García II de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "García de Galicia")
Saltar ata a navegación Saltar á busca
García II de Galiza
Rei de Galiza
100%
García II no Liber genealogiae regum Hispanie

Reinado 1065 - 1071
Nacemento c. 1042
Falecemento 22 de marzo de 1090
Castelo de Luna
Sepultura Panteón real de S. Isidoro de León
Predecesor Sancha I de Galicia[1]
Fernando I de León
Sucesor Sancho II de Castela
Afonso VI de León
Proxenitores Fernando I de León
Sancha I de Galicia
Irmáns Urraca, Sancho, Elvira e Afonso

Sinatura-de-Garcia-II,-rei-da-Galiza.png

García II de Galicia tamén coñecido por García de Galiza, ou simplemente Don García[2], nado en 1042 e finado o 21 de marzo de 1090, foi un monarca galego que reinou entre os anos 1065 e 1071. Fillo de Fernando I e Sancha I, herdou o Reino de Galiza, co condado de Portugal, e a protección e parias de Badaxoz e Sevilla[3]. Educouse desde 1053 en Galiza co bispo Cresconio de Iria.[4]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

O Reino de Galiza gobernado por seus pais, Sancha I e Fernando I, en 1064.

O infante García naceu contra o ano 1042[a] e foi o fillo máis novo dos reis de Galiza Sancha I e o seu consorte Fernando I,[1] e irmán de Urraca de Zamora, de Sancho II de Castela, de Elvira de Toro e de Afonso VI de León.[b] Era neto por parte materna de Afonso V o Nobre, rei de Galiza, e da súa esposa a raíña Elvira Méndez. Por parte paterna os seus avós eran Sancho III o Maior, rei de Navarra, e a súa esposa a raíña Muniadona de Castela.

Desde moi novo xa aparece en diplomas canda seus pais e irmáns;[5] como no xa mencionado da doazón á abadía de Santo André da Veiga de Espiñareda do 24 de abril de 1043 ou nestoutro do mosteiro de San Juan Bautista de Corias do 26 de abril de 1046 que é confirmado por tódolos irmáns, agás Elvira.[7][c]

Educouse desde 1053 en Galiza co bispo Cresconio de Iria, xunto a quen aparece na primeira mención coñecida de García, datada nese mesmo ano.[d] Sánchez Candeira vencella este feito á futura repartición do reino,[3] pois os seus tres fillos educáronse nas terras que despois herdarían (non foi até 1063 que se fixo público o repartimento).[11] Aínda así, García seguiu estando presente na corte, en León, como o testemuñan os diplomas que asinou (en 1056, 1061 e 1063).[12]

Reliquia do apóstolo Santiago na igrexa de Saint Jacques en Liexa, entregada por García en 1056.

Unha das mencións do rei García é no relato da viaxe dun grupo de peregrinos de Liexa en 1056[13] que foron recibidos polo infante e o bispo Cresconio. García entregoulles ―coa oposición de Cresconio― unha reliquia do brazo do apóstolo Santiago co obxectivo de desposarse cunha das fillas de Henrique III de Alemaña, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico,[e] mais non semella que o chegase a facer.[15]

Posteriormente, contra 1065, é probábel que entrase en contactos para concertar matrimonio cunha filla de Guillerme o Conquistador; mais, de novo, non se concluiu o esposorio.[16][f]

Pouco antes do seu acceso ó trono, García reclamaba perante a asemblea de xustiza os dereitos na herdanza dunha familia aristocrática da Galiza do norte. Este preito co bispo de Mondoñedo gañouno o infante, constituíndo unha mostra da súa fortaleza e prudencia a pouco de se converter en soberano.[29]

Reino de Galiza[editar | editar a fonte]

Noroeste peninsular, onde se aprecia a distribución dos reinos nos tempos de García II:      García II, co dominio de Galiza      Badaxoz, tributario de García      Sevilla, tributario de García      Afonso VI, co dominio de León      Toledo, tributario de Afonso      Sancho II, co dominio de Castela      Zaragoza, tributario de Sancho[30]

O rei Fernando I repartiu os seus dominios entre os fillos: Sancho, o maior, recibiu Castela, Afonso recibiu León, mentres que García, o máis novo, recibiu Galiza. Ademais, Urraca, a primoxénita, recibiu a cidade de Zamora e Elvira a de Toro, correspondéndolles tamén o infantado, isto é, «o padroado e mailas rendas de tódolos mosteiros pertencentes ó patrimonio rexio»[31] coa condición de non poderen contraer matrimonio.[3]. Entre a decisión da partición do territorio, no 1063, e a morte de Fernando I, no 1065, houbo trocos no territorio galego, coa conquista de Coimbra e a fixación da fronteira ó sur do Mondego, cun territorio activo e perfectamente ordenado. A actividade, ordenamento, amplitude e recursos do territorio galego foron unha fonte de envexas para os irmáns de García, e isto considérase unha posible causa do acoso ó que se veu sometido dende cedo.[32]

Capital dun texto orixinal alusivo a don García.

Existe a crenza de que estableceu a capital do seu reino en Ribadavia, na comarca do Ribeiro, que non está apoiada polas fontes medievais.[33] De feito o centro de gravidade do reino atopábase ó sur do Miño, en torno a Braga.

