Sancho III o Maior
Sancho III Garcés, coñecido como Sancho III o Maior, nado cara ao 990 ou 992 e finado o 18 de outubro de 1035, foi rei de Navarra entre o ano 1000 ou 1004 e 1035. Tamén foi conde de Aragón e de Castela como Sancho I entre 1029 e 1035.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Sancho III herdou do seu pai o Reino de Navarra con só 15 anos. Conquistou Sobrarbe e Ribagorza entre os anos 1014 e 1018. No ano 1016 fixou os límites co condado de Castela. Protector no seu tempo dos Condes cataláns, estendeu a súa influencia alén dos Pireneos, mantendo relacións co ducado de Gascuña. Ao final da súa vida, no ano 1034 chegou a conquistar León, Astorga e Zamora expulsando ao rei Vermudo III. Á súa morte os seus dominios repartíronse entre os seus catro fillos.
Sancho foi un monarca ilustrado para a súa época, organizou a súa corte a semellanza da francesa e tivo como conselleiro a Oliba de Ripoll e pola súa mediación establecéronse monxes de cluniacense en San Juan de la Peña. A Sancho III débeselle o trazado definitivo do Camiño de Santiago, ao librar de incursións musulmás a zona comprendida entre os Pireneos e Nájera e aproveitar o trazado dunha antiga vía romana que substituíu o percorrido anterior que ía por Áraba e como queda dito débeselle a influencia cluniaciense por todo o camiño.