A morte na cultura popular galega

As diferentes actitudes ante a morte —propia ou dun ser querido— responden, o mesmo que noutros momentos transcendentais da vida, ás diversas opcións relixiosas e filosóficas de cada quen, pero tamén ó contexto social no que se vive.[1] A Galicia rural, ata hai ben pouco claramente diferente da Galicia urbana, baseábase nunha estrutura de cohesión do grupo social, neste caso o lugar ou a parroquia, cun sistema de colaboración e axudas mutuas firmemente establecido tanto no seu modo de entender a vida como no seu modo de enfrontarse á morte. As tradicións e prácticas ritualizadas ó redor do momento da morte dun veciño, tantas veces deostadas como simples supersticións, tiñan un significativo valor afectivo e humano, e estaban destinadas a asumir ese momento, a aliviar a dor dos familiares e a fortalecer os lazos que unían ós membros da parroquia ó redor da persoa que falecía e da súa familia.
Diferenzas na concepción da morte no medio rural e no medio urbano
[editar | editar a fonte]
A morte pode entenderse como o tránsito desta vida, material e corpórea, a outra vida, espiritual. Trataríase neste caso dunha fase máis da cadea vital que comezaba no momento de nacer, e quizais de aí a consideración da morte como viaxe. Pode entenderse tamén como un punto final, no que todo acaba definitivamente. Por exemplo, os antropólogos Vicente Risco e Mariño Ferro afirman sen dúbida que na Galicia rural rexía a primeira opción:
- A morte non é, dende logo, cousa boa, mais tampouco é cousa á que se tema moito. "Ó fin –di a xente- morrer hai que morrer". O que se desexa é unha boa morte, con consciencia e cos sacramentos todos; o contrario é "morrer coma un can". Cando un enfermo recibiu todos, din que está "despachadiño de todo" (Risco 1962: 352)
- O campesiño galego nega que a morte sexa o fin. Cre que vivirá eternamente no Alén e cre nun tránsito ininterrompido, sen rupturas, entre esta vida e a outra (Mariño Ferro 2000, 439).
Entender a morte desde un ou outro punto de vista responde, como xa se dixo, a criterios relixiosos, principalmente, ou filosóficos pero, sexa como for, vai explicar as grandes diferenzas no tratamento social que se lle vai dar a ese momento e na asimilación das súas consecuencias, tanto por parte do suxeito que morre como por parte do ambiente familiar e social que o sobrevive.

Na Galicia rural, tradicional, a morte era algo sempre presente, cotiá, á que se esperaba e para a que cumpría prepararse. O pobo galego contemplaba o momento da morte como unha especie de continuidade desde a vida terreal e corpórea, identificada como a parroquia dos vivos a unha vida espiritual, extracorporal, identificada como a parroquia dos mortos. E os habitantes dunha e doutra, vivos e ánimas, interactúan comnstantemente, dunha forma máis ou menos evidente.[2]
Desde sempre, este tránsito estivo rodeada dun complexo sistema de prácticas ritualizadas que comezaban a pórse en acción desde os momentos previos ó pasamento ata máis ou menos tempo despois de producirse este. Estas prácticas, algunhas herdadas desde tempos da romanización ou anteriores, establecéronse secularmente na memoria colectiva, sendo asumidas e coñecidas por todos. En definitiva, e aínda que se saiba perfectamente que a todos nos chega (Ó fin, morrer hai que morrer), no momento último da morte o protagonista está só e ten medo. Tamén a familia vive unha sensación semellante, ante a inminencia da ausencia do ser querido e da perda da súa presenza e amparo. Por todo iso, o grupo familiar e social ó que pertencen préstase a axudar no que estea na súa man e a compartir a dor, e acoden á casa para demostrar esa solidariedade, ese apoio, ese conforto, nunha despedida que quere pór en evidencia que os protagonistas directos non están sós.
