Elvira de Toro
Elvira de Toro | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 1038 |
Falecemento | 15 de novembro de 1099 |
Soterrada | Panteón de Reis de Santo Isidoro de León |
Nacionalidade | Reino de Galiza |
Ocupación | aristócrata |
Pai | Fernando I de León |
Nai | Sancha I de Galicia |
Irmáns | Urraca de Zamora, Sancho II de Castela, Afonso VI de León e García II de Galicia |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Elvira de Toro, tamén coñecida como Elvira Fernández,[1] nada en 1038 e finada o 15 de novembro de 1099, foi unha nobre medieval, infanta de León, filla dos reis de Galiza Sancha I e do seu consorte Fernando I[2], e irmá de García II de Galiza, de Afonso VI de León, de Sancho II de Castela e de Urraca de Zamora. Era neta por parte materna de Afonso V o Nobre, rei de Galiza, e da súa esposa a raíña Elvira Méndez. Por parte paterna os seus avós eran Sancho III o Maior, rei de Navarra, e a súa esposa a raíña Muniadona de Castela.
Índice
Traxectoria[editar | editar a fonte]
En 1063 seu pai convocou unha Curia Regia para dar a coñecer as súas disposicións testamentarias onde decidiu repartir o seu patrimonio entre os seus fillos, correspondéndolle á infanta Elvira a cidade de Toro, situada na actual provincia de Zamora, e, coa súa irmá Urraca, o infantado, isto é, «o padroado e mailas rendas de tódolos mosteiros pertencentes ó patrimonio rexio»[3] coa condición de non poder contraer matrimonio.[4] Ademais, a súa irmá, a primoxénita, tamén recibiu a cidade de Zamora, mentres Sancho, o irmán máis vello, recibiu Castela, Afonso recibiu León e García, o máis novo, recibiu Galiza.
Os seus abondosos bens do infantado distribuíanse principalmente entre os reinos de León e Galiza, con algúns outros no de Castela.[5] Así mesmo, realizou doazóns ás igrexas de Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, León e Burgos; e ós mosteiros de Celanova, Eslonza, Santo Isidoro de León e Oña.[1]
O 10 de decembro de 1068, nunha doazón de Elvira á diocese de Santiago de Compostela de varias vilas en Lemos, Triacastela, Valcárcere e outros lugares, a infanta aparece como «raíña» (Geluira regina);[6] un erro do compilador do Tombo A segundo López Ferreiro.[7]
O 25 de abril de 1087 concedeu un diploma á igrexa compostelá e ó seu bispo Diego Páez, onde lle doou a metade do mosteiro de Piloño e outras moitas herdades, outorgando ademais un privilexio polo cal no mosteiro non puidese entrar o meiriño real nin en caso de homicidio, roubo ou parricidio; só o ministro do prelado compostelán.[8]
En 1090 asistiu ós funerais en honor do seu irmán García, canda a súa irmá Urraca.[9]
Nunha das súas últimas aparicións, o 14 de marzo de 1099, testemuña nunha doazón do seu irmán Afonso VI ó mosteiro de San Pedro de Eslonza.[10]
A infanta outorgou testamento estando doente na súa vila de Tábara o 11 de novembro de 1099, catro días antes de falecer. A súa irmá Urraca e os bispos de Tui, León e Oviedo confirmaron o testamento. Entre as disposicións testamentarias, á súa irmá Urraca deixoulle a súa herdade de San Pelaio, Santo Isidoro e Covarrubias. Á súa sobriña-neta Sancha Raimúndez, filla do conde de Galiza Raimundo de Borgoña e da súa esposa Urraca I, legoulle Tábara, Wamba e outras herdades. Tamén fixo doazóns a varios mosteiros e igrexas. Aínda que antigos xenealoxistas afirmaban que a infanta Elvira casara, uns decendo que foi co conde García Ordóñez, e outros cun tal Sancho Fernández de quen tivera un fillo chamado Fernando Iohannes (Ibáñez), a infanta non menciona marido ou fillos ningúns no seu testamento. O rei Afonso VI, un par de meses despois da morte da súa irmá, confirmou o 16 de xaneiro de 1100 á Catedral de Santiago de Compostela a doazón que fixera Elvira a dita igrexa do mosteiro de Piloño.[5]
