Hermerico
Hermerico | |
---|---|
Rei do Reino suevo de Galicia | |
![]() | |
Hermerico no Corpus Pelagianum. | |
Reinado | 409 – 438 |
Falecemento | 441 |
Sucesor | Requila |
Descendencia | Requila |
Hermerico, finado no ano 441, foi o primeiro rei do reino suevo de Galicia, gobernando dende o 409 até o seu retiro no ano 438.[1] A súa relixión era o paganismo xermánico e foi inimigo do Imperio Romano ó longo da súa vida. De acordo cos manuscritos Historia Suevorum do historiador Isidoro de Sevilla, o seu reinado durou trinta e dous anos, mais outro manuscrito cifra a duración do seu reinado en catorce anos.[2]
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Hermerico dirixiu o paso do Rin dos suevos, xunto cos vándalos e os alanos, en decembro do ano 406. Cruzou a Galia e atravesou os Pireneos até Hispania.[2] Mentres que Theodore Mommsen cría que os suevos asinaron un foedus con Roma, e Ernst Stein secundou a noción crendo ter feito un acordo co usurpador romano Magno Máximo segundo o cal recibiron a metade occidental da península, non hai evidencia primaria para ningunha alianza entre os suevos e Roma.[3] En 411 (segundo Ludwig Schmidt) ou 417 (segundo Felix Dahn), Hermerico fixo un tratado co emperador romano Honorio, mais en realidade o único evento datado no ano 411 foi a división de Iberia por sorteo entre os pobos bárbaros.[3] O leste da provincia da Gallaecia coa súa capital en Braga (Bracara Augusta) recaeu sobre os suevos, mentres que o oeste da provincia foi para os numerosos vándalos asdingos.[3]
Entre o ano 416 e 418, os visigodos liderados por Walia declararon a guerra a Hermerico en nome de Roma.[3] En 419, despois dunha disputa entre Hermerico e o rei vándalo Gunderico, os vándalos atacaron ós suevos e atraparon a Hermerico na batalla dos montes Nervasos. O xeneral romano Asterio intervén e os vándalos retroceden, marchando cara á Bética.[4] Despois de que os vándalos deixasen a península cara a África no ano 429, Hermerico permaneceu pacífico, pero no ano 430 comezou a atacar Gallaecia.[4]
En 431, un galaico chamado Hidacio pídelle axuda a Flavio Aecio para loitar contra os suevos, mais Aecio demorou até o ano 432 o envío do conde (comes) Censorio. Segundo a Crónica de Hidacio dos eventos contemporáneos, os plebeos galaicos fixéronse fortes nos lugares mellor fortificados e derrotaron a Hermeric e os seus homes, causándolles moitas baixas e tomando moitos prisioneiros, o cal obrigou ós suevos a liberar as familias dos galaicos que estaban cativas (430).[5]
En 435, "por intervención episcopal", posiblemente de Hidacio, Hermerico fai a paz cos galaicos.[6] Ese mesmo ano, Hermerico negociou a través do bispo católico Simposio directamente co emperador romano de occidente.[6] En 437, Censorio realizou unha segunda expedición acompañado por Fretimundo.
En 438 asociou ó seu fillo Requila ó trono.
Abdicación[editar | editar a fonte]
Despois de sete anos de enfermidade, as circunstancias físicas forzan a Hermerico a abdicar a coroa no ano 438, pasando o goberno de todo o reino de Galicia —así como os territorios meridionais conquistados— ó seu fillo e herdeiro Requila,[4] confirmando deste xeito a sucesión patrilineal nos hábitos de transferencia de poder entre os monarcas suevos[4] como sucedía cos francos, e diferindo xa temperamente da sucesión electiva, propia doutros pobos xermánicos como os visigodos. Hermerico marcará unha liñaxe real, da que non coñecemos a orixe mais si a fin, que se produce no ano 456, coa morte do seu neto Requiario.[7]
En 429, aparece citado na Crónica de Hidacio un líder militar suevo chamado Heremigario dirixindo unha expedición sueva cara a Lusitania. Puido ter sido un monarca conxunto con Hermerico, mais non hai unha fonte primaria que o confirme.[7]
Hermerico Nacemento: ? Falecemento: 441
| ||
Títulos Reais | ||
---|---|---|
Precedido por Novo título
|
Rei de Galicia 409–438 |
Sucedido por Requila |
Outros títulos | ||
Precedido por Nova titulación en Galicia
|
Rei dos Suevos 409–438 |
Sucedido por Requila |
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Kulikowski, Michael. "The Career of the 'Comes Hispaniarum' Asterius." Phoenix, Vol. 54, No. 1/2. (primavera-verán de 2000), pp. 123–141.
- López Carreira, A; Fernández Cal, T. Os reis de Galicia. A Nosa Terra. Vigo, 2003. ISBN 84-96203-27-1.
- Thompson, E. A.. Romans and Barbarians: The Decline of the Western Empire. Madison: University of Wisconsin Press, 1982. ISBN 0-299-08700-X.
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- O reino suevo de Galicia (capítulo I) documental da TVG