cirúrxicos de Abulcasis (da súa enciclopedia Kitab al-Tasrif).

Pero sobre todos eles destaca Abul-Qasim Khakaf ibn al Abbas al Zahravi (en árabe أبو القاسم بن خلف بن العباس الزهراوي), máis coñecido como Abulcasis en occidente, que foi un médico e científico andalusí, (Zahara, preto de Córdoba, Al-Ándalus, 936 - Córdoba, Al-Ándalus, 1013),[57] que viviu a maior parte da súa vida en Alhaurin de la Torre, onde estudou, deu clases e practicou a medicina até pouco antes da súa morte, e que se considera o fundador da cirurxía moderna.[58]

Os seus textos, onde combinaba as ensinanzas clásicas grecolatinas cos coñecementos da ciencia do Próximo Oriente, foron a base dos procedementos cirúrxicos europeos até o Renacemento. A súa maior contribución á historia da medicina é Kitab al-Tasrif ("A práctica", "O método" ou "Disposición"), unha obra de trinta volumes sobre a práctica médica, onde recompilou todo o coñecemento médico e farmacéutico da época.[59]

O volume XXX contén un extenso tratado de cirurxía. Os campos que abarca este capítulo cirúrxico inclúen a oftalmoloxía, a odontoloxía, o tratamento das hernias e a extracción de cálculos, a obstetricia e un amplo apartado sobre traumatoloxía, á que engadiu unha prolixa descrición do instrumental cirúrxico da época.[60]

Desenvolveu máis de 200 novos instrumentos cirúrxicos que describe no último libro da súa magna enciclopedia, a cal foi profusamente estudada en toda Europa durante máis de cinco séculos despois da súa morte.[61]

Foi, así mesmo, un gran innovador nas artes médicas, sendo o primeiro en empregar o fío de seda nas suturas.[62] Tamén inventou o fórceps para a extracción de fetos mortos,[63] describindo así mesmo o seu uso nos partos.[64] No ano 1000 tamén introduce o uso de ligadura para controlar o sangue de arterias.[65]

Ibn Zuhr ( ابن زهر ), de nome completo Abū Marwān Abd al-Malik ibn Abū-l-Alā ibn Abū Marwān ibn 'Abd al-Malik ibn Abū Bakr Muḥammad ibn Marwān ibn Zuhr al-Isbīlī al Iyādī foi un destacado médico andalusí, filósofo e poeta, coñecido na Europa medieval co nome latinizado de Avenzoar ou Abumeron, nado en Sevilla (capital daquela dun reino de Taifa) en 1073 e morto en 1162, foi un médico de grande éxito pola súa habilidade, aínda que foi expulsado do seu país debido a intrigas dos envexosos, encontrando un protector, Yousef Ibn Tachfin, rei almorábide. Estudara medicina en Córdoba e, despois dunha curta estancia en Bagdad e no Cairo, volveu poñéndose (como médico) ao servizo dos almorábides e dos almohades. Foi nomeado visir polo sultán Abd al-Mumin, e pouco despois volve a Sevilla. Gran mestre en medicina, tivo alí como discípulo a Averroes e, a petición deste, escribe o libro Kitab al-Taisir fi al-Mudawat wa al-Tadbir (O libro da simplificación dos tratamentos e réximes).

Foi o primeiro en realizar varias experimentacións, como en facer ensaios con animais antes de aplicar o tratamento aos homes, sendo tamén o primeiro en facer unha descrición detallada da traqueotomía, observando os efectos experimentando nunha cabra. Ideou un sistema para alimentar aos doentes que presentaban unha parálise de farinxe ou unha disfaxia irreversíbel, por sonda traqueal ou rectal. Como clínico fai descrición clínicas da tuberculose intestinal. Concentrou os seus esforzos na profilaxe e na terapéutica, e interesouse polas afeccións cerebrais. Escribiu un dos mellores tratados de medicina clínica árabe, onde resume os estudos sobre a enfermidades do cerebro e dos nervios, en particular sobre o comas, a apoplexía, as convulsións, a epilepsia, os tremores, a migraña, a hemiplexía, a hidrocefalia e a catatonía. Describe tamén o tratamento das luxacións de vértebras cervicais. A súa erudición lle valeu o sobrenome de sabio célebre.[66][67]

É interesante a súa descrición do tratamento dunha hemorraxia arterial:

Coloca con presteza o dedo indicador no punto da hemorraxia e aperta até que o sangue deixe de brotar. Elixe un cauterio quente de tamaño apropiado e aplícao ao vaso sangrante. Ten coidado de non queimar os nervios circundantes, xa que iso provocaría moita dor ao paciente. E recorda que só existen catro maneiras de frear unha hemorraxia arterial, sobre todo se se trata dun gran vaso: cauterizándoa como te ensinei; dividila se non se perdeu, porque os extremos divididos péchanse e cortan a hemorraxia, mediante unha ligadura forte e aplicando remedios que corten o sangue combinados cunha vendaxe de presión.

O seu tratado de medicina foi traducido para o latín co título Rectificatio medicationis et regiminis (Venecia, 1490, Lión, 1531). Deixou tamén dous tratados das Febres, traducidos ao latín e Venecia (1578), que conteñen informacións que son pertinente aínda hoxe.

Cirurxía medieval no mundo cristián[editar | editar a fonte]

En Bizancio, a hixiene e a medicina experimentaron progresos.[68] As universidades bizantinas, así como as bibliotecas, recompilaron numerosos tratados e obras de estudo sobre a filosofía e o saber científico da época.[69] O último cirurxián do Imperio Bizantino, xa na alta Idade Media, foi Paulo de Exina (607 - 690), quen desenvolveu algunhas técnicas para a cirurxía do bocio.

Na Europa occidental, a concepción teocentrista do cosmos propia deste período non estimulaba o coñecemento da orixe física das enfermidades. De feito, aínda que existiron investigacións nese sentido, moitos médicos[70] afrontaron todo tipo de problemas, non tanto por seguir un método científico que non se definira aínda, senón pola colisión das súas proposicións co paradigma dominante: a enfermidade era un castigo divino, e a súa curación fundábase no arrepentimento e a penitencia. A vontade de Deus estaba por riba da habilidade do cirurxián, o que acabou por infundir un nihilismo terapéutico pouco resolutivo.

Pero, por outra parte, o movemento monacal, procedente de oriente, comeza no século V a estenderse por Europa. Nos mosteiros acóllese a peregrinos, enfermos e desafiuzados, comezando a formarse o xerme dos hospicios ou hospitais, aínda que a medicina practicada por monxes e sacerdotes carecía, en xeral, de base racional. No Concilio de Clermont, en 1130, chegou a prohibirse a todo clérigo o estudo de calquera forma de medicina,[71] e no cuarto Concilio de Letrán (1215) sepárase aos internistas dos cirurxiáns debido á mala fama que ían adquirindo estes últimos, en parte propalada polos primeiros.

