Xuramento hipocrático

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manuscrito bizantino do século XI no que escrito o xuramento hipocrático en forma de xiringa. Biblioteca Vaticana.

O xuramento hipocrático é un xuramento público que fan os que van empezar as súas prácticas con pacientes ou se gradúan en medicina, enfermaría, odontoloxía e outras persoas da área da saúde. Faise ante outros médicos, doutores, e ante a comunidade. O seu contido é carácter ético, para orientar a práctica do oficio.

Durante case dous mil anos a medicina occidental e árabe estivo dominada teoricamente por unha tradición que, remontándose ao médico grego Hipócrates (século V a.C.), adoptou a su forma definitiva da man de Galeno, un grego que exerceu a medicina na Roma imperial no século II. Segundo a tradición, foi redactado por Hipócrates ou por un discípulo seu. O certo é que forma parte do corpus hipocraticum, e pénsase que puido ser obra dos pitagóricos.

Segundo Galeno, Hipócrates creou o xuramento cando empezou a instruír, apartándose da tradición dos médicos de oficio, a aprendices que non eran da súa propia familia.

No período clásico da civilización grega sobresaiu a arte de curar. Aínda que seguía contemplando principios relixiosos, a curación xa non estaba orientada pola maxia, senón polo clínico. Nesta época redactouse o primeiro escrito ético relacionado co compromiso que asumía a persoa que decidía curar ao próximo: o compromiso do médico era actuar sempre en beneficio do ser humano, e nunca prexudicalo.

Os escritos de Galeno foron o fundamento da instrución médica e da práctica do oficio até finais do século XIX. A partir do Renacemento, época caracterizada pola veneración da cultura grecolatina, o xuramento empezou a usarse nalgunhas escolas médicas, e este costume foise ampliando despois a moitos países, aínda que é completamente ignorada en moitos.

A pesar de que só teña na actualidade un valor histórico e tradicional, alí onde se pronuncia, o tomalo está considerado como un rito de iniciación despois da graduación, e previo ao ingreso á práctica profesional da medicina.

O contido do xuramento adaptouse moitas veces ás circunstancias e conceptos éticos dominantes de cada sociedade. O xuramento hipocrático actualizouse pola Declaración de Xenebra de 1948. Tamén existe unha versión, moi utilizada actualmente en facultades de Medicina de países anglosaxóns, redactada en 1964 polo doutor Louis Lasagna.

Texto do xuramento hipocrático clásico[editar | editar a fonte]

Xuro por Apolo, médico, por Esculapio, Hixia e Panacea e poño por testemuñas a todos os deuses e deusas, que hei de observar o seguinte xuramento, que me obrigo a cumprir en canto ofrezo, poñendo en tal empeño todas as miñas forzas e a miña intelixencia.

Tributarei ao meu mestre de medicina o mesmo respecto que aos autores dos meus días, compartirei con eles a miña fortuna e socorrereinos se o necesitasen; tratarei aos seus fillos como aos meus irmáns e, se queren aprender a ciencia, ensinareilla desinteresadamente e sen ningún xénero de recompensa.

Instruirei con preceptos, leccións orais e demais modos de ensinanza aos meus fillos, aos do meu mestre e aos discípulos que se me unan baixo o convenio e xuramento que determine a lei médica, e a ninguén máis.

Establecerei a dieta dos enfermos da maneira que lles sexa máis proveitoso segundo as miñas facultades e o meu entender, evitando todo mal e toda inxustiza. Non accederei a pretensións que busquen a administración de velenos, nin suxerirei a ninguén cousa semellante; abstereime de aplicar ás mulleres pesarios abortivos.

Pasarei a miña vida e exercerei a miña profesión con inocencia e pureza. Non executarei cortes, deixando tal operación aos que se dedican a practicalos.

En cualquera casa onde entre, non levarei outro obxectivo que o ben dos enfermos; librareime de cometer voluntariamente faltas inxuriosas ou accións corruptoras e evitarei sobre todo a sedución de mulleres ou homes, libres ou escravos.

Gardarei secreto sobre o que escoite e vexa na sociedade por razón do meu exercicio e que non sexa indispensábel divulgar, sexa ou non do dominio da miña profesión, considerando como un deber o ser discreto en tales casos.

Se observo con fidelidade este xuramento, séxame concedido gozar felizmente a miña vida e a miña profesión, honrado sempre entre os homes; se o quebranto e son perxuro, caia sobre min a sorte contraria.

Texto orixinal grego:

Ὄμνυμι Ἀπόλλωνα ἰητρὸν, καὶ Ἀσκληπιὸν, καὶ Ὑγείαν, καὶ Πανάκειαν, καὶ θεοὺς πάντας τε καὶ πάσας, ἵστορας ποιεύμενος, ἐπιτελέα ποιήσειν κατὰ δύναμιν καὶ κρίσιν ἐμὴν ὅρκον τόνδε καὶ ξυγγραφὴν τήνδε.

