Saltar ao contido

Torre da Forxa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Torre da Forxa

Tipofortaleza e monumento Editar o valor en Wikidata
Localización
Mapa
 42°00′49″N 7°50′57″O / 42.0135, -7.8492
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
Provinciaprovincia de Ourense
ConcelloPorqueira
ParroquiaPorqueira
LugarA Torre Editar o valor en Wikidata
Patrimonio cultural
Ben de Interese Cultural
Data17 de novembro de 1994
IdentificadorRI-51-0008956
Wikidata ]

A Torre da Forxa, tamén coñecida como Torre de Porqueira[1] son os restos dun castelo medieval construído no século XII no concello ourensán de Porqueira. Nel, segundo conta a tradición, foi durante un tempo confinado o rei García de Galicia.[2]

No ano 1157 pasou a formar parte do patrimonio do bispado de Ourense pola cesión feita polo rei Afonso VII, confirmada por Afonso IX, que en maio de 1204, en Troncoso, vendeu ó bispo Afonso por dous mil cincocentos soldos canto tiña e lle correspondía en Porqueira.

Na primavera do ano 1387 o castelo foi ocupado por pouco tempo polo Duque de Lancaster con motivo da guerra pola sucesión da coroa entre Pedro I de Castela e Henrique de Trastámara. Na segunda metade do século XV, cando xa pertencía á casa de Monterrei, sufriu o ataque dos Irmandiños que non chegaron a destruíla.

Despois da creación en 1837 do concello de Porqueira pasou a ser a casa consistorial, e posteriormente pasou a mans particulares.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O castelo sitúase no val, lugar elixido para unha maior eficacia no control da fronteira co veciño Portugal. Da antiga fortaleza só queda en pé esta torre, de austera e robusta construción en perpiaños de granito dispostos en fiadas regulares.

Accédese ao seu interior a través dunha porta a maior altura do chan á que se chega por medio dunha escalinata de vinte tramos.

Non presenta case aberturas: a porta románica, as ventás seteiras que defenden a entrada na súa vertical e unhas pequenas ventás, hoxe en día cubertas con cristais.

Modillóns simples sosteñen o seu matacán saínte. Non se conservan as ameas.

Atópase protexido baixo a declaración xenérica do Decreto do 22 de abril de 1949 sobre o Patrimonio histórico español.

Na actualidade acolle un centro de interpretación da Vía Nova XVIII do Itinerario de Antonino ao seu paso pola Limia.

  1. Torre de Porqueira na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  2. Teto de Dios (03-03-2016). "Torre da Forxa". Galicia Máxica (en castelán). Consultado o 15-9-2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]