Anuario de Estudos Literarios Galegos
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2017.) |
Anuario de Estudos Literarios Galegos | |
---|---|
Portada do primeiro número. | |
Fundación | 1992 |
Remata | 2007 |
Director | Xoán González Millán (1992 - 2002) Dolores Vilavedra (2003 - 2007) |
Editorial | Galaxia |
Lingua | Galega |
Ámbito | Crítica literaria |
Periodicidade | Anual |
ISSN | 1133-4533 |
Na rede | |
http://editorialgalaxia.gal/catalogo/coleccions.php?id_coleccion=3 | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Anuario de Estudos Literarios Galegos foi unha revista científica de carácter crítico literario publicada anualmente en galego co apoio da Editorial Galaxia. Comezou a súa actividade en 1992 baixo a dirección de Xoán González Millán manténdose activa até o ano 2007. En 2003, co pasamento de Xoán González Millán a finais do ano anterior, a revista iniciou unha nova liña editorial baixo a dirección de Dolores Vilavedra. A revista naceu como xustificación aos estudos sobre sistemas e protosistemas literarios iniciados por Xoán González Millán e Arturo Casas en base a Teoría dos polisistemas de Itamar Even-Zohar. A partir de 2003, debido ás NOMIG, o Anuario deixou de chamarse Anuario de Estudios Literarios Galegos para chamarse Anuario de Estudos Literarios Galegos.
Presentación
[editar | editar a fonte]O Anuario de Estudios Literarios Galegos tivo dúas etapas: a primeira dende 1992 até o 2002 e a segunda dende o 2003 até o 2007. Ambas as etapas foron xustificadas no primeiro volume de cada unha por parte dos seus respectivos directores, Xoán González Millán e Dolores Vilavedra.
Presentación de 1992
[editar | editar a fonte]Xoán González Millán manifestou no primeiro número publicado que a revista (…) nace coa intención de participar activamente na expansión e no enriquecemento do estudio da produción literaria galega (...). Deste xeito, o principal obxectivo da revista é a contribución de novos estudos críticos ao sistema literario galego para dignificar a arte literaria galega. Estes estudos estarían encamiñados cara a renovación metodolóxica e cara a mellora da relación científica entre o sistema literario galego e os demais.
Este obxectivo nace a partir da necesidade da publicación dunha revista periódica exclusivamente adicada ao estudo da literatura galega. Este feito sería considerado alén do anecdótico, converténdose nun dos principais motores impulsores da creación da revista e abrindo un novo panorama literario (sendo unha das primeiras veces que se fala de sistema literario galego como tal):
"Este dato supera a pura anécdota, e obriga a reflexionarmos colectivamente sobre as súas implicacións e as consecuencias que del se van derivar para o futuro, non só da revista senón tamén da crítica literaria galega. Cabería tamén aludir a unha hipotética maioría de idade do sistema literario galego, ou á súa cuestionable consolidación institucional, como posibles argumentos en favor dunha publicación como o Anuario, que aspira a intervir como un instrumento de referencia indispensable para o estudio da literatura galega"
O Anuario contaba como principais apoios coa labor da Editorial Galaxia e coa achega económica por parte da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Unha nova andaina
[editar | editar a fonte]A ausencia de González Millán obrigou ao novo equipo a reunirse para determinar o camiño a seguir. Xunto a este cambio iniciouse unha nova etapa na Editorial Galaxia debido ao falecemento de Carlos Casares, polo que se decidiu facer pública a colaboración entre a revista Grial e o Anuario como selos de referencia da cultura galega, colaboración que repercutiría no novo deseño do Anuario ao ser fusionado coa imaxe gráfica de Grial.
En canto ao equipo humano, a revista mantería un consello de redacción reducido para que o contacto fose fluído e, como se afirma na presentación "(...)o novo consello está a ter un carácter altamente executivo, o que permite exercer unha sorte de dirección colexiada, e evitar o modelo personalista, absurdo nun proxecto coma este (…)".
A Fundación Caixa Galicia convértese nesta etapa no principal apoio xunto a Galaxia.
Organigrama
[editar | editar a fonte]A existencia das dúas etapas permite a división do organigrama seguindo os períodos seguintes:
1992 - 2002
[editar | editar a fonte]Director | Directora adxunta |
---|---|
Xoán González Millán | Dolores Vilavedra |
Consello de redacción |
---|
Diana Conchado |
Xosé María Dobarro |
Ramiro Fonte |
Helena González Fernández |
Kathleen March |
Camiño Noia |
Xosé Ramón Pena |
Claudio Rodríguez Fer |
Damián Villalaín |
Consello asesor |
---|
Xesús Alonso Montero (Universidade de Santiago de Compostela) |
Ivo Castro (Universidade de Lisboa) |
Pilar Vázquez Cuesta (Universidade de Santiago de Compostela) |
Xosé Filgueira Valverde (Museo Provincial de Pontevedra) |
John Rutherford (Universidade de Oxford) |
Anna Ferrari (Universidade de Roma) |
Guiseppe Tavani (Universidade de Roma) |
Claude H. Poullain (Universidade de Niza) |
Deseño |
---|
Francisco Mantecón |
En 1993 sumouse ao consello de redacción Joaquim Ventura, mentres ao consello asesor incorporouse Itamar Even-Zohar (Universidade de Tel-Aviv) e Antón Risco (Universidade de Laval Quebec). Esta mesma estrutura mantívose durante os anos 1994 e 1995. Nos anos 1996 e 1997 a única baixa foi a de Xosé Filgueira Valverde, antigo membro do consello asesor. En 1998 engadiuse a esta baixa a de Antón Risco. A estrutura de 1998 mantívose até o ano 2002 cando se iniciou a segunda etapa.