Tanto en Galiza coma no condado de Portugal o rei tiña que contar cunha forza política moi grande dos nobres e sobre todo dos bispos, en quen García II quixo fundamentar o seu goberno. No seu reino tiñan as sés de Lugo, Compostela ou Iria, moi forte polas peregrinacións á tumba do Apóstolo Santiago, máis as de Mondoñedo, Porto e Ourense. García II restableceu as de Braga (tras acordo cos bispos de Lugo e Iria-Compostela) e Tui, así como as de Lamego e Viseu, que foron absorbidas axiña pola de Coimbra. Isto contrasta coa única diocese do reino de Sancho II (Oca) e mesmo coas catro do reino de Afonso VI (Oviedo, León, Astorga e Palencia).[34] Favoreceu o mosteiro de Santo Antoniño de Toques.[35]

Pero García II apenas tivo tempo de gobernar. A morte do bispo Cresconio veu alterar a estabilidade da vida política galega á que contribuíra o defunto durante os trinta anos de mandato episcopal. O seu herdeiro Gudesteo, quen fora nomeado directamente polo rei García, foi asasinado polo conde Froilán (tío do bispo) o ano seguinte. A Historia Compostellana fai un rechamante silencio en torno á actuación posterior do rei, e di: "logo foi elevado á mesma cátedra Diego Peláez polo rei don Sancho". Sancho II de Castela non exerceu poder en Galiza até xa entrado o ano 1071, polo que ese "logo" que di a crónica ten que significar máis de dous anos. Non se sabe o que sucedeu neses dous anos, aínda que se sabe que nese lapso de tempo García proseguiu o seu reinado con normalidade.

García tivo dificultades tamén co problema crecente das ansias de separatismo dos nobres portucalenses, encabezados polo conde Nuno Mendes, descendente da familia de Vimara Pérez, con cada vez máis desexos autonomistas e cos que tivo que loitar até derrotalos na batalla de Pedroso preto da actual Vila Nova de Gaia. Na batalla morreu o propio Nuno Mendes, tal e como di a Chronica Gothorum, que ademais sitúa a batalla o 18 de xaneiro de 1071. Despois desta batalla, García asume para si o título de rei de Portucale, procurando así diminuír a insubmisión dos rebeldes portucalenses e ás familias que non lle deron o seu apoio privounas dos seus bens.

Apresamento e exilio[editar | editar a fonte]

Folio 4v do Antifonario visigótico-mozárabe da catedral de León (c. séc. X), asinado por García, seu irmán Afonso e, quer seu irmán Sancho, quer súa nai Sancha (1062-1063).[36]

Sancho II de Castela, probablemente descontento co repartimento que fixera o seu pai, tomou armas contra o rei García, atacando Galiza. Para iso tivo que contar co apoio de Afonso, ou cando menos coa súa neutralidade, xa que as tropas castelás tiveron que pasar polo seu reino. Isto foi na primavera de 1071, e Sancho fíxose rapidamente co control do reino, xa que un documento do mosteiro de Arlanza, datado o 10 de maio de 1071, nomea a Sancho como rei de Castela e de Galiza. O rei García foi apreixado posiblemente en Santarém.

García II foi enviado a Castela para facelo prisioneiro en Burgos, e finalmente foi enviado ó exilio, refuxiándose no sur do seu reino, moi probablemente en Sevilla, próximo ao apoio que poderían prestarlle os reis de Badaxoz e Sevilla. Con García exiliado Sancho intitulouse Castellae et Gallaeciae rex, aínda que contou coa colaboración de Afonso. Porén xurdiron novamente as tensións e de novo Sancho atacou e venceu a Afonso na batalla de Golpejera. Xa que logo, Afonso marchou cara ó exilio en Toledo. O 12 de xaneiro de 1072 Sancho era coroado en León, aínda que o goberno en solitario de tódolos territorios herdados de Fernando I foi breve, xa que en outubro dese mesmo ano foi asasinado no sitio de Zamora. Morto Sancho, Afonso regresa do seu exilio e faise co control do seu territorio, contando co apoio da súa irmá Urraca.

Volta do exilio e traizón de Afonso[editar | editar a fonte]

Os irmáns Sancho II e García en Retratos de los reyes de España t. II, 1788.[37]

Hai diferentes versións dos cronistas sobre a reacción de García trala morte de Sancho. Así, o Cronicón Compostelán fala que o rei galego deuse présa en ir ante o seu irmán, resultando preso por el. Paio de Oviedo resalta que foi mediante o engano como foi feito prisioneiro. A data do apresamento encádrase entre finais de 1072 e comezos de 1073, sendo pechado no castelo de Luna, en plena montaña leonesa de Babia. Alí permaneceu até o seu pasamento en 1090.

Mentres estivo preso, entre 1085 e 1088, produciuse a rebelión dos Ovéquiz, un dos máis importantes acontecementos políticos do reinado de Afonso VI que se producen en Galiza.[38] Rodrigo Ovéquiz, intitulado conde de Galiza e partidario de García[39], xunto con Diego Peláez, bispo de Santiago de Compostela, pretendían entregar a coroa do reino de Galiza a Guillerme o Conquistador, rei de Inglaterra,[40][41] ou talvez liberar o propio García e casalo cunha filla de Guillerme.[42][43][44] As forzas de Ovéquiz asaltaron Lugo, asasinando o meiriño real Ordoño, chegando a se facer mesmo con gran parte de Galiza.[45] Porén, a revolta acabou fracasando e Afonso VI confiscou tódolos bens a Rodrigo Ovéquiz e desterrouno, mentres a Diego Peláez depúxoo, encarcerouno e humillouno. No medio destes acontecementos, Afonso VI tamén entregou o goberno de Galiza en 1087 ó seu xenro Raimundo de Borgoña como conde de Galiza.[42]

Morte e sepultura[editar | editar a fonte]

García morrería en prisión o 21 de marzo de 1090 a causa dunhas febres, segundo indica a Crónica de Silos. O bispo Paio de Oviedo amplía a información indicando que por desexo de García, este foi sangrado, práctica terapéutica habitual daquela, e pouco despois produciuse o seu pasamento. A Crónica Naxarense fala do desexo expresado por García de ser soterrado canda as cadeas que levou durante a súa vida no cárcere. O Liber regum coincide en situar a morte de García no cárcere, e en situar o lugar do enterramento en Santo Isidoro, coas cadeas que levou en prisión. Outros autores, como Lucas de Tui no Chronicon mundi, en necesidade de facer ver o talante magnánimo do rei Afonso, falan que, decatándose da mala situación do seu irmán liberouno e trasladouno a León, finando na viaxe. Rodrigo Ximénez de Rada, tamén fala da benevolencia de Afonso, mais subliña que García rexeitou ser liberado. Esta versión foi a que seguiu a Primeira Crónica Xeral, falando da oferta de liberación do rei Afonso, do rexeitamento doído de García, do seu desexo de ser soterrado cos ferros que levou na cadea, e da sepultura con honras de rei que lle fixeron, expresándoo así:

Mas el rey don Garcia quandol dixieron de cómo su hermano le mandaua soltar de la prision, dixo entonces: "pues que Dios non quiso que yo en mi uida, seyendo sano et con salut, fuesse soltado agora non quiero ya salir de la prision, et aqui quiero morir; mas ruego a mis hermanas et mando que assi me sotierren en Leon en los fierros en que yago preso".
Panteón real de S. Isidoro de León, onde recibiu sepultura o rei García.

