Aparato circulatorio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Aparato circulatorio
Circulatory System es.svg
Sistema circulatorio humano. O vermello indica sangue arterial, o azul sinala o sangue venoso
Grafik blutkreislauf.jpg
Esquema do sistema cardiovascular, mostrando as principais arterias (en vermello) e veas (en azul) para a circulación sanguínea
Latín systema cardiovasculare

O aparello circulatorio é a estrutura anatómica que comprende conxuntamente tanto ó sistema cardiovascular que conduce e fai circular o sangue (torrente sanguíneo), como ó sistema linfático que conduce a linfa.

Tipos de sistemas circulatorios[editar | editar a fonte]

Existen dous tipos de sistemas circulatorios:

Sistema circulatorio pechado: consiste nunha serie de vasos sanguíneos polos que, sen saír deles, viaxa o sangue. O material transportado polo sangue chega ós tecidos a través de difusión. É característico de anélidos, moluscos cefalópodos e vertebrados.

Sistema circulatorio aberto: o sangue bombeado polo corazón viaxa a través de vasos sanguíneos, co que o sangue irriga directamente as células, regresando logo por distintos mecanismos. Este tipo de sistema preséntase nos artrópodos e nos moluscos non cefalópodos.

Sistema cardiovascular nos humanos[editar | editar a fonte]

División en circuítos[editar | editar a fonte]

No organismo humano hai dous tipos de circulación:

  • Circulación maior, somática ou xeral: o percorrido do sangue comeza no ventrículo esquerdo do corazón, cargado de osíxeno, e esténdese pola arteria aorta e as súas ramas arteriais ata o sistema capilar, onde se forman as veas que conteñen sangue pobre en osíxeno. Desembocan nunha das dúas veas cavas (superior e inferior) que drenan na aurícula dereita do corazón.
  • Circulación menor, pulmonar ou central: o sangue pobre en osíxeno parte desde o ventrículo dereito do corazón pola arteria pulmonar que se bifurca en cadanseu tronco para cada un de ambos pulmóns. Nos capilares alveolares pulmonares o sangue osixénase a través dun proceso coñecido como hematose e recondúcese polas catro veas pulmonares que drenan o sangue rico en osíxeno, na aurícula esquerda do corazón.
  • Circulación portal: é un subtipo da circulación xeral orixinado de veas procedentes dun sistema capilar, que volve formar capilares no fígado, ó final do seu traxecto. Existen dous sistemas porta no corpo humano:
  1. Sistema porta hepático: as veas orixinadas nos capilares do tracto dixestivo desde o estómago ata o recto que transportan os produtos da dixestión, transfórmanse de novo en capilares nos sinusoides hepáticos do fígado, para formar de novo veas que desembocan na circulación sistémica a través das veas suprahepáticas á vea cava inferior.
  2. Sistema porta hipofisario: a arteria hipofisaria superior, procedente da carótide interna, remifícase nunha primeira rede de capilares situados na eminencia media. Destes capilares fórmanse as veas hipofisarias que descenden polo talo hipofisario e orixinan unha segunda rede de capilares na adenohipófise que drenan na vea xugular interna.

Circulación sanguínea noutros vertebrados[editar | editar a fonte]

Circulación en peixes[editar | editar a fonte]

Nos peixes, o corazón atópase en posición ventral, por baixo da farinxe e preto das branquias. A súa disposición é lineal e consta de catro cámaras (seo venoso, aurícula, ventrículo e cono arterial ou aórtico) comunicadas por válvulas que impiden o retroceso do sangue.

A arteria branquial leva o sangue ás branquias para a súa oxigenación. Xa que logo, a circulación nestes animais é simple e completa; é dicir, só existe un circuíto e non haberá mestura de sangues.

Circulación en anfibios[editar | editar a fonte]

Nos primeiros vertebrados pulmonados (anfibios e réptiles non crocodilianos) o corazón está en posición torácica e aparece unha circulación dobre, xa que existe un circuíto menor ou pulmonar, que leva o sangue venosa ós pulmóns e trae de volta ó corazón o sangue arterial desde aqueles, e o circuíto maior ou xeral, que leva o sangue arterial ó resto do corpo e trae de volta o sangue venoso ó corazón.

Nestes animais o corazón ten tres cavidades: dúas aurículas (dereita e esquerda) e un único ventrículo moi musculoso. A aurícula dereita recibe o sangue venoso procedente do resto do corpo, e mándaa ó ventrículo para que este a bombee ós pulmóns a través da arteria pulmonar. A aurícula esquerda recibe o sangue arterial procedente dos pulmóns, mándaa ó ventrículo e este bombéaa ó resto do corpo a través da aorta. Entre as dúas arterias existe un pequeno tubo chamado conduto de Botal. As aurículas contráense de forma sucesiva, polo que a mestura de sangues no ventrículo é escasa. De todos os xeitos, a circulación dobre será incompleta.

Circulación en réptiles[editar | editar a fonte]

Nos réptiles crocodilianos xa existe unha división completa do ventrículo en dous compartimentos (dereito e esquerdo). Xa que logo, o corazón xa é tetracameral e ten dous caxatos aórticos: o esquerdo que sae do ventrículo dereito e leva sangue venoso, e o dereito que sae do ventrículo esquerdo e leva sangue arterial. Prodúcese unha pequenísima mestura de sangue na aorta descendente. Deste xeito, considérase que a circulación é dobre e completa (aínda que non totalmente).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]