Faraón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denomínase Faraón á máxima autoridade política do Antigo Exipto. O primeiro foi Narmer, denominado Menes segundo Manetón, quen gobernou cara ao ano 3100 a.C., e a última foi Cleopatra VII, de ascendencia helénica, reinando do ano 51 ao 30 a.C.

Orixe[editar | editar a fonte]

Faraón deriva da palabra exipcia Per-aa

O1
O29

, que significa "casa grande".

Per-aa era o nome da residencia real, pasando despois a designar a autoridade mesma. De orixe grego pharaô (Φαραώ), foi introducido nesa lingua pola tradución en grego da Biblia, ao traducir o termo xudeu "Faraón" (פרעה) nos libros do Antigo Testamento: No libro da Xénese falase de Faraóns ou reis de Exipto, así cando Abraham viaxa a Exipto ao reencontro dos seus fillos Xosé e Xacob. Tamén no Éxodo.

En hebreo, "Faraón" (פרעה) designa mais ben a institución, a monarquía - A Gran Casa-, mais que un nome ou atributo do monarca. Existe unha relación da mesma base co grego micénico "Anax" (ἄναξ)(ϜΑΝΑΞ, ϜΑΝΑΚΤΟΣ), que vencella ambas expresións, hebrea e grega, a idade de bronce exipcia -como imperio dominante nesa época-. A tradución bíblica deu lugar a chamada biblia "septuaginta", que foi a primeira tradución dos textos sagrados xudeus ao grego. Segundo a tradición (carta de Aristeas) foi encargada por Ptolomeo II para a súa inclusión na Biblioteca de Alexandría, e considéranse como datas da súa tradución os anos 280 a.C. a 200 a.C. Foi Jean-François Champollion o primeiro autor que utilizou o termo fora do contexto bíblico e aplicado aos reis do Exipto.

Os escribas exipcios adoitaban usar o termo nesu (rei), neb (señor) ou hemef (maxestade). Foi un termo utilizado polo pobo, nunca polos propios reis ou monarcas, e só comezaría a usarse a partir do reinado de Amenhotep III, na primeira metade do século XIV adC. Xa que logo, podería dicirse que a palabra "faraón" é relativamente moderna, e que só abarcaría á metade dos monarcas que habitaron no Val do Nilo.

Os faraóns eran considerados seres divinos durante as primeiras dinastías, identificados co deus Horus, e a partir da dinastía V considerados tan só fillos do deus Ra, os homes fillos de Re -de onde provén o termo Rei-, e si eran mulleres fillas de Ra -de onde provén o termo Raíña-. Con todo, posteriormente non foron deificados en vida e adorados como un deus máis nos templos, senón que era á súa morte, cando o defunto pasaba a fusionarse coa deidade Osiris e adquirir unha personalidade totalmente inmortal e divina.

Historia do cargo[editar | editar a fonte]

Faraón Amenhotep III

A sucesión de faraóns e a historia do propio Exipto veñen indisolublemente unidas e son tan complementarias entre si que é imposible descoñecer unha delas e ser experto na outra. Tanto é así que ata nos períodos máis críticos, cando a anarquía reinaba en moitas zonas do país, sempre había, polo menos, un faraón que afirmaba ser o lexítimo gobernante da caótica nación en toda a súa extensa totalidade.

O sacerdote exipcio Manetón, que viviu na época dos primeiros reis Ptolomeos (cara ao ano -300) recibiu a orde real de redactar unha historia de Exipto. E, dado que actualmente coñécense non menos de trescentos monarcas, é lóxico que Manetón agrupáseos en Casas reais ou dinastías, denominación que seguimos utilizando como válida. Aínda que é unha gran desgraza para a historiografía que a obra de Manetón se perdera, afortunadamente quedan algúns fragmentos comentados por autores moi posteriores a el, que nos permitiron delimitar as trinta dinastías nas que Manetón dividiu a historia do seu lonxevo país.

Desde Menes, 3100 a. C., ata o ano 2600 a. C., a monarquía pasou por momentos de debilidade e seguía sendo cuestionada pola nobreza local. Así, non é de estrañar que na dinastía II os reis perdesen notablemente o poder e tivesen que facer fronte a perigosas revoltas que puxeron en perigo a estabilidade do país.

Sería só de 2600 a 2200 a. C. cando se consolida a institución e os reis pasan a ser monarcas absolutos con dereito divino. É a época dourada da monarquía exipcia, coñecida como Imperio Antigo, que acabaría de forma tráxica ante a debilidade dos últimos reis da dinastía VI, momento no que unha vez máis a nobreza e os gobernadores dos nomos tomaron o poder xurdindo principados independentes. Herodoto comenta: "logo da morte de Nitocris, o país afúndese nun estado de inestabilidade, confusión e caos, iniciándose o primeiro período intermedio de Exipto.

