Nínive

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mesopotamia
ÉufratesTigris
Cidades / Imperios
Sumeria: UrukUrEridu
KishLagashNippur
Imperio Acadio: Agadé
BabiloniaIsínLarsaSusa
Asiria: AsurNínive
NuziNimrud
Imperio BabilónicoCaldea
ElamAmorreos
MitanniCasitas
Cronoloxía
Reis sumerios
Reis de Asiria
Reis de Babilonia
Lingua
Escritura cuneiforme
Lingua sumeriaAcadio
Elamita
Mitoloxía
GilgameshMarduk

Nínive (en acadio: Ninu(w)a, en arameo: ܢܝܢܘܐ ou נינוה, Nīnwē, A que sobrepasa as grandes cidades, como é chamada no Libro de Xonás.) era unha importante cidade asiria, próxima á actual Mosul en Iraq. Descrita no Libro de Xonás como "cidade grande excesivamente", atópase na beira oriental do Tigris, ao longo do cal se estende durante 50 quilómetros, cun ancho medio de 20 quilómetros ou máis desde o río ata os outeiros do leste. Toda esta extensa área é agora unha inmensa zona de ruínas.

Situada na confluencia entre o río Tigris e o Khosr, Nínive era un importante punto de paso das rutas comerciais que cruzaban o Tigris. Ocupaba unha posición central nas rutas entre o Mediterráneo e o Índico, unindo así o leste e o oeste, recibindo influencias e riqueza de moitos lugares. Chegou a se converter nunha das máis grandes cidades antigas da historia.

Historia[editar | editar a fonte]

Plano simplificado da antiga Nínive onde se amosan as murallas e a localización das portas.

Nínive é mencionada por primeira vez ao redor do ano -1800 como un templo dedicado a Ishtar, en boa parte responsábel da temperá importancia que adquiriu a cidade. Non hai demasiadas evidencias para dicir que Nínive fose construída por completo polos reis asirios durante o segundo milenio a.C. Cando Senaquerib converteu a Ninua na capital do reino a finais do século -VIII (antes foino brevemente Dur Sharrukin), esta xa era un antigo asentamento. Os nomes de monarcas posteriores como Shalmanasar I ou Tiglath-Pileser I apareceron na acrópole; ambos foron activos construtores de Assur e o primeiro deles fundou ademais Nimrud (Calah). Nínive tivo que esperar ata os neoasirios, particularmente a partir da época de Asurbanipal II en adiante, para acadar un desenvolvemento urbanístico moito maior. A partir de entón, sucesivos monarcas mantiveron e fundaron novos palacios, así como templos dedicados a Sen, Nirgal, Inanna, Shamash, Ishtar, e Nabu de Borsippa.

Foi Senaquerib o que fixo de Nínive unha cidade realmente magnífica (-700). Deseñou amplas rúas e prazas e construíu dentro do famoso "palacio sen rival", cuxo plano foi recuperado en gran parte, duns 210 por 200 metros. Tiña unhas 80 habitacións, moitas delas repletas de esculturas en súas paredes. Gran parte das taboíñas de Nínive se atoparon aquí; algunhas das principais entradas estaban flanqueadas por touros con cabeza humana. Nese tempo o área total de Nínive ocupaba uns 7 km² e 15 grandes portas franqueaban o paso nas súas murallas. Un elaborado sistema de 18 canles levaba a auga desde os outeiros ata Nínive. Atopáronse tamén algunhas partes dun magnífico acueduto erixido polo mesmo rei en Jerwan, a uns 40 km de distancia.

O esplendor de Nínive durou pouco. Ao redor de -633 o Imperio Asirio empezou a dar mostras de debilidade e os medos atacaron Nínive. Estes volveron a atacar, esta vez xunto a Babilonia e Susa, en -625.

Nínive e os principais xacementos asirios.

En -612, novamente, babilonios e medos volvéronse a reunir para o asalto da cidade. O asedio durou 3 meses, durante os cales se empregaron todo tipo de tácticas, como desviar o curso do río Khosr ou atacar ao tempo por varios flancos para debilitar a defensa asiria. Finalmente, o ataque final produciuse polo leito xa seco do río. Nínive caeu e foi arrasada ata os cimentos. O imperio asirio chegou ao seu final, e os babilonios e medos repartíronse as súas provincias.