Para unha mellor descrición dos costumes tradicionais que existiron en Galicia ó redor da morte convén diferenciar os distintos momentos ou fases cronolóxicas que se van suceder:
- A morte anunciada: agoiros da morte e preparación do moribundo e da súa familia.
- O pasamento: momento no que ocorre a morte e presentación do corpo.
- O velorio: despedida de familiar ou amigo por parte do grupo familiar e social ó que pertencía, á vez que manifesta á familia que non está soa.
- o enterro: a familia e os amigos acompañan o morto á súa última morada e danlle terra.
- A lembranza: a vida segue e os que se foron se instauran na memoria dos que quedan.
A morte anunciada
[editar | editar a fonte]Unha das características máis específicas da diferente concepción ante a morte entre o medio rural e o urbano é a preferencia no primeiro por unha morte lenta e anunciada, que permita a necesaria preparación espiritual e poder deixar solucionadas as últimas vontades, fronte á morte rápida, súbita, á que se aspira na cultura urbana. Esta distinción dá pé ós conceptos de morte morrida —a que sería por morte natural— fronte a morte matada, porque unha boa morte é a mellor sorte[3]. Neste senso de preparación previa á morte cadra a crenza popular de que o Demo busca provocar mortes repentinas, que non permitan o arrepentemento, ou que mata os meniños no ventre da nai, para que non poidan ser bautizados.[4]
- Ó campesiño galego resúltalle inquietante a morte imprevisible. É a morte repentina. Estiman boa morte a que dá tempo a recibir o sacramento e a facer o testamento que asegure a paz na familia. Pola contra, temen a morte violenta ou por accidente que non lles permita prepararse (Mariño Ferro 2000, 441).
Agoiros da morte
[editar | editar a fonte]
En calquera caso, crese firmemente en que a morte sempre avisa, o que permite prepararse para ese momento, e iso axuda a minorar a angustia da ameaza constante da morte. O conto é saber captar os anuncios que nos envía. Estes avisos chegan por distintas vías: ánimas[5] ou espíritos que se achegan a quen vai morrer ou a alguén do seu contorno (o caso máis coñecido sería o da Santa Compaña); a propia morte que vén advertir o futuro defunto, antes de vir buscalo definitivamente; ou mediante outros sinais emitidos, normalmente, por distintos animais.
- Porque a miña vida cóntase por días ou cicais por horas. Non tardarei en comer terra. Avisoume a Morte, ¿sabendes? Ela mesma. Cando chegamos cabo da eirexa, ollei un corvo e mais unha pomba, e aquilo non me gostou. Entón o pantasma mirou para min e a lúa bateulle na cara. ¡Éravos a Morte! E faloume desta maneira: "Eu son o que che vai poñe-lo sangue frío como unha pedra; esa pomba é a túa vida e ese corvo é o teu namoramento serodio. Prepárate porque un día destes irei a buscarche" (Castelao: Os vellos non deben de namorarse, 535).
A capacidade de percibir este tipo de avisos non é común e crese que algunhas persoas son máis propensas que outras. Son os vedoiros, que poden chegar a ver o enterro tal como se vai producir, recoñecendo tanto o morto como os que o acompañan. En Santalla de Román (Vilalba, Lugo), vivía un destes vedoiros. Dunha volta díxolle a unha muller que vira o enterro do seu irmán, e que levaría cinco coroas. Efectivamente, morreu o irmán desta muller e ela encargou catro catro coroas. O caso foi que durante o traxecto ó cemiterio apareceron varios amigos do home, cunha coroa, e así foi enterrado con cinco coroas, como predixera o vidente.[6]
En canto os animais que agoiran unha desgraza, os anuncios de morte máis recoñecidos son[7]:

- Ver un corvo no camiño ou nas proximidades da casa, ou cando pasan voando e grallando por riba da casa; Risco matiza esta información: se berra do lado da dereita, é bo sinal, pero se o fai do lado da esquerda, é mal agoiro.[8] O corvo é de mal agoiro por ser negro, por comer carniza e polo seu berro agudo e característico. Por iso, cando se vexa hai que axotalo dicíndolle: "Corvo agoireiro, vaite lixeiro, que nesta porta non hai carne morta"[9].