Deste xeito, no seu sartego de pedra do Panteón de Reis de Santo Isidoro de León, a tampa foi gravada coa figura do rei encadeado.[46][47][48] Incluía tamén o seguinte epitafio latino:

H[ic] R[equiescit] Dominus Garcia Rex Portugalliae et Galleciae. Filius Regis Magni Ferdinandi. Hic ingenio captus a fratre suo in vinculis. Obiit Era MCXXVIII XIº Kal[ends] April[is].[49][50][51][52]

Isto é:

Aquí xace Don García, rei de Galiza e Portugal, fillo do gran rei Fernando. Foi capturado con engano polo seu irmán e encadeado. Morreu o 22 de marzo de 1090.

O epitafio parece ser que foi unha renovatio ―inscrición ligada ó sartego orixinal noutro tipo de escritura― do século XIII.[53] Este serviu de base para o historiador Ângelo Ribeiro poder concluír que García fora o primeiro en usar o título de rei de Portugal.[54]

O sartego foi destruído na Francesada, en 1809, cando as tropas francesas ocuparon a Basílica de Santo Isidoro de León, convertendo esta en cuartel e o panteón en corte. Para isto último, os sartegos foron profanados e tornados bebedoiros para cabalos, amoreando os restos nun curruncho. Estes foron recolleitos polos cóengos e levados á igrexa de Santa Marina la Real de León, onde ficaron até seren, unha vez rematada a guerra, devoltos ó panteón e introducidos nos sarcófagos sen orde ningunha.[55] Por mor disto, resulta imposíbel o recoñecemento dos restos do rei García, igual cós demais reis.[56] En 1997 abríronse os sarcófagos de novo para un ambicioso estudo multidisciplinar[57] co obxectivo principal de identificar os restos dos personaxes rexios alí enterrados.[58] No entanto, despois de 10 anos de pescudas, o proxecto fracasou sen chegar a conclusión ningunha.[58]

A morte e os funerais de rei en honor de García producíronse canda a celebración do concilio de León dese ano,[59][51] ó cal estaban convocados os bispos dos reinos de Galiza, León e Castela[60] entre outros. Isto provocou que asistisen ás súas exequias moitos importantes prelados, tales como Bernardo de Sedirac, primado de Toledo, e o legado pontificio Raniero, futuro papa Pascual II.[5][61] As súas irmás Urraca e Elvira tamén asistiron.[5][62]

Na historiografía[editar | editar a fonte]

Á pouca información que hai sobre a súa vida e o seu reinado, xúntase a vontade dos cronistas de Afonso por indicar aspectos negativos de García, elementos que foron prendendo na historiografía española, que trata en boa parte a García coma un persoeiro secundario, do mesmo xeito cá historiografía portuguesa, cando non coma un incapaz e un perdedor.[5] A mitificación do rei perdedor, espallouse considerablemente, e así o describen historiadores galegos do rexionalismo galego coma Manuel Murguía[63] ou Benito Vicetto.[64] A pouca información ou descoñecemento deste rei chegou máis á actualidade: baste como exemplo a descrición que a deputada de Alianza Popular, a galega María Victoria Fernández-España fixo do rei na súa obra Galicia feudal:

El tiempo se encargaría de revelar que, entre los tres hijos del primer rey de Castilla había dos listos y uno parvo: a Galicia le correspondió el parvo.
Victoria Armesto.[65]

Un bo exemplo do tratamento historiográfico da figura de García atópase no Tombo A de Compostela, códice que, malia ilustrar as súas páxinas con vinte e catro personaxes vinculados á monarquía, desde Afonso II até Afonso X, esquece convenientemente ilustrar a figura do monarca. Un esquecemento que resulta chamativo pola presenza no documento non só do seu pai, Fernando I, e seu irmán, Afonso VI, senón tamén das súas irmáns Elvira de Toro e Urraca de Zamora.[66] Así e todo, a Historia silense de principios do século XII, denomina a García como un «bo emperador» (bonus imperator) por mor das súas vitorias militares.[67][68]

Por outra banda, parte da historiografía considerou tradicionalmente o rei García como a orixe da liñaxe dos Castro. Segundo esta teoría o rei García enxendrou durante o seu presidio a Fernando García de Hita, xenearca da importante familia nobiliaria galega.[69][70] O conde Fernando figura de xeito continuado nos diplomas da raíña Urraca, a cal refírese a el como parente consanguíneo.[71] Esta estendida hipótese é obxecto de discusión entre os xenealoxistas.[72]

Na literatura[editar | editar a fonte]

Nuno, fillo de García, no debuxo de Eugène Grasset para Le Petit Roi de Galice ―O reiciño de Galiza― (1870-1904).
Roxín Roxal (esquerda) é coroado como rei de Galiza por Diego Peláez (centro) trala abdicación de seu pai García (dereita) en Rogin Rojal, ó El paje de los cabellos de oro de Benito Vicetto (1857).[73]

A captura de García mediante engano, o longo encarceramento e o pomposo funeral, convertérono no favorito dos poetas épicos, e para mediados do século XII xa debía existir un bo número destas obras poéticas.[74] A máis antiga destas en sobrevivir é a balada do século XVI «Romance de la muerte del rey don García» en Romances nuevamente sacados de historias antiguas de la crónica de España (1551) de Lorenzo de Sepúlveda.[75][76]