Ἡγήσασθαι μὲν τὸν διδάξαντά με τὴν τέχνην ταύτην ἴσα γενέτῃσιν ἐμοῖσι, καὶ βίου κοινώσασθαι, καὶ χρεῶν χρηίζοντι μετάδοσιν ποιήσασθαι, καὶ γένος τὸ ἐξ ωὐτέου ἀδελφοῖς ἴσον ἐπικρινέειν ἄῤῥεσι, καὶ διδάξειν τὴν τέχνην ταύτην, ἢν χρηίζωσι μανθάνειν, ἄνευ μισθοῦ καὶ ξυγγραφῆς, παραγγελίης τε καὶ ἀκροήσιος καὶ τῆς λοιπῆς ἁπάσης μαθήσιος μετάδοσιν ποιήσασθαι υἱοῖσί τε ἐμοῖσι, καὶ τοῖσι τοῦ ἐμὲ διδάξαντος, καὶ μαθηταῖσι συγγεγραμμένοισί τε καὶ ὡρκισμένοις νόμῳ ἰητρικῷ, ἄλλῳ δὲ οὐδενί.

Διαιτήμασί τε χρήσομαι ἐπ' ὠφελείῃ καμνόντων κατὰ δύναμιν καὶ κρίσιν ἐμὴν, ἐπὶ δηλήσει δὲ καὶ ἀδικίῃ εἴρξειν.

Οὐ δώσω δὲ οὐδὲ φάρμακον οὐδενὶ αἰτηθεὶς θανάσιμον, οὐδὲ ὑφηγήσομαι ξυμβουλίην τοιήνδε. Ὁμοίως δὲ οὐδὲ γυναικὶ πεσσὸν φθόριον δώσω. Ἁγνῶς δὲ καὶ ὁσίως διατηρήσω βίον τὸν ἐμὸν καὶ τέχνην τὴν ἐμήν.

Οὐ τεμέω δὲ οὐδὲ μὴν λιθιῶντας, ἐκχωρήσω δὲ ἐργάτῃσιν ἀνδράσι πρήξιος τῆσδε.

Ἐς οἰκίας δὲ ὁκόσας ἂν ἐσίω, ἐσελεύσομαι ἐπ' ὠφελείῃ καμνόντων, ἐκτὸς ἐὼν πάσης ἀδικίης ἑκουσίης καὶ φθορίης, τῆς τε ἄλλης καὶ ἀφροδισίων ἔργων ἐπί τε γυναικείων σωμάτων καὶ ἀνδρῴων, ἐλευθέρων τε καὶ δούλων.

Ἃ δ' ἂν ἐν θεραπείῃ ἢ ἴδω, ἢ ἀκούσω, ἢ καὶ ἄνευ θεραπηίης κατὰ βίον ἀνθρώπων, ἃ μὴ χρή ποτε ἐκλαλέεσθαι ἔξω, σιγήσομαι, ἄῤῥητα ἡγεύμενος εἶναι τὰ τοιαῦτα.

Ὅρκον μὲν οὖν μοι τόνδε ἐπιτελέα ποιέοντι, καὶ μὴ ξυγχέοντι, εἴη ἐπαύρασθαι καὶ βίου καὶ τέχνης δοξαζομένῳ παρὰ πᾶσιν ἀνθρώποις ἐς τὸν αἰεὶ χρόνον. Παραβαίνοντι δὲ καὶ ἐπιορκοῦντι, τἀναντία τουτέων.

Uso moderno e relevancia[editar | editar a fonte]

O xuramento hipocrático modificouse varias veces, en diferentes países, ao longo da historia. Unha das revisións máis importantes é a Declaración de Xenebra, redactada por primeira vez en 1948 pola Asociación Médica Mundial; desde entónces revisouse varias veces.

Aínda que no existe ningunha obriga legal para os estudantes de medicina de facer un xuramento ao graduárense, o 98 % dos futuros médicos estadounidenses fixeron algunha forma de xuramento, contra só o 50 % dos estudantes de medicina británicos.

A gran maioría das fórmulas de xuramentos ou declaracións xuradas para os médicos foron modificadas e modernizadas. Nunha enquisa de 1989 en 126 facultades de medicina, só 3 notificaron que nelas se realizaba o xuramento orixinal, mentres que 33 utilizaran a declaración de Xenebra, 77 usaran un xuramento hipocrático modificado, 4 empregaran a oración de Maimónides, unha utilizara un pacto, 8 utilizaran outros xuramentos, unha utilizara un xuramento descoñecido e dúas non utilizaran ningún tipo de xuramento (e 7 non responderon á enquisa)

En Francia é común para os novos graduados médicos firmar un xuramento.[1] [2]

Algúns suxeriron que debería implantarse un xuramento similar para os científicos, un xuramento hipocrático para os científicos.

