Edimburgo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 55°57′11″N 3°11′20″O / 55.95306, -3.18889

Edimburgo
Edinburgh
Dùn Èideann
EdinburghMontage.png
Vistas da cidade
Localización
Edimburgo en Escocia
Edimburgo
Edimburgo
País Flag of the United Kingdom.svg Reino Unido
Nación constituínte Escocia Escocia
Concello Edimburgo
Xeografía
Altitude 41 msnm
Superficie 259 km²
Demografía
Poboación 486.120 hab. (2010)
Densidade 1.844 hab./km²
Xentilicio Edimburgués/edimburguesa
Outros datos
Código postal EH
Alcalde George Grubb
www.edinburgh.gv.uuk Páxina Oficial

Edimburgo[1] (en inglés: Edinburgh; en gaélico escocés: Dùn Éideann) é a capital e segunda maior cidade de Escocia.

A cidade atópase na costa leste de Escocia á beira do estuario do Forth e na autoridade local da Cidade de Edimburgo. Edimburgo é capital de Escocia dende 1437 e é a sede do goberno escocés. A cidade foi un dos centros máis importantes da educación e cultura durante a Era de Ilustración, grazas á Universidade de Edimburgo. Os distritos, The Old Town e New Town, os cales forman parte do centro da cidade, foron nomeados pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade en 1995. De acordo co censo do 2001, Edimburgo posúe unha poboación de aproximadamente 448.624 habitantes.

Edimburgo é famosa polo seu Festival, o conxunto de eventos en vivo maior do mundo. Durante o mes de agosto, cando se celebra, a poboación da cidade duplícase. Edimburgo é a segunda cidade máis visitada do Reino Unido despois de Londres con 13 millóns de visitantes ao ano.

Orixe do nome da cidade[editar | editar a fonte]

Edimburgo cara o ano 1300

A orixe do nome da cidade crese que está no britónico Din Eidyn (Forte de Eidyn) dos tempos nos que unicamente era un forte Gododdino. No século I os romanos documentaron que os Votadinos eran unha tribo britónica local, e no século XII o antigo poema Y Gododdin fala duns guerreiros facendo unha celebración no "gran salón de Eidin".

Despois de ser atacada e conquistada polos bernicianos anglosaxóns o nome mudou para Edin-burh, o cal crese que deriva do anglosaxón e que significa "Forte de Edwin", posibelmente referíndose ao rei do século XII, Edwin de Northumbria. Porén, como o nome é anterior ao rei Edwin, é moi improbábel que sexa certo. O elemento burgo é moi común entre os nomes de cidades escocesas e en todas as linguas xermánicas, e denomina a unha clase de cidade caracterizada por crecer arredor dunha estrutura fortificada, como un forte ou un castelo.

Castelo de Edimburgo

A primeira evidencia da existencia da cidade como entidade separada do forte aparece nunha proclama do século XII, que xeralmente crese que data do ano 1124, de David I de Escocia, na cal se lle outorga terreo á Igrexa da Holy Rood de Edimburgo. Isto suxire que a existencia oficial da cidade orixinouse entre os anos 1018 (cando o Rei Malcolm II asegurou a rexión de Lothians dos Northumbrianos) e 1124.

A proclama refírese aos receptores (en latín) como a "Ecclisie Sancte Crucis Edwin esburgensi". Isto podería indicar que a persoa que ditou a proclama cría que Edwin de Northumbria era a fonte orixinal do nome da cidade e derivou a latinización do que eles crían era o nome antigo. Tamén pode ser que daquela, antes do século XI o nome se alterara para que incluíse unha “w”. Se se dese o último caso, de todos os xeitos a cousa mudaría, pois na década dos anos setenta do século XII Guillerme I de Escocia empregaba o nome de "Edenesburch" nunha proclama (outra vez en latín) confirmando a doazón de 1124 por David I de Escocia.

Documentos do século XIV amosan que xa o nome se transformara na época actual, coa excepción de diferenzas ortográficas ("Edynburgh" e/ou "Edynburghe"), que sinxelamente eran xeitos comúns de pronunciación da época.