Ademais, o seu eco puido chegar a unha canción popular nórdica,[77] Romance de Santiago (Visen om Sankt Jakob), cuxos contidos xa aparecen no Speculum historiale de Vicente de Beauvais e na Legenda aurea de Santiago de Voragine do século XIII. Así, na versión das Illas Feroe (Santa Jákups vísa ou Santa Jaakup[78]), a máis completa e conservada, fálase do «país de García» (Garsialand) e do rei García.[79][80][81]

Existe unha obra teatral do século XVII titulada La Lindona de Galicia (ou La Ricahembra de Galicia) que trata a lenda de García. Atribúese a diferentes autores (Montalbán, Moreto e Lope de Vega)[82] e unha boa parte está escrita en galego.[83][84]

En 1857 publicouse a novela Rogin Rojal, ó El paje de los cabellos de oro: Historia caballeresca del siglo XI do galego Benito Vicetto. Nela, o relato comeza co rei García no ano 1067 e cóntase a súa historia e a do seu fillo Roxín Roxal.[73]

A historia de don García tamén inspirou a Victor Hugo a creación da epopea Le Petit Roi de Galice[85] (O reiciño de Galicia),[86] incluída na primeira serie da obra La Légende des siècles (1859). O poema relata a tentativa de usurpación do reino a Nuno, fillo de García de Galiza.[87]

Xa no século XX, García é mencionado ou figura en dúas obras de Álvaro Cunqueiro: no relato haxiográfico San Gonzalo, publicado so o pseudónimo de Álvaro Labrada en 1945,[88] e na peza teatral Palabras de víspera, escrita en 1968 e publicada en 1974, que trata dos seus irmáns ―Urraca e o seu namoro de Afonso―.[89][90]

O 3/4 de marzo de 1979, Casimiro Torres Rodríguez ingresou na Real Academia Galega como membro numerario pronunciando un discurso titulado O malfadado D. García: Rei de Galicia.[91][92]

Nas dúas últimas décadas do século XX, a figura do rei García como personaxe literario tivo un gran desenvolvemento. Deste xeito, un dos escritores galegos contemporáneos máis destacados, Manuel Rivas, publicou na súa Balada nas praias do Oeste (1985) un poema titulado cunha pregunta de García: «¿Deixaredes morrer a nación dos galegos?».[93] Posteriormente escribiu O último rei dos galegos, relato romántico publicado na colección Contos do Castromil (1992), e En salvaxe compaña (1994), novela que recibiu o Premio da Crítica Galicia e na que o rei García é un corvo branco con grillóns que exerce de anxo da garda.[94][95]

Así mesmo, na novela No ano do cometa (1987) de Xoán Bernárdez Vilar, gañadora do Premio Xerais e ambientada na Europa de 1066, García ten un lugar destacado no argumento.[96] En 1999, o autor tamén escribiu a obra de teatro O valedor do reino, unha peza histórica en catro actos sobre o bispo Cresconio, conselleiro e amigo de García. Foi publicada dixitalmente na Biblioteca Virtual Galega en 2002 e recibiu o Premio de teatro da Universidade de Vigo dese ano.[97][98]

Darío Xohán Cabana, outro dos máis prestixiosos escritores galegos,[99] escribiu tamén varios poemas e novelas relacionados co rei García e vencellados entre si.[100] A figura deste monarca fascinou e obsesionou o autor durante moitos anos.[101] Deste xeito, comezou adicando dous poemas a García en Patria do mar (1989)[102] e mencionándoo na novela Galván en Saor (1989),[103] gañadora do Premio Xerais.[104] Proseguiu primeiro coa novela Cándido Branco e o Cabaleiro Negro (1992), onde se fan varias alusións ó rei García e ó seu reinado anterior,[105][106] e despois c'O cervo na torre (1994), novela gañadora tamén do Premio Xerais[107] e na cal un dos personaxes principais é Sebastián García, descendente directo de García.[101] Finalmente rematou con Morte de rei (1996), unha novela histórica rigorosamente documentada[108] onde o protagonista é o propio García, que está preso e encadeado vendo preto a súa fin. A obra intercala o relato dos pensamentos e conversas do rei coa acción do día a día na prisión e o relato das súas propias vivencias como príncipe e posteriormente como rei. En palabras do autor «ningunha das cousas que se din na novela é demostrable que sexan ficción».[101] As dúas últimas novelas foron inicialmente ideadas como unha serie de cinco ou seis novelas ―que Cabana non chegou a escribir― na cal Morte de rei sería a primeira e O cervo na torre a última.[101]

Tamén Xosé Luís Méndez Ferrín, considerado un dos referentes máis excepcionais da literatura galega da segunda metade do século XX,[109] escribiu o poema «Don García, Rei», publicado no seu libro de poesía Estirpe de 1994, gañador do Premio da Crítica de poesía galega de 1994 e do Premio Losada Diéguez de creación literaria de 1995.[110]

O 1 de abril de 2005 estreouse en Narón a peza teatral «García» de Cándido Pazó.[111] Con X. A. Porto Josito como o rei García, a obra foi representada pola compañía Teatro do Adro e dirixida polo propio Cándido Pazó. Foi galardoada co Premio María Casares 2006 ó mellor texto orixinal e nomeada para o Premio Max 2006 ó Mellor Texto Orixinal en Galego.[111] Na obra, García leva xa moitos anos preso e Rodrigo, antigo amigo e vasalo, entra no castelo coa intención de o liberar, mais topará cun monarca totalmente derrotado.[112]

Alén da literatura, Luís Seoane, en 1967, deseñou unhas cabezas de personaxes medievais galegos para xerras de porcelana co obxectivo de divulgar a historia de Galiza;[113][114] sendo unha delas a do rei García.[115] Foron as primeiras figuras da nova etapa de Sargadelos.[116] Posteriormente, Seoane tamén realizou unha xilografía de García,[117] contida no seu libro Imágenes de Galicia. 72 xilografías originales publicado a finais de 1978.[118] Con el, o autor pretendía «rescatar mitos e feitos históricos galegos que non tiveron, na súa maioría, expresión gráfica algunha».[119]

En 1978 publicouse tamén o álbum Porque no mundo mengou a verdade do cantautor Xosé Quintas Canella que inclúe a canción «O Rei García».[120]

O rei García II foi ilustrado por Pepe Carreiro en O Reino de Galiza (1998)[121] e por Tucho Fernández Calo en Os reis de Galicia (2003)[122], ámbolos libros do historiador Anselmo López Carreira.