Versión do xuramento hipocrático da Convención de Xenebra[editar | editar a fonte]

Houbo varios intentos de adaptación do xuramento hipocrático ao longo da historia.

En 1945, redactouse un xuramento hipocrático na Convención de Xenebra, co texto seguiente:[3]

No momento de ser admitido entre os membros da profesión médica, comprométome solemnemente a consagrar a miña vida ao servizo da humanidade.

Conservarei cara aos meus mestres o respecto e o recoñercemento do que son acredores.

Desempeñarei a miña arte con conciencia e dignidade. A saúde e a vida do enfermo serán as primeiras das miñas preocupacións.

Respectarei o secreto de quen confiara en min.

Manterei, con todas as medidas do meu medio, o honor e as nobres tradicións da profesión médica. Os meus colegas serán os meus irmáns.

Non permitirei que entre o meu deber e o meu enfermo se interpoñan consideracións de relixión, nacionalidade, raza, partido ou clase.

Terei absoluto respecto pola vida humana.

Aínda baixo ameazas, non admitirei utilizar os meus coñecementos médicos contra as leis da humanidade.

Fago estas promesas solemnemente, libremente, polo meu honor.

Versión do xuramento hipocrático (ou pacto) de Louis Lasagna[editar | editar a fonte]

Unha versión do xuramento moi utilizada actualmente, sobre todo en países anglosaxóns, é a versión redactada en 1964 polo doutor Louis Lasagna, decano da Facultade de Medicina da Universidade Tufts.[4] O texto, na súa tradución galega, di así:

Prometo cumprir, na medida das miñas capacidades e do meu xuízo, este pacto.

Respectar os logros científicos que con tanto esforzo conseguiron os médicos sobre cuxos pasos camiño, e compartir gustoso estes coñecementos con aqueles que veñan detrás.

Aplicar todas as medidas necesarias para o beneficio do enfermo, buscando o equilibrio entre as trampas do sobretratamento e do nihilismo terapéutico.

Recordar que a medicina non só é ciencia, senón tamén arte, e que a calidade humana, a compasión e a comprensión poden seren máis valiosas que o bisturí do cirurxián ou o medicamento do químico.

Non me avergonzarei de dicir "no o sei", nin dubidarei en consultar aos meus colegas de profesión cando sexan necesarias as habilidades doutros para a recuperación do paciente.

Respectarei a privacidade dos meus pacientes, pois non me confían os seus problemas para que eu os desvele. Debo ter especial coidado nos asuntos sobre a vida e a morte. Se teño a oportunidade de salvar unha vida, sentireime agradecido. Pero é tamén posíbel que estea na miña man asistir a unha vida que termina; debo enfrontarme a esta enorme responsabilidade con gran humildade e conciencia da miña propia fraxilidade. Por riba de todo, non debo xogar a ser Deus.

Recordarei que non trato unha gráfica de febre ou un crecemento canceroso, senón a un ser humano doente cuxa enfermidade pode afectar á súa familia e á súa estabilidade económica. Se vou coidar de maneira adecuada aos enfermos, a miña responsabilidade inclúe estes problemas relacionados.

Intentarei previr a enfermidade sempre que poida, pois a prevención é preferíbel á curación. Recordarei que son un membro da sociedade con obrigas especiais cara aos meus conxéneres, os sans de corpo e mente así como os enfermos.

Se non violo este xuramento, poida eu gozar da vida e da arte, ser respectado mentres viva e recordado con afecto despois. Actúe eu sempre para conservar as mellores tradicións da miña profesión, e ogalllá poida experimentar a dita de curar a aqueles que busquen a miña axuda.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Kaji Sritharan, Georgina Russell, Zoe Fritz, Davina Wong, Matthew Rollin, Jake Dunning, Philip Morgan, e Catherine Sheehan (2000): "Medical oaths and declarations", BMJ, decembro de 2000.[1] Consultada o 21/09/2012
  2. "Letters". BMJ 309: 952. 1994. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC2541124/pdf/bmj00460-0068a.pdf. Consultada o 21/09/2012.
  3. Declaración de Xenebra. (Texto en castelán e inglés) Consultada o 21/09/2012.
  4. A Unicersidade Tufts (Tufts University en idioma inglés) é unha das principais universidades privadas dos Estados Unidos, que se encontra nas localidades de Medford e Somerville, preto de Boston, Massachusetts.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Farnell, Lewis Richard (2004): Greek Hero Cults and Ideas of Immortality. Kessinger Publishing ISBN 141792134X

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]