Igrexa de Santa Sofía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Igrexa de Santa Sofía
Hagia Sophia
de
Ayasofya (turco)
Ἁγία Σοφία (grego)
Sancta Sophia (latín)
Ayasofya 2006-2.JPG

Aspecto actual de Santa Sofía
Edificio
Tipo Orixinalmente foi unha antiga basílica patriarcal ortodoxa, posteriormente unha mezquita e en tempos recentes foi habilitada como museo.
Estilo bizantino
Sistema estrutural arquitrabe e bóveda
Localización Estambul, Turquía Turquía[1]
Coordenadas 41°00′31″N 28°58′48″E / 41.00861°N 28.98000°E / 41.00861; 28.98000Coordenadas: 41°00′31″N 28°58′48″E / 41.00861°N 28.98000°E / 41.00861; 28.98000
Santa Sofía en Mar Mediterráneo
Santa Sofía
Santa Sofía
Localización da Igrexa de Santa Sofía en Turquía
Construción
Inicio 532
Remate 537
Dimensións
Altura 55,60 m
Outras dimensións lonxitude 82 m
Superficie 69,70 m x 80,90 m
Equipo
Arquitecto(s) Antonio de Tralles e Isidoro de Mileto

Santa Sofía ou Hagia Sophia (do grego Άγια Σοφία e do turco Ayasofya) é unha antiga igrexa ortodoxa convertida en mezquita e hoxe en día en museo, sita en Estambul, (Turquía)[1] considérase a obra máis importante da época Bizantina. Foi empregada como igrexa durante 916 anos, dende a súa construción no ano 537 ata a conquista da cidade no ano 1453. Dende esta data ata 1934, durante 481 anos, foi empregada como mesquita. Logo de pasar unha restauración cumprida por orde de Mustafa Kemal Atatürk, fundador da república Turca, o 1 de febreiro de 1935, foi inaugurada como museo.

Santa Sofía rompeu moldes. Responde á idade de ouro da arte bizantina e á dinámica de construción de grandes edificios que implantou o cristianismo. É unha síntese entre a tradición clásica grecolatina e a tradición construtiva oriental; a primeira presentada pola planta basilical, os piares de carga principais, e a grande escala do conxunto; e a segunda polo espazo central coroado por unha cúpula. Santa Sofía legoulle á posteridade o emprego do sistema de cunchas a escala monumental pasa pasar da forma cadrada da base á circular da cúpula; futura constante da arquitectura bizantina e, máis adiante, da occidental. Tamén lle deu o impulso definitivo ao mosaico, a técnica que mellor permitía explota-las posibilidades da luz e da cor no interior das igrexas bizantinas.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira Igrexa[editar | editar a fonte]

Hoxe en día non quedan restos da primeira igrexa construída nesta localización que se coñeceuse como Μεγάλη Ἐκκλησία —Megálē Ekklēsíā, «Igrexia Grande»— ou Magna Ecclesia en latín,[2] debido a que as súas dimensións eran maiores que as das igrexas contemporáneas da cidade.[3] (O alcume de "Megálē Ekklēsíā" seguiuse empregando durante moito tempo, e non se mudou polo nome de Santa Sofia ata logo da conquista bizantina de 1453.) Como a miúdo pasaba naqueles tempos, o actual emprazamento de Santa Sofía foi seleccionado pola existencia previa dun templo pagán. Foi inaugurada o 15 de febreiro do 360 -durante o reinado de Constancio II- polo bispo arriano Eudoxio de Antioquía,[3] a igrexa foi construída preto da área onde se estaba construíndo o palacio imperial. A próxima Igrexa de Santa Irene -«Hagia Irene»- foi terminada antes e serviu como catedral ata que se terminou a igrexa de Santa Sofía. Ambas foron conxuntamente as principais igrexas do Imperio bizantino.

