Requiario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Requiario
Rei do Reino Suevo de Galicia
Statue of Rechiar, Suebic King of Galicia (sculpted 1750–1753), Royal Palace of Madrid, Spain - 20080109-ret.jpg
Estatua de Requiario no Palacio Real de Madrid.
Reinado 448 - 456
Coroación 448
Falecemento decembro de 456
Predecesor Requila
Sucesor Aguiúlfo (no norte)
Frantán (no sur)
Pai Requila

Requiario ou Rechiarius (e tamén pode escribirse Reckiario[1]), finado en decembro de 456, foi o terceiro monarca suevo que gobernou o Reino de Galicia, desde o ano 448 (ano no que ascendeu o trono trala morte do seu pai Requila) ata a súa morte. Foi o primeiro rei xermánico de toda Europa que adoptou a relixión e un dos máis innovadores e belixerantes de entre os monarcas suevos.

Achegamento ós galaicorromanos[editar | editar a fonte]

Logrou romper algunhas barreiras entre os galaicorromanos, a poboación autóctona do antigo Reino de Galicia, e os suevos, recentemente chegados, por dous motivos:

  • Aínda que non fora por obra súa, foi o primeiro rei suevo que naceu no Reino de Galicia, o cal fixo que no seu novo goberno houbese xa dirixentes con educación romana.
  • Foi o primeiro rei católico que gobernou Galicia, e converteu ó pobo dos suevos a esta relixión no ano 449 (catholicus factus segundo Historia Suevorum de Isidoro de Sevilla). Isto fixo caer a este rei na graza dos galaicorromanos, que eran, coma el, católicos. Antes deste acontecemento, os suevos eran arianos. Este feito fixo que o antigo Reino de Galicia fose o primeiro reino católico e deu paso á mestura entre a poboación xermánica e a galaicorromana.[2]

Economía[editar | editar a fonte]

Requiario foi pioneiro tamén na economía: foi o primeiro que cuñou a súa propia moeda, substituíndo nelas o seu retrato polo do emperador do Imperio Romano Honorio pero poñendo o seu propio nome no reverso, cuñando en gran cantidade o que constataría o mantemento da actividade económica durante o período suevo.

As súas moedas, chamadas sílicuas, eran de prata e seguía o modelo romano, que mantén o nome e a imaxe de Honorio, pero coa lenda latina IVSSVRECHIARI REGES. Tanto a súa conversión ao catolicismo coma a emisión de moeda propia pódense enmarcar na súa cobiza de crear un reino suevo que abranguese toda a Península Ibérica.

Política exterior[editar | editar a fonte]

Ó contrario que os seus antecesores, decidiu aumentar as súas fronteiras. Casou no ano 449 coa filla de Teodoredo e irmá do rei visigodo Teodorico I, para ter un aliado contra os romanos.

Invadiu o territorio dos vascóns pertencente formalmente á provincia Tarraconense, chegando a dominar parte da conca do Ebro e percorreu as zonas de Zaragoza e Lleida. Acordou no 453 cos romanos, tras a batalla dos Campos Cataláunicos (451) entre un exército romano-visigodo e os hunos, retirarse deses territorios, pero incumpriu o acordado no 456 ao emprender accións na Cartaxinense e seguir tras unhas conversas fracasadas cos visigodos pola Tarraconense.

Isto fixo que o recentemente entronizado rei visigodo Teodorico II vira que o reino suevo se estaba fortalecendo demasiado. Teodorico II foi decididamente prorromano, así que levou ós seus exércitos co apoio do emperador Avito e das tropas auxiliares de burgundios contra Requiario, a quen derrotou na batalla do río Órbigo o 5 de outubro de 456.

Morte[editar | editar a fonte]

Requiario refuxiouse en Porto, de onde fuxiu en barco a Roma, onde tiña un amigo chamado Recimiro que o podería axudar. Non obstante, unha tempestade fíxolle volver a terra, onde foi apresado polos visigodos e decapitado, e converteuse no primeiro rei suevo que morreu asasinado.

Requiario
Nacemento:  ? Falecemento: 456


Títulos Reais
Precedido por
Requila


Rei de Galicia
448–456
Sucedido  por
Aguiúlfo (no norte) e Frantán (no sur)
Outros títulos
Precedido por
Requila


Reis dos Suevos
448–456
Sucedido  por
Aguiúlfo (no norte) e Frantán (no sur)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O Santuario de Pastoriza", artigo en Celtiberia
  2. González López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do reino de Galicia. Editorial Galaxia. ISBN 8471543036. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López Carreira, A; Fernández Cal, T. Os reis de Galicia. A Nosa Terra. Vigo, 2003. ISBN 84-96203-27-1.

Outros artigos[editar | editar a fonte]