Ademais, García figura no libriño erótico-pornográfico Os Anais do Reino da Gallæcia (2017).[123]

O 25 de decembro de 2017 saíu un mod para o videoxogo Civilization VI titulado Daenvil's Galicia: García II. O obxectivo do xogo é desenvolver a Galiza do rei García que posúe un gran poder cultural e relixioso, á parte dunha grande unidade migrante colonizadora.[124]

Xenealoxía[editar | editar a fonte]

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
16. Sancho II de Navarra
 
 
 
 
 
 
 
8. García II de Navarra
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
17. Urraca Fernández de Castela
 
 
 
 
 
 
 
4. Sancho III de Pamplona
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
18. Fernando Bermúdez de Cea
 
 
 
 
 
 
 
9. Ximena Fernández
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
19. Elvira Díaz de Saldaña
 
 
 
 
 
 
 
2. Fernando I de León
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
20. García Fernández, Conde de Castela (=26)
 
 
 
 
 
 
 
10. Sancho García, Conde de Castela
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
21. Ava de Ribagorza (=27)
 
 
 
 
 
 
 
5. Muniadona de Castela
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
22. Gómez Díaz, Conde de Saldaña
 
 
 
 
 
 
 
11. Urraca Gómez
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
23. Muniadona Fernández de Castela
 
 
 
 
 
 
 
1. García de Galiza
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
24. Ordoño III de León
 
 
 
 
 
 
 
12. Vermudo II de León
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
6. Afonso V de León
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
26. García Fernández, Conde de Castela (=20)
 
 
 
 
 
 
 
13. Elvira García
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
27. Ava de Ribagorza (=21)
 
 
 
 
 
 
 
3. Sancha de León
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
28. Gonzalo Menéndez, Conde de Portugal
 
 
 
 
 
 
 
14. Menendo González, Conde de Portugal
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
29. Ilduara (Ildonza) Peláez
 
 
 
 
 
 
 
7. Elvira Menéndez
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
15. Tutadona
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Notas[editar | editar a fonte]

Guillerme o Conquistador, representado aquí no Tapiz de Bayeux durante a Batalla de Hastings (1066), tense relacionado coa Galiza da época de García por: o cabalo que montou na dita batalla, os contactos matrimoniais dunha súa filla e pola rebelión de Rodrigo Ovéquiz e Diego Peláez.[125]
  1. Entre 1041 e o 24 de abril de 1043 cando seus pais, nunha doazón á abadía de Santo André da Veiga de Espiñareda (O Bierzo), mencionan os seus cinco fillos.[5][6][7]
  2. A orde de nacemento dos irmáns segundo as crónicas e as fontes documentais foi esa: Urraca, Sancho, Elvira, Afonso e García. A infanta Urraca foi a única dos cinco fillos que naceu antes de seus pais reinaren.[8]
  3. Existe un documento do mosteiro de Celanova datado en 1052, que xa atribui a García título rexio (Garsea serenissimi regis), do cal poden existir dúbidas sobre a súa fiabilidade.[9][10]
  4. Nota ó final dun instrumento de compra-venda, datado en 1053. Neste ano de 1053, levou o bispo Cresconio o infante don García a Galicia. [4]
  5. Talvez Adelaida ou Judith.[14]
  6. Guillerme de Poitiers, o máis fiábel dos cronistas (capelán do propio Guillerme o Conquistador e único coetáneo),[17] relata nas súas Gesta Willelmi que dous irmáns, reis ibéricos, eran contendentes pola man dunha filla de Guillerme, o que provocou grandes disputas entre eles.[18][19] Algúns historiadores identificaron estes como García II de Galiza e o seu irmán Sancho II de Castela, e a filla como a esposa documentada de Sancho, Alberta, que posúe un nome non-ibérico;[20] aínda que realmente nada impediría identificar os contendentes con calquera dos tres irmáns.[21]

    En troques, o anónimo Vita do conde Simón de Crépy, o seguinte máis próximo ós acontecementos, torna os contendentes en Afonso VI de León e Roberto Guiscardo.[22][20]

    Xa no primeiro terzo do século XII, Guillerme de Malmesbury no seu De gestis regum anglorum menciona unha filla que foi prometida a Afonso, «rei de Galiza», mais que morreu solteira; mentres Orderico Vital na súa Historia Ecclesiastica di o mesmo e engade que morreu antes do casamento. Ademais, Orderico noméaa especificamente como Ágata, «ex-prometida de Haroldo».[18][23] Isto entra en conflito coas súas propias adicións anteriores no Gesta Normannorum Ducum de Guillerme de Jumièges, onde, pola contra, nomeou a prometida de Haroldo como estoutra filla de Guillerme: Adelida (tamén coñecida como Adeliza ou Adelaida).[24][α] De feito, para Guillerme de Malmesbury a ex-prometida de Haroldo e a prometida de Afonso foron fillas distintas e ambas morreron solteiras; así mesmo, para Guillerme de Poitiers a ex-prometida e a relacionada cos reis ibéricos tampouco son a mesma.[25]

    Así, recentes narracións da complexa historia conxugal de Afonso VI aceptaron que estivo comprometido cunha filla de Guillerme chamada Ágata.[18][20][26] Porén, para Cordero Carrete o máis probábel é que fose García II o protagonista dos esponsais,[27] mentres Portela Silva, malia lle pareceren fracos os argumentos en prol de García, non toma partido por opción ningunha.[28]