"A María, a do Sindo, e á súa nai, perseguíronnas dous corvos grallando insistentememte. Ó cabo dunha semana morrían dúas irmás súas"José Curt Martínez: Galicia viva. La fauna gallega y algo más, Pontevedra 1978, 317 [en castelán no orixinal].
- Un sucedido semellante aconteceu na Pobra de Trives (Ourense). Estaban a charlar dous homes e veron pasar unha bandada de corvos sobre a cada dun deles, Xan. Xan díxolle ó outro que tivo que morrer o fillo de Delores, que vivía ó seu carón e tiña unha grave pulmonía. O outro retrucoulle que os corvos pasaron sobre a súa casa, non sobre a de Delores, pero Xan defendíase dicindo que na súa casa non tiña enfermo a ninguén. Pero o certo é que ó outro día caeulle a muller de Xan do corredor embaixo e matouse, mentres que o fillo da Delores terminou por curar.[10]
- Tamén se supón que as pegas voando sobre unha casa agoiran unha desgraza.[11], se ben parece ser que só se grallan á esquerda da casa.[12] No Vicedo (Lugo) tamén cren que agoira morte (Hacia onde pon o rabo, deixa o recado), especialmente se van dúas pegas xuntas e miran cara un mesmso lado, ou cando peteiran no cristal da ventá.[13]
- O canto do moucho, da curuxa ou doutras aves rapaces nocturnas. O canto lúgubre destas aves remeda os xemidos e o pranto. O moucho agoira unha morte próxima cando se pousa ou vén cantar enriba da casa de alguén ou nas árbores próximas.[14][15]
- A galiña que canta coma o galo. Crese que as galiñas vellas cantan como o faría un galo, polo que tal feito, propio da vellez, agoira a morte. Para espantar o agoiro hai que dicir: Pasa, mala cousa, pasa,/ San Xuan bendiga nuestra casa/ cunha palanca/ por riba da casa[16]. Outras informacións van máis lonxe e aconsellan que cando tal aconteza hai que matar a galiña de contado e, deste xeito, a desgraza que agoiraba recaerá sobre ela. Rivas Quintas engade que, á vez que se lle retorce o pescozo, hai que dicirlle: Morte por morte, en ti cai a sorte[17]. Tamén se cre un presaxio negativo escoitar o galo cantar fóra do tempo: Cando o galo canta a deshora, ó seu dono venta na cova.[18]
- O ouveo dos cans ou do raposo, porque lembran os prolongados choros da familia durante o velorio e no enterro. Se se escoita ouvear un raposo de noite sábese que está próxima a morte dalgún veciño. Outras informacións matizan máis: ver un raposo en xexún é sinal de bo agoiro, pero se é raposa é sinal dunha desgraza próxima; e se se trata dun can, anuncia a morte dunha persoa que viva do lado do que mova o rabo mentres ouvea.[19]
- Cando aínda estaba quente a derradeira badalada das doce horas no campanario da eirexa, ouvearon os cans ventando a morte (Castelao: Un ollo de vidro, 55).