Outros nomes[editar | editar a fonte]

Imaxe do National Monument sobre o Calton Hill: unha das explicacións do alcume da'Atenas do Norte

A cidade de Edimburgo é agarimosamente alcumada "Auld Reekie", que en escocés significa "Vella Cheminea". Isto é debido a que nos tempos nos que a leña e o carbón eran os únicos combustíbeis dispoñíbeis, todas as chemineas botaban grandes cantidades de fume ao ar. Auld Reekie tamén fai referencia ás terríbeis condicións sanitarias que causaban un mal cheiro en toda a cidade.

Edimburgo tamén é chamada “A Atenas do Norte” por moitas razóns. A primeira é pola súa semellante topografía, co Old Town de Edimburgo xogando o mesmo papel cá Acrópole. As dúas teñen terra chá e fértil que se inclina cara ao Porto a quilómetros de distancia. Aínda que esta clase de topografía é común no Sur de Europa, na Europa setentrional é algo raro. A época intelectual do século XVIII, ás veces referida como a Ilustración Escocesa, foi o punto clave en conseguirlle este alcume. Figuras ilustres como David Hume e Adam Smith viviron durante esta época. Ao perderen a súa importancia política, moitos agardaban que Edimburgo puidera ter un impacto semellante en Londres como o tivera Atenas con Roma. Outro factor importante foi a súa arquitectura neoclásica, particularmente a de William Henry Playfair, e o Monumento Nacional de Edimburgo.

Aínda así moita xente non estivo de acordo con este alcume, quedando como anécdota o que un escritor en broma dixo: “"¡Reiquiavik do Sur" sería máis axeitado!”

Edimburgo tamén é coñecida como "Dunedin", derivado do gaélico escocés, Dùn Èideann. Hoxe en día Dunedin en Nova Zelandia chámase así e é alcumada "O Edimburgo do Sur" pola súa semellanza coa cidade escocesa.

Os poetas escoceses Robert Burns e Robert Fergusson ás veces empregaron o nome en latín da cidade, "Edina", nalgunhas das súas obras. Ben Jonson describiuna como "o outro ollo de Bretaña", e Sir Walter Scott referiuse á cidade como "yon Empress of the North" (Afastada Emperatriz do Norte).

Algúns escoceses refírense informalmente á cidade como, "Embra".

O centro[editar | editar a fonte]

Vista dos Xardíns de Princes Street na dirección ó Scott monument

O centro histórico de Edimburgo atópase dividido en dúas partes polos Princes Street Gardens. Cara ao sur dos xardíns atópase o casco vello (Old Town), dominado polo castelo de Edimburgo, situado nun antigo cráter volcánico, o extinto Castle Rock. A rúa maior do casco vello, a Royal Mile, descende costa abaixo cara ao leste até chegar ao pazo de Holyrood. Ao norte dos xardíns atópase a cidade nova (New Town). Os xardíns atópanse no antigo emprazamento do pantano Nor' Loch, onde foron construídos en 1816.

Ao oeste do castelo atópase o distrito financeiro, que contén edificios bancarios e de seguros. Probabelmente o edificio máis engailante da zona sexa o Centro Internacional de Conferencias de Edimburgo, ou Edinburgh International Conference Centre co seu grande edificio circular feito en pedra de gra.

Old Town[editar | editar a fonte]

O casco vello ou Old Town preservou a súa estrutura medieval e moitos dos edificios da Reforma Protestante. Un estremo atópase pechado polo castelo e a arteria principal, pequenas rúas chamadas closes ou wynds camiñan outeiro abaixo aos dous lados da rúa principal en forma de encrucilladas. No casco vello da cidade pódense atopar grandes prazas que marcan lugares de importancia como a Catedral de Saint Giles e as cortes. Outros notábeis sitios de interese son o Museo Real de Escocia, o Surgeons' Hall, a Universidade de Edimburgo, e numerosas rúas subterráneas, reliquias das antigas clases de construción. O plano urbano, típico de moitas cidades de Europa do Norte, é especialmente pintoresco en Edimburgo, onde o Castelo sobresae dende a pena, os restos dun tapón volcánico, e onde a rúa principal se desliza cara abaixo dende un lado da pena.

Victoria Street no casco vello

Por mor do espazo limitado que daba a estreita cola da pena, Old Town transformouse nunha das primeiras cidades con apartamentos ou edificios residenciais de varios andares, debido á norma imposta no século XV. Durante o século XIII a Old Town tiña unha poboación de aproximadamente 80.000 residentes. Porén en tempos modernos declinou até os 4.000 habitantes. Hoxe en día na zona viven uns 20.000 habitantes. O número de edificios creceu enormemente debido á vacilación da xente en construír fóra da muralla. Traxicamente, moitos destes edificios foron destruídos polo Gran lume de 1824; a reconstrución da cidade produciu grandes mudanzas do nivel do terreo, o que levou a crear varias pasaxes e rúas por baixo da Old Town.