  1. Non se debe confundir con Adela, outra das fillas.
Referencias
  1. 1,0 1,1 López Carreira 2005, pp. 328 e 332.
  2. Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
  3. 3,0 3,1 3,2 Sánchez Candeira 1999, p. 231.
  4. 4,0 4,1 Portela Silva 2001, p. 13.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Viñayo González.
  6. Portela Silva 2001, p. 17.
  7. 7,0 7,1 Sánchez Candeira 1999, p. 227.
  8. Martínez Diez, Gonzalo (2003). Alfonso VI: Señor del Cid, conquistador de Toledo (en castelán). Madrid: Temas de Hoy. p. 19. ISBN 978-84-8460-251-4. 
  9. López Carreira 2005, p. 332.
  10. Consello da Cultura Galega (ed.). "Pelaio Nuñez dóalle ó mosteiro de Celanova, onde pide ser soterrado, a súa villa en san Pedro de Mezquita, gardándose a reserva do usufructo durante a súa vida, e reiterando a imposibilidade de que os seus herdeiros poidan facer cambiar o seu derradeiro desexo". Gallaeciae Monumenta Historica (GMH). Consultado o 12-09-2018. 
  11. Portela Silva 2001, p. 23.
  12. Portela Silva 2001, p. 24.
  13. Fisen, Bartholomaeus (1642). Sancta Legia Romanae Ecclesiae Filia sive Historia Ecclesiae Leodiensis (en latín). Leodii. 
  14. Portela Silva 2001, p. 29.
  15. Portela Silva 2001, pp. 25-33.
  16. Cordero Carrete 1952.
  17. Cordero Carrete 1952, pp. 71 e 73.
  18. 18,0 18,1 18,2 Salazar y Acha, Jaime de (1992-1993). "Contribución al estudio del reinado de Alfonso VI de Castilla: algunas aclaraciones sobre su política matrimonial". Anales de la Real Academia Matritense de Heráldica y Genealogía (en castelán) 2. Madrid: Real Academia Matritense de Heráldica y Genealogía. pp. 307–308. 
  19. Cordero Carrete 1952, p. 58: «Hispaniae reges duo germani audita ejus magnitudine natam ejus in matrimonium cupientissime petierunt, suum et regnum et posteritatem hac magnificaturi affinitate. Nam et lis valde inimica inter ipsos propter eam orta est minime degenerem…».
  20. 20,0 20,1 20,2 Reilly, Bernard F. (1988). The Kingdom León-Castilla under King Alfonso VI (PDF) (en inglés). Princeton University Press. pp. 47–48. ISBN 0691055157. 
  21. Cordero Carrete 1952, pp. 59-60.
  22. Portela Silva 2001, pp. 35-36: «pro filia mea rogaturi diu mecum conversati sunt, regis Hispaniarum Anfursi et Roberti principis Apuliae».
  23. Cordero Carrete 1952, p. 64: «Aldefonso Galliciae regi per nuncios jurata, virgineam mortem impetravit a Deo» e «Porro Agatha regis filia, quae prius fuerat Heraldo desponsata, postmodum Amfurcio regi Galliciae per procos petenti, missa est desponsanda».
  24. van Houts, Elisabeth (2004). "Adelida (Adeliza) (d. before 1113)". Oxford Dictionary of National Biography (en inglés). Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/164. Consultado o 16-09-2018. 
  25. Cordero Carrete 1952, pp. 61-63.
  26. Canal Sánchez-Pagín, José María (1991). "Jimena Muñoz, Amiga de Alfonso VI". Anuario de Estudios Medievales (en castelán) 21. pp. 12–14. 
  27. Cordero Carrete 1952, pp. 72-73.
  28. Portela Silva 2001, pp. 33-37.
  29. Portela Silva 2001, pp. 54-60.
  30. Sánchez Candeira 1999, p. 230.
  31. Martínez Diez, Gonzalo (2003). Alfonso VI: Señor del Cid, conquistador de Toledo (en castelán). Madrid: Temas de Hoy. p. 33. ISBN 978-84-8460-251-4. 
  32. Portela Silva 2001, p. 129-130.
  33. Portela Silva 2001, p. 87.
  34. Reilly, Bernard F. (1988). The Kingdom of León-Castilla under King Alfonso VI (PDF) (en inglés). Princeton University Press. p. 6 [cap. 2]. ISBN 0691055157. 
  35. Portela Silva 2001, pp. 68-73.
  36. Menéndez Pidal, Gonzalo (2003). Varia medievalia (en castelán) 2. Real Academia de la Historia. p. 150. ISBN 84-95983-15-X. 
  37. Retratos de los reyes de España desde Antanarico… Tomo II. Lámina XXV. 1788.
  38. Isla Frez 1992, p. 198.
  39. Pardo de Guevara, Eduardo. "Rodrigo Ovéquiz". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 14-09-2018. 
  40. López Carreira, A. (2013). Historia de Galicia. Xerais. p. 132. ISBN 978-84-9914-532-7. No ano 1087 o conde Rodrigo Ovéquiz e o bispo Diego Páez pretendían entronizar en Galiza a Guillerme o Conquistador, rei normando de Inglaterra, en contra de Afonso VI. 
  41. González López 1978, p. 177: O Rei de Castela [Afonso VI] alegóu contra o bispo de Iria (Compostela) o crime de que tratara de entregar o reino de Galicia a Guillermo o Conquistador.
  42. 42,0 42,1 Reilly, Bernard F. (1988). The Kingdom León-Castilla under King Alfonso VI (PDF) (en inglés). Princeton University Press. p. 6 [cap. 10]. ISBN 0691055157. 
  43. González López 1978, p. 176.
  44. Armesto, Victoria (1969). Galicia feudal. Galaxia. p. 143. 
  45. López Ferreiro, Antonio (1995) [1900]. Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela (en castelán) 3. pp. 155–156. ISBN 9785881964634. 
  46. Martín López 2004, pp. 955-956.
  47. Prada Marcos 1998, p. 3.
  48. Morales, Ambrosio de (1765) [c. 1572]. Viage de Ambrosio de Morales (en castelán). p. 44. …argolla al cuello, y cadena que desciende de alli à las esposas, y baja à los grillos… 
