Pedro Froilaz de Traba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sepulcro de Pedro Froilaz na Catedral de Santiago de Compostela.

Pedro Froilaz, conde de Traba (Trava na ortografía da época), nado en Laxe arredor de 1075 e finado en 1128, foi un personaxe fundamental na historia de Galiza, principalmente por térselle encomendado a educación do futuro rei Afonso VII e pola súa colaboración co bispo Xelmírez na política galega da época.

Un dos varios brasóns da liñaxe de Traba.

Orixes[editar | editar a fonte]

Foron seus pais Froila Vermúdez (nacido arredor de 1045) e Elvira de Faro (1050), e tivo como irmáns a Gonzalo, Rodrigo e Visclávara.[1] Criouse na corte do Rei Afonso VI e casou por vez primeira antes de 1088[2] con Urraca Froilaz filla do conde Froila Arias de Traba e de Ardiu Didaci, descendente do conde galego Menendo González, o titor do rei Afonso V de León, que ademais era neto de Hermenexildo Guterrez e sobriño de San Rosendo. Os dominios da parella incluían un extenso territorio entre Noia e Ortigueira, basicamente a parte da provincia da Coruña entre o río Tambre e o mar, de onde lle vén o nome de Conde de Trastámara. Fixeron numerosas doazóns á Igrexa e a ordes relixiosas.

Apoio de Raimundo de Borgoña[editar | editar a fonte]

Pedro Froilaz descendía dunha liñaxe con vocación de dominio en Galiza e de enorme influencia na corte de León. Á súa vez, a súa dona Urraca Froilaz pertencía a unha familia non menos importante, pero dous acontecementos resituaron a posición hexemónica desta familia:

García de Galicia, rei a quen o pai de Pedro apoiara.
Afonso VI, vencedor de García.

Isto obrigou á familia magnaticia dos Traba a recompor o seu rol de influencia no espazo político galaico. Deste xeito, D. Pedro Froilaz sabe que para mantelo ha de erixirse no sostedor e home de confianza do conde Raimundo de Borgoña, a quen Afonso VI cedera o goberno do reino de Galiza. O grao de independencia deste conde e o seu poder militar daba posibilidades de medre social e político aos Traba, máxime cando o ámbito de actuación de D. Raimundo, alén da propia Galiza, o ía configurando no máis serio candidato á sucesión de Afonso VI.

Os amplos dominios de D. Pedro ao norte do río Tambre (o condado de Trastámara) garantían a D. Raimundo fidelidade de todas as vilas e presuras dende o porto de Noia ata o golfo Ártabro.

No territorio de Galiza, aparece coasinando os documentos de D. Raimundo: en 1095 plasma a súa sinatura na concesión dun salvoconduto aos mercaderes de Santiago de Compostela. En 1096 fai o mesmo nunha concesión de D. Raimundo a prol de bispado de Mondoñedo. En 1096 aparece nunha permuta de vilas entre D. Raimundo e o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. En 1107, participa nunha escritura de doazón de D. Raimundo á Igrexa de Santiago. Así mesmo, imparte xustiza no nome do rei mesmo fóra de Galiza.

A súa posición preeminente vese patentizada en que Raimundo de Borgoña e a súa dona Urraca, filla de Afonso VI, lle confíen en 1105 a educación do seu fillo Afonso Reimúndez, o futuro Afonso VII.

Principis Gallecie[editar | editar a fonte]

Agonizante xa D. Raimundo, en 1107, chamou os seus leais, confirmou a titoría do seu fillo a cargo do seu principal valedor D. Pedro, e recabou deles a máxima lealdade para quen debería ser o novo soberano de Galiza.

Nese momento o liderado en Galiza de Pedro Froilaz é total e sen intermediarios. A partir de 1107 asina como conde de Galiza e en 1108, asina unha doazón ao mosteiro de Caaveiro como principis Gallecie.[3] Urraca, falecido tamén o seu pai, miraba xa polos seus destinos á fronte de todos os territorios da coroa de León e, necesitada de apoios, casaba con Afonso o Batallador de Navarra e Aragón. Este fíxose dono de Castela e León, provocando a inmediata reacción de Pedro Froilaz. Aglutinando aos próceres da nobreza galega, proclamou como rei de Galiza a Afonso Raimúndez, o seu protexido en 1109. Apoiábase no testamento de Afonso VI. Nel garantíase a soberanía do seu neto sobre Galiza no caso de Urraca volverse a casar, tal como acontecera.