Existen antecedentes de estruturas similares a hospitais na India ou en Roma, pero a súa extensión e concepción actual débese ao modelo monástico iniciado por San Bieito en Montecasino, e ás súas variantes posteriores denominadas leprosarías ou lazaretos, en honor a Lázaro, protagosnista dunha parábola evanxélica, pobre e cheo de chagas.

En Europa occidental, despois dun período de repregamento durante a Alta Idade Media, recupérase un espírito cultural e técnico que culmina no chamado Renacemento do século XII. Porén, desde o século VIII ao século X, o período chamado, en Francia, da Renaissance carolingienne permite, principalmente pola escolarización, a renovación do pensamento científico. A escolástica, no século XI, preconiza un sistema coherente de pensamento próximo ao que será o empirismo. A filosofía natural proponse como obxectivo a descrición da natureza, percibida como un sistema coherente de fenómenoss (ou pragmata), movidos por "leis".[72]

Na Baixa Idade Media fai a súa aparición a lóxica, que permite que se desenvolvan diversos métodos científicos, así como os esforzos para elaborar modelos matemáticos ou médicos, o que xogará "un papel maior na evolución das diferentes concepcións do status das ciencias".[73] Por outra parte, o mundo medieval occidental ve aparecer unha "laicización do saber", concomitante coa "autonomización das ciencias".

A Escola Médica Salernitana[editar | editar a fonte]

Pacientes mostrando a súa urina a Constantino o africano.

Entre os séculos XI e XIII desenvolveuse unha escola médica de especial interese, a escola de Salerno ou Escola Médica Salernitana. Para a obtención do título de médico e, por tanto, o dereito de exercicio desta práctica, Roxerio II de Sicilia estableceu un exame de graduación no que se incluían coñecementos de medicina e de cirurxía, o que dalgunha maneira rehabilitaba a especialidade cirúrxica a pesar do activo rexeitamento a esta demostrado pola Igrexa Católica e por unha parte do mundo árabe.

Algúns anos despois, en 1224, Frederico II reformou o exame para que este fose realizado de forma pública polo equipo de mestres de Salerno, e regulando para a práctica da medicina un período de formación teórico (que incluía cinco anos de medicina e cirurxía) e un período práctico dun ano.[74]

Unha figura de relevancia desta escola foi o monxe Constantino o africano (1010-1087), médico cartaxinés que recolleu numerosas obras médicas ao longo das súas viaxes e contribuíu á medicina europea coa tradución do árabe de varios textos clásicos.[75]

O primeiro tratado europeo medieval de cirurxía ten a súa orixe nesta escola, a Practica chirurgiae de Ruggero Frugardi (1170), obra que se ocupa do tratamento das feridas e reumatismos.[76]

A título de curiosidade, e a modo de paliar a ausencia da práctica da disección en cadáveres humanos, Cofón o mozo escribe en torno ao ano 1150 a súa Anatomía Porci, guía práctica de disección do porco utilizada polos estudantes.[77]

Europa continental[editar | editar a fonte]

Na Europa continental a cirurxía non se desenvolve até os séculos XII e XIII. O papa Inocencio III publica en 1215 a encíclica Ecclesia abhorret a sanguine na que reafirma a oposición da Igrexa católica todo derramamento de sangre, incluído o derivado da actividade cirúrxica, e insistindo na prohibición das autopsias. Pero en Europa séguense desenvolvendo estas actividades a partir das universidades acabadas de estrear.

Ilustración de Mondino dei Luzzi (Boloña, 1275-1326), representando unha autopsia.

No século XIII os estudos de cirurxía máis importantes lévanse a cabo en torno a Boloña, na recente universidade inaugurada en 1088, onde Hugo de Borgognoni funda a facultade de medicina. O seu fillo Teodorico de Borgognoni (1205 - 1296) escribiu Chirurgia, un tratado dedicado exclusivamente á cirurxía, no que pon en discusión a práctica, herdada de Galeno, de deixar que as feridas se carguen de pus, como a medida máis eficaz para a súa curación. Para as suturas utilizaba fío fabricado con intestino de animais, (auténtico precursor do catgut, fío de sutura utilizado antes do desenvolvemento dos materiais sintéticos, feito a partir do intestino de cabalo ou de cabra, e utilizado para as suturas internas, de maneira que puidesen seren reabsobidas co tempo).

Guglielmo da Saliceto, outro profesor da escola de Boloña, escribiu Chirurgia coa intención de deixar os seus coñecementos neste campo ao seu fillo, e que despois se converteu nun manual de referencia para as facultades de medicina medievais. Nesta obra deixa algunhas reflexións sorprendentes sobre o cancro, exepcionais tendo en conta os escasos coñecementos de fisioloxía da época:

Débese tratar a enfermidade extirpando o órgano, xa que as súas raíces se orixinan nas veas que o circundan, cheas de sangue melancólico. É necesario cortar estas venas e extirpar as raíces.

Guido de Lanfranc, alumno de Guglielmo da Saliceto está considerado como o pai da cirurxía francesa. Despois da súa fuxida de Italia a causa dos conflitos entre os Güelfos e Xibelinos, instálase en Lión (1290) e pouco despois viaxa a París, onde remata a súa formación na escola independente de Saint-Come. O seu espírito ecléctico levouno a afirmar que:

Ninguén pode ser un bo internista sen ter coñecemento da cirurxía e, ao contrario, ningún cirurxián será un bo profesional se non ten un adecuado coñecemento da medicina interna

.

O seu principal campo de estudo cirúrxico foron as lesións cerebrais, ademais de desenvolver algúns aspectos de ética médica. Concluíu a súa carreira profesional come cirurxián persoal de Filipe o Fermoso, ao que sucederá no cargo outro famoso cirurxián francés, Henry de Mondeville.

No século XII florece a escola de Montpellier. Un dos seus profesores de anatomía foi o mencionado Henry de Mondeville (1260 - 1320), pero o máis destacado profesor desta escola foi Guy de Chauliac (1290 - 1368), autor de A gran cirurxía. Este cirurxián foi o primeiro en realizar observacións sobre feridas por armas de fogo, utilizadas por primeira vez polos ingleses en 1346 na batalla de Crécy.[78] Entre as notas deste médico encóntrase o que debe conter o maletín do perfecto cirurxián:

Cinco ungüentos: de albahaca, para madurecer o pus; dos apóstolos,[79] para purificar; dourado, para fomentar o crecemento dos tecidos; branco para curar, e de dialtea para suar. Así como cinco ferramentas: tenaces, sondas, coitelas, lancetas e agullas.