A situación tardaría máis dun século e medio en restablecerse, e a pesar de que novamente unha dinastía de reis fortes asumiría o control absoluto do país, a dinastía XII, seguiu existindo o perigo constante dun golpe de estado. Tanto é así que se sabe de, polo menos, un monarca asasinado, Amenemhat I, por uns ambiciosos nobres. A lixeira estabilidade do chamado Imperio Medio estalaría de forma similar á do Imperio Antigo, pola debilidade dos monarca e o crecente poder das clases dirixentes locais, ás que se engadiría a chegada a Exipto de pobos semitas, algúns deles violentos.

A seguinte etapa de calma e prosperidade non chegaría ata o 1500 a. C., co Imperio Novo, momento no cal chegaron ao poder os faraóns mellor coñecidos, que impulsaron a creación dun enorme imperio colonial na Siria-Palestina e Kush (Nubia), entrando en contacto cos outros pobos do Oriente Próximo. Con todo, tamén estes reis estiveron acosados por un perigo que facía cambalear os seus tronos, que neste caso foi o dos sacerdotes de Amón, que adquiriran moito poder. O traslado da capitalidade ao Delta acabaría por converter ao Sumo sacerdote de Amón en rei independente e daría ao traste coa monarquía exipcia.

Tras esta situación, Exipto non volvería converterse nun gran imperio. Desde a toma do poder dos sacerdotes de Amón ata a chegada dunha dinastía forte, a XXVI, pasaron non menos de catrocentos críticos anos nos que conviviron dous, tres e ata máis faraóns a un mesmo tempo, e o país foi invadido por libios, nubios e asirios. A dinastía XXVI tratou de recuperar o esplendor esquecido do Imperio Antigo, pero a inmediata conquista persa desbarataría todo. Tras iso, os invasores aqueménidas, macedonios e láxidas (estes últimos pertencen á chamada dinastía Ptolemaica, a última de todas) trataron de adaptarse aos costumes do país e aceptaron ser deificados en vida.

O último faraón exipcio recoñecido como tal foi a lendaria raíña Cleopatra. O último rei nativo, Nectanebo II gobernara trescentos anos antes, e os faraóns ptolemaícos, de orixe estranxeira, illáronse en Alexandría e, aínda que respectaron as tradicións ancestrais do pobo, non tardaron en convertelos en semi-escravos. Por iso, non é de estrañar que cando Exipto pasou a formar parte do Imperio Romano, os exipcios non desen importancia ao cambio: os verdadeiros faraóns abandonaran ao seu país moito tempo atrás.

Símbolos do faraón[editar | editar a fonte]

Máscara do faraón Tutankhamón, na que o rei-neno aparece toucado co Nemes

Na iconografía exipcia, os faraóns distínguense polos seus atributos, que son símbolos da súa función. Os deuses, detentadores orixinais do poder, poden igualmente portar algunhas destas insignias. As máis frecuentes son:

  • Nemes, a cofia.
  • Pschent, a coroa. O elemento do vestiario mellor coñecido dos faraóns exipcios eran as coroas, das que existían varios tipos. Os máis comúns e mellor coñecidos son:
  • Hedjet ou Coroa Branca, símbolo do Alto Exipto.
  • Desheret ou Coroa Vermella, símbolo do Baixo Exipto.
  • Sejemty ou Coroa Dobre, símbolo do Exipto unificado, é unha superposición das dúas anteriores.
  • Atef ou Coroa Osiriaca, presente nalgúns rituais de carácter funerario.
  • Jepresh ou Coroa Azul, de significado escuro, pero moi utilizada a partir do Imperio Novo.
  • Shuty ou Coroa Emplumada, co tempo pasou a ser utilizada polas Grandes Esposas Reais e polas Divinas Adoratrices.
  • 'Jemjem ou Tripla Atef, composta por tres coroas Atef e algúns complementos, parecía ter unha función solar.
  • Cetros. Tamén existían diversas variedades, cada unha delas cunha sutil función que non facía máis que remarcar o poder do faraón sobre todo o mundo civilizado. Os máis frecuentes son:
  • O Cetro Sejem, utilizado tanto por reis como por nobres, simbolizaba a forza e a enerxía máxica do seu portador.
  • O Cetro Nejej, símbolo antiquísimo do estado, tiña a forma dun flaxelo. A súa función era clara: como o pastor dirixe ao gando cun flaxelo, o faraón faio co Nejej a todo o seu pobo. Era moi utilizado nas cerimonias, e aparece con moita frecuencia asociado ao deus Osiris.
  • O Cetro Heka é o eterno acompañante do Nejej. O rei adoita aparecer cos brazos cruzados e en cada un deles porta un destes símbolos do poder. O Heka era un caxato tamén asociado a Osiris e con grandes poderes máxicos (a palabra Heka é maxia).
  • Outros símbolos do poder. Non só pola súa coroa ou polo seu cetro era recoñecido o faraón. A longa historia e a complexa organización relixiosa e ritual do Antigo Exipto permitiu desenvolver decenas de vestimentas, ornamentos e toucados reais, cada un cunha función específica. Así, non podemos esquecernos de símbolos tan importantes como:
  • Nekhekh, mallo de Osiris.
  • Khepresh, casco de guerra
  • Barba postiza, utilizada polos faraóns nas grandes ocasións pola súa identificación unha vez máis con Osiris, considerado o primeiro gran monarca exipcio, e que era representado cunha gran barba similar á que levaban os seus sucesores.
  • Uraeus ou Ureo, a cobra femia do Sol. Relacionábase coa deusa Uadyet, patroa do baixo Exipto. Na súa faceta solar, simbolizaba o poder abrasador que empregaba Ra con todos os seus inimigos.
  • Cola de touro ou de león, que remarcaba a potencia creadora do monarca.
  • Colares, pendentes, cintos, sandalias, vestiduras plisadas de liño e demais tipos de xoias que farían da visión do faraón en toda a súa gloria un golpe de efecto para os modestos habitantes do Val do Nilo.