O 7 de decembro, de 2002, outro gran lume tivo lugar na Old Town consumindo parte da chamada Cowgate. Tamén destruíu o coñecido club de comedia, The Gilded Balloon, e gran parte do Departamento de Informática da Universidade de Edimburgo, incluíndo a biblioteca de IA (Intelixencia Artificial).

New Town[editar | editar a fonte]

A New Town apareceu no século XVIII como solución ao problema de superpoboación que viña sufrindo o Old Town. Até daquela, a cidade crecera ao redor do outeiro do Castelo de Edimburgo. En 1766, púxose a concurso o deseño da nova cidade, gañado polo arquitecto de 22 anos James Craig. A súa idea era crear un plano ríxido e ordenado baseado nas ideas racionalistas do século das luces. A arteria principal era George Street, que segue a crista natural ao norte da vella cidade. A cada lado da George Street encóntranse outras dúas arterias importantes: Princes Street e máis Queen Street. Princes Street converteuse desde aquela na principal rúa comercial de Edimburgo, e algúns edificios de arquitectura xeorxiana aínda sobreviven nela. Unindo estes tres eixos entre si, trazáronse unha serie de rúas perpendiculares. Ao leste e oeste de George Street, áchanse respectivamente as prazas de St Andrew's square e máis Charlotte square. Esta última foi deseñada por Robert Adam e está considerada como un dos máis belos exemplos de arquitectura xeorxiana de Gran Bretaña. A residencia oficial do primeiro ministro da Escocia, Bute House, resulta visíbel no lado norte de Charlotte square.

Imaxe da National Gallery of Scotland, situada sobre o Mound visto desde o sur en dirección a Princes Street

Entre a Old Town e a New Town encontrábase o Nor'Loch que servía antano de abastecemento de auga e de vertedoiro. Foi drenado na década de 1820. Algúns planos amosan que se proxectara unha canle, mais no canto dela creáronse os xardíns de Princes Street. O exceso de terra derivado da construción dos edificios encheu unha parte do pequeno val formado polo río, creando así The Mound, que é a explanada onde se achan desde aquela a National Gallery of Scotland e máis a Royal Scottish Academy. Os túneles dirixidos á próxima estación de Waverley pasan por baixo do Mound.

O éxito da nova cidade foi tal que o seu crecemento foi enorme. Porén, o plano deseñado non se mantivo, co cal se estabeleceu unha disposición máis pintoresca das rúas nos barrios.

Panoramas[editar | editar a fonte]

Vista de Princes Street desde Calton Hill

A topografía da cidade presenta varios outeiros que permiten contemplar amplos panoramas de Edimburgo e dos seus arredores.

Ao sueste do centro da cidade sobresae Arthur’s seat (a cadeira de Artur ou quizais a cadeira do arqueiro). Erguese por riba do pazo de Holyrood e da cidade vella (Old Town), moi próxima. Este crag, é un conxunto de chemineas volcánicas do principal volcán sobre o cal está construída Edimburgo. O volcán está afundido e envorcado sobre un lado, o cal deixa os outeiros como puntos máis elevados en varios quilómetros á redonda. Arthur’s seat fai parte do Parque de Holyrood, nas súas orixes propiedade do monarca á vez que parte de Pazo de Holyrood. Constitúe un dos lugares de interese científico en materia xeolóxica do Reino Unido (Site of special scientific interest, ou SSSI en inglés). Arthur’s Seat e o parque de Holyrood fornecen unha vista de toda a rexión de Edimburgo, así como unha zona de esparexemento especialmente apreciada polos habitantes da cidade.

O casco vello, Southside e Arthur's seat desde o monumento a Nelson en Calton Hill

Ao nordeste, alzándose no centro da cidade, encóntrase Calton Hill. No seu cumio érguense diferentes edificios, entre eles dous observatorios, unha torre en lembranza de Horatio Nelson, a Royal High School (que no seu tempo acolleu o parlamento), e o National Monument, cuxo modelo é o Partenón de Atenas, mais fica inacabado. O alcume Atenas do Norte dado a Edimburgo vén deste monumento, entre outros motivos. Calton Hill abeira as festividades de Beltane cada primeiro de maio.