No século XIV, en Francia, sobresaíron Henri de Mondeville (cirurxián de cámara de Filipe IV e descritor dun tratamento novo para as feridas cirúrxicas) e Guy de Chauliac (Guido de Chauliaco) (ca. 1260 - 1368), que elabora un tratado que será reeditado e utilizado até o século XVI. Guy de Chauliac, hai máis de 600 anos, fixo unha descrición do cirurxián á que os séculos pouco engadiron e nada quitaron:

Que o cirurxián sexa audaz nas cousas seguras e precavido nas perigosas; que evite os tratamentos e prácticas defectuosas. Debe ser amábel co enfermo, respectuoso cos seus compañeiros, cauteloso nos seus prognósticos. Que sexa modesto, digno, amábel, compadecido e misericordioso; que non codicie o diñeiro nin sexa tramposo; que a súa recompensa sexa segundo o seu traballo, os medios do doente, a clase do asunto e a súa propia dignidade.

En Guadalupe (Cáceres) iniciouse a construción dunha rede de hospitais (séculos XIV-XVI) para a atención de peregrinos e enfermos. Nestas institucións practicouse por primeira vez en España, con dispensa apostólica, a cirurxía e a disección por ilustres médicos dos reinados dos Reis Católicos, Carlos I e Filipe II.

Inglaterra[editar | editar a fonte]

Instrumentos cirúrxicos que ilustran o libro de John de Arderne Mirror of Phlebotomy & Practice of Surgery.

A figura determinante do impulso científico en Inglaterra foi Roger Bacon (1214 - 1294), quen sentou as bases da experimentación empírica fronte á especulación. A súa máxima foi algo así como "dubida de todo o que non poidas demostrar", o que incluía ás principais fontes médicas clásicas de información. No seu Tractatus de erroribus medicorum describe até 36 erros fundamentais das fontes médicas clásicas, aínda que non realiza ningunha achega específica ao campo da cirurxía.

En 1368 fúndase o Gremio de cirurxiáns de Londres, nun primeiro intento por separar os cirurxiáns-barbeiros (encargados sobre todo de barbear e despiollar) dos médicos especializados en tratamentos cirúrxicos. Pero no ambiguo terreo da cirurxía menor (drenaxe de abscesos, extirpación de verrugas...) comeza a xestarse unha disputa sobre atribucións profesionais que duraría moitos anos. As circunstancias sociais, económicas e políticas empuxaban a Europa ao desenvolvemento dunha nova concepción de sociedade. Son os albores do período coñecido como Renacemento.

No século XIV, a punto de finalizar a Idade Media, encontramos en Inglaterra a John Arderne, ou John of Aderne, (1307–1392), cirurxián en activo durante a Guerra dos Cen Anos ás ordes dos duques de duques de Lancaster. Despois dos seus servizos en campaña estableceuse en Londres, onde se autoproclamou chirurgus inter medicus, nunha época na que o tratamento oficial dos médicos era de doutor, mentres que aos cirurxiáns considerábanselle tan só mister.

Entre as lendas forxadas á súa sombra cóntase a dunha intervención de fístula anal (na que era especialista) pola que cobrou cen xilins ao contado e outros cen por cada ano que vivira o paciente. Esta predilección pola patoloxía anorrectal valeulle o título de "pai da proctoloxía".[80][81][82]

A cirurxía renacentista[editar | editar a fonte]

O Renacemento é un período que se sitúa en Europa no fin da Idade Media e no comezo da Idade Moderna. Chámase así polo redescubrimento dos traballos dos antigos pensadores gregos e romanos, que marcou a fin da Idade Media e creou alicerces sólidos para o desenvolvemento de novos coñecementos. Dos científicos desta época destácanse Francis Bacon, Nicolao Copérnico e Galileo Galilei. Eles estableceron o denominado método científico.

Estudo anatómico do brazo, por Leonardo da Vinci.

O florecemento das universidades, especialmente en Italia, ao amparo das novas clases mercantís foi o motor intelectual do que se deriva o progreso científico que caracteriza este período. Esta "nova era" adquire especial relevancia nas ciencias naturais e a medicina, baixo o principio xeral do "revisionismo crítico". Os novos coñecementos en anatomía supoñen o avance definitivo de disciplinas como a cirurxía ou a anatomía patolóxica.

O espírito científico impregna todas as ramas do saber. Antonio Benivieni, cirurxián italiano da segunda metade do século XV, anota minuciosamente todas as súas intervencións e as autopsias que realiza posteriormente aos pacientes que non sobrevivían. Estas notas publicaríanse en 1507 baixo o título De abditis nonnullis ac mirandis morborum et sanationum causis (Das causas ocultas das enfermidades), con imaxinábel interese para todo o corpo médico. No seu haber cóntanse as primeiras descricións documentadas do cancro de estómago e intestino, así como extensas e detalladas descricións dos varios tipos de hernias coñecidos.[83]

O mellor anatomista deste período, aínda que non o primeiro, é André Vesalio (1514 - 1564), que baseou os seus estudos anatómicos na disección de cadáveres [84] autor dun dos manuais de anatomía máis estendidos e influentes durante os seguintes dous séculos, De humani corporis fabrica.

Vesalio doutorárase na universidade de Padua, despois de formarse na de París, e foi nomeado explicator chirurgiae (profesor de cirurxía) da universidade paduana. Durante os seus anos como profesor redactou a súa grande obra, acabando a súa carreira profesional como médico persoal de Carlos I e, posteriormente, de Filipe II.

Nesta mesma época, o aragonés Miguel Servet (1511 - 1553), outro pioneiro no campo da anatomía, descubriu a circulación menor. Practicando a disección xunto a Hans Gunther observou, e publicou na súa obra Christianismi restitutio, que o sangue se oxixenaba nos pulmóns (e non no corazón, como cría Galeno) e que neste órgano producíase unha circulación menor, tras a cal o sangue accedía ao ventrículo esquerdo.

Este descubrimento, porén, xa o fixera Ibn Nafis, médico árabe do século XIII, pero as súas observacións non foron coñecidas en occidente. O descubrimento completouno o inglés William Harvey (1578 - 1657), que demostrou o mecanismo da circulación maior e a menor.

Durante o século XVI revoluciónase a cirurxía debido á introdución da cátedra de cirurxía en moitas universidades francesas e españolas (en relación coa de anatomía); aparece novo material cirúrxico, e encontra un revulsivo na multitude de conflitos bélicos que se desenvolven en Europa.

Ambroise Paré aos 55 anos, litografía de André Wechel (1573).

Nas últimas décadas deste século, a punto de finalizar o período renacentista, aparece na escena internacional o considerado como pai da cirurxía moderna, Ambroise Paré (ca. 1510 - 1590).[85]

Os diferentes tipos de siameses, segundo o estudo realizado por Paré.