- A presenza de bolboretas nocturnas, avelaíñas, negras, voando ó redor dunha persoa ou da luz da casa, agoiran unha morte.[20] Moitos cren que as tales bolboretas son as propias ánimas. Pola contra, dise que as brancas traen boas novas e son almas redimidas que veñen á terra para dar as grazas.[21]

Tamén se interpretan como avisos dalgunha morte próxima outros feitos inexplicables, como o toque dunha campá sen que ninguén a tanxa, a coincidencia do son das campás de dúas parroquias, que se apague un cirio no funeral[22] ou o cheiro a cera ou a aceite nunha encrucillada ou dentro da casa, pero tamén se cheira a flores sen que haxa flores por ningures. O cheiro a cera porque lembra os cirios postos ó redor do cadáver, e o cheiro a aceite porque evoca as lámpadas que iluminan ó defunto.[23]
Verter o sal na mesa pode considerarse só agoiro de mala sorte ou mesmo unha maior desgraza[24], así como escoitar golpes na porta ou na ventá (que se explican como ánimas ou a propia Morte que veñen petar na porta para entrar na casa).[25] Outros sinais que agoiran morte son ver unha luz moi grande sobre a casa ou arredor dela, ou sentir lamentos ou prantos sen que ninguén se queixe; outras veces son longos asubíos. Din tamén que cando vai morrer un neno aínda sen ter uso de razón (un anxo), escóitase música no ceo.[26]
O propio morto pode anunciar outra morte. En Xinzo de Limia contábase que unha muller cruzouse coa comitiva fúnebre, cando aínda se levaban os mortos nunha padiola, descubertos, e preguntoulle ó defunto quen sería o seguinte. E o morto respondeulle que sería a súa filla. Efectivamente, ós poucos días morreulle a filla.[27]
Crese, finalmente, que as ánimas dos familiares emigrados ou que viven lonxe poden vir facernos unha última visita de despedida xusto no instante no que morren.
Por outra banda, existe un ser mitolóxico que tamén agoira morte, o Urco.[28][29]
En Arcos de Furcos (Cuntis, Pontevedra), crese que cando morre un cura nacido na parroquia, doce veciños máis morrerán antes de cumprir un ano[30].
Ofrecidos
[editar | editar a fonte]Cando alguén sufría unha longa enfermidade que os médicos non daban curado, de modo que se lle vía irse consumindo pouco a pouco e sen remedio, os seus familiares ofrecíano a un santo, ó Nazareno ou á Virxe. Este ofrecemento consistía en comprometerse a realizar algún tipo de sacrificio, ritual ou peregrinación a modo de expresión pública de agradecemento á intervención divina se se conseguía a curación. Son coñecidas, neste sentido, as procesións das mortallas que se celebran na Pobra do Caramiñal (A Coruña) o terceiro domingo de setembro con ocasión do Nazareno, ou en Ribarteme (As Neves, Pontevedra)[31], con ocasión de Santa Marta (o 29 de xullo). Nestas procesións, os ofrecidos, quen fixo o ofrecemento ou ámbolos dous vestían hábitos relixiosos ou acompañaban un féretro trala imaxe do santo, que simbolizaba o que tiñan preparado para el.
- Agora atopámonos a carón de Pedriño, que salvou da morte por verdadeiro miragre. Máis de dous meses estivo no leito, sen dar azo de si, a pique de que se lle desvencellase a ialma. A tía Ádega ofereceuno a Santa Comba, i entón Pedriño abriu os ollos e dixo: "Miña tía, déame auga". [...] Desque pasou tempo de abondo para que Pedriño volvese ó seu ser, a vella determiñou cumpli-la promesa feita, con toda solenidade. O rapaz iría vestido de San Xosé, co mesmo hábito con que a tía pensaba adobialo para descer á cova. [...] Abreuse a porta da casa e saíu primeiro un ataúde branco con guirindolas de frores. Dispois asomou Pedriño co hábito verde [...], na man o varal frorecido do santo. A tía Ádega viña detrás, a chorar, levando unha vela rizada (Castelao: Os dous de sempre, 295-296).
Preparación da familia
[editar | editar a fonte]Ante a inminencia do momento da morte, perdida xa toda esperanza, a familia comeza a preparar o moribundo a afrontar o pasamento, á vez que se prepara ela mesma ante a nova situación na que se vai ver a partir dese momento. Familiares e veciños comezan a mobilizarse para axudar e comunicar o acontecido. Uns avisan ó resto dos veciños e os familiares que viven lonxe. Outros comezan a preparar a casa para recibir a visita dos veciños.