Despois de mandar durante máis de seis séculos cunha tiranía e violencia espantosa, desde o Cáucaso e o Caspio ata o Golfo Pérsico, e máis alá do Tigris ata Asia Menor e Exipto, a cidade desapareceu como un soño.

Posteriormente ás escavacións do século XIX, os coñecementos sobre o gran Imperio Asirio e a súa magnífica capital eran case nulos. Vagos indicios lévannos a pensar no seu poder e grandiosidade, pero definitivamente sabemos moi pouco sobre Nínive. Outras cidades xa mortas, como Palmira, Persépole ou Tebas, deixaron tras de si ruínas para marcar os seus emprazamentos e mostrar o seu antigo poder; pero da imperial Nínive incluso a súa extensión era unha mera conxectura.

Na época do historiador grego Heródoto (-400), Nínive xa era parte do pasado. E cando o historiador Xenofonte pasou polo lugar na súa Anábasis, incluso o nome da cidade fora esquecido. Desaparecera de vista, e ninguén sabía da súa importancia. Nunca máis se ergueu das súas ruínas.

Arqueoloxía[editar | editar a fonte]

Gardas de Asurbanipal, baixorrelevo do seu palacio en Ninive, c. -645, Museo do Louvre.

Na actualidade, o emprazamento de Nínive atópase sinalado por dous grandes montículos, chamados Kouyunjik e Nebi Yunus ("Profeta Xonás" ) así como polos restos da súa muralla (unha circunferencia duns 12 km). O primeiro montículo (Kouyunjik) foi explorado en profundidade. Sen embargo, no outro montículo non se fixeron demasiadas escavacións debido á presenza dun santuario musulmán dedicado ao profeta Xonás nese lugar.

No século XIX, o cónsul francés en Mosul empezou a buscar nos grandes montículos que había na outra beira do río. Os árabes que empregou neses escavacións, para a súa sorpresa, chegaron a unha edificación no montículo de Khorsabad. Investigacións posteriores do edificio demostraron que se trataba do palacio real de Sargón II, no cal se explorou en profundidade en busca de esculturas e outras reliquias.

En 1847, o mozo aventureiro británico Sir Austen Henry Layard explorou as ruínas. No montículo Kouyunjik redescubriu o palacio de Senaquerib, que tiña 71 habitacións e colosais baixorrelevos. Tamén desenterrou o palacio e a famosa biblioteca de Assurbanipal que contiña 22.000 taboíñas. O estudo da arqueoloxía de Nínive revela o poder e a gloria da antiga Asiria durante os reinados de Esarhaddon (-681 - -669) e Assurbanipal (-669-626).

Os traballos de exploración seguíronos Botta, George Smith e outros, nos montículos de Nebi Yunus, Nimrud, Kouyunjik e Khorsabad, e numerosos obxectos asirios foron exhumados e trasladados a museos europeos. Descubríronse multitude de palacios, coas súas decoracións e lousas esculpidas, revelando a vida e costumes deste antigo pobo, as súas formas de guerra e paz, de relixión, o estilo da súa arquitectura e a grandeza dos seus monarcas. Exploráronse as rúas da cidade e descifráronse as inscricións nos ladrillos, taboíñas e figuras esculpidas. Con iso, os segredos da súa historia puideron ser revelados.

O máis importante das recentes descubrimentos é a biblioteca de Assurbanipal. Contiña unhas dez mil taboíñas en cuneiforme nas que se describía a historia, leis e relixión de Asiria. Isto fai que sexa un dos maiores tesouros da literatura do mundo antigo. A biblioteca contiña tamén antigos documentos acadios, que son os documentos existentes máis antigos xamais atopados, probabelmente da época de Sargón de Acad.

Nalgunhas das taboíñas facíase mención ao posíbel uso de algo similar ao Parafuso de Arquimedes para elevar a auga, xunto a outras taboíñas que falaban de xardíns. Iso trae a hipótese de Nínive como un posíbel emprazamento dos míticos Xardíns colgantes de Babilonia.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]