Nun escrito do 440, Sócrates de Constantinopla afirmou que a igrexa foi construída por Constancio II, que se estaba traballando nela no 346. Unha historia posterior ao século VII ou VIII, afirma que o edificio foi construído por Constantino o Grande. Zonaras reconciliou as dúas opinións, afirmando que Constancio reparou o edificio consagrado por Eusebio de Nicomedia despois de que esta se derrubase. Dado que Eusebio foi bispo de Constantinopla de o 339 ao 341 e que a morte de Constantino ocorreu no 337, parece posible que a primeira igrexa fose erixida por este último.[3] O edificio foi construído como unha basílica latina tradicional con columnas, galerías e un teito de madeira, e estaba precedida por un atrio. Afirmábase que era un dos monumentos máis destacados do mundo nesa época.

O Patriarca de Constantinopla, Xoán Crisóstomo, entrou en conflito coa emperatriz Elia Eudoxia, esposa do emperador Arcadio, e foi enviado ao exilio o 20 de xuño do 404. Durante os disturbios que se produciron tras este feito, a igrexa foi queimada e derrubada en gran parte,[3] xa na actualidade non se conserva nada deste primeiro edificio.

Anacos de pedra da segunda igrexa
Anacos de mármore pertencentes á segunda igrexa

A segunda igrexa[editar | editar a fonte]

O 20 de xuño do 404 o patriarca de Constantinopla, Xoán Crisostomo foi mandado ao exilio despois de entrar en conflito coa emperatriz Aelia Eudoxia, muller do emperador Arcadio. A partir do anterior feito, producíronse unha serie de liortas e revoltas durante as cales a antiga igrexa foi queimada. A construción dunha segunda igrexa foi ordenada por Teodosio II, quen a inaugurou o 10 de outubro do 405. Os lumes xurdidos a partir da Revolta de Nika tiveron como consecuencia a destrución da segunda Santa Sofía, queimada entre o 13 e o 14 de xaneiro do ano 532. Tan só algúns anacos de mármore sobreviviron ata a actualidade, estes atópanse expostos no xardín da Santa Sofía actual. Estes anacos de mármore foron atopados por A.M. Schneider en 1935, durante as escavacións que levou a cabo no patio oeste da igrexa, estes formaban parte dunha grande entrada da igrexa que se atopaba no lugar.

Terceira e derradeira igrexa[editar | editar a fonte]

O 23 de febreiro de 532, tan só unhas semanas logo da destrución da segunda basílica, o emperador Xustiniano I decidiu construír unha terceira basílica completamente diferente, máis grande e máis maxestuosa que as súas predecesoras.

Xustiniano elixiu ao físico Isidoro de Mileto e ao matemático Antemio de Tralles como arquitectos, aínda que Antemio morreu durante o primeiro ano da empresa. Existe a teoría de que se empregou a Herón de Alexandría para facer fronte aos desafíos que presentaba a construción dunha cúpula expansiva sobre un espazo tan grande.

O historiador bizantino Procopio de Cesarea describiu a construción do templo na súa obra Sobre os edificios -latín: De aedificiis; grego:Peri ktismatōn-. Empregáronse máis de dez mil persoas para a construción., e o emperador fixo traer material procedente de todo o imperio, como as columnas helenísticas do Templo de Artemisa en Éfeso, grandes pedras das canteiras de pórfiro de Exipto, mármore verde de Tesalia, pedra negra da rexión do Bósforo e pedra amarela de Siria. Esta nova igrexa foi recoñecida polos contemporáneos como unha gran obra de arquitectura. O emperador, xunto co patriarca Eutiquio, inaugurou con moita pompa a nova basílica o 27 de decembro de 537. Os mosaicos dentro da igrexa completáronse baixo o reinado do emperador Xustino II (565-578). Santa Sofía foi a sé do patriarca ortodoxo de Constantinopla e o escenario principal das cerimonias imperiais bizantinas, como as coroacións. A basílica tamén ofrecía asilo aos malfeitores.

A construción de Santa Sofía, durante o reinado do emperador Xustiniano, miniatura 38 da Crónica de Constantino Manasés, do século XIV.