Tropas castelás, leonesas e aragonesas mandadas por Afonso o Batallador invadiron Galiza, e venceron en Monterroso ao exército galego de D. Pedro. A violencia das tropas do aragonés restáronlle apoios en Galiza. Isto permitiu a Pedro Froilaz recuperarse e, en tres meses, volverse a facer co control de Galiza (abril de 1110) e expulsar as forzas invasoras.

Pactou con Henrique de Borgoña, conde de Portugal, unha alianza contra o novo soberano de León e Castela. Iniciou unha acción de encarceramento dos nobres que non recoñecían ao seu protexido. Só Arias Pérez conseguiu unha importante liberdade de movementos ata o punto de raptar o rei neno e encerralo en Pena Corneira. Arias Pérez, porén, estaba só e tivo que pactar a liberación do seu cativo a cambio da súa propia liberdade.

Pena Corneira, lugar onde Arias Pérez encerrou no desaparecido castelo ao futuro rei Afonso VII.

Vistos os riscos que se corrían, Pedro Froilaz chegou a trabar unha alianza co poderoso bispo de Santiago Diego Xelmírez co obxectivo de coroar solemnemente a Afonso Raimundez e consolidar a súa soberanía sobre o Reino de Galiza. En efecto, o 17 de setembro de 1111 o rei neno era coroado con toda a honra dun novo monarca na catedral compostelá, en presenza submisa de todos os magnates do Reino de Galiza.

Caudillo e Mordomo real[editar | editar a fonte]

Pedro Froilaz, pasou pois de aio a mordomo real; e dada a curta idade do novo monarca, a rexente dos destinos de Galicia. Nese momento, entraba en crise o matrimonio entre Urraca e Afonso de Aragón, polo que Pedro Froilaz púxose á fronte das súas tropas para levar ao seu protexido á cidade de León. Mais o aragonés saíu á altura de Astorga ao encontro da expedición e derrotou ás tropas galegas na encarnizada batalla de Viandangos. Pedro Froilaz é feito prisioneiro e debe pagar un rescate pola súa liberdade. Urraca volvería a reconciliarse co seu home. Xelmírez e Pedro Froilaz entenderon que era preciso un entendemento coa raíña para manter as súas arelas e o seu predominio en Galicia.

Urraca quixo facer patente que Galiza, cando menos teoricamente, seguía sendo uns dos seus reinos e para isto buscou o tal recoñecemento sen despertar oposición nos señores da mesma: en 1112, asinou un diploma doando a Pedro Froilaz importantes posesións ao sur do Tambre (no val do Deza e no Salnés).

Pedro Froilaz nese momento aparecía como defensor de Urraca no marco dun novo desencontro desta co seu home. Foron as tropas galegas as que protagonizaron o sitio deste en Carrión, e as que puxeron as terras leonesas baixo o mando da raíña. Pero esta non tardaría en volver aos brazos do batallador. Volveron a raíña leonesa e o rei aragonés a inimizarse e, unha vez máis, Diego Xelmírez e Pedro Froilaz capitanean un exército que persegue a Afonso o Batallador en Atapuerca e derrótano en Burgos (ano 1113), compensando, segundo a Historia Compostelana, a covardía das tropas castelás, submisas e espantadizas fronte á violencia do aragonés.

Castelo de Sobroso onde Froilaz e Xelmírez sitiaron a Dona Urraca.

En 1116, Pedro Froilaz e Diego Xelmírez tiñan todo o reino de Galicia baixo a soberanía do Afonso Raimúndez. Urraca procurou non perder posicións, aparecendo en Santiago como valedora dos dereitos da burguesía da cidade. Pretendía gañar pé no punto máis feble de Xelmírez. Buscou apoios no sur de Galiza; pero aí se encontrou coa alianza entre os Traba e a súa curmá Tareixa de Portugal. As tropas de ambos sitiárona no castelo de Sobroso. Urraca conseguiu escapar, e volveu a León deixando a Galiza novamente en mans de Xelmírez e os Traba, que a través de Fernando Pérez de Traba (o fillo de Pedro Froilaz) ampliaban a súa influencia ata as terras propiamente portuguesas, cada vez máis afastadas politicamente de León.

