Tiroide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non confundir coa cartilaxe tiroide da larinxe.
Situación da glándula tiroide.


A tiroide é unha glándula endócrina, situada xusto debaixo da noz de Adán xunto á cartilaxe tiroide e sobre a traquea. Pesa entre 15 e 30 gramos no adulto, e está formada por dous lóbulos en forma de bolboreta a ambos os dous lados da traquea, ambos lóbulos unidos polo istmo. A glándula tiroide regula o metabolismo do corpo por medio da produción de hormonas tiroideas e regula a sensibilidade do corpo a outras hormonas.

Historia[editar | editar a fonte]

A glándula recibe o seu nome da palabra grega thyreoeides ou escudo, debido á súa forma bilobulada.

Os italianos da época do Renacemento xa documentaran a tiroide. Leonardo da Vinci incluíuna nalgúns dos seus debuxos na forma de dúas glándulas separadas unha a cada lado da larinxe.

Foi identificada polo anatomista Thomas Wharton en 1656 e descrita no seu texto Adenographia. En 1776 Albrecht von Haller describiu a tiroide como unha glándula sen conduto. Atribuíaselle á tiroide varias funcións imaxinativas, incluíndo a lubricación da larinxe, un reservorio de sangue para o cerebro e un órgano estético para mellorar a beleza do pescozo feminino.

A tiroxina foi identificada no século XIX.

A cirurxía da tiroide sempre foi un procedemento perigoso con elevadas taxas de mortaldade. O primeiro relato dunha operación de tiroide foi en 1170 por Roger Frugardi. Cara a metade do século XIX, apareceron avances en anestesia, antisepsia e no control da hemostase, o que lle permitiu aos cirurxiáns operar na tiroide con taxas de mortaldade reducidas. Os cirurxiáns de tiroide máis coñecidos da época foron Emil Theodor Kocher (1841-1917) e C. A. Theodor Billroth (1829-1894).