Sepultura[editar | editar a fonte]
Após o seu pasamento, o cadáver da infanta Elvira foi sepultado no Panteón de Reis de Santo Isidoro de León, onde recibiran sepultura seus pais e o seu irmán García.[11] Sobre a tampa do seu sartego foi esculpido o seguinte epitafio latino:
O epitafio parece ser que foi unha ampliatio, isto é, unha inscrición que foi sendo realizada en diferentes épocas.[13] O sartego foi destruído na Francesada, en 1809, cando as tropas francesas ocuparon a Basílica de Santo Isidoro de León, convertendo esta en cuartel e o panteón en corte. Para isto último, os sartegos foron profanados e tornados bebedoiros para cabalos, amoreando os restos nun curruncho. Estes foron recolleitos polos cóengos e levados á igrexa de Santa Marina la Real de León, onde ficaron até seren, unha vez rematada a guerra, devoltos ó panteón e introducidos nos sarcófagos sen orde ningunha.[14] Por mor disto, resulta imposíbel o recoñecemento dos seus restos, igual que acontece cos demais personaxes alí enterrados.[15] En 1997 abríronse os sarcófagos de novo para un ambicioso estudo multidisciplinar[16] co obxectivo principal de identificar os restos dos personaxes rexios alí enterrados.[17] No entanto, despois de 10 anos de pescudas, o proxecto fracasou sen chegar a conclusión ningunha.[17]
Xenealoxía[editar | editar a fonte]
16. Sancho II de Navarra | ||||||||||||||||
8. García II de Navarra | ||||||||||||||||
17. Urraca Fernández de Castela | ||||||||||||||||
4. Sancho III de Pamplona | ||||||||||||||||
18. Fernando Bermúdez de Cea | ||||||||||||||||
9. Ximena Fernández | ||||||||||||||||
19. Elvira Díaz de Saldaña | ||||||||||||||||
2. Fernando I de León | ||||||||||||||||
20. García Fernández, Conde de Castela (=26) | ||||||||||||||||
10. Sancho García, Conde de Castela | ||||||||||||||||
21. Ava de Ribagorza (=27) | ||||||||||||||||
5. Muniadona de Castela | ||||||||||||||||
22. Gómez Díaz, Conde de Saldaña | ||||||||||||||||
11. Urraca Gómez | ||||||||||||||||
23. Muniadona Fernández de Castela | ||||||||||||||||
1. Elvira de Toro | ||||||||||||||||
24. Ordoño III de León | ||||||||||||||||
12. Vermudo II de León | ||||||||||||||||
6. Afonso V de León | ||||||||||||||||
26. García Fernández, Conde de Castela (=20) | ||||||||||||||||
13. Elvira García | ||||||||||||||||
27. Ava de Ribagorza (=21) | ||||||||||||||||
3. Sancha de León | ||||||||||||||||
28. Gonzalo Menéndez, Conde de Portugal | ||||||||||||||||
14. Menendo González, Conde de Portugal | ||||||||||||||||
29. Ilduara (Ildonza) Peláez | ||||||||||||||||
7. Elvira Méndez | ||||||||||||||||
15. Tutadona | ||||||||||||||||
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Gambra Gutiérrez.
- ↑ López Carreira, Anselmo (2005). O reino medieval de Galicia. A Nosa Terra. pp. 328 e 332. ISBN 84-96403-54-8.
- ↑ Martínez Díez, Gonzalo (2003). Alfonso VI: señor del Cid, conquistador de Toledo. (Historia). Madrid: Temas de Hoy. p. 33. ISBN 978-84-8460-251-4.