  49. Martín López 2004, p. 956.
  50. Arco y Garay, R. (1954). Sepulcros de la Casa Real de Castilla. Instituto Jerónimo Zurita. CSIC. OCLC 11366237. 
  51. 51,0 51,1 Northup 1920, p. 394.
  52. Sandoval, Prudencio de (1792). Historia de los Reyes de Castilla y de León (en castelán). Madrid. p. 87. 
  53. Martín López 2004, pp. 951-952.
  54. Ribeiro, Ângelo (2004). História de Portugal. 1. A fundação do Reino. QuidNovi. 
  55. Prada Marcos 1998, p. 8.
  56. Elorza, Juan C.; Lourdes Vaquero; Belén Castillo; Marta Negro (1990) [1988]. Junta de Castilla y León. Consejería de Cultura y Bienestar Social, ed. El Panteón Real de las Huelgas de Burgos. Los enterramientos de los reyes de León y de Castilla (en castelán) (2.ª ed.). Evergráficas. pp. 53–54. ISBN 84-241-9999-5. 
  57. Prada Marcos 1998, pp. 8-9.
  58. 58,0 58,1 Viñas, Verónica (23-4-2006). "Fracasa la investigación para poner nombre a los «93 reyes» de San Isidoro". Diario de León (en castelán). 
  59. Dorronzoro Ramírez, Pablo (2012). Los obispos durante el reinado de Alfonso VI. Aproximación metodológica (PDF). Estudios Medievales Hispánicos (en castelán) 1. p. 41. 
  60. Martínez Diez, Gonzalo (2003). Alfonso VI: Señor del Cid, conquistador de Toledo (en castelán). Madrid: Temas de Hoy. p. 190. ISBN 978-84-8460-251-4. 
  61. Northup 1920, pp. 394, 401.
  62. Flórez, Henrique (1761). Marin, Antonio, ed. Memorias de las reynas catholicas (en castelán) I. Madrid. p. 157. 
  63. Murguía, Manuel (1865). Soto Freire, ed. Historia de Galicia (en castelán) 1. Lugo. pp. 100–102.  «…no era Don Garcia el mas apropósito para echar los seguros cimientos de su poder.», «[…] Ninguna de tan necesarias cualidades tenia este príncipe.» e «Su indolencia ó la juvenil impericia, le dió una seguridad que no debia abrigar…».
  64. Vicetto, Benito (1871). Taxonera, Nicasio, ed. Historia de Galicia (en castelán) IV. Ferrol. pp. 330, 332. Desgraciada fué nuestra Galicia lucense ó actual con un rey tan infausto”, “¿Qué gallego habrá, pues, que al abarcar con su pensamiento el reinado de don Garcia II de Galicia, no sienta una sensacion repulsiva hàcia su imágen siniestra? Cuando la Galicia lucense ó actual […] pudo ser mayor que el Portugal del hoy […], por la imbecilidad de este rey volvió à sepultarse en las tinieblas”.
  65. Armesto, Victoria (1969). Galicia feudal. Galaxia. p. 129. 
  66. Castiñeiras, Manuel (2002). "Poder, memoria y olvido: La galeria de retratos regios en el Tumbo A de la catedral de Santiago (1129-1134)" (PDF). Quintana (1): 193–194. 
  67. García-Gallo, Alfonso (1945). "El imperio medieval español". Arbor (4): 213 e 226. Confidebat namque Garsias in viribus suis; eo quod tunc temporis, excepto Regio imperio, præ omnibus militibus insignis miles habebatur. Siquidem in omni bello strenui militis , & boni Imperatoris (buen emperador) officia simul peragi assueverat .
  68. Flórez, Henrique (1763). España sagrada (en castelán). XVII. De la Santa Iglesia de Orense. p. 317. 
  69. Reilly, Bernard F. (1999). The Kingdom of León-Castilla under Alfonso VI (PDF) (en inglés). Princeton University Press. p. 9 [cap. 12]. ISBN 0691055157. 
  70. Torres Sevilla-Quiñones de León, Margarita Cecilia (1999). Linajes nobiliarios de León y Castilla: Siglos IX-XIII. (en castelán). Junta de Castilla y León. pp. 79–80. ISBN 84-7846-781-5. 
  71. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa A. M. iglesia de Santiago de Compostela (en castelán) 3. p. 360. 
  72. Portela Silva 2001, pp. 37-44.
  73. 73,0 73,1 Vicetto, Benito (1857). Martínez, J. J., ed. Rogin Rojal, ó El paje de los cabellos de oro: Historia caballeresca del siglo XI (en castelán). Madrid. 
  74. Northup 1920, pp. 394-395, 401.
  75. Northup 1920, p. 403.
  76. Sepúlveda, Lorenzo de (1551). Steelsio, Juan, ed. Romances nuevamente sacados de historias antiguas de la crónica de España (en castelán). Antuerpen. fol. 122. 
  77. Seoane 2010, p. 64.
  78. Christian Lyngbye, Hans (1822). Elmenhoff, ed. Færøiske Quæder om Sigurd Fofnersbane og hans Æt (en dinamarqués). Randers. pp. 520–529. 
  79. Almazán, Vicente (1985). "Un romance de Santiago das Illas Feroé". Grial. 87 23. Galaxia. pp. 108–110. 
  80. Almazán, Vicente (1986). Gallaecia scandinavica. Galaxia. pp. 293–297. 
  81. Harris, Joseph (1991). The Ballad and Oral Literature (en inglés). Cambridge: Harvard University Press. p. 132. 
  82. Northup 1920, p. 405.
  83. Northup 1920, p. 407.
  84. Comedia famosa, La Lindona de Galicia. Valencia: Imprenta de la Viuda de Joseph de Orga. 1762 [Séc. XVII]. 
  85. Le Petit Roi de Galice en Wikisource (en francés).
  86. O reiciño de Galicia (archive), traducido por Henrique Harguindey.
  87. Harguindey Banet, Henrique (2009). "Victor Hugo e o seu Reiciño de Galicia". La Galice: Dez séculos de olladas francesas. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. pp. 103–108. 
