Bieito de Nursia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bieito de Nursia
Nacemento3 de marzo de 480
Lugar de nacementoNórcia
Falecemento23 de marzo de 547
Lugar de falecementoAbadía de Montecassino
Nacionalidadevalor descoñecido
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónescritor, teólogo e relixioso cristián
IrmánsEscolástica de Nursia
Na rede
IMSLP: Category:Benedictus_de_Nursia Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Retrato de Bieito de Nursia, feito por Fra Angelico.

Bieito de Nursia, nado en Nursia no 480 e finado en Monte Cassino no 547, foi un monxe, fundador do monacato occidental. Na actualidade é o Santo Patrón de Europa. A súa festividade celébrase o 11 de xullo.

Fresco de San Bieito de Nursia, no claustro do mosteiro de Subiaco (Italia) feito no século VI.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dunha familia patricia e acomodada, estudou retórica e filosofía en Roma. Insatisfeito dunha vida de luxo e pracer, trasladouse a Affile para vivir unha experiencia de estudo e desprendemento. Non atopando acomodo, e seguindo a máxima evanxélica de desprenderse de tódolos bens e dalo todo aos pobres, decidiu habitar nunha cova de difícil acceso nos montes de Subiaco. Nun medio agreste, vestido de pel e con longos cabelos, os pastores tíñano por un salvaxe. Foron eles os primeiros en achegarse, ata que a súa sona de sabio divulgouse de tal maneira que viñan xentes de toda clase e condición na busca de instrución e consello.

Ordenación de San Amaro por San Bieito.

Un grupo de monxes de Vivovaro pediulle que aceptase a dirección da súa comunidade. Con reticencias, aceptou a encomenda ata que algúns dos que non se encontraron dispostos a aturar o seu réxime conspiraron contra a súa vida. Bieito ofreceulles o seu perdón e abandonou a comunidade.

Volto a Subiaco, empezou a reunir comunidades en sinxelas edificacións de madeira a moitos dos que, atraídos pola súa fama venerable, se acolleron ás súas directrices, mediante a imitación do seu xeito de vivir. Bieito non facía distinción entre ricos e marxinados e inculcaba a todos o espírito de traballo manual,(a imitación do carpinteiro Xesús de Nazaret), de fraternidade e de hospitalidade.

Fustrigado pola murmuración do sacerdote da bisbarra de quen se conta que, por envexa, tentou tamén envelenalo, encamiñouse para Monte Cassino, onde fundou unha comunidade cun grupo de xente nova, entre os que salientaban os fieis San Plácido e Santo Amaro. Dende ese enclave, adicouse a predicar ás xentes do lugar co fin de extirpar os costumes e os cultos propios do paganismo. Alí cóntase que empezou a edificar unha capela cristiá no lugar do templo pagán dedicado a Apolo. Sendo Monte Cassino un lugar máis accesible, habilitou cuartos para hóspedes, debido á numerosa multitude que acudía a entrevistarse con el ou a compartir a súa vida.

A súa humildade trocábase en valor destemido fronte aos poderosos. As crónicas contan unha entrevista no ano 542 co caudillo godo Totila, que asolaba Italia, a quen non dubidou en recriminar as súas violencias e atropelos. A lenda di que Totila, impresionado, caeu axeonllado e implorou as súas oracións.

Foi soterrado onda Santa Escolástica, a súa irmá, a quen lle unía un gran afecto e un proxecto paralelo que aínda hoxe perdura.

Milagres[editar | editar a fonte]

Fieis ante a figura de san Benitiño en Lérez (Pontevedra).

Algúns dos milagres lendarios que del se contan teñen como ensinanza a dignificación do traballo manual, considerado naquel tempo como degradante e servil (a fouce reaparecida no fondo do lago). Outros insisten na necesidade de compartir ata o necesario cos pobres (os sacos de fariña anonimamente regalados, tras o repartimento da propia manutención entre os esfameados) e outros sobre a entrega da propia vida por salvar a do próximo (a salvación por parte de San Amaro dun afogado sen saber nadar).

Regra de san Bieito[editar | editar a fonte]

As normas de vida que prescribiu, resumidas na célebre máxima ora et labora, ordenan a oración litúrxica (consonte as horas establecidas pola Igrexa), o estudo, a lectura e o traballo manual.

A vida na comunidade fundaméntase no espírito de fraternidade, na hospitalidade, a pobreza e a obediencia ao Abade. Este ha de saber equilibrar a disciplina e a indulxencia, o rigor e a benignidade: Saiba que debe máis servir que mandar...sempre prefira a misericordia á xustiza... odie os vicios pero ame aos irmáns. Aínda ao corrixir, obre con prudencia... trate de ser máis amado que temido (capítulo 64).

O monxe ha de ser non soberbio, non violento, non comellón, non durmiñón, non lacazán, non murmurador, non denigrante e debe ser manso, casto, bondadoso e obediente, sendo a súa primeira virtude a humildade. Estará presto a socorrer ao pobre e ao peregrino, a consolar a mágoa ao aflixido,e a atender aos enfermos.

A regra da directrices equilibradas de resolución de conflitos, entende que non existe mando sen autoridade moral e exemplaridade, impón a atención personalizada consonte a debilidade de cada un e permite unha acción democrática cando o ben da comunidade o require. Prohibe a propiedade privada e impón a comunidade de bens consonte o modelo dos primeiros cristiáns

Aínda que se contan de Bieito alardes ascéticos como o de enguedellarse nunha silveira para vencer a concupiscencia, ou un réxime alimenticio de xexún e dieta vexetariana, a súa regra foxe das excentricidades e os excesos propios do anacoretismo, buscando o rigor dende un espírito de moderación, sinxeleza e modestia.

Difusión[editar | editar a fonte]

Esta regra tivo unha gran difusión en occidente, mudando o mundo antigo en crise trala desintegración do Imperio Romano a través de comunidades perfectamente organizadas ao redor do traballo, o estudo e a oración. San Gregorio I Magno en Roma, a grande orde de Cluny e a posterior orde do Císter deixarían unha fonda pegada durante máis dun milenio de historia europea.

En Galiza axudouna a difundir Rosendo de Celanova, e na actualidade segue a ser un santo de gran devoción. No mosteiro de San Salvador de Lérez celébrase o 11 de xullo a romaría de San Benitiño.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • A regra de San Bieito. SEPT, 1982. Tradución e introdución de P. Martín Mª Díaz.