Blackford Hill é a terceira e máis meridional das elevacións da cidade.

O outeiro Arthur’s seat en pleno corazón de Edimburgo

Leith[editar | editar a fonte]

Vista de Leith e do Fiorde de Forth dende Arthur's Seat
Portobello Beach

Leith é o porto de Edimburgo. Aínda retén unha parte separada da cidade de Edimburgo, e foi un tema de gran resentimento cando en 1920 Leith foi incorporado a Edimburgo. Mesmo hoxe en día o representante no parlamento di que representa a Edimburgo “e” Leith. Co desenvolvemento de Leith, Edimburgo gañou o comercio de varias compañías de cruceiros que agora proveen cruceiros cara a Noruega, Suecia, Dinamarca, Alemaña e os Países Baixos. Leith tamén loce o Royal Yatch Britannia (o iate da familia real inglesa), que se atopa ancorado detrás do centro comercial Ocean Terminal.

Poboación[editar | editar a fonte]

No censo do 2005, segundo as estimacións da General Register Office for Scotland, a cidade tiña unha poboación residente de 457.830 habitantes.[2] No censo do 2001 a cidade tiña unha poboación de 448.624, sendo a sétima cidade máis poboada do Reino Unido, e a segunda da Escocia, despois de Glasgow.[3]

Aínda que a poboación da cidade está avellentándose, a gran poboación de estudantes da cidade está arranxando este problema. Na actualidade residen na cidade uns 100.000 estudantes.[4]

A poboación da área metropolitana de Edimburgo é de 1,25 millóns, e proxéctase que acade os 1,33 millóns no ano 2020. O goberno da cidade agarda que se acaden os 1,5 millóns para o 2040, igualando así as poboacións das áreas metropolitanas das tres grandes cidades do norte de Europa: Estocolmo, Helsinqui e Oslo.[5]

Evolución demográfica
1755 1791 1811 1821 1831 1841 1851 1861 1871 1881 1891
57.195 81.865 82.624 112.235 136.054 138.182 160.511 168.121 196.979 228.357 261.225
1901 1911 1921 1931 1951 1961 1971 1981 1991 2001 2004
316.837 320.318 420.264 439.010 466.761 468.361 453.575 425.575 418.914 448.624 453.670
Fontes : Ville d’Édimbourg e Edinphoto

Clima[editar | editar a fonte]

Como moitas partes do resto de Escocia, Edimburgo posúe un clima mariño temperado, relativamente suave malia a súa latitude Norte. Os invernos son especialmente suaves, considerando que a Moscova e o Labrador en Terranova están na súa mesma latitude, con temperaturas que durante o día raramente baixan dos 0 °C. As temperaturas estivais son normalmente moderadas, con máximas que non adoitan pasar dos 23 °C.

A proximidade da cidade co mar axuda a moderar as extremas variacións do clima. Debido á súa posición, atopada entre outeiros, é coñecida por ser unha cidade ventosa. O vento adoita vir do suroeste, e está asociado co ar quente da Corrente do Golfo, que pode dar lugar a precipitacións, aínda que menores ca nas cidades do oeste como Glasgow.

Edimburgo posúe precipitacións anuais máis baixas ca a maioría das cidades do Reino Unido agás o Sueste, e arredor de 100 mm3 menos que Dublín. Os ventos procedentes de dirección leste adoitan ser máis secos, mais tamén máis fríos. As precipitacións atópanse tamén repartidas ao longo de todo o ano. As fortes borrascas do océano Atlántico adoitan afectar a cidade entre outubro e marzo.

