Rádio e Televisão de Portugal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Rádio e Televisão de Portugal (RTP) é unha empresa estatal portuguesa que inclúe a radio e a televisión públicas. Antes do ano 2004, a Radiodifusão Portuguesa (RDP) e a Radiotelevisão Portuguesa (RTP), empresas públicas de radio e televisión respectivamente, estaban separadas e eran entidades xurídicas independentes e distintas. No 2004, foron reestruturadas e fusionadas nunha soa empresa pública, a Rádio e Televisão de Portugal. Desde entón, a sigla RTP pasou a designar o grupo enteiro de Radio e Televisión, e a RTP pasou a ser a cadea de televisión máis vista do país, posto que diariamente preto de 50 millóns de persoas ven os contidos da RTP, entre portugueses, franceses e españois.

Historia da Radiodifusão Portuguesa[editar | editar a fonte]

Oficialmente, a Emisora Nacional de Radiodifusão, usualmente designada Emisora Nacional, da cal a RDP é sucesora, foi fundada o 4 de agosto de 1935.

Con todo, o primeiro paso para a súa constitución xa fora dado en 1930, cando dun decreto que creou, na dependencia dos CTT, a Dirección dos Servizos Radio tranvías, autorizando, en simultáneo, a adquisición das primeiras emisoras de onda media e onda curta en Portugal.

En 1932 realizáronse as primeiras emisións experimentais en Onda Media e en 1934 as de Onda Curta, que desde pronto se asumiu como unha das vocacións naturais da nova estación emisora.

Tres anos despois, a súa capacidade de emisión era ampliada para atinxir a diáspora portuguesa. Data de entón o lanzamento dun programa de referencia, a "Hora da Saudade", destinado aos emigrantes no continente americano e aos pescadores da frota bacalloeira.

A realidade de hoxe é outra, mais a vocación mantense e a RDP Internacional continúa a afirmarse como elo esencial de conexión coas comunidades portuguesas no estranxeiro.

Edificio da RTP.

Aínda en 1934, os estudos foron trasladados de Barcarena á Rúa do Quelhas, en pleno corazón de Lisboa, onde se mantiveron até mediados dos anos 90. Actualmente, nesa mesma rúa funciona o Museo da Radio, mais noutro edificio que outrora acolleu o histórico Radio Club Portugués.

A Emisora Nacional foi esencialmente definida á imaxe das europeas. Concibida nun cadro político interno e externo en que as radios nacionais desempeñaban sobre todo un papel de vehículo dos intereses do Goberno, esta característica acentuouse aínda máis no caso portugués en función do réxime totalitario que perdurou até 1974.

En 1940, liberouse da tutela dos CTT, iniciándose entón o modelo de implantación rexional no continente e illas.

Baseada nun modelo sobrio de presentación e recorrendo a locutores de prestixio, a Emisora Nacional, aínda que asumindo sistematicamente o seu papel de órgano de propaganda do chamado Estado Novo, soubo desenvolver unha cultura propia que influenciou fortemente na sociedade e marcou decisivamente a historia da radio en Portugal.

Da dinámica inicial, que se estendeu ao longo dos anos 50, xurdiron as orquestras da Emisora Nacional - Sinfónica, Típica e Lixeira - o Centro de Formación de Artistas da Radio, onde se revelaron algúns dos grandes nomes da música portuguesa, o teatro radiofónico, de que son paradigma os folletíns e programas, especialmente o "Domingo Sonoro" e os "Diálogos da Lelé e do Zequinha", que ficaron na memoria colectiva dos portugueses.

Este modelo apenas se modificou até o 25 de abril de 1974. A revolución conduciu á inmediata ocupación da Emisora Nacional, co nomeamento de militares para todos os cargos relevantes.

Pasadas as maiores vicisitudes do período revolucionario, as estacións de radio son nacionalizadas e créase a RDP - Empresa Pública de Radiodifusão, que concentra todas as estacións, con excepción da Radio Renascença e outros dous postos de pequena difusión.

En 1976, a nova empresa adopta o nome de Radiodifusão Portuguesa EP, ficando depositaria da obrigación de prestar un servizo público de radio. En termos de produción, a empresa organízase en 4 canles nacionais, 3 rexionais para o continente e 2 rexionais para as illas, mantendo as emisións internacionais en Onda Curta.

En 1979 procédese a unha profunda reorganización interna resultando na creación da Radio Comercial que, xuntamente cos programas emitidos a partir dos centros rexionais, entra en competencia directa cos operadores privados no mercado publicitario.

Entre 1992 e 1994 a RDP inicia unha nova fase de transformación que conducirá a un modelo próximo ao actual. A Radio Comercial é privatizada e retírase a publicidade de todas as canles, deixándose, así, o mercado publicitario exclusivamente aos operadores privados.

É elaborado un plano co obxectivo de concentrar servizos até entón dispersos por varios edificios da capital no recentemente adquirido edificio das Amoreiras, en Lisboa, que pasa a abrigar os sectores técnico e de produción. Desenvólvese ao mesmo tempo unha política de redimensionamento dos efectivos, de renovación do parque de emisoras e de actualización en todos os dominios.

En 1994 créase a Antena 3, a estación nova do grupo.

O mesmo ano, a RDP é transformada en sociedade anónima de capitais exclusivamente públicos.

