Útero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
1. trompa de Falopio 2. vexiga urinaria 3. sínfise púbica 4. cavidade vaxinal 5. clítoris 6. uretra 7. vestibulo vaxinal 8. ovario 9. colon 10. útero 11. fondo de saco vaxinal 12. cérvix uterino 13. recto 14. ano

O útero, tamén denominado matriz ou seo materno, é o órgano da xestación do aparato reprodutor feminino, situado entre a vaxina e as trompas de Falopio. Recolle a blástula, que se implanta no endometrio, para o seu desenvolvemento durante a xestación. Na especie humana esta dura uns 280 días.

Anatomía do útero na muller[editar | editar a fonte]

É un órgano muscular, oco, aplanado, con forma de pera, situado extraperitonealmente na pelve menor da muller, que cando adopta a posición en anteversión se apoia sobre a vexiga urinaria por diante, estando o recto por detrás. Está suspendido na pelve e colócase coa base dirixida cara arriba e cara adiante, e o colo dirixido un pouco cara atrás.

Está recuberto parcialmente por peritoneo no fondo uterino, na súa porción máis posterosuperior. Polos lados presenta os ligamentos redondos e por diante a vexiga.

O útero está formado por dúas rexións principais que son:

  • O corpo uterino, ó que están unidas polos lados as trompas de Falopio. Está separado do colo uterino ou cérvix polo istmo uterino.
  • O colo do útero ou cérvix uterino que ten unha porción supravaxinal onde se atopa a canle endocervical e outra intravaxinal que se visualiza na colposcopia.

A parede do útero presenta á sección tres capas de células que son de fóra a dentro:

  • Serosa, que corresponde ó peritoneo na parte posterosuperior, e a tecido laxo que se estende polos lados nos parametrios.
  • Miometrio, formado por tecido muscular liso.
  • Endometrio, que é unha capa mucosa especializada que se renova en cada ciclo menstrual.

O útero está irrigado polas arterias uterinas, ramas da arteria hipogástrica. A drenaxe linfática diríxese principalmente ós ganglios linfáticos ilíacos internos e externos, cara aos paraórticos.

A cada un dos lados hai un ovario que produce óvulos ou ovos que chegan a el a través das trompas de Falopio. Cando non hai embarazo, o útero mide uns 7,6 cm de lonxitude, 5 cm de anchura e 2,5 cm de grosor. Durante a xestación, o óvulo fecundado implántase no revestimento uterino, onde crece ata acadar a madurez. As paredes do útero son elásticas e estíranse durante o embarazo para albergar ó feto en crecemento. Aínda que o útero é un órgano muscular posúe un revestimento de material glandular brando que durante a ovulación se fai máis denso, momento no cal está listo para recibir un óvulo fecundado. Se non se produce a fecundación, este revestimento expúlsase durante a menstruación.

O útero é propenso ás infeccións. A endometrite é unha inflamación do revestimento mucoso do útero que pode afectar tanto ó cervix coma ó corpo do órgano, ou a ambos. O cancro e os tumores fibrosos do útero son bastante frecuentes, do mesmo xeito que a endometriose, que consiste na aparición de revestimento uterino por fóra do órgano.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]