Catedral de Valladolid

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Catedral de Valladolid.

A Catedral da Nosa Señora da Asunción de Valladolid é un templo católico localizado na cidade de Valladolid con categoría de catedral, sede da Arquidiocese de Valladolid. Concibida no século XVI e deseñada polo arquitecto Juan de Herrera, é un edificio de estilo herreriano con engadidos barrocos. Actualmente atópase construída nun 40-45%[1], debido á falta de recursos e ós gastos provocados pola difícil cimentación do templo, situado nunha zona cun gran desnivel de terreo.

Obtivo a categoría de catedral no ano 1595, logo de ser un templo colexial dependente da diocese de Palencia.

Está situada no centro da cidade, nunha zona lixeiramente elevada, preto da Igrexa de Santa María La Antigua e construída xunto á Colexiata de Santa María, anterior igrexa colexial de Valladolid, algúns de cuxos espazos fuoron destruídos para continuar coas novas obras.

Antecedentes e contexto histórico da orixe[editar | editar a fonte]

Retrato do conde Pedro Ansúrez.

No último cuarto do século XI, o rei Alfonso VI encomendou ó conde Pedro Ansúrez a repoboación e administración desta zona que hoxe comprende a provincia de Valladolid. Os núcleos de poboación máis importantes, a beiras do río Pisuerga, eran Cabezón e Simancas, en cuxas terras xurisdicionais ían xurdindo as vilas agrícolas.[2] Unha destas vilas, Valladolid, foi elixida polo conde Ansúrez como asentamento seu e da súa familia e como centro dende o cal organizaría e gobernaría toda a repoboación do entorno. Daquela, Valladolid era unha aldea rodeada por unha cerca de defensa, que contaba cun alcázar e dúas ermidas dedicadas a dous tradicionais: San Julián e San Pelayo. O conde Ansúrez elixiu a zona de extramuros para edificar o seu propio palacio. Desta forma iniciou unha expansión da vila cara o sueste. Ademais do palacio construíu unha igrexa ou capela privada, que sería a orixe da actual Igrexa de Santa María La Antigua, e unha Colexiata ou igrexa Maior que veu a substituír á ermida de San Pelayo e que deu un pulo á importancia relixiosa da vila. Esta igrexa Maior, edificada en estilo románico, chamouse Santa María a Maior e foi a orixe da catedral valisoletana.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.eldiadevalladolid.com/noticia.cfm/Vivir/20110808/joven/vallisoletano/dispuesto/culminar/proyecto/catedral/juan/herrera/7C079929-E789-B61B-BDF7D113EA2EBB41
  2. As xurisdicións durante a Idade Media viñan determinadas polo réxime feudal e estaban formadas, física e xuridicamente, polo conxunto de terras sobre as que o señor exercía a súa autoridade.