Pouco antes, o suízo Paracelso,[86] figura médica controvertida, considerado por uns como un simple barbeiro, alquimista pola maioría e cirurxián por outros, intentara con pouco éxito elevar o rango da cirurxía ao mesmo nivel que o dos médicos internistas, pero será o francés quen elimine as últimas reservas.

Paré foi médico persoal de cinco reis nunha época en que era costume ao uso substituír toda a corte con cada novo reinado. A súa formación iníciase no gremio dos barbeiros, pero compaxina o seu traballo coa asistencia ao Hôtel-Dieu de París.

O seu traballo como cirurxián comeza no exército francés, onde se especializou en feridas de bala, cambiando o tratamento das feridas e a amputación de membros dunha maneira radical.

Sufriu un certo rexeitamento da comunidade médica, xa que a súa extracción humilde e o seu descoñecemento do latín e o grego obrigáronlle a escribir toda a súa obra en francés.[87]

A súa inventiva levouno a deseñar algúns instrumentos cirúrxicos, e incluso deseñou algunhas próteses ou membros artificiais para algúns dos seus pacientes amputados.

Cómpre sinalar o seu estudo sobre os siameses, ou a súa refutación do emprego das pedras de bezoar como antídotos universais. Boa parte da súa obra é un compendio de análises e refutación de costumes, tradicións ou supersticións médicas, sen fundamento científico ningún nin tampouco ningunha utilidade real.[88]

Dis que atar os vasos sanguíneos despois dunha amputación é un método novo e que, por tanto, non debe aplicarse. Mal argumento para un médico.

Os barbeiros[editar | editar a fonte]

Xa desde o século XIII a categoría dos cirurxiáns franceses viña incrementándose e facéndose visíbel mediante a autoridade para vestir a toga longa e realizar cirurxía maior. Ao longo dos seguintes séculos comeza a empregarse o termo de "barbeiro" para referirse a un gremio de "prácticos", non médicos, descoñecedores do latín e cuxo campo de actuación limitábase a intervencións menores, como flebotomías, extracción de pezas dentarias ou curación de pequenas feridas. En Francia, os éxitos da cirurxía durante o Renacemento levarían á desaparición das diferenzas de clase entre os médicos e os cirurxiáns.

Non obstante, os barbeiros seguirían realizando a súa función social libremente durante moito tempo, até a fundación da Académie Royale de Chirurgie en 1731, dirixida nos seus inicios polo cirurxián Jean Louis Petit, quen perfeccionou o torniquete), e a promulgación da ordenanza de Lois XV prohibindo aos barbeiros o exercicio da cirurxía.

En Inglaterra, non obstante, os internistas van gañando forza ao longo do século XV, conseguindo fundar o Real Colexio de Médicos, igualando os cirurxiáns cos barbeiros, e obrigándoos a seren regulados baixo idéntica norma que os pasteleiros ou os notarios. En 1540 o parlamento autoriza a creación da Compañía de cirurxiáns-barbeiros, pero haberá de ser Thomas Vicary, cirurxián encargado de curar con éxito unha ferida da perna de Henrique VIII, quen consiga de mans do rei a carta de dereitos do gremio de cirurxiáns.[89]

Os barbeiros na arte renacentista
Sutura dunha ferida menor nunha barbaría.
Gerrit Ludens, 1622-1683
Extracción dentaria.
Johann Liss, 1616.
Intervención podolóxica.
David Teniers, 1663.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Século XVII[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento das ciencias físicas e biolóxicas que se produce a partir do Renacemento supón o definitivo empuxón para a cirurxía como disciplina médica con suficiente entidade propia.

Ilustración do libro de Lorenz Heister Institutiones chirurgicae, in quibus quicquid ad rem chirurgicam pertinet optima et novissima ratione pertractatur.

Comezan a proliferar multitude de médicos e cirurxiáns notábeis, moitos deles especializados xa en campos concretos.

Aparece a especialidade da traumatoloxía, denominada nas súas orixes álxebra, facendo referencia con iso á manipulación de fracturas e luxacións.

Fernando de Mena, cirurxián español e médico persoal de Filipe II propón que:

Non se admitise a exame a ningún cirurxián que non dese conta da álxebra, para que, usándoa os mesmos cirurxiáns e examinándose dela, acabasen cos concertadores que por aí andan sen entender a anatomía dos ósos.[90]

En Europa central distribúese con éxito un libro titulado Institutiones chirurgicae, in quibus quicquid ad rem chirurgicam pertinet optima et novissima ratione pertractatur. O seu autor é Lorenz Heister (1683-1758), cirurxián alemán que exerceu tamén en Holanda, e Inglaterra.

O século XVIII: a cirurxía ilustrada[editar | editar a fonte]

O século XVIII é o gran século dos cirurxiáns. Comenzan a adquirir un éxito profesional moi importante con gran recoñecemento social, e é cando comezan a poñerse por riba do médico en prestixio e honorarios. Durante este século aparecen os Reais Colexios de Cirurxía e comézase a dar valor ao coñecemento teórico na base da formación do cirurxián. William Cheselden, John Hunter ou Percival Pott en Inglaterra, Jean-Andre Venel en Suíza, Pedro Virgili ou Antonio de Gimbernat en España, son algúns dos nomes dunha lista interminábel de cirurxiáns destacados do século XVIII.[91]

Dominique-Jean Larrey.

De todos eles hai que destacar a Dominique-Jean Larrey (1766-1842), cirurxián de Napoleón e inventor do transporte en ambulancia, utilizado por primeira vez durante as guerras napoleónicas. Serviu nunha fragata en Terra Nova, pero as dificultades para acostumarse á vida en mar aberto levárono de regreso a París, sendo nomeado en 1790 axudante de cirurxía do Hospital dos Inválidos. Posteriormente é destinado á fronte austríaca, co exército do Rin, onde evidencia as dificultades e graves carencias do exercicio da cirurxía en combate. Deseña entón un vehículo pechado, tirado por cabalos, con espazo para un home tombado e cunha adecuada suspensión, a ambulancia voante. Este vehículo debería incorporar, segundo o seu propio informe, un médico, un oficial, un suboficial, 24 soldados e un tambor, ademais do material de vendaxe.

O seu vehículo resulta tan exitoso que en 1793 é desprazado a París coa tarefa de organizar un sistema de ambulancias voantes para todo o exército francés. Posteriormente serviría en España e en Egixto, perfeccionando as súas habilidades cirúrcicas e especialmente as técnicas de amputación. De volta a Francia, Napoleón noméao barón e cirurxián honorífico dos Chaseurs de Garde (garda persoal do emperador), aínda que seguirá cumprindo as súas tarefas de cirurxián de campaña, incluso na batalla de Waterloo, onde foi capturado polos prusiáns, pero liberado posteriormente ao ser recoñecido por un médico alemán, antigo alumno seu. No testamento de Napoleón pódese ler que lega "cen mil francos a Larrey, o home máis valioso que xamais coñecín."

