Historia da medicina

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cranio datado no Neolítico, con grande orificio de trépano, descuberto en Nogent-les-Vierges (Seine-et-Oise, Francia). Conservado no Musée de l’Homme (París).

A historia da medicina é a póla da historia dedicada ó estudo dos coñecementos e prácticas médicas ó longo do tempo.

Desde as súas orixes, o ser humano tratou de explicar a realidade e os acontecementos transcendentais que nela teñen lugar como a vida, a morte ou a doenza. As primeiras civilizacións e culturas humanas basearon a súa práctica médica en dous alicerces aparentemente opostos: un empirismo primitivo e de carácter pragmático (aplicado fundamentalmente ó uso de herbas ou remedios obtidos da natureza) e unha medicina máxico-relixiosa, que recorreu ós deuses para tentar comprender o inexplicable. Con Alcmeón de Crotona, no ano 500 a. C., deuse inicio a unha etapa baseada na tekhné (‘técnica’), definida pola convicción de que a doenza se orixinaba por unha serie de fenómenos naturais susceptibles de ser modificados ou revertidos. Ese foi o xerme da medicina moderno, aínda que ó longo dos seguintes dous milenios xurdirán outras moitas correntes (mecanicismo, vitalismo...) e incorporaranse modelos médicos procedentes doutras culturas cunha longa tradición médica, como a chinesa.

A finais do século XIX, os médicos franceses Auguste Bérard e Adolphe Marie Gubler resumían o papel da medicina até ese momento: «Curar poucas veces, aliviar a miúdo, consolar sempre».

A medicina do século XX, impulsada polo desenvolvemento científico e técnico, foise consolidando como unha disciplina máis resolutiva, aínda que sen deixar de ser o froito sinérxico das prácticas médicas experimentadas até ese momento: a medicina científica, baseada na evidencia, apóiase nun paradigma fundamentalmente bioloxicista, pero admite e propón un modelo de saúde-doenza determinado por factores biolóxicos, psicolóxicos e socioculturais.[1]

Lección de anatomía do Dr. Willem van der Meer, polo pintor neerlandés Michiel Jansz. van Mierevelt (1617).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Organización Mundial de la Salud definía en 1948 la salud como «un estado completo de bienestar físico, mental y social, y no solamente la ausencia de enfermedad».

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]