Preparación do moribundo
[editar | editar a fonte]
Para axudar a ben morrer ó moribundo colócanlle cousas santas, sobre el ou ó seu carón: crucifixos, estampas, escapularios, cirios acendidos (con especial preferencia os que foron bendicidos o Xoves Santo ou o día das Candeas[32])[33] e roupas relixiosas. Por veces recórrese a cubrilo cun hábito de San Francisco, se quen morre é home, ou un manto da Virxe, se é muller. O crego lévalle o viático (etimoloxicamente, as provisións que se lle dan a alguén para a súa viaxe) e dálle a Extrema unción.[34]
O cabo da vela do Xoves Santo (o resto que quedou dos cirios que alumeaban ó monumento do Xoves Sanyo) recóllese e lévase para casa. Serve como protección nas treboadas con raios e tronos, pois se cre que aplacan a ira de Deus. Pero tamén se pon na man do moribundo, para que Deus lle dea unha boa morte.[35]
En Moraña (Pontevedra) crese que cando a agonía se prolonga moito é porque o moribundo ten unha débeda pendente con alguén. Sábese porque cando chega esta persoa ó seu carón prodúcese a morte ó pouco tempo, o que se explica como se estivese esperando por el para que o perdoase antes de morrer.[36]
No repartimento de funcións non falta se encarga de avisar ó abade da parroquia para que veña darlle o Viático. Antes de saír cara a casa do moribundo tocábase unha campá, picar a sacramentos, e un rapaz ía diante do crego tocando unha campaíña, ata que a comitiva chegaba á casa. Os veciños ían achegándose cunha candea de Xoves Santo e, ás veces, sacaban da igrexa un farol especial para acompañar ó viático.
O pasamento
[editar | editar a fonte]O momento exacto da morte só se podía acreditar por métodos empíricos. A presenza do médico era absolutamente infrecuente polo que non podía contarse cos medios técnicos necesarios para apoiar ese ditame. Ademais de observar a falta de movementos, a ausencia de respiración, a frialdade que se ía instaurando, o máis común era confirmalo colocando un espello, un cristal ou a folla dun coitelo xunto á boca; outras veces, unha candea:
- O dependente sacou da faltriqueira un espello pequeniño, púxollo diante da boca e, vendo que non embazaba co alento, declarounos que o vello gaucho xa non era do noso mundo (Castelao: Retrincos, 214).
Confirmada a morte, comezábase a preparar o corpo para a súa presentación no velorio e posterior enterro. A morte dunha persoa non era nunca un feito exclusivamente familiar senón que era participada por tódolos veciños da parroquia. Familiares e veciños comezaban a realizar distintas actividades (preparar ó morto, preparar a casa para o velorio, avisar a familiares que vivían lonxe, avisar ó crego, etc.) co obxectivo de compartir a dor e despedir o morto, pero tamén de asegurar a súa permanencia na memoria colectiva da parroquia. Estas actividades foron recollidas por moitos etnógrafos e, aínda que se observen numerosas variantes locais, en tódolos casos se seguía un patrón común.
"Repartiuse a xente: uns a chamar os cregos por unha banda e outros pola outra, e de pasada avisar os parentes ou achegados que lles cadrasen en ruta; os que non, outros lles levarían o aviso. Catro mulleres e dous homes saíron para a vila para traer o cadaleito, o hábito, a licenza de enterramento e as cousas de comer. Un dos homes iría dar volta por cas do médico Lopes para levar o certificado... Desde aquel momento, a xente da casa acurrunchábase a unha banda; xa non era ninguén; todo o gobernaban os outros; canto había na casa corría pola man dos de fóra; non era de bon ver que eles lle botaran man a ningunha cousa. Só lles era permitido chorar cando chegaba calquera a acompañalos no sentimento"Aventuras de Alberte Quiñoi, 334.
A mortalla
[editar | editar a fonte]O primeiro coidado que se debe ter co defunto é pecharlle os ollos, porque se cre que se quedan abertos van chamando por outra persoa da familia para que o acompañe na viaxe ó outro mundo.[37] Tamén hai que pecharlle a boca, atando o queixo cunha cinta ou cun pano, branco nuns sitios, negro noutros. Unha vez que o cadáver estea ríxido xa se pode quitar o pano, operación que chaman desempanicar.