Escribiu varios tratados de cirurxía (Mémoires de chirurgie militaire, Recueil de mémoires de chirurgie ou Clinique chirurgicale) e hoxe en día consérvanse na nomenclatura médica varios termos epónimos na súa honra, como enfermidade de Larrey (unha variante do tétano), signo de Larrey, operación de Larrey ou amputación de Larrey.[92]

Entre os séculos XVIII e XIX destaca en Escocia a familia dos Bell. Benjamin Bell (1749 - 1806) resumiu os coñecementos cirúrxicos até ese momento nunha enciclopedia denominada System of Surgery, e foi o primeiro en aconsellar mastectomías radicais para tratar o cancro de mama. Os seus fillos, Charles e John Bell, continuarían a tradición paterna. E a título anecdótico podemos mencionar a outro membro desta dinastía, Joseph Bell House, cirurxián que inspirou a figura de Sherlock Holmes, e de quen sir Arthur Conan Doyle chegou a afirmar que "fora o home máis notábel que xamais coñecera. É un personaxe singular, tanto de aspecto como de espírito. Delgado e de cute moura, rosto afiado e nariz ganchuda, ollos grises, penetrantes, ombros elevados e movementos bruscos[93]

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

Século XIX[editar | editar a fonte]

Maletín médico-cirúrxico do século XIX.

Durante o século XIX consúmase a integración da medicina e a cirurxía nun mesmo corpo de coñecementos e ensinanzas, o que supón o recoñecemento definitivo da especialidade cirúrxica, coa incorporación engadida da traumatoloxía ao seu ámbito de actuación.

Pero a pesar de todos estes avances producidos en séculos anteriores, a cirurxía deste século se enfrontará a varios problemas: a dor, a infección e a hemorraxia, que esquivará con tres novos descubrimentos: a anestesia, a antisepsia e a hemostase.

A derrota dos tres inimigos clásicos da cirurxía é a vitoria desta disciplina. O desenvolvemento das teorías microbianas das enfermidades infecciosas, a evolución das técnicas anestésicas ou o descubrimento dos raios X, son ferramentas fundamentais no seu impulso: o cirurxián pode traballar co doente sedado e, polo tanto, sen a rapidez que se lle requiría até ese momento, con moito maior coñecemento sobre o que se pode encontrar e con armas adecuadas para paliar as posíbeis complicacións. As taxas de mortalidade comezan a caer, e todo isto prodúcese nunha marxe de poucas décadas.

Destacan neste século cirurxiáns como:

En realidade a lista é interminábel de esténdese polas diferentes especialidades cirúrxicas (xinecoloxía, uroloxía, traumatoloxía, cirurxía dixestiva, neurocirurxía etc.).

Cirurxiáns do século XIX
W. Bowman
E. T. Kocher
T. Billroth
F. Trendelenburg
P. Broca

Século XX[editar | editar a fonte]

A cirurxía do século XX, unha vez resoltos os problemas citados, tivo un rápido desenvolvemento, no que destacan:

Século XXI[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento tecnolóxico permitiu avances transcendentais no campo da cirurxía desde as últimas décadas do século XX. Principalmente a cirurxía laparoscópica ou CirLap, que é unha técnica cirúrxica que se practica a través de pequenas escisións, usando a asistencia dun sistema óptico que permite ao equipo médico ver o campo cirúrxico dentro do paciente e actuar nel. Chámaselle a esta técnica cirurxía minimamente invasiva, xa que evitan os grandes cortes de bisturí requiridos pola cirurxía aberta ou convencional, e permiten diminuír os tempos de recuperación e as complicacións postcirúrxicas en moitas intervencións, posibilitando, polo tanto, un período postoperatorio moito máis rápido e confortábel.

Un quirófano no ano 2007.

Existen procedementos como a colecistectomía, onde o beneficio cirúrxico non xustifica grandes incisións, pero hai outros como a operación de Whipple (pancreatoduodenectomía), onde unha incisión grande é irrelevante, respecto ao procedemento en si, polo menos na actualidade.

Unha CirLap electiva pode e debe converterse en aberta cando o tempo recomendado e os achados dificulten a súa realización (e o persistir poña en perigo ao paciente, por sangrado, lesión doutros órganos etc.); e admítese universalmente que a conversión non se considera un fracaso, senón unha aplicación do criterio de seguridade, ante o que non se debe vacilar en tomar a decisión.

Outra situación ocorre cando, na hernioplastía inguinal, o tamaño da incisión estándar e a habitual pericia do cirurxián, son superiores ao custo que representa a técnica laparoscópica e a súa posta en funcionamento, que é moi alto respecto á cirurxía aberta tradicional, e só se reserva esta para as situacións de recidiva recorrente.

A telemedicina ou a robótica dotaron tamén de novas ferramentas aos cirurxiáns, permitindo o desenvolvemento de intervencións a distancia, ou cun nivel de precisión moi superior ao ollo humano. Por outra parte, a aparición de novas técnicas de detección de imaxe, como as de ecografía, endoscopia, RMN ou PET, entre outras, posibilitaron o desenvolvemento de intervencións selectivas moito menos agresivas e máis seguras.