Media / Mes Media Xan Feb Mar Abr Maio Xuño Xullo Agost Set Oct Nov Dec
Altas temperaturas Celsius (°F) 12,1 (53,8) 6,2 (43,2) 6,5 (43,7) 8,7 (47,7) 11,1 (52,0) 14,2 (57,6) 17,3 (63,1) 18,8 (65,8) 18,5 (65,3) 16,2 (61,2) 13,2 (55,8) 8,7 (46,6) 6,9 (44,4)
Baixas temperaturas Celsius (°F) 4,8 (40,6) 0,3 (32,5) 0,0 (32,0) 1,5 (34,7) 3,1 (37,6) 5,7 (42,3) 8,7 (47,7) 10,3 (50,5) 10,2 (50,4) 8,4 (47,1) 5,9 (42,6) 2,1 (35,8) 0,9 (33,6)
Precipitacións en mm (pol) ano: 668 (26,3) 57 (2,24) 42 (1,65) 51 (2,01) 41 (1,61) 51 (2,01) 51 (2,01) 57 (2,24) 65 (2,56) 67 (2,64) 65 (2,56) 63 (2,48) 58 (2,28)
Número de días de chuvia ano: 182,8 17,2 13,6 16,2 14,0 14,4 13,3 13,1 15,2 16,5 16,7 16,3 16,3
Fonte: World Meteorological Organization
Edinburgh climate graph.png

Economía[editar | editar a fonte]

Edimburgo é unha das cidades máis prósperas do Reino Unido. A cidade goza dunha mellor saúde económica dende 1999 cando se creou a sede do Parlamento Escocés na cidade, o cal xerou unha importante cantidade de emprego grazas ás distintas oficinas que existen na cidade. O nivel de desemprego de Edimburgo é un dos máis baixos do país, e tamén é unha das cidades con máis capacidade de creación de emprego. A poboación de Edimburgo tamén está medrando significantemente, sobre todo grazas á migración estranxeira e particularmente do resto do Reino Unido.

Centro de operacións do Banco de Escocia

A economía de Edimburgo baséase en gran parte no sector servizos, o turismo nos servizos financeiros particularmente importantes, e na educación e nas investigacións de altas tecnoloxías. O Banco de Escocia foi fundado en 1695, nun acto no Parlamento Escocés orixinal. O Royal Bank of Scotland foi fundado en 1747 por Real Cédula é constitúe o quinto banco máis grande do mundo por capitalización.

New Town e o centro da cidade foron tradicionalmente o fogar de moitas compañías, mais hoxe en día, por mor das súas novas necesidades mudáronse cara ao oeste do centro da cidade onde hoxe en día se atopa o distrito de negocios, que abeira grandes compañías como Scottish Widows, Standard Life, o Clydesdale Bank e Baillie Gifford. Edinburgh Park é unha zona de negocios localizada ao oeste da cidade, preto do aeroporto de Edimburgo, e coa súa propia estación de tren. HSBC, Royal Bank of Scotland e HBOS teñen as sedes das súas compañías nesa zona. Após a apertura do centro de operacións do Royal Bank of Scotland, existen na actualidade arredor de 20.000 persoas traballando ás aforas occidentais da cidade.

Hoxe en día os centros comerciais e tendas son moi importantes para a economía da cidade. Os centros comerciais St James Centre e Princes Mall foron creados nos anos setenta, despois abriu o Cameron Toll no anos oitenta. Outros máis recentes son o Gyle preto do Edinburgh Park, o Ocean Terminal en Leith e as prazas comerciais de Hermiston Gait, Straiton e Fort Kinnaird.

Fermentaría Caledonian

A fermentación alcólica é unha das industrias tradicionais máis importantes da cidade. Aínda que a fermentaría Fountainbridge pechou as súas portas no 2005, deixou á outra fermentadora, a Caledonian Brewery como a maior da cidade xunto coa famosa Scottish & Newcastle que aínda mantén o seu centro de operacións na cidade.

O turismo é outra fonte económica importante para a cidade. Edimburgo é a cidade máis popular entre os turistas que viaxan a Escocia, Glasgow, a maior cidade de Escocia é a segunda. O número de turistas está a medrar cada ano, grazas á expansión do Aeroporto de Edimburgo e ás conexións de tren que conectan a cidade co resto do país. O Festival de Edimburgo atrae milleiros de turistas cada verán, como tamén o fai a festa de Hogmanay (fin de ano). O Festival de Edimburgo en agosto, por si só, xera un beneficio de 100 millóns de libras para a economía da cidade.

Outro grande elemento para a industria turística de Edimburgo son as conferencias ou o “turismo de negocios” os cales son unha gran contribución para a economía.

O 12 de marzo do 2004, Edimburgo recibiu o status de Cidade do Comercio xusto.

Política[editar | editar a fonte]

Como capital da Escocia, Edimburgo é a sede do Parlamento escocés, e tivo a oportunidade de ser en diversas ocasións a sede de importantes xuntazas como a dos xefes de goberno da Commonwealth (en 1997) e do Consello de Europa.

