Familia Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Escudo de Castro Conde de Monsanto, usado no Livro do Armeiro-Mor.

A familia Castro é unha liñaxe sobre cuxa orixe pesan varias teorías, unha das cales situaría á rama galega dos Castro como descendentes do rei García de Galicia (1042-1090). Porén, o primeiro rexistro documental dos Castro dase na vila de Castrogeriz (provincia de Burgos), momento no que a familia inicia a súa ascensión.

En tempos de Gutierre Fernández (século XII), os Castro rivalizaban con outra gran liñaxe castelá, os Lara, pretendendo a tutela de Afonso VIII (1155-1214).

A falta de herdeiros da rama establecida en Castela motivou que o peso da liña dos Castro retornase ás familias presentes en Galicia. Esta rama converteuse na estirpe máis poderosa da nobreza de galega, e unha das máis poderosas da península; tradicionalmente ligada ao Condado de Lemos, os seus máis ilustres representantes foron Fernán Ruiz de Castro, III Conde de Lemos con carácter non hereditario, Pedro Fernández de Castro e Andrade VII Conde de Lemos, "O gran Conde de Lemos", "Honra da nosa idade" e o seu tío o Cardeal Rodrigo de Castro Osorio. A rama entrou en decadencia por mor da súa falta de descendentes, pasando o Condado de Lemos a engrosar os títulos da Casa de Alba. O escudo da rama Galega dos Castro eran seis roeles de azur en campo de prata, os cales ao longo da evolución do familia se foron complementando con outros, como os lobos pasantes da familia Osorio. A rama portuguesa, con todo, usou unha variante que incluía doce roeles.