A operación de amortallar consiste en envolver o vestir ó cadáver coa mortalla ou sudario.[38] En primeiro lugar debíase lavar o corpo (no caso dos homes, tamén os barbeaban) como preparándoo para facer unha longa viaxe ou recibir unha visita importante. Tamén tapaban tódolos orificios do corpo, con liño ou algodón, precaución que, máis que obedecer a motivos hixiénicos, pretendía pechar calquera camiño que puidese permitir que a alma retornase ó corpo, ou ben que lle entrase o Mal, o Demo.[39]
A seguir procedíase a vestilo. Antigamente, tratábase dunha simple saba coa que se envolvía o corpo, o sudario.[40] Co tempo pasouse a vestir o corpo completamente, e a tal fin recorríase á mellor roupa que tivese o defunto, por veces o traxe co que casou e mesmo un traxe novo, feito con antelación e gardado especialmente para esta ocasión sen que nunca fose usado anteriormente.[41]
Parace ser que era costume regalar ós pobres a roupa e os zapatos do defunto tralo seu enterro, de onde xorde a expresión Agardar polos zapatos do defunto, para indicar a quen esperaba por algunha recompensa.[42] Pola contra, Vítor Vaqueiro afirma que o corpo debe ser enterrado cos zapatos, o que aseguraba que o paso á outra vida non se realizaba descalzo.[43] Pero Castelao menciona por dúas veces "que era o enterrador o que se aproveitaba, non só da roupa que vestía ó morto senón tamén dos dentes de ouro que puidera ter.[44]
A lámina 36 do Álbum Nós, de Castelao, reflicte un velorio. Na cabeceira da cama onde xace o morto está unha muller chorando. O pé da lámina di: "Ay, meu homiño, e qué bonito vas co traxe das romerías".
- Morrín antre cobertores como morren acotío os bos homes, e ben afeitado e ben peiteado e co meu traxe dos días de festa fun para debaixo dos terróns (Castelao: Un ollo de vidro, 42).
- Antonte leváronlle o viático ó vello e onte morreu. A compañeira dos seus días visteuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz (Castelao: Cousas, 105).
Menos frecuente era vestir o cadáver cun hábito de San Francisco ou da Virxe do Carme. Neste caso, colocábase o hábito sobre o corpo, sen meter brazos e pernas, pois se cría que, no caso denon ir ó ceo a alma do defunto, a súa ánima debía volver á terra para que alguén lle rachase o hábito e conseguir o descanso, aínda que fose no inferno.[45]
Na procesión das mortallas, aqueles que estiveron ás portas da morte van ofrecidos en procesión ata a igrexa, ben vestidos cunha mortalla branca, ben dentro dun ataúde (o que deixaron de utilizar grazas á intercesión da virxe ou do santo). Na Pobra do Caramiñal celébrase en setembro a procesión do Nazareno, documentada xa no século XV. A orixe remóntase a unha ofrenda ó Nazareno do que daquela era o rexedor da vila, Juan de Liñares, que sandou dunha grave enfermidade na véspera da procesión. En agradecemento, foi levado dentro do ataúde en procesión, por catro condenados a morte, que logo foron indultados. Dende entón, as persoas que estiveron en perigo de morte ofrécense ó Nazareno, procesionando vestidos de nazarenos e acompañados por amigos e familiares que conducen un ataúde.[46]
Unha vez amortallado o finado, colocábanse sobre o cadáver unhas tesoiras, unha peza de aceiro, un prato con sal e un peite. Coas tesoiras buscábase coutar a gangrena; e co cacho de aceiro, que o corpo non inche e protexelo contra o demo. O peite parece vir dun antigo costume de gardar algúns pelos do morto e colocalos nas fendeduras das paredes, como axuda a que as ánimas se orienten mellor cando volvan á súa casa. Nos Ancares, colocábanlle tamén unha fouce. Outros obxectos que se colocaban sobre o finado eran un crucifixo, pedra da ara, loureiro bendito, todo isto, como os mencionados antes, como defensas simbólicas fronte o Mal.[47] En Monfero, paraban tódolos reloxos da casa.[48]