Roto definitivamente o matrimonio entre a raíña castelá e o rei aragonés, os Traba sabían que, para asegurar a sucesión de Afonso Raimundez en todos os reinos da coroa leonesa, era preciso entenderse con Urraca. Trouxeron novamente á raíña a Santiago, onde foi recibida por Xelmírez. Os burgueses sentíronse traizoados pola raíña e levantáronse violentamente. Xelmírez tivo que fuxir disfrazado gabeando polos tellados da sitiada catedral. Urraca foi espida e aldraxada na praza do Obradoiro. A rebelión compostelá semellaba triunfar, ata que as tropas de Pedro Froilaz asomaron nas abas do Monte Pedroso ameazando con entrar a sangue e fogo na cidade. Os burgueses arrepentidos pediron clemencia.

As consecuencias non se farían esperar: Urraca recoñecía plenamente os dereitos sucesorios do seu fillo; Pedro Froilaz levouno a Toledo onde, en 1117, foi recoñecido como rei. En 1118 nai e fillo doaron o poderoso mosteiro de Sobrado dos monxes a Bermudo e Fernando Pérez de Traba, en clara vontade de consolidar o apoio da liñaxe de Pedro Froilaz.

Neste período hai unha especie de cogoberno en Galicia entre Afonso Raimúndez e a súa nai. Mais nos documentos de ámbolos dous aparece sempre como principal magnate D. Pedro como Comes Gallecie ou como orbem Galetiae imperante''. Esta posición de supremacía seguía resultando incómoda para Urraca, que intentou un golpe de man audaz encarcerando con engano a D. Pedro en 1123. O fillo de Urraca opúxose a este encarceramento con contundencia, ata que conseguiu a súa pronta liberación.

Por fin o conde de Galiza e mordomo real do rei galego viu a Afonso VII coroarse temén en León. A morte de Dona Urraca daba paso a un reinado estable onde os Traba manterían a súa preeminencia galaico-leonesa, pero onde fracasarían no control do espazo portugués.

Protector de mosteiros[editar | editar a fonte]

Ábsidas da igrexa do desaparecido mosteiro de Cambre

Prototipo de caudillo medieval, a súa actividade guerreira compatibilizábase co seu papel de favorecedor da Igrexa e o monacato. Entre os mosteiros que se viron favorecidos polo seu favor foron os de Xuvia, o de Moraime, o de Sobrado dos Monxes, San Xoán de Sabardes (Noia), San Tomé, na comarca de Bergantiños, Cambre e Caaveiro.

O mosteiro de Cins era da súa propiedade. Cando a comunidade feminina foi expulsada, debido á política auspiciada por Roma de acabar cos mosteiros dúplices, opúxose con vehemencia e destituiu ao abade e dirixiuse á sé papal, a que lle ordenou a Diego Xelmírez resolver a situación recoñecendo os dereitos de Pedro Froilaz e a volta das mulleres.

No seu testamento deixou vilas, bens e posesións ás igrexas de Santiago e Mondoñedo.

Está enterrado no Panteón Real da Capela das Reliquias da catedral de Santiago.

Matrimonios e descendencia[editar | editar a fonte]

Con Urraca Froilaz:

Volve casar en 1105, segundo alguns con Maior Guntroda Rodríguez ou Maior Armengol, filla dos condes de Urgell, tivo varios fillos:

  • Rodrigo, García.
  • Eva Perez de Trava, c. 1195 casou con I Garcia Ordoñez, conde de Nájera e con Pedro González de Lara.
  • Toda, Urraca, Sancha.
  • Estefania Perez de Trava, c. 1105 casou con D. Rodrigo Fernandez de Castro o Calvo.
  • Elvira Perez de Trava, c. 1115 casou con Gomes Nunes de Pombeiro.
  • Iduaria.
Pedro Froilaz de Traba
Nacemento: 1075 Falecemento: 1128


Aristocracia galega
Precedido por
Froila Vermúdez


Conde de Traba
1091 – 1128
Sucedido  por
Fernando Pérez de Traba

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O seu pai tamén tivo coa segunda muller Lucía outros dous fillos, Ermesinda e Munia.
  2. O 12 de agosto dese ano a parella fai unha doazón ao mosteiro de Xuvia.
  3. "Ego comes Petrus, principis Gallecie, una cum uxore mea comitissa". Eu Pedro, príncipe de Galiza, xunto coa miña muller condesa, López Sangil páx. 26.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]