A nivel nacional, a cidade de Edimburgo está representada no seu propio parlamento e no Parlamento do Reino Unido.

No parlamento escocés, a cidade está representada por 6 membros no parlamento (Members of the scottish Parliament, MSPs) no nome dos 6 distritos nos que se atopa dividida a cidade: Northern Edinburgh and Leith, Edinburgh centers, Edinburgh east and Musselburgh, Edinburgh Pentlands, Southern Edinburgh e Western Edinburgh. Debido ao xeito en que se elixen os membros do parlamento en Escocia, a rexión de Lothians, á que pertence Edimburgo, elixe 9 representantes, dos cales 7 representan só a cidade de Edimburgo. Por tanto, a cidade de Edimburgo está representada por 13 MSPs (6+7).

Na Cámara dos Comúns, a cidade está representada polas 5 circunscricións de Edimburgo sur, Edimburgo oeste, Edimburgo suroeste, Edimburgo norte e Leith, e Edimburgo leste. Coa redefinición das circunscricións de 2005, o escano de Edimburgo Pentlands pasou a ser na súa meirande parte o de Edimburgo suroeste. O centro de Edimburgo ficou repartido entre as outras circunscricións. De cada circunscrición sae un membro do parlamento do Reino Unido.

A nivel municipal, existe un City Council (equivalente ao concello). Os residentes elixen nas súas circunscricións cidadáns da vila como concelleiros. Estes concelleiros respresentan as diferentes circunscricións e reúnense mensualmente para tomar decisións sobre o xeito no que se debe xestionar a cidade.

A cidade de Edimburgo posúe 58 concelleiros, elixidos por 4 anos e que representan os habitantes de Edimburgo. Na actualidade, a repartición dos concelleiros é a seguinte [6] :

As vindeiras eleccións celebraranse en 2007.

Os 58 concelleiros conforman o concello da cidade (city council), presidido polo Lord Provost Lesley Hinds (Partido laborista).

Ensino[editar | editar a fonte]

Ensino superior[editar | editar a fonte]

A Universidade de Edimburgo creouse 1583 por orde dunha carta real, sendo a cuarta universidade máis vella da Escocia. A parte máis vella da universidade que se emprega na actualidade (Old College) atópase en South Bridge e data de 1820. Co aumento do número de estudantes, construíronse novos edificios en George Square onde continúa a darse clase; na actualidade co crecemento do número de estudantes, estanse a facer novos planos de ampliación.

A real facultade de cirurxía (Royal College of Surgeons) e a real facultade de medicina (Royal College of Physicians) creáronse tamén por orde de cartas reais, en 1506 e 1681. A academia de debuxo de Edimburgo fundouse en 1760, converténdose en 1907 no Edinburgh College of Art (Escola de arte de Edimburgo). A Queen Margaret University, fundada en 1875 para atender a educación das rapazas, emprégase na actualidade como colexio de negocios, asistencia médica e xornalismo.

Na década de 1960, creáronse a University Heriot-Watt e o Napier Technical College. A historia da University Heriot-Watt data de 1821, cando se abriu unha escola de educación técnica para a clase traballadora. Heriot-Watt, localizada en Riccarton, no oeste da cidade, posúe unha sólida reputación no campo da enxeñaría. O Napier College era o Napier Polytechnic na década de 1980, e obtivo o estatuto de universidade en 1992. A Napier University posúe varios campus nos distritos sur e oeste da cidade.

Donaldson College

Atópanse na cidade outras escolas de ensino superior. Estas son: o Telford College, aberto en 1968, o Stevenson College, aberto en 1970 e a Escola escocesa de agricultura (Scottish Agricultural College) a cal posúe un campus ao sur da cidade.

Ensino secundario[editar | editar a fonte]

Edimburgo posúe diversos centros de educación secundaria, dos cales a Royal High School, é considerada o máis vello da cidade. Destacan tamén o Donaldson's College, destinado aos rapaces xordos. Entre os centros privados, cabe destacar a Edinburgh Academy, o Fettes College, o George Heriot's (fundado en 1628), o George Watson's College e o Merchiston Castle School.

Cultura[editar | editar a fonte]

Festival[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Festival de Edimburgo.