Preparación da casa
[editar | editar a fonte]Tamén había que acondicionar a casa, especialmente a habitación na que se exporá o cadáver: normalmente o dormitorio, noutros casos a sala máis ampla e limpa da casa.[49] Cando se expoñía dentro da caixa, esta se colocaba no chan, sobre un pano negro. Era común cubrir as paredes da habitación ou, como mínimo, a parede da cabeceira, con panos negros e, no caso dos nenos, cibrir a cama cun dosel a modo de ceo.[50]
O corpo colocábase sobre o leito –outras veces sobre unha mesa-, coas mans cruzadas no peito; en Loureses (Aguís, Os Blancos, Ourense) atábanlle o brazo dereito á perna esquerda e o brazo esquerdo á perna dereita, por crer que esta postura cos brazos en cruz protexía o morto do demo. Ó lado do corpo ou ós pés, un caldeiro con auga bendita e unha rama de loureiro. Tamén se adoitaba botar sal nas paredes e no chan da habitación, así como sobre a cama, para escorrentar o demo,[51] e abrir unha ventá para que a alma teña por onde saír e non darlle ocasión de introducirse no corpo dalgún dos presentes producíndolle o asombramento ou aire de morto. Ó redor do cadaleito colocábanse catro candeas acesas, que completaban o ambiente de sacralidade.
Na casa na que hai un cadáver non pode estar ningún meniño a durmir no momento de mover o corpo dunha habitación a outra porque podería coller o aire de morto.[52]
O anuncio á comunidade
[editar | editar a fonte]Mentres uns fan todos estes labores, outros encárganse de comunicar a morte a tódolos veciños da parroquia. Esta comunicación podía ser persoal, de porta en porta, ou mediante o toque das campás da igrexa. Nas aldeas, a noticia do pasamento apóiase agora tamén nas necrolóxicas colocadas en lugares habituais (e, actualmente, na prensa e radio). Cando as campás tocan a morto, o número e ritmo das badaladas, aínda que pode variar en cada parroquia, informaba do sexo de quen faleceu: tres toques seguidos, cunha pausa, anunciaban a morte dun home; dous, a dunha muller; polos meniños non se toca.[53] Segundo Antón Fraguas, na Catedral de Santiago de Compostela consérvase unha campá, chamada a campá de vacante, coa que se anunciaba a morte dos cóengos e, en consecuencia, que quedaba un posto libre no cabido.[54][55]
- Aínda hai máis na paisaxe, pois tocan a morto no campanario da eirexa e o son é tan amargurado coma se batesen a campá coa mesma cabeza do morto e non adeviñamos en cal casa do lugar hai desgracia porque todas, todas, están tristes (Castelao: Cousas, 65).
O velorio
[editar | editar a fonte]Pouco a pouco, nunha incesante corrente humana, familiares, amigos e veciños van reuníndose na casa para despedir o morto, colocado sobre a cama ou xa na caixa, e acompañar á familia durante toda a noite. Tras persignarse e descubrirse, dedicaban uns primeiros momentos de silencio e dor, con distintas mostras de loanza e aprecio polo defunto. As mulleres quedaban na sala do defunto rezando interminables rosarios interrompidos por choros mentres que os homes se retiraban a outra habitación. Entre eles falaban ó primeiro do morto, das súas virtudes e doutros casos de mortes semellantes, mais pronto cambiaban o tema de conversación facéndoa máis livián e variada, nun intento inconsciente de aliviar a dor e adormecer a angustia ante a morte, para rematar falando do tempo, dos traballos do campo ou de calquera cousa, mesmo xa con momentos de relaxación e algunhas risas máis ou menos disimuladas provocadas por bromas e chistes. Con esta evolución nos diálogos o que se pretendía era desviar a atención dos congregados desde a angustia da morte ata aspectos máis cotiás e positivos da vida.