Os terremotos de agosto do 553 e do 14 de decembro de 557 causaron gretas na cúpula principal e na media cúpula oriental. A cúpula principal derrubouse por completo durante un posterior terremoto o 7 de maio de 558,[4] que tamén destruíu o ambón, o altar e o copón. O accidente debeuse principalmente ao exceso de carga da cúpula e ao enorme empuxe horizontal que transmitía aos soportes, ao ter un deseño demasiado plano. Isto causou a deformación dos alicerces que sostiñan a cúpula. O emperador ordenou a restauración inmediata, a cal encomendouse a Isidoro o Mozo, sobrino de Isidoro de Mileto, que utilizou materiais máis lixeiros e elevou a cúpula,[5] dando á construción a súa altura interior actual de 55,6 metros (182 pés).[6] Por outra banda, Isidoro cambiou tamén o tipo de bóveda, erixindo una cúpula nervada con cunchas, cuxo diámetro atopábase entre 32,7 e 33,5 metros.[5] Esta reconstrución, que deu á igrexa a súa actual forma característica do século VI, completouse no ano 562. O poeta bizantino Paulo Silenciario compuxo un poema épico, coñecido como Ekphrasis, para a dedicación da basílica presidida polo Patriarca Eutiquio o 23 de decembro de 562.

No 726, o emperador León o Isáurico publicou unha serie de edictos contra a veneración de imaxes e ordenou ao exército destruír todos os iconos -inaugurando o período da iconoclasia bizantina-. Nese momento, todas as imaxes e estatuas relixiosas retiráronse da igrexa de Santa Sofía. Logo dun breve respiro durante o mandato da emperatriz Irene (797-802), os iconoclastas reapareceron. O emperador [[Teófilo, emperador de Bizancio |Teófilo]] (829-842), fortemente influenciado pola arte islámica, prohibiu as imaxes relixiosas e instalou unha porta de bronce de dúas follas co seu monograma na entrada sur da igrexa.

A basílica volvería sufrir danos: primeiro por un gran incendio no 859, e de novo por un terremoto, o 8 de xaneiro de 869, que colapsou media cúpula. O emperador Basilio I ordenou as reparaciones. Un século despois, o 25 de outubro de 989, un novo gran terremoto arruinou a cúpula, e foi o emperador bizantino Basilio II quen encargou a súa reparación ao arquitecto armenio Trdat, creador das grandes igrexas de Ani e Argina.[7] As súas principais reparacións afectaron ao arco occidental e a unha parte da cúpula. A magnitude dos danos requiriu seis anos de reparación e reconstrución, ata que a igrexa foi reaberta o 13 de maio de 994.

No seu libro De caerimoniis aulae Byzantinae, o emperador Constantino VII (913 a 919) escribiu un relato detallado das cerimonias que levaron a cabo o emperador e o patriarca na igrexa de Santa Sofía.

Este é un Mosaico; considerado un dos máis belos mosaicos da arte bizantino, trátase dunha representación de Cristo Pantocrátor (Χριστός Παντοκράτωρ) e pertence ao mosaico da Deesis. Atópase na Igrexa de Santa Sofía, Constantinopla, fechado preto de 1280.

Tras a toma de Constantinopla durante a Cuarta Cruzada a igrexa foi saqueada e profanada polos cristiáns latinos. O suceso foi descrito polo historiador bizantino Nicetas Choniates. Moitas supostas reliquias da igrexa -como unha pedra da tumba de xesús, o leite da Virxe María, a mortaxa de Xesús e os ósos de varios santos- foron enviadas ás igrexas de occidente, e actualmente atópanse en varios museos. Durante a ocupación latina de Constantinopla (1204-1261) a igrexa converteuse nunha catedral católica. Nela foi coroado emperador Balduino I de Constantinopla, nunha cerimonia que seguiu de cerca as prácticas bizantinas, o 16 de maio de 1204.

Notas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Igrexa de Santa Sofía