Taifa de Sevilla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Taifa de Sevilla[1] (en árabe, طائفة أشبيليّة, Ta'ifa Ishbiliya) ou Reino abadí de Sevilla foi un reino independente musulmán que xurdíu en al-Ándalus en 1023, a raíz da desintegración que o Califato de Córdoba viña sufrindo desde 1009, e que desapareceu ó ser conquistada polos almorábides en 1091, pertencendo cronoloxicamente ós primeiros reinos de taifas.

Durante o século XI o reino de Sevilla foi un dos centros culturais máis importantes de Al-Ándalus, con escritores como Ibn al-Abbar de Almería, autor de epístolas; Ibn Zaydun de Córdoba; Abu Amir Ibn Maslama; Ibn al-Labbana de Denia; Ibn Hamdis de Siracusa; e Abul Walid al-Himyari, antoloxista. Así mesmo o emir al-Mutadid e o seu fillo al-Mu'tamid cultivaron a poesía, iniciados nesta arte polo poeta Ibn Ammar. Os fillos da al-Mutamid, al-Rashid e al-Radi destacaron igualmente polos seus escritos.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A taifa de Sevilla foi unha das últimas en constituírse como tal, debido a que a cora de Sevilla gozaba de certa autonomía respecto ao califato cordobés e a que nela non interviñeron nin bérberes nin eslavos, como sucedeu na formación doutros reinos taifas.[2] Esa autonomía sevillana plasmouse nun triunvirato formado polo alfaquí Abú Abd’ Allah al Zubaydi, polo visir Abú Muhammad Abd’Allah ben Maryam e polo cadí Isma’il ibn Abbad. Este último debido a que sufría cataratas terminou delegando no seu fillo Abú al-Qasim, quen acabou facéndose co poder absoluto trala morte do seu pai en 1019, neutralizando paulatiamente aos outros dous triunviros.

Reinado de Abú al-Qasim (1023-1042)[editar | editar a fonte]

A definitiva independencia de Sevilla e a súa transformación en taifa se produciuse o 1 de outubro de 1023, cando Abú al-Qasim negou a entrada na cidade ao expulsado califa cordobés Al-Qasim al-Mamun. Abú Al-Qasim intentou reforzar a súa posición como gobernante mediante a estrataxema de nomear como califa de Sevilla a un personaxe monicreque, que foi presentado como Hisham II, o que fora califa omeia do califato cordobés, afirmando que non morrera asasinado en 1013, senón que escapara dos exércitos bérberes de Sulayman al-Mustain refuxiándose en Oriente. Con esta manobra Al-Qasim presentábase como herdeiro político e relixioso do Califato cordobés, unha vez que na cidade de Córdoba aboliuse a monarquía fundada polos Omeias e instaurouse unha república no ano 1031, logrando base legal para enfrontarse ás taifas bérberes e iniciar a política expansionista que caracterizará á taifa sevillana. Abú Al-Qasim iniciou campañas contra as taifas de Badaxoz, Granada e Málaga, sendo derrotado por unha coalición destas o 5 de outubro de 1039, no enfrontamento que tivo lugar en Écija.

Reinado de al-Mutadid (1042-1069)[editar | editar a fonte]

Dinar de ouro acuñado por al-Mu'tadid no A.H. 438 (1045/1046 da era común).
Expansión da Taifa de Sevilla.

Á morte de Abú al-Qasim en 1042 sucedeuno o seu fillo Al-Mutadid, quen reforzou inmediatamente a súa posición fronte ás taifas bérberes, ao contraer matrimonio coa filla do rei eslavo da taifa de Denia.

Durante o seu reinado al-Mu'tadid continuou a expansión territorial iniciada polo seu pai contra a taifa de Carmona. Co obxectivo de estender o seu reino cara ao oeste, atacou ás taifas de Néboa e Mértola, o que provocou que outros reis taifas formasen contra el unha coalición á que se sumaron as taifas de Badaxoz, Alxeciras, Granada e Málaga, iniciándose así unha guerra entre os abbadíes de Sevilla e os aftasíes de Badaxoz, que durou varios anos a pesar dos intentos de mediación da República de Córdoba, e da que Al-Mu'tadid sairía vitorioso, logrando anexionarse as taifas de Mértola (1044), Huelva (1051), Algarve (1051), Niebla (1053) e Alxeciras (1055). En 1060 decide desfacerse do pseudo-Hisham II anunciando a súa morte e dicindo que o nomeara sucesor e emir de Al-Ándalus. Entón decidiu conquistar Córdoba en contra da opinión do seu fillo primoxénito, Isma’il, quen organizou un complot contra o seu pai, que tras fracasar levou a Al-Mutadid a ordenar a decapitación do seu herdeiro. Este suceso supuxo un punto de inflexión no reinado de Al-Mutadid, xa que aínda que logrou a conquista das taifas de Silves (1063), Ronda (1065), Morón (1066), Carmona (1067) e Arcos (1069), viuse obrigado a pagar parias ao emerxente rei cristián Fernando I.

Reinado de al-Mu’tamid (1069-1091)[editar | editar a fonte]

A execución de Isma’il, fillo primoxénito de Al-Mutadid, permitiu que este fose sucedido polo seu segundo fillo, Al-Mu'tamid, quen exercía como gobernador da conquistada taifa de Silves. Aínda que Al-Mu'tamid destacou como poeta e estableceu en Sevilla unha corte culturalmente moi refinada, tamén continuou coa expansión territorial de Sevilla, anexionándose Córdoba en 1070, cidade que perdería a mans de rei da taifa de Toledo en 1075 e que volvería recuperar en 1077. Ao ano seguinte, 1078, o seu mestre, amigo e ministro, o poeta Ibn Ammar (Abenamar) conquistou a taifa de Murcia, logrando a taifa sevillana a súa maior extensión territorial. Con todo Ibn Ammar acabou traizoándoo polo que finalmente foi executado por Al-Mu'tamid.

Ao-Mu'tamid intentou evitar pagar as parias que o seu pai pactara co Reino de Castela, o que levou a Afonso VI a cercar Sevilla. Este feito xunto coa toma da taifa de Toledo en 1085 polo rei castelán-leonés, levou a Al-Mu'tamid, xunto a outros reis de taifa, a solicitar a axuda dos almorábides que desembarcaron na península en 1086 e instaláronse na praza de Alxeciras, que lles foi cedida polo rei sevillano. Con todo, tras frear e derrotar ás tropas cristiáns na batalla de Zalaca, os almorábides terminarán por conquistar os reinos taifas, caendo o sevillano en 1091, tras o cal Al-Mu’amid foi exiliado ao Magreb onde falecería. O caudillo Sīr ibn Abī Bakr, conquistador de Sevilla, gobernaría esta demarcación até 1114.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Historia de España Menéndez Pidal (1999).
  2. Escravos libres de raza branca orixinarios do norte da península ou de Europa.
  3. Alberto Montaner Frutos (ed. lit.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]