En 1995, a RDP África xorde como unha nova canle orientada aos países africanos de lingua portuguesa.

O esforzo de modernización prosegue e a empresa entra decisivamente na era da dixitalización.

A partir 1998, Portugal pasa a dispor, progresivamente, do sistema DAB - Digital Audio Broadcasting - proxecto pioneiro no país, enteiramente desenvolvido pola RDP, mais de reducida visibilidade e adhesión popular.

En 2000, a RDP é incluída na Portugal Global, SGPS - unha sociedade creada para agrupar os media estatais, e que sería extinguida en 2003 no ámbito da reestruturación que se aveciñaba para o sector.

A prometida reorganización ocorre no inicio de 2004, coa creación da Radio e Televisión de Portugal, SGPS, sociedade que reúne RDP e RTP, e a repartición de instalacións e servizos na nova sede conxunta da Avenida Mariscal Gomes da Costa, en Lisboa, e nalgunhas delegacións rexionais. Paralelamente a isto, a taxa de radiodifusión sonora, até entón a forma de financiamento exclusivo da RDP, pasa a estar afectada aos dous operadores de servizo público, e son suprimidas as emisións locais da RDP Norte, Centro e Sur.

Actualmente, a RTP ten presentado perdas sucesivas de varias decenas de millóns de euros, tornándose un fardo para os portugueses nun momento de crise.

Historia da Radiotelevisão Portuguesa[editar | editar a fonte]

Centro de Produción da RTP en Chelas, inaugurado no 2007.

Por iniciativa do Goberno, a constitución da RTP - Radiotelevisão Portuguesa, SARL, ten lugar o 15 de decembro de 1955. Tratábase, por tanto dunha sociedade anónima, con capital repartido entre o Estado, emisoras de radiodifusión privadas e particulares.

As emisións experimentais da RTP (posteriormente, coñecida como RTP1) iniciáronse en 1956, a partir da Feira popular, en Lisboa. Porén, as emisións regulares só se iniciarían a partir do 7 de marzo de 1957.

O 20 de outubro de 1959, a RTP tornouse membro da UER - Unión Europea de Radiodifusión - e a mediados dos anos 60 do século XX pasou a ser transmitida para todo o país.

O día 25 de decembro de 1968 conmemorouse o Nadal coa creación dunha segunda canle, a RTP2.

Máis tarde, dúas canles rexionais iniciaron a súa actividade nos arquipélagos dos Azores e de Madeira, na década de 70:

Tras o 25 de abril de 1974, o estatuto da empresa concesionaria da radiotelevisión foi alterado. En 1975, a RTP foi nacionalizada, transformándose na empresa pública Radiotelevisão Portuguesa, por Decreto-Lei nº 674-D/75, de 2 de decembro.

En 1976 a RTP inaugura novas instalacións situadas na Avenida 5 de Outubro, en Lisboa.

A RTP iniciou as emisións regulares en cor o 7 de marzo de 1980, despois dalgunhas experiencias técnicas. Con todo gran parte da poboación aínda non dispuña de equipamentos a cores.

O día 10 de xuño de 1992 iniciáronse as transmisións da RTP Internacional.

En 14 de agosto de 1992, a RTP transformouse en sociedade anónima de capitais exclusivamente públicos - a Radiotelevisão Portuguesa, S.A..

O día 7 de xaneiro de 1998 iniciáronse as emisións regulares da RTP África, destinada aos habitantes dos países lusófonos, como Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique e San Tomé e Príncipe.

O 11 de maio de 2000 a RTP - xuntamente coa Radiodifusão Portuguesa (RDP) e a Axencia LUSA - pasa a formar parte da sociedade anónima de capitais exclusivamente públicos denominada Portugal Global, SGPS, S.A.

Portugal Global extingueuse o 22 de agosto de 2003, sendo feita a reestruturación do sector empresarial do Estado na área do audiovisual. Entre outras alteracións, transformouse a antiga Radiotelevisão Portuguesa, S. A., sociedade anónima de capitais exclusivamente públicos, nunha nova sociedade gestora de participacións sociais, denominada Radio e Televisión de Portugal, SGPS, S. A. Foi aínda creada unha sociedade anónima de capitais exclusivamente públicos designada Radiotelevisão Portuguesa - Servizo Público de Televisión, S. A.

En 5 de xaneiro de 2004, a RTP2 deu lugar a unha nova canle denominada 2.

En 2007, a RTP conmemora os seus 50 anos de emisións en Portugal.

O novo Complexo de estudios de Chelas posúe medios técnicos actuais e modernos prontos para o arranque da emisión da TDT (Televisión Dixital Terrestre) e tamén un enorme coche de exteriores totalmente equipado para emisión en HDTV High Definition Television (Televisión de Alta Definición). Este complexo ten 4 estudos de 800, 400, 200 e 100 metros cadrados debidamente equipados.

O día 19 de marzo de 2007, a 2 retomou a designación orixinal, RTP2, con nova identidade.

Primeira emisión da RTP en alta definición na canle RTP HD durante os Xogos Olímpicos de Pequín.

Televisión[editar | editar a fonte]

Radio[editar | editar a fonte]

Con sede en Lisboa e centros rexionais no Porto, Coimbra, Faro, Ponta Delgada e Funchal, a RDP actualmente divídese en:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]