Gerhard Ertl

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gerhard Ertl
Gerhard Ertl
Datos persoais
Nacemento10 de outubro de 1936 (87 anos)
LugarBad Cannstatt, Stuttgart Alemaña Alemaña
ResidenciaAlemaña Alemaña
Nacionalidadealemán
Cónxuxe
  • Barbara Ertl
  • Actividade
    Campo
  • Química
  • Alma máter
  • Universidade de Stuttgart
  • Universidade de París
  • Universidade Ludwig Maximilians de Múnic
  • Director de teseHeinz Gerischer
    Contribucións e premios
    Coñecido por
  • Ciencia de superficies
  • Premios
  • Premio Nobel de Química (2007)
  • editar datos en Wikidata ]

    Gerhard Ertl, nado o 10 de outubro de 1936 en Bad Cannstatt, Stuttgart, é un físico alemán e profesor emérito no departamento de Química Física do Instituto Fritz Haber, da Sociedade Max Planck en Berlín, Alemaña. Gañou o Premio Nobel de Química no ano 2007.

    Traxectoria[editar | editar a fonte]

    Ertl naceu o 10 de outubro de 1936 en Bad Cannstatt - Stuttgart. Estudou na Universidade de Stuttgart (1955-1957), na Universidade de París (1957-1958) e na Universidade Ludwig Maximilians de Múnic (1958-1959), recibindo o diploma en Física na Universidade de Stuttgart en 1961. Doutorouse na Universidade de Múnic en 1965 ao realizar unha tese de doutoramento dirixida por Heinz Gerischer.

    Carreira académica[editar | editar a fonte]

    Despois de rematar o doutoramento, traballou como asistente e profesor na Universidade Técnica de Múnic (1965-1968). Foi profesor e director na Universidade Técnica de Hannover (1968-1973) e posteriormente profesor no Instituto de Física Química da Universidade Ludwig Maximilians de Múnic (1973-1986). Durante os anos setenta e oitenta, foi profesor invitado no Instituto Tecnolóxico de California, na Universidade de Wisconsin-Milwaukee e na Universidade de California, Berkeley. En 1986 fíxose profesor da Universidade Libre de Berlín e da Universidade Técnica de Berlín, e en 1996 fíxose profesor da Universidade Humboldt de Berlín. Foi director do Instituto Fritz Haber da Sociedade Max Plank dende 1986 ata o seu retiro en 2004.

    Investigación[editar | editar a fonte]

    Ertl é coñecido por determinar os mecanismos moleculares da síntese catalítica de amoníaco sobre ferro (proceso Haber Bosch) e da oxidación catalítica de monóxido de carbono sobre platino (convertedor catalítico). Coa súa investigación, descubriu o importante fenómeno das reaccións oscilatorias nas superficies de platino, sendo capaz, mediante microscopía fotoelectrónica, de visualizar por primeira vez os cambios na estrutura da superficie durante a reacción. Nas súas investigacións sempre empregou técnicas de observación novedosas como LEED (low-energy electron diffraction), UPS (later ultraviolet photoelectron spectroscopy) ou STM (scanning tunneling microscope).

    Premios[editar | editar a fonte]

    Gañou o Premio Wolf de Química en 1998 xunto con Gabor A. Somorjai da Universidade de California, Berkeley "polas súas excepcionais contribucións ao campo da ciencia das superficies en xeral e por esclarecer os mecanismos fundamentais das reaccións catalíticas heteroxéneas na superficie de monocristais en particular". Foi galardoado co Premio Nobel de Química en 2007 polos seus estudos de procesos químicos na superficie de sólidos, o premio foi anunciado o día do seu 71 aniversario.

    Publicacións[editar | editar a fonte]

    Gerhald Ertl é un dos editores do Handbook of Heterogeneous Catalysis.

    Véxase tamén[editar | editar a fonte]

    Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

    Predecesor:
    Roger D. Kornberg
    Premio Nobel de Química

    2006
    Sucesor:
    Osamu Shimomura, Martin Chalfie e Roger Y. Tsien