Haroldo II de Inglaterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Haroldo II de Inglaterra
Rei de Inglaterra
Harold2.jpg
Haroldo II de Inglaterra, segundo o Tapiz de Bayeux
Reinado 5 de xaneiro - 14 de outubro de 1066
Coroación 6 de xaneiro de 1066
Nacemento 1022
Falaise, Normandía, Francia
Falecemento 14 de outubro de 1066
Predecesor Eduardo
Sucesor Guillerme I
Cónxuxe/s Edith Swanneck
Edith de Mercia
Casa Real Casa de Wessex
Pai Godwin de Wessex
Nai Gytha Thorkelsdóttir

Escudo de Haroldo II de Inglaterra

Haroldo ou Harold II de Inglaterra, tamén chamado Harold II ou Harold o Saxón (1022-1066), foi o último rei saxón de Inglaterra. Morreu e perdeu o seu reino o 14 de outubro de 1066 na Batalla de Hastings, loitando contra Guillerme de Normandía, futuro Guillerme I de Inglaterra (primeiro rei normanda de Inglaterra). O seu curto reinado durou menos de dez meses, dende a súa coroación o 5 de xaneiro de 1066 até a dita batalla. Antes de ser rei era coñecido como Harold Godwinson, en referencia ao seu pai.

Rei de Inglaterra[editar | editar a fonte]

O paso do cometa Halley sobre Inglaterra en 1066, representado no tapiz de Bayeux, interpretouse como un mal augurio para o reinado de Haroldo II.

Eduardo o Confesor morreu o 5 de xaneiro de 1066. No mesmo leito de morte, o Witenagemot, a asemblea de notables que axudaba ao rei no goberno, recoñeceu a Haroldo como o novo rei de Inglaterra, reinando como Haroldo II. Poucos días despois da súa coroación, o cometa Halley foi visible en toda Inglaterra, o que se considerou un mal augurio para o novo reinado que se iniciaba.

Os rivais de Haroldo non quedaron faltos de resposta ante a súa coroación. Co fin de reconciliarse no último momento co seu irmán, Haroldo ofreceu a Tostig un terzo de Inglaterra. Tostig preguntoulle entón canto lle daría ao rei de Noruega, ao que Haroldo lle respondeu dicindo: Seis pés de terreo son moitos máis dos que el necesita, a pesar de que el é máis alto que a maioría dos homes. Tostig rexeitou a oferta e decidiu apoiar a invasión norueguesa que se aveciñaba, comandada polo propio rei Harald III e o seu fillo Olaf. Non obstante, na batalla de Stamford Bridge, preto de York (librada o 25 de setembro de 1066), os huscarles de Haroldo conseguiron destruír a maior parte das forzas invasoras, matando 4.500 noruegueses, entre os que se encontraban Tostig e Harald III Haardrade. O fillo deste, Olaf, foi feito prisioneiro e Haroldo só lle permitiu volver á súa patria tras asinar unha declaración na que prometía non invadir Inglaterra xamais.

Quedaba ocuparse de Guillerme. O duque de Normandía fixera unha campaña masiva en contra de Haroldo, ao que definiu como un home sen honra por faltar ao seu xuramento. Esgrimindo este a promesa que Eduardo lle fixera en 1052, Guillerme formou un exército de 7.000 homes e unha frota invasora de 600 naves que arribaron ao sur de Inglaterra o 28 de setembro, apenas tres días despois da batalla sobre a ponte de Stamford. Co fin de bloquear a marcha de Guillerme cara a Londres, Haroldo descendeu co seu exército a toda présa ata saírlle ao paso nas proximidades de Hastings (14 de outubro de 1066). Durante os momentos iniciais da batalla, Haroldo levou as de gañar, pero perdeu o control sobre as súas tropas e non puido dominar o contraataque normando. Morreu loitando xunto aos seus homes en plena batalla. O Tapiz de Bayeux, tecido para conmemorar a vitoria normanda, reflicte a Haroldo morrendo tras sufrir o impacto dunha frecha nun ollo. Non se pode asegurar que tal feito acontecese realmente, e probablemente sexa un engadido para reflectir o prexuízo de Haroldo. Durante a Idade Media, a morte polo impacto dunha frecha na cabeza estaba asociada popularmente á falta da palabra.

Fose unha frecha ou unha espada a causante da súa morte, o certo é que a súa cabeza quedou esnaquizada tras a batalla, pero o seu cadáver puido ser recoñecido por unha mancha de nacemento. Foi enterrado na abadía de Waltham, en Essex, con honras reais. O sepulcro perdeuse hoxe en día e ninguén sabe onde repousan actualmente os seus restos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Haroldo II de Inglaterra
Predecesor:
Eduardo o Confesor
Rei de Inglaterra
1066
Sucesor:
Edgar Atheling (elexido polo Witenagemot, mais nunca coroado)
Guillerme o Conquistador