- ↑ Sánchez Candeira 1999, p. 231.
- ↑ 5,0 5,1 Martin 2008.
- ↑ López Ferreiro, Antonio (1899). Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela 2. p. 248 [Apéndices].
- ↑ López Ferreiro 1899, p. 549.
- ↑ López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 12, 14-15; 25 [Apéndices].
- ↑ Flórez, Henrique (1761). Marin, Antonio, ed. Memorias de las reynas catholicas (en castelán) I. Madrid. p. 157.
- ↑ Vignau Ballester, Vicente (1885). Cartulario del Monasterio de Eslonza. Primera parte. p. 10.
- ↑ Arco y Garay 1954, p. 188.
- ↑ Varios 2010, p. 156.
- ↑ Martín López 2004, pp. 956-957.
- ↑ Prada Marcos 1998, p. 8.
- ↑ Elorza 1990, pp. 53-54.
- ↑ Prada Marcos 1998, pp. 8-9.
- ↑ 17,0 17,1 Viñas, Verónica (23-4-2006). "Fracasa la investigación para poner nombre a los «93 reyes» de San Isidoro". Diario de León (en castelán).
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Elvira de Toro ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Arco y Garay, Ricardo del (1954). Sepulcros de la Casa Real de Castilla. Madrid: Instituto Jerónimo Zurita. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. OCLC 11366237.
- Blanco Lozano, Pilar (1987). Colección diplomática de Fernando I (1037–1065). León: Centro de Estudios e Investigación «San Isidoro» (CSIC-CECEL) y Archivo Histórico Diocesano. ISBN 84-00-06653-7.
- Elorza, Juan C.; Vaquero, Lourdes; Castillo, Belén; Negro, Marta (1990). Junta de Castilla y León. Consejería de Cultura y Bienestar Social, ed. El Panteón Real de las Huelgas de Burgos. Los enterramientos de los reyes de León y de Castilla (2.ª ed.). Editorial Evergráficas S.A. ISBN 84-241-9999-5.
- Gambra Gutiérrez, Andrés. "Elvira Fernández". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 14-09-2018.
- Martin, Georges (2008). "Le testament d'Elvire (Tábara, 1099)". e-Spania, revue interdisciplinaire d'études hispaniques médiévales et modernes. OCLC 630664764. doi:10.4000/e-spania.12303.
- Martínez Díez, Gonzalo (2005). El Condado de Castilla (711-1038): la historia frente a la leyenda. 2 tomos. Valladolid. ISBN 84-9718-275-8.
- Martín López, M.ª E. (2004). Las inscripciones del Panteón de San Isidoro de León. Particularidades epigráficas. Escritos dedicados a José María Fernández Catón (en castelán) 2 (UniLeón). pp. 941–972. ISBN 84-87667-67-8.
- Prada Marcos, María Encina (1998). "Estudio Antropológico del Panteón Real de San Isidoro" (PDF). ProMonumenta (II). OCLC 630664764.
- Sánchez Candeira, Alfonso (1999). Rosa Montero Tejada (edición patrocinada por Fundación BBV, Fundación Ramón Areces, Caja Madrid Fundación), ed. Castilla y León en el siglo XI, estudio del reinado de Fernando I. Madrid: Real Academia de la Historia. ISBN 978-84-8951241-2.
- Viñayo González, Antonio (1999). Fernando I, el Magno (1035–1065). Burgos: La Olmeda. ISBN 84-89915-10-5.
- —————— (1998). Real Colegiata de San Isidoro: Historia, Arte y Vida. León: Edilesa. ISBN 84-8012-201-3.
- "Elvira Señora de Toro". Alfonso VI: Imperator totius orbis Hispanie (en castelán). Madrid: Sanz Y Torres. 2010. pp. 156–163. ISBN 978-84-92948-45-1.