2003 - 2007
[editar | editar a fonte]En 2003, co inicio da nova etapa, o organigrama interno sufriu algunhas modificacións. A dirección estaría encabezada por Dolores Vilavedra. En lugar dos anteriores consellos de redacción e consello asesor, crearíanse dous novos consellos: o consello de recepción e o consello científico. Algúns dos membros deste novo organigrama tamén participaran na constitución da anterior etapa.
Dirección |
---|
Dolores Vilavedra |
Consello de recepción |
---|
Xosé María Dobarro |
Manuel Forcadela |
Helena González Fernández |
Carlos Paulo Martínez Pereiro |
Camiño Noia |
Xosé Ramón Pena |
Consello científico |
---|
Xesús Alonso Montero |
Arturo Casas Vales |
Ivo Castro |
Itamar Even-Zohar |
Anna Ferrari |
Derek W. Flitter |
Javier Gómez Montero |
Kathleen March |
Stephen Parkinson |
Claudio Rodríguez Fer |
John Rutherford |
Guiseppe Tavani |
Pilar Vázquez Cuesta |
En 2004 mantívose o mesmo grupo de traballo exceptuando a baixa de Xosé Ramón Pena e a incorporación ao deseño de cuberta de Fausto Castiñeira Isorna, departamento anteriormente inexistente. Esta estrutura manteríase no ano 2005. Xa no último ano do Anuario, desaparecen do consello científico Itamar Even-Zohar e Claudio Rodríguez Fer.
Estrutura
[editar | editar a fonte]A estrutura da primeira etapa mantense exactamente igual durante toda a súa produción, excepto a edición de 2002, edición especial polo pasamento do director. Esta división consta de cinco apartados temáticos e unhas instrucións finais para os autores e autoras que se manteñen até o ano 1996, entrega en que as instrucións xa non figuran no índice. A primeira entrega do Anuario posúe unha presentación explicativa sobre os motivos desta nova empresa.
- Estudos: Este apartado estaba adicado a novas investigacións, tanto temáticas como metodolóxicas. Nos primeiros anos existe unha tendencia moi marcada cara ao mundo medieval galego-portugués, destacando especialmente a lírica. No ano 1994 aparece a cuestión nacionalista que tamén será tratada nas seguintes entregas. Xa cara aos últimos anos, aparecen novas liñas temáticas como o papel da muller ou cuestións do mercado editorial.
- Comunicacións: Esta sección está constituída por artigos ensaísticos de diversos autores e autoras sobre temáticas moi diversas: cuestións sobre o celtismo, a música, o cine, análise do sistema literario periférico galego, a influencia doutros sistemas literarios etc.
- Panorámicas: Este capítulo reúne análises sobre os distintos xéneros e subxéneros que compoñen o sistema literario galego e en que condicións se atopa: ensaio, poesía, narrativa, teatro e demais.
- Libros: Este apartado está adicado ao corpus da crítica. Revisións temáticas e estilísticas sobre diversas obras do sistema cultural galego.
- Compendio bibliográfico anual: Conxunto de recursos bibliográficos recomendados pola dirección do Anuario: dicionarios, antoloxías, reedicións etc.
A edición do ano 2002, excepcional, constitúe unha homenaxe a Xoán González Millán co título Entre o nacionalismo literario e a literatura nacional.
En canto ás normas de edición indicadas para os autores e autoras, estaban compostas por tres apartados: responsabilidade autorial, preparación do traballo e instrucións para o envío de traballos. A primeira sección exixía que os artigos fosen de autoría demostrábel por parte dos emisores; a segunda, explicaba as instrucións formais do traballo: referencias, números de páxinas inclusivas, listas dentro dos textos, notas de recoñecemento, extractos, documentación, citas e referencias bibliográficas; a terceira, que se lle debían enviar os traballos tanto ao profesor Xoán González Millán como a Dolores Vilavedra.
A segunda andaina do Anuario de Estudos Literarios Galegos sufriu algunhas mudanzas internas. Comézase coa fusión das seccións de Estudios e Comunicacións nunha soa sección, debido a que a diferenza entre estas dúas era simplemente cuantitativa. Mantense sen cambios a sección de Panorámicas, onde se vai a concentrar unha atención especial respecto ás outras. Tamén continúa a sección de Libros. Por outra banda, desaparece a sección de Compendio bibliográfico porque a economía de medios facía ver que existían outras institucións como o Consello da Cultura Galega ou o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que xa realizaban unha actividade moi semellante.
A nova sección Panorámicas trae consigo unha nova división en canto aos temas tratados. Mentres que na anterior etapa sempre se trataba algunha cuestión sobre algún xénero, nesta séguese unha clara tendencia: a análise da literatura infantil e xuvenil de cada ano, da narrativa e da poesía de cada ano, un artigo sobre o teatro e unha análise sobre a tradución literaria do ano presente da publicación.
A sección de Libros mantense totalmente idéntica, mentres que as instrucións para os autores mudan debido ao avance tecnolóxico producido nestes anos: aparecen indicacións sobre como mencionar textos publicados en Internet. Ademais, a correspondencia relacionada coas colaboracións na revista debe remitirse exclusivamente a Dolores Vilavedra.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Vilavedra, Dolores, ed. (1997). Diccionario da literatura galega. Publicacións Periódicas II. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-137-X.