Edimburgo ten sona internacional grazas ao seu festival de teatro, ópera, música e danza que ten lugar todos os veráns no mes de agosto e atrae a máis dun millón de visitantes á cidade. Ao mesmo tempo teñen lugar na cidade outros festivais e feiras como o Fringe, e as feiras do libro e do cinema, ademais tamén teñen lugar grandes competicións como o Edinburgh Military Tattoo, competición de música militar.

Museos[editar | editar a fonte]

A cidade de Edimburgo posúe tres museos de grande importancia:

Transportes[editar | editar a fonte]

Torre de control do aeroporto de Edimburgo

Aeroporto[editar | editar a fonte]

O aeroporto de Edimburgo, situado no distrito de Turnhouse, 8 km ao oeste da cidade, é a principal porta de entrada internacional da cidade. O aeroporto é manexado pola BAA Limited, compañía que se ocupa tamén dos aeroportos de Londres (Heathrow, Gatwik e Stansted), e dos aeroportos de Glasgow, Aberdeen e Southampton. O aeroporto de Edimburgo posúe moitos destinos nacionais e internacionais, e ve pasar cada ano uns 8 millóns de pasaxeiros. As previsións agardan que chegue aos 26 millóns de pasaxeiros para o 2030[7].

Autobús[editar | editar a fonte]

Moderno autobús de dous andares da cidade de Edimburgo.
Estación de tren de Waverley, no centro de Edimburgo.
Conexión da City Bypass A720 coa M8.

Edimburgo posúe unha ampla rede de autobuses, os cales circulan por todos os distritos e arrabais da cidade. Co fin de diminuír o tráfico no centro da cidade, o concello de Edimburgo estabeleceu unha serie de aparcadoiros nos arrabais da cidade para que os condutores deixen os seus automóbiles e collan o bus.

A Lothian Buses é a principal compañía de autobuses de Edimburgo. A compañía tamén presta os seus servizos en East Lothian e Midlothian. Lothian tubes é a única compañía pública de autobuses da Escocia. O 91% dos seus autobuses traballan na cidade de Edimburgo, o 9% restante fano nos concellos de East Lothian, Midlothian, e West Lothian. Na actualidade existe unha lanzadeira que conecta o centro da cidade co aeroporto internacional.[8]

Tren[editar | editar a fonte]

A estación de Waverley é a principal de Edimburgo. A estación atópase no centro da cidade, moi preto dos xardíns de Princes Street. Esta é empregada cada ano por máis de 13 millóns de viaxeiros, sendo a principal estación na ''East Coast Main Line'' (ECML), liña de tren que comunica Londres e Edimburgo, pasando por Yorkshire, North East England e outras pequenas rexións entre ambas as dúas cidades. A GNER (Great North Eastern Railway) e Virgin Trains son as compañías ferroviarias que operan con trens de alta velocidade na ECML. Dentro da Escocia o fai a First ScotRail.

Tranvía[editar | editar a fonte]

Na actualidade a cidade de Edimburgo non posúe ningunha liña de tranvía. Como moitas cidades do Reino Unido, Edimburgo tivo tranvía no pasado; este tiña algunhas liñas que circulaban polos distritos de Leith e Portobello, mais foi eliminado o 16 de novembro de 1956.
No ano 2004, presentáronse dous proxectos no parlamento escocés para o reestabelecemento dunha rede de tranvías na cidade. Os dous proxectos foron aprobados no 2006 e agárdase que as obras comecen en 2007.

Para 2011 agárdase que a cidade de Edimburgo inaugure unha nova rede de tranvías composta por 3 liñas, as cales conectarán o aeroporto internacional situado no oeste da cidade, coa rúa de princes Street, co centro da cidade, e cos distritos de Leith, Granton e co porto occidental[9].

Estradas[editar | editar a fonte]

A A720, tamén chamada Edinburgh City Bypass é unha das autoestradas máis importantes da Escocia. Serve de anel de circunvalación da cidade. Parte da A720:

  • A A1, conecta a cidade co nordés da Inglaterra.
  • A A702, conecta a cidade co noroeste da Inglaterra.
  • A A8, conecta a cidade con Stirling.
  • A M8, conecta a cidade con Glasgow. A M8 é a estrada máis concorrida da Escocia.

