Escolástica (filosofía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A escolásica é un dos períodos nos que se divide a filosofía da época cristiá: Patrística (Séculos II-VIII) e Escolástica (Séculos IX-XIV). Esta última denominación debese a que a produción cultural da época realízase, primeiro, nas escolas monacais e catedralicias e, despois, nas universidades. Scholásticus era o nome que recibían tanto os mestres como os alumnos destas institucións. En liñas xerais o pensamento elaborado nas escolas medievais está mediatizado pola relixión cristiá. De aí que deba cualificarse, antes que nada, de pensamento teolóxico. É célebre un lema atribuído a Pedro Damián: Philosophía ancilla theologiae (A filosofía é serva da teoloxía).

Fases[editar | editar a fonte]

Desde un punto de vista histórico pódense distinguir tres fases:

  • Primeira escolástica (desde o renacemento cultural do Imperio carolinxio ata mediados do século XII)
  • Alta escolástica (desde a recepción de Aristóteles ata finais do século XIII)
  • Baixa escolástica (século XIV).

A ensinanza escolástica[editar | editar a fonte]

As disciplinas que inicialmente se ensinan nas escolas, como base do aprendizaxe filosófico e teolóxico, son o trivium (gramática, dialéctica, retórica) e o cuadrivium (aritmética, xeometría, astronomía e música). Os autores estudiados eran: Prisciano (gramática), Cicerón (retórica), Aristóteles e Boecio (dialéctica), Platón (astronomía), etc. No século XIII hai que engadir a estas materias, nas facultades de filosofía, o estudio das obras aristotélicas recen traducidas (Ética, Política, Física, Sobre a alma e Metafísica) así como os comentarios aristotélicos de Averroes e, nas facultades de teoloxía, o tratado das Sentencias de Pedro Lombardo.

Había dous métodos fundamentais de ensinanza: a lección (lectio) e a disputa (disputatio). O primeiro consistía en comentar un texto, e o segundo en examinar un problema atendendo ós pros e contras para finalmente proporcionar unha conclusión. De aquí xurdiron, respectivamente, os principais modelos literarios da Idade Media : as Sumas e as Quaestiones.

Principais correntes de pensamento[editar | editar a fonte]

Durante a primeira fase son de salientar os dialécticos ou defensores da razón (Berengario de Tours, Pedro Abelardo), os antidialécticos ou defensores da fe (Pedro Damián, Anselmo de Aosta), o misticismo (Bernardo de Claraval, Hugo de San Víctor) e o naturalismo da Escola de Chartres (Xoán de Salisbury).

No século XIII as correntes dominantes son o agustinismo franciscano (Boaventura de Bagnoregio, Duns Escoto), o aristotelismo tomista (Tomé de Aquino) e o averroísmo (Siger de Brabante). Por último, no século XIV destaca o nominalismo de Guillerme de Ockham, que sobresae polos seus estudos de lóxica.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]