Tétano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Clostridium tetani

O tétano é unha enfermidade seria e frecuentemente mortal provocada por unha potente neurotoxina, a exotoxina tetanoespasmina, producida pola bacteria Clostridium tetani, bacteria Gram-positiva e anaeróbica. Esta neurotoxina penetra nas fibras nerviosas motoras periféricas ata chegar ao sistema nervioso central.

Foi documentada por primeira vez por Hipócrates e existen datos antigos desde o século V antes de nosa era en que se describe esta enfermidade. A inmunización pasiva contra o tétanos levouse a cabo por primeira vez durante a primeira guerra mundial.

En 2011 diagnosticáronse en España 10 casos (1 en Galicia), o que significa unha prevalencia do 0,02 por 100.000 habitantes, cunha única morte; obsérvase un marcado descenso na serie histórica, grazas ás campañas sistemáticas de vacinación: en 2000 a prevalencia era de 0,07 casos por 100.000 (en 2010 houbo 4 mortes por esta causa) [1].

Eioloxía[editar | editar a fonte]

O bacilo C. tetani pódese atopar na terra (especialmemte na terra de cultivo), nas feces e intestinos de cabalos, ovellas, gando bovino, ratas, cans, coellos de Indias e polos. As súas esporas pódense atopar na terra ou na superficie da pel (tanto a de animais como humanos) e debaixo das uñas.

Patoxenia[editar | editar a fonte]

Hai tres formas clínicas de tétano diferentes: local (pouco común), cefálica (rara) e xeneralizada (a máis común). O tétano xeneralizado corresponde ao 80% de todos os casos de tétano.

Son feridas con risco as mordeduras, queimaduras e feridas incisas ou aquelas producidas en lugares en que haxa excrementos de animais ou humanos.

Síntomas[editar | editar a fonte]

O período de incubación do tétano vai de 3 a 21 días, cunha media duns 8 días.

Polo xeral, canto máis afastado do sistema nervioso central estea o punto de entrada, máis longo é o período de incubación. Os períodos de incubación e a probabilidade de morte por tétano son inversamente proporcionais.

O primeiro síntoma do tétano é a rixidez nos músculos da mandíbula (denominada 'trismo')seguido de rixidez no pescozo e costas, dificultade para tragar e rixidez muscular no abdome. Podendo chegar a producir espasmos e dificultade para respirar.

Os espasmos e contraccións musculares duran 3 ó 4 semanas e unha recuperación completa pode levar varios meses. Preto do trinta por cento dos pacientes con tétanos morren, moitos dos cales son persoas maiores. No países en desenvolvemento a taxa de mortalidade pode chegar a ser dun 60%.

Tratamento[editar | editar a fonte]

A ferida débese limpar ben, retirar o tecido morto e deixala exposta ao aire xa que o osíxeno mata as bacterias anaeróbicas. A penicilina e a metronidazol axudan a reducir a cantidade de bacterias pero non teñen ningún efecto sobre a neurotoxina que producen. Tamén se debe administrar inmunoglobulina humana antitetánica.

O tétano pódese previr mediante a vacinación. Un recordo da vacina é recomendable cada dez anos. Polo xeral, dáse unha vacina cada vez que un paciente sofre un pinchazo ou unha ferida cando non se ten a certeza da súa vacinación.

Recoméndase a vacina en traballadores que estean en contacto coa terra ou con animais (agricultores, gandeiros, xardineiros), aqueles que estean en contacto con augas negras, ademais dos que poden sufrir feridas traumáticas

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Centro Nacional de Epidemiología. Instituto de Salud Carlos III: Resultados de la vigilancia epidemiológica de las enfermedades transmisibles. Informe anual 2011. Madrid 2013 [1].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]