Deportes[editar | editar a fonte]

Edimburgo posúe dous equipos profesionais de fútbol: o Heart of Midlothian e o Hibernian. Coñecidos localmente como Hearts (ou Jambos) e Hibs (ou os Hibees). Os dous equipos xogan na división de honra escocesa de fútbol: os Hearts no Tynecastle Stadium en Gorgie e os Hibernian no Easter Road Stadium preto de Leith. Outros equipos de menor categoría son os Spartans e o Edinburgh City. Edimburgo foi a sede do Meadowbank Thistle, até que mudaron a súa sé pola cidade de Livingston en 1995, trocando o seu antigo nome polo de Livingston F.C. O Scottish national team ou o Equipo Nacional Escocés adoita xogar no Hampden Park, na cidade de Glasgow, aínda que en anos recentes xogou no Easter Road (tres partidos dende o 2000) e en Tynecastle (1998 e 2002).

A Selección de rugby de Escocia xoga no Murrayfield Stadium, propiedade da Scottish Rugby Union e empregado tamén para outro tipo de eventos como concertos etc. O equipo de Rugby profesional de Edimburgo Edinburgh Rugby, xoga na Celtic League no Murrayfield. O maior estadio de Escocia.

No tocante ao Rugby, o Scottish cricket team representa a Escocia internacionalmente nos partidos de cricket e no C&G Trophy. Os partidos de cricket xóganse no The Grange en Stockbridge (Edimburgo).

O Edinburgh Capitals é o último equipo de hóckey sobre xeo en representar á capital escocesa. Anteriormente a cidade foi representada polo Murrayfield Racers e o Edinburgh Racers. O equipo xoga os seus partidos no Murrayfield Ice Rink e constitúe o único equipo escocés da Elite Ice Hockey League.

Edinburgh tamén foi a sede de diversas competicións internacionais como a World Student Games, os Commonwealth Games, de 1970 e 1986 e os Commonwealth Youth Games do 2000. Para os xogos de 1970 construíu importantes intalacións olímpicas como a piscina Royal Commonwealth Pool e o Meadowbank Stadium.

A maratón de Edimburgo ten lugar na cidade dende 1999 con máis de 13.000 participantes cada ano.

Eventos anuais[editar | editar a fonte]

O festival de Edimburgo está formando por un conxunto de festivais que teñen lugar cada mes de agosto. Estes festivais son:

  • Edinburgh International Festival: é o festival oficial. Nel pódense atopar representacións de teatro clásico, contemporáneo, ópera, música e danza.
  • Edinburgh Festival Fringe: é o festival máis importante a nivel mundial de arte na rúa[10].
  • Edinburgh Military Tattoo: espectáculo de pasarúas no castelo, con kilts, gaitas e pandeiros.
  • Edinburgh International Film Festival (festival de cinema)
  • Edinburgh International Book Festival (festival do libro)
  • Edinburgh Jazz and Blues Festival
  • Edinburgh International Television Festival
  • Edinburgh Interactive Entertainment Festival
  • Edinburgh People’s Festival
  • Edinburgh Mela

O Hogmanay, é o festival de celebración do cabo de ano. As celebracións teñen lugar dende o 31 de decembro até o 2 de xaneiro. O Festival de Beltane , ten lugar cada ano o 1 de maio no monte do Calton Hill.

Irmandamentos[editar | editar a fonte]

Edimburgo está irmandada coas cidades de:

Outras cidades do mesmo nome[editar | editar a fonte]

Debido á emigración escocesa hoxe en día existen múltiples vilas co nome inglés da vila, Edinburgh:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN 9788482887524. 
  2. General Register Office for Scotland, 2006 (ed.). "Mid Year Population Estimates, 2006". Consultado o 2007-01-28. 
  3. Edinburgh City Council (ed.). "City Comparisons Table" (PDF). Consultado o 2007-01-28. 
  4. Graduate Prospects (ed.). "Napier University Edinburgh". Consultado o 2007-03-23. 
  5. City of Edinburgh Council, ed. (2006). "A Vision for Capital Growth" (PDF). Consultado o 2007-03-23. 
  6. Segundo a Ville d’Édimbourg (en anglais)
  7. D’après Scotland.gov.uk
  8. [1]
  9. tiedinburgh.co.uk
  10. edfringe.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Collectif, Edimbourg, Guides Autrement, París, 1997.
  • Collectif, Édimbourg, Guides Gallimard, París, 2006.
  • James Buchan, Capital of the Mind: How Edinburgh Changed the World, 2003.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]