Protagonistas e acontecementos contemporáneos máis destacados[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. W. J. Bishop, W. J. (1960): The early history of Surgery. Londres: Hale
  2. A profesión médica considerábase superior, mentres que o cirurxián era practicamente un simple artesán.
  3. En 1163, no concilio de Tours, a Igrexa decreta: Ecclesia abhorret a sanguine Pratique médicale et identité culturelle Arquivado 24 de outubro de 2007 en Wayback Machine., Informe da Comisión Nacional Permanente adoptada con ocasión da Reunión do Consello Nacional dos Colexios médicos de Francia de 18 de xuño de 2005.
  4. María Tareixa morreu bruscamente, o 30 de xullo de 1683, en Versalles, a consecuencia dun tumor benigno na axila do brazo esquerdo mal coidado. O absceso, violáceo e purulento, foi combatido en van cunha sangría e un emplasto húmido, e derivou en septicemia. Véxase: Rorive, Jean Pierre (2005): Petites histoires des grands de France. Jourdan Editeur.
  5. Oficial de xustiza.
  6. Agelarakis, A. (2006): "Early Evidence of Cranial Surgical Intervention in Abdera, Greece, A Nexus to On Head Wounds of the Hippocratic Corpus". Mediterranean Archaeology & Archaeometry, Vol.6, Nº 1, páxs. 5-18.
  7. Agelarakis, A. (2006): "Artful Surgery: Greek Archaeologists Discover Evidence of a Skilled Surgeon Who Practiced Centuries Before Hippocrates", Archaeology, Vol. 59/2, páxs. 26-29.
  8. Ralph Solecki, Rose Solecki and Anagnostis Agelarakis (2004): The Proto-Neolithic Cemetery in Shanidar Cave. Texas. A&M University Press, College Station.
  9. Henschen, Folke (1995): The human skull. A cultural history. New York: Praeger
  10. Brothwell, D. R. (1963): Digging up Bones.
  11. Nun estudo feito por Muñiz e Mc Gree encontraron 250 de 400 cranios con evidencias de supervivencia tras a trepanación. Dato tirado de: Manuel Antonio Muñiz, Manuel Antonio, e W. J. Mc. Gree: La tribu Yanto en el Perú.
  12. Cruzeby, E. (1996): "Surgery at the origins of agriculture: the case of central Europe", in Anthropologie.
  13. Buquet-Marcon & al. (2009): "A possible Early Neolithic amputation at Buthiers-Boulancourt (Seine-et-Marne), France", in Antiquity.
  14. Russell M. Lawson, (director), Science in the ancient world - An Encyclopedia, ABC-CLIO, 2004, páx. 149. (en inglés)
  15. André Pichot (1991): La Naissance de la science. Tome 1 : Mésopotamie, Égypte. París: Gallimard.
  16. Contrato sumerio concernente á venda dun campo e dunha casa. Shuruppak, v. 2600 a.C., inscrición precuneiforme. Museo do Louvre, París, Departamento de Antigüidades Orientais.
  17. André Pichot, Op. cit. páx.75: Sería necesaria a invención do sistema métrico para encontrar algo equivalente.
  18. André Pichot, Op cit., páx. 81: por exemplo, unha táboa de multiplicación por 25 proveniente de Susa e datada no II milenio a.C.
  19. André Pichot, Op. cit. páx. 110-111, menciona táboas nas que os sumerios anticiparon os teoremas fundamentais de Tales e Pitágoras, na xeometría do triángulo.
  20. Foron os que describiron e nomearon as que constitúen o Zodíaco.
  21. Algúns exemplos: 215. "Se un médico tratou a un home dunha enfermidade grave e o cura, ou abre unha inchazón cun coitelo e salva o ollo do paciente, recibirá dez siclos de ouro". 216. "Se o paciente é un home libre, o pagamento será de cinco siclos". 217. "Se é un escravo, o dono pagará dous siclos". 218. "Se trata un home libre e lle causa unha ferida mortal, ou se abriu un absceso e o home libre queda cego, cortaránselle as mans". 219. "Se un médico causa unha ferida grave cun bisturí ao escravo dun home libre e o mata, o médico debe substituír o escravo por outro".
  22. André Pichot, Op. cit., páx. 169: Comparativamente ás disciplinas expostas antes, a medicina ten aquí de particular que xorde máis da técnica (é dicir, da arte) que a ciencia propiamente dita, polo menos no que atinxe ás súas formas primitivas.
  23. Kramer, Samuel Noah (1975): La historia empieza en Sumer. Círculo de lectores.
  24. Código de Hammurabi.
  25. Stone age man used dentist drill. BBC News (en inglés)
  26. Haeger, Knutt (1993): Historia de la cirugía. Editorial Raíces.
  27. Rana, R. E. & Arora, B. S. (2002): History of plastic surgery in India (en inglés).
  28. Laín Entralgo, P (1982): Historia de la Medicina. Barcelona: Salvat.
  29. Coreit, J. et al. (1992): "Estilos de vida. Un concepto emerxente en las ciencias sociomédicas". Revista Clínica y Salud, ano III, vol. 3, nº 3.
  30. Laín Entralgo, Pedro (1988): "¿Qué es la salud?". Revista Jano, nº 35.
  31. Sherer, Adina; Epstein, Fred; & Constantini, Shlomi (2004): "Hua Tuo, patron of surgeons, or how the surgeon lost his head!". In Surgical Neurology, 61, 5, páxs. 497-498.
  32. Kahan B. D. (1988): "Pien Ch'iao, the legendary exchange of hearts, traditional Chinese medicine, and the modern era of cyclosporine". In Transplant Proc. Apr; 20 (2 Suppl 2), páxs.2-12.
  33. Graham, A. C. (1961): "The Date and Composition of Liehtzyy." In Asia Major 8, páxs. 139-198.
  34. Andrade Valderrama, E. (1987): "La cirugía en la América precolombina". In Cirugía, II, páx. 117.
  35. Rodríguez-Paz C. A. (2005): "Cronología del trauma en México". In Revista Trauma, volume 8, páxs 10-13.
  36. Cultura posterior á minoica, sucesora dela e precursora da grega.
  37. Esculapio, en latín Aesculapius, é a adaptación a esta lingua do Asclepio grego ᾿Ασκληπιός (Asklēpiós), o deus da medicina e da curación da mitoloxía grecorromana. Non formaba parte do panteón das divindades olímpicas, pero acabou por converterse nun dos deuses máis populares do mundo antigo, tanto que Apuleio dixo del: Aesculapius ubique (Esculapio por todas partes).
  38. Díaz Gonzáles, Joaquín (1974): Historia de la medicina en la antigüedad. Mérida: ULA. Ediciones del rectorado, 3ª ed.
  39. Hart, Gerald David (2000): Asclepius: the god of medicine. History of Medicine Series. London: Royal Society of Medicine Press.
  40. Esta maneira de ver as cousas non variaría, substancialmente, até mediados do século XVII, data na que, grazas ás figuras de Francis Bacon e René Descartes, os fundamentos experimentais, que son a base da ciencia, chegan a ser filosoficamente respectábeis.
  41. LLoyd. G. E. R. (1970): Early Greek science. Thales to Aristotle, Londres: Chatto & Windus. Trad. fr. (1974): Les débuts de la science grecque. De Thalès à Aristote, Paris: Maspero.