  88. Pérez García, Florentino (2014). "Un achegamento a San Gonzalo". Mil e un Cunqueiros. Novas olladas para un centenario (PDF). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. pp. 393 e 402. doi:10.17075/mucnoc.2014. Gonzalo Arias quisiera preguntarle por el pobre Don García, aherrojado en Luna, muerto en los hierros 
  89. Álvaro Cunqueiro. Aniversario do seu nacemento (1911-2011). 2011. p. 4. 
  90. Abuín González, Anxo; F. Vieites, Manuel (2007). Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Galaxia. pp. 116 e 120. 
  91. "Casimiro Torres Rodríguez (Membros da Academia)". Real Academia Galega. Consultado o 15-09-2018. 
  92. Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2000). "Casimiro Torres Rodríguez". Boletín da Real Academia Galega. A Coruña. p. 296. Consultado o 15-09-2018. 
  93. Anuario de estudios literarios galegos. Galaxia. 2003. p. 230. 
  94. Vilavedra Fernández, Dolores (1994-1995). "La narrativa gallega de los 80, una década de búsqueda". Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca (en castelán) 4. p. 236. 
  95. Pereiro, Xosé Manuel (06-01-1994). "Manuel Rivas a publica una leyenda gallega de «literatura brava»". El País (en castelán). A Coruña. Consultado o 06-09-2018. 
  96. "Ficha de libro: No ano do cometa". Editorial Xerais. Consultado o 05-09-2018. 
  97. "Bernárdez Vilar, Xoán". Editorial Xerais. Consultado o 17-9-2018. 
  98. Bernárdez Vilar, Xoán (2002). "O valedor do reino (Peza histórica en catro actos)". Biblioteca Virtual Galega (BVG). A Coruña. Consultado o 17-9-2018. 
  99. Salas Díaz 2010, p. 333.
  100. Salas Díaz, Miguel (2010). "Pasado y futuro de Galicia en la obra de Darío Xohán Cabana: La manipulación política a través de la ficción" (PDF). El Camino de Santiago: Encrucijada de lenguas y culturas (en castelán). AEPE. pp. 333–346. ISBN 8497473167. 
  101. 101,0 101,1 101,2 101,3 Hermida, Xermán (04-05-2001). "Entrevista a Darío Xohan Cabana". Cultura galega. Santiago de Compostela. Consultado o 01-09-2018. 
  102. Salas Díaz 2010, p. 336.
  103. Salas Díaz 2010, p. 334-335.
  104. "Ficha de libro: Galván en Saor". Editorial Xerais. Consultado o 05-09-2018. 
  105. Mejía Ruiz, Carmen (1999). "Recreación medieval en la obra de Darío Xohán Cabana". Actes del VII Congrés de l'Associació Hispànica de Literatura Medieval (en castelán) 2. Universitat Jaume I. pp. 478–479. 
  106. Gutiérrez García, Santiago (2009). "La reescritura del pasado en la novela histórica contemporánea en lengua gallega" (PDF). L'edat mitjana en el cinema i en la novel·la històrica (en castelán). p. 304. 
  107. "Ficha de libro: O cervo na torre". Editorial Xerais. Consultado o 05-09-2018. 
  108. "Morte de Rei". Dialnet. Consultado o 31-08-2018. 
  109. A poesía medieval galega vista desde os relanzos derradeiros do século XX. Discurso lido na recepción pública o día 30 de setembro de 2000, no acto da súa recepción, polo ilustrísimo señor don Xosé Luís Méndez Ferrín e resposta do ilustrísimo señor don Ramón Lorenzo Vázquez (PDF). A Coruña. 2000. p. 16. 
  110. "Ficha de libro: Estirpe". Editorial Xerais. Consultado o 15-09-2018. 
  111. 111,0 111,1 "García" (PDF). Baia Edicions. Consultado o 31-08-2018. 
  112. "Binomio de Newton / García". Cultura galega. Consultado o 31-08-2018. 
  113. "De Luís Seoane, a Simón Scheinberg". Fondo Fundación Luís Seoane - Consello da Cultura Galega. 22-7-1967. Consultado o 20-9-2018. 
  114. "De Luís Seoane, a Xosé Núñez Búa". Fondo Fundación Luís Seoane - Consello da Cultura Galega. 26-8-1967. Consultado o 20-9-2018. 
  115. Xerra do rei García de Galiza, deseñada por Luís Seoane para Sargadelos.
  116. "Seoane: Laboratorio de formas de Galicia". Arel-Arte (en castelán). 19-4-2010. Consultado o 20-9-2018. 
  117. Xilografía do rei García, de Luís Seoane.
  118. Seoane, Luís (2010) [1978]. Imaxes de Galicia (PDF). Edición comentada. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. ISBN 978-84-92923-10-6. 
  119. "De Luís Seoane, a Francisco Fernández del Riego". Fondo Fundación Luís Seoane - Consello da Cultura Galega. 1-1-1979. Consultado o 20-9-2018. 
  120. "O Rei García - Composition by Xosé Quintas-Canella". Discogs (en inglés). Consultado o 18-9-2018. 
  121. "O Reino de Galiza / Anselmo López Carreira ; [debuxos, Pepe Carreiro]". Proxecto Meiga. Consultado o 22-9-2018. 
  122. "Illustrations for the book “Os reis de Galicia” by Anselmo Lopez Carreira". Art by Tucho. Consultado o 22-9-2018. 
  123. "Nova Erótica Galega". Sacauntos Cooperativa Gráfica. Consultado o 22-9-2018. 
  124. "Daenvil's Galicia: García II". Steam. 25-12-2017. Consultado o 01-09-2018. 
  125. Benito Ruano, Eloy (2004). ¿Galicia por Guillermo el conquistador?. Anuario de estudios atlánticos (en castelán) (Cabildo Insular de Gran Canaria). pp. 213–217. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  1. Teto de Dios (03-03-2016). "Torre da Forxa". Galicia Máxica (en castelán). Consultado o 15-9-2018. 
Escudoreinogaliza.svg
Reino de Galiza

Segue a:
Sancha I
Fernando I
García II de Galicia
Precede a:
Sancho II
Afonso VI
Dinastía de Navarra (ou Ximena)