Contorna familiar[editar | editar a fonte]

Escultura da raíña Hatshepsut, unha das poucas mulleres que acabarían gobernando como faraón en solitario

Sempre, á beira do faraón, debía convivir a súa Gran Esposa Real, o equivalente a unha raíña. Esta era asociada coas deusas Isis e Hathor ao mesmo tempo que marido o era con Osiris e Horus, e o seu papel era extraordinariamente importante en determinados rituais. E non só iso: dado que os exipcios crían que a lexitimidade só podía posuíla unha muller, as Grandes Esposas Reais eran as garantías e o principal apoio do faraón durante o seu reinado. Xa que logo, non é de estrañar que os faraóns casasen coas fillas do seu antecesor (en moitos casos estas fillas eran as súas irmás ou as súas medio irmás) para poder ascender ao trono.

Ao longo da historia exipcia tamén houbo grandes raíñas, algunhas das cales chegarían ata a asumir o poder absoluto á morte dos seus maridos. Outras ostentaron un determinante papel político ou relixioso, e non se poderían entender moitas cousas da Historia Exipcia sen ter en conta o poder que ostentaron estas damas á sombra dos seus esposos.

Por baixo das Grandes Esposas Reais, o faraón podía tomar tantas mulleres como quixese, e ata ascendelas se así o quería ao rango de Gran Esposa Real (aínda que isto sería moi infrecuente). Nas primeiras dinastías existirían numerosas esposas secundarias e concubinas, e xa a partir do Imperio Novo, os monarcas encargaríanse de crear enormes haréns nos que todo tipo de mulleres, incluídas as princesas estranxeiras, pasaban a residir. Non hai que confundir os haréns faraónicos cos lendarios haréns utilizados por califas e sultáns: no Antigo Exipto os haréns eran unha institución máis aberta, non un cárcere de ouro gardada por eunucos. Esta visión só aparecería coa chegada dos persas e dos gregos.

En canto aos fillos do rei, os únicos que tiñan algunhas posibilidade de herdar o trono eran os nados do faraón e dunha das súas Grandes Esposas Reais. Se, por calquera cousa, non nacera ningún home desta unión, entón podería subir algún familiar afastado ou ata un fillo dunha esposa secundaria, pero sempre se debería cumprir o requisito de casar coa viúva ou, máis frecuentemente, coa filla do defunto rei. O futuro das nenas dependería da orixe da súa nai: se eran filla dunha raíña, podería herdar o seu cargo ou vivir en eterna soltaría; e se eran fillas dunha esposa secundaria ou dunha concubina, pasarían a ingresar o harén ou poderían casar con algún nobre.

Grandes faraóns[editar | editar a fonte]

Ao longo de tres mil anos de civilización non é estraño atopar todo tipo de reis no trono, para todos os gustos: grandes conquistadores, vagos e incapaces, megalómanos e egoístas, déspotas e tiranos, bondadosos e honestos, pacíficos e permisivos, nenos e anciáns, avariciosos e mullereiros... Ata chegaron a existir algunhas raíñas faraóns.

Algúns dos faraóns máis sonados son:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]