  42. Do grego clásico φύσις (phýsis, 'natureza'), e λόγος (lógos, 'palabra', 'expresión', 'razoamento').
  43. Hipócrates (1993): Tratados Hipocráticos VII. Tratados Quirúrgicos. Sobre Heridas en la Cabeza. Madrid: Editorial Gredos. Biblioteca Clásica Gredos.
  44. Raymond Chevallier (1993): Sciences et techniques à Rome. PUF, col. "Que sais-je?": Paris, páx. 75
  45. Véxase L. Couloubaritsis (2000): La Physique d'Aristote: l'avènement de la science physique. París: Vrin, 2ª ed.
  46. García Font, Juan(1974): Historia de la ciencia. Barcelona: Danae.
  47. Ambleb, Henry: History of dental prosthesis. En Koch: History of dental surgery. National art. Publ. Co. Akron. Ohis, 1909.
  48. Jackson, R. (1988): Doctor and diseases in the Roman Empire. London: British Museum Press.
  49. Haggard, Howard (1962): El médico en la historia. Buenos Aires: Editorial Sudamericana.
  50. . Areteo de Capadocia (1982): Obra Médica. Editorial Akal.
  51. Therodorides, Jean (1984): "Rabies in Byzantine Medicine", Dumbarton Oaks Papers, Vol. 38, Symposium on Byzantine Medicine (1984), páxs. 149-158
  52. Historia de la Ginecología. Salvat Editores, S.A., Barcelona, 1948
  53. A convención histórica determinou que o Imperio Romano de Occidente acabou o 4 de setembro de 476, cando Odoacro depuxo a Rómulo Augústulo. Pero na práctica este asunto aínda é unha cuestión en debate. Porque Xulio Nepote reivindicou para si o titulo de Emperador Romano de Occidente, gobernando a provincia de Dalmacia, e foi recoñecido como tal polo emperador Bizantino Zenón I e por Siagrio, que conseguira manter un enclave romano no norte da Galia (coñecido como Reino de Siagrio). Odoacro autoproclamouse gobernador de Italia e comezou a negociar con Zenón. Este concedeulle a Odoacro o status de patricio como unha forma de recoñecemento da súa autoridade, e aceptouno como o seu vicerrei en Italia. Pero ao tempo insistiu en que Odoacro prestase honras a Nepote como emperador occidental. Odoacro aceptou as condicións e até emitiu moedas co nome de Nepote en Italia. Pero iso foi, porén, só un xesto político baleiro, xa que Odoacro nunca devolveu a Xulio Nepote ningún poder político ou calquera territorio. Nepote despois foi morto, en 480, e Odoacro rapidamente invadiu e conquistou Dalmacia.
  54. Certas obras dos mecánicos de Alexandría, como o libro dos aparellos pneumáticos de Filón de Bizancio, non se coñecen hoxe máis que por medio da civilización islámica.
  55. . Hamarneh, S. K. (1962): "Development of Hospitals in Islam". J History of Med and Allied Sciences.
  56. Browne, E. G. (1921): Arabian Medicine. Cambridge, páxs. 44-53.
  57. El primer gran cirujano; Abulcasis Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en castelán)
  58. Ahmad, Z. (St Thomas' Hospital) (2007). "Al-Zahrawi - The Father of Surgery". ANZ Journal of Surgery 77 (Supl. 1): A83. doi:10.1111/j.1445-2197.2007.04130_8.x.  (en inglés)
  59. Levey, M. (1973): Early Arabic Pharmacology. Leiden: E. J. Brill.
  60. Martín-Araguz, A.; Bustamante-Martínez, C.; Ajo, V.; Fernández-Armayor, J. Moreno-Martínez, M. (2002): "Neurocirugía en al-Andalus y su influencia en la medicina escolástica medieval". Revista de neurología 34 (9), páxs. 877-892.
  61. Khaled al-Hadidi (1978), "The Role of Muslem Scholars in Oto-rhino-Laryngology", The Egyptian Journal of O.R.L. 4 (1), páxs. 1-15. Véxase "Ear, Nose and Throat Medical Practice in Muslim Heritage", Foundation for Science Technology and Civilization Arquivado 01 de outubro de 2011 en Wayback Machine. (en inglés)
  62. A. I. Makki. "Needles & Pins", AlShindagah 68, January–February 2006.
  63. Ingrid Hehmeyer and Aliya Khan (2007). "Islam's forgotten contributions to medical science", Canadian Medical Association Journal 176 (10).
  64. Assisted delivery has walked a long and winding road, OBG Management, Vol. 19, No. 6, June 2007, p. 84.
  65. Rabie E. Abdel-Halim, Ali S. Altwaijiri, Salah R. Elfaqih, Ahmad H. Mitwall (2003), "Extraction of urinary bladder described by Abul-Qasim Khalaf Alzahrawi (Albucasis) (325-404 H, 930-1013 AD)", Saudi Medical Journal 24 (12): 1283-1291 [1289].
  66. Anatomy of Liver, Spleen, and Abdomen, their Diseases and Treatament in the Kitab al-Taysir by Ibn Zuhr (Avenzoar) Arquivado 05 de decembro de 2011 en Wayback Machine., polos doutores Carmen Pena e Amador Diaz. Iclúe a biografía sucinta de Avenzoar. (en inglés)
  67. "Ibn Zuhr (Avenzoar), 1091-1161 C.E". 
  68. Jean Théodoridès, Les Sciences biologiques et médicales à Byzance, Centre national de la recherche scientifique, Centre de documentation Sciences humaines, 1977, Paris.
  69. Véxase: Philosophie et sciences à Byzance de 1204 à 1453 par Michel Cacouros et Marie-Hélène Congourdeau [1] Consultábel en liña. (en francés)
  70. "A escura Idade Media; período de decadencia e estancamento; Das Abendland; eclipse da cirurxía; séculos de ignorancia: estas son algunhas das expresións con que os historiadores describiron a medicina medieval, desde a caída do Imperio Romano até o Renacemento. Non é fácil determinar as causas deste estancamento, por non dicir dexeneración, da medicina (en realidade, de todas as manifestacións do pensamento científico ou da práctica empírica). Unha delas foi a influencia de Galeno, a cuxos erros en anatomía e fisioloxía se prestou moita máis atención que á experiencia e ao sentido común. Outra causa de decadencia foi a Igrexa. Cando Europa se dividiu en innumerábeis territorios feudais en guerra case continua, a Igrexa mantívose como único punto de referencia nun mundo inseguro. A organización eclesiástica fortaleceuse e, para afirmar o seu poder sobre as almas, esmagou calquera indicio de oposición ou dúbida en relación co dogma. Como é natural, o escepticismo era común entre os científicos da natureza e os médicos, que vían desmentida tanta perfección polas súas observacións empíricas. O pensamento creativo non estaba precisamente ben visto e, en moitos casos, condenouse e perseguiuse como herexía. A consecuencia foi a volta á medicina relixiosa. Operar tiña pouco sentido, xa que a curación dependía da vontade de Deus. A iso sumáronse a estrita prohibición da autopsia e a falta completa de hixiene. Houbo quen foi santificado só por rezar continuamente