Farmacia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Médico e farmacéutico

A farmacia (do grego φάρμακον "veleno"), é a ciencia e práctica da preparación e dispensación de fármacos; tamén o lugar onde se preparan os produtos medicinais e o lugar onde se dispensan, pero este é chamado oficina de farmacia (antigamente chamado botica) para distinguir o concepto de ciencia do concepto de lugar. A farmacia é un área da Materia Médica, rama das ciencias da saúde, que estuda a procedencia, natureza, propiedades, e preparación de medicamentos.

Os farmacéuticos comparten cos químicos e os médicos a responsabilidade de sintetizar compostos orgánicos con valor terapéutico. Ademais, cada vez con máis frecuencia solicítase consello á comunidade de farmacéuticos en materia de saúde e hixiene. A Farmacia inclúe, ademais dos coñecementos sobre fármacos e medicamentos, coñecementos sobre os efectos que poden ter estes sobre corpo humano e as propiedades químicas e biolóxicas do corpo onde actúa con axuda de disciplinas da mesma farmacia ou doutros campos afíns como son a farmacoloxía, farmacocinética, farmacodinamia, fisicoquímica, toxicoloxía, farmacotecnia e química farmacéutica.

Cartel dunha farmacia feito con baldosas

Historia da Farmacia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia da farmacia.

A historia da farmacia como ciencia independente é relativamente nova. As orixes da historiografía farmacéutica remóntanse ao primeiro terzo do século XIX, que é cando aparecen as primeiras historiografías, que aínda que non toca todos os aspectos da historia farmacéutica, son o punto de partida para o definitivo arranque desta ciencia.

Ata o nacemento da farmacia como ciencia independente, existe unha evolución histórica, desde a antigüidade clásica ata os nosos días que marca o curso desta ciencia, sempre relacionada coa medicina.

Disciplinas da Farmacia[editar | editar a fonte]

A Farmacia ten raíces na bioquímica, a química orgánica, a bioloxía vexetal, a bioloxía celular e a molecular. Así, a farmacia é, en verdade, unha reunión de múltiples disciplinas da ciencia, e pódese dividir en tres ramas principais:

Á parte destas disciplinas, podemos engadir outras de recente aplicación da biotecnoloxía vexetal ou microbiológica como o Pharming ou a Biofarmacoloxía.

Simboloxía farmacéutica[editar | editar a fonte]

A farmacia está representada por moitos símbolos. Os máis comúns en España e Francia son a Copa de Hixía, a cruz grega verde ou a cruz pateada, este último especialmente nos luminosos das oficinas de farmacia. Tamén existen outros como o morteiro e a maza, o carácter de receita, (recipere), medidas cónicas, caduceos, Vara de Esculapio ou un A vermello e estilizado, en letra gótica, no caso de Alemaña. O A provén de Apotheke, vocábulo xermano de Farmacia.

Oficina de farmacia[editar | editar a fonte]

Andeis dunha oficina de farmacia

A oficina de farmacia é o lugar ou establecemento onde un farmacéutico exerce a farmacia, ou sexa, proporciona servizo de saúde a un paciente ofrecéndolle consello, dispensándolle medicamentos froito deste consello ou por receita do médico e outros produtos de parafarmacia como produtos de cosmética, alimentos especiais, produtos de hixiene persoal, ortopedia, etc. Popularmente á oficina de farmacia adóitaselle chamar simplemente farmacia e tradicionalmente chámaselle botica. Unha oficina de farmacia pode albergar un laboratorio de análises clínicas ou un de elaboración de produtos medicinais mediante as fórmulas maxistrais ou preparados oficinais.

Persoal de oficina de farmacia[editar | editar a fonte]

A farmacia é o lugar onde o farmacéutico desenvolve o seu labor profesional. Pode ser unha farmacia comunitaria, aberta ao público ou unha farmacia hospitalaria ao servizo desta institución. Nunha farmacia sempre ha de haber un farmacéutico en todo momento, pero tamén se atopa persoal auxiliar, que axuda ao farmacéutico na dispensación e recepción de pedidos.

O persoal cumpre as seguintes funcións:

  • Dilixenciar e controlar os produtos.
  • Facturación e información en establecementos de farmacia.
  • Dispensar medicamentos e produtos de parafarmacia.
  • informar aos clientes sobre a súa utilización.
  • Determinar parámetros anatómico-fisiolóxicos sinxelos e fomentar hábitos saudables nos clientes.
  • Elaborar preparados medicamentosos, dietéticos e cosméticos, baixo protocolos establecidos e supervisión do facultativo.
  • Realizar análises clínicas elementais e normalizadas, baixo a supervisión do facultativo.

A titularidade dunha oficina de farmacia é exclusiva para licenciados ou doutorados en farmacia. Para a farmacia hospitalaria, en España, esíxese o título de especialista. En moitos países non sucede isto, como en países latinomericanos nos que o labor do farmacéutico é un pouco mal asimilado e encasillado naquel que só expende medicamentos, e o técnico en farmacia é o que suple os labores do farmacéutico. En Latinoamérica a farmacia non pode existir sen o químico farmacéutico, quen debe preparar medicamentos, controlar e supervisar a dispensación de medicamentos. Non sempre atende o público, o que atende público é un técnico en farmacia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Pha24 - Farmacia en Internet.
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Farmacia