e non lavarse nunca". Extraído do libro de Haeger, Knut (1993): Historia de la cirugía. Ed. Raíces. ISBN 84-86115-30-2. San Bernardo declara que os monxes que tomaran remedios eran culpábeis dunha conduta impropia cara á relixión. O Concilio Laterano (nos comezos do século XIII) prohibe aos médicos, baixo pena de excluílos da Igrexa, realizar tratamentos médicos sen solicitar consello eclesiástico. O Papa Pío V no só ordenou que todos os médicos, antes de administrar un tratamento deban solicitar "un médico da alma", aducindo que, segundo declara, "el padecemento físico xorde con frecuencia do pecado", senón que ordenou que, se ao cabo de tres días o paciente non realizara unha confesión a un cura, o médico debería cesar o seu tratamento, so pena de ser privado do seu dereito á práctica, e de expulsión da facultade se fora profesor, e que cada médico e profesor de medicina debería declarar baixo xuramento de que el estaba cumprindo estritamente con estas condicións. No século X, Gerbert, coñecido tempo despois como o Papa Silvestre II, foi sospeitoso unha vez de feitizaría cando mostrou disposición para adoptar métodos científicos; no século XI esta acusación case lle custa a vida a Constantino Africanus cando quixo deter o asedio cara á medicina; no século XIII, deparoulle a Roger Bacon, un dos máis grandes benfeitores da humanidade, moitos aos de prisión, e case o leva á fogueira: estes casos son típicos, como moitos outros. A enorme crenza nas curas mediante os milagres e o fetichismo dentro da Igrexa continuou século tras século, e aquí xace probabelmente a causa principal da hostilidade entre a Igrexa por un lado e a mellor clase de médicos, polo outro; concretamente, no feito de que a Igrexa se considerara en posesión de algo moito mellor que os métodos científicos da medicina. Ao ir prevalecendo esta crenza, desenvolveuse cada vez máis dentro do puro fetichismo, unha veneración cara ás reliquias dos mártires cristiáns. Extraído de: La Condena del Cristianismo a la Medicina, Andrew Dickson White, LL. D. (Yale), L.H.D. (Columbia), PH.DR. (Jena)
  71. Prava autem consuetudo, prout accepimus, et detestabilis inolevit; quoniam monachi et regulares canonici post susceptum habitum et professionem factam, spreta bonorum magistrorum benedicti et Augustini regula, leges temporales et medicinam gratia lucri temporalis addiscunt. Actas do Concilio de Clermont Arquivado 21 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine.
  72. O termo "lei" é, porén, anacrónico; na época do nacemento das primeiras grandes universidades de occidente, a palabra "lei" tiña un significado exclusivamente xurídico.
  73. Christophe Grellard (editor), Méthode et statut des sciences à la fin du Moyen Âge, Presses Universitaires du Septentrion, 2004, páxs. 8-9.
  74. Lindberg, David C. (2002): Los inicios de la ciencia occidental. Barcelona: Paidós, capítulo 13.
  75. Constantini liber de coitu, Tratado de androloxía de Constantino el africano. Monografías de la Universidad de Santiago de Compostela, 1983.
  76. Leonard D. Rosenman, La cirugía de Roger Frugard, 2002.
  77. Guerra, Francisco (1089): Historia de la Medicina I. Madrid: Ediciones Norma S.A., páx. 221.
  78. Ballesteros Massó, R.; Gómez Barrena, E; Delgado Martínez, A. D.: Historia de la Traumatología y Cirugía Ortopédica.
  79. Ungüento do século XI así chamado por conter doce ingredientes
  80. South, John Flin (1886): Memorials of the Craft of Surgery in England Cassell & Co. Ltd [2]
  81. Clendening, Logan (1960): Source book of medical history [3] Courier Dover. ISBN0 486206211
  82. Zimmerman, Leo (2003): Great ideas in the history of surgery [4] Norman Publishing. ISBN 0-930405-53-6
  83. Singer, Ch. & Long, E. R. (1954): The Hidden Causes of Disease by Antonio Benivieni De abditis morborum causis. Springfield: Ch. Thomas Pub.
  84. Debido a estas prácticas, aínda prohibidas, este médico tivo que peregrinar a Xerusalén tras serlle conmutada polo rei a pena de morte pola penitencia da peregrinación, debido á disección que realizou a un mozo noble español, co descubrimento, ao abrirlle o peito, de que o corazón aínda latexaba.
  85. Chéreau, A. (12885): "Ambroise Paré", en Amédée Dechambre (dir.), Dictionnaire encyclopédique des sciences médicales. 2ª serie. Tomo 21 (Par-Pea), París: G. Masson, P. Asselin, páxs. 127-136. En liña en: l'Encyclopédie de l'Agora. (en francés)
  86. Debus, A. G. (1993): Paracelsus, Five Hundred Years. Paracelsus and the medical revolution of the Renaissance. Hahnemann University Library, National Library of Medicine. Bethesda, Maryland. [5] (en inglés)
  87. Singer, D. W. (1824): Selections from the works of Ambroise Pare. London: John Bale.
  88. Hamby, W. B. (1967): Ambroise Pare surgeon of Renaissance. St Louis: Green.
  89. O momento da entrega de dita carta represéntase nun gran mural de Hans Holbein o Mozo que puede admirarse no vestíbulo do Hospital de San Bartolomeu, en Londres.
  90. Extraído de: García del Real, Eduardo (1921): Historia de la medicina en España. Editorial Reus.
  91. Laín Entralgo, P. (1963): Historia de la medicina moderna y contemporánea. 2ª ed. Madrid: Editorial Científico-técnica.
  92. de la Garza Villaseñor, L. (2004): "Dominique Jean Larrey. La cirugía militar de la Francia revolucionaria y el Primer Imperio". Cirujano General, 26 (1), páxs. 59-66.
  93. John Dickson Carr. The Life of Sir Arthur Conan Doyle, Vintage Books, 1975. ISBN 0-394-71608-6.
  94. Hospital de Clínicas Caracas. "HISTORIA DE LA ANESTESIA". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Díaz Gonzáles, Joaquín (1974): Historia de la medicina en la antigüedad. Mérida: ULA. Ediciones del rectorado.
  • Haeger, Knut (1993): Historia ilustrada de la cirugía. Ed. Raices ISBN 84-86115-30-2
  • Laín Entralgo, Pedro (1982): Historia de la Medicina. Barcelona: Salvat ISBN 84-345-1418-4
  • Laín Entralgo, Pedro (1963): Historia de la medicina moderna y contemporánea. 2ª ed. Madrid: Editorial Científico-técnica.
  • Lindberg, David C. (2002): Los inicios de la ciencia occidental. Barcelona: Paidós ISBN 84-493-1293-0
  • Vaquero Puerta, Carlos (2006): Contribución histórica de Alexis Carrel a la cirugía experimental. Ed. Vaquero Puerta, Carlos ISBN 978-84-611-3400-7

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]