No baixo, a escena era ben diferente. Reunidos en torno á lareira familiar había como uns dez ou doce paisanos, vellos os máis, que, dedicadas unhas breves palabras de cumprimento ó finado, falaban agora de feiras e colleitas en animada leria sostida por dous netos de caña que nunha xerra ventruda se vía sobre a artesa.Manuel Ponte: "Velatorio de aldea", en Alma Gallega 1927, px. 32-33.
Non era raro que ás poucas horas de velorio comezasen a aparecer barallas e vasos de viño ou augardente, e mesmo xogos diversos, sendo habituais ata os anos vinte do século XX os xogos de prendas, que chegaban a incluír o morto (xogos de pezas de roupa, nos que tiñan que ir coller algunha peza ou calzado do morto, ou nos que as mozas que perdían tiñan que ir bicalo[56][47]). Os xogos de cartas eran máis habituais. Este tipo de prácticas eran perseguidas pola Igrexa; así, por exemplo, na visita arquidiocesana de 1774 á parroquia de Curtis salienta a prohibición de "mesturar co fúnebre, xogos, entretementos estraños a semellante acto, na casa do defunto".[57]
Lence Santar criticaba así, en 1939, os velorios, pola súa irreverencia:
"Os velatorios, agás n-as casas d'algús señores, son un escarnecemento â morte, porque n-eles non se fai outra cousa que falar mal de moitos d'os veciños que alí non están -y-hastra de moitos qu'estiveran e camiñaran- contar contos alegres, facer chuscadas, tomar café, ron, augardente, viño branco e viño tinto".Etnografía mindoniense, 124[58]
O abellón
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Danza do abellón.

Alfredo Brañas recolleu en 1884[59] unha danza fúnebre na que el mesmo participou en Vilanova de Arousa, denominada o abellón. Consistía en dar voltas ó redor do leito do defunto, todos collidos da man, mentres imitaban o zunido dun abellón. Críase que se algún dos participantes falaba ou interrompía o baile por calquera causa, sería o primeiro dos presentes en morrer.
- Collidos pola man os concurrentes
- e fungando baixiño e entre os dentes
- foron da morta á triste habitación
- e voltando ó redor da defuntiña
- o vello, a vella, o mozo e a mociña
- fungaban como funga un abellón.
- ¡Probe daquel que dese algunha fala
- Ou de bulir deixase pola fala!
- ¡Siñal era de morte non fungar
- As honras do "abellón" son tan precisas
- Como son para os cregos moitas misas
- E o gando e o ligón para labrar
Brañas rexeita este ritual: "esa festa tal vez d'as mais xudias/ que n-o lindo e vizoso país d'as Rías/ é costume, feitizo e corrupcion" e remata pedindo ás autoridades eclesiásticas que prohiban "tan bárbaro costume.
Suxeriuse que este baile podería estar relacionado coas abellas que eliminan os cadáveres da colmea. Pode atoparse un precedente deste baile ritual nos tímpanos dalgunhas igrexas románicas, nos que se representa a "danza da morte": un esqueleto toca un instrumento mentres dúas ou máis persoas danzan ó seu redor.[60]
O enterro
[editar | editar a fonte]Chegado o día seguinte procedíase ó enterro. Insistindo na idea de que a morte era unha viaxe, colocábanse dentro do ataúde pan, viño e outros alimentos.[61] O antropólogo Mandianes Castro recolle que nalgúns lugasres tamén se metían castañas e que, agora, meten o móbil e mesmo paquetes de cigarrillos.[62] O cadáver era retirado da casa a ombreiros de catro familiares varóns,[63] dentro da caixa, podendo ir esta aberta ou, normalmente, pechada. Sacábano sempre cos pés por diante e pola porta principal. Cando o morto era un neno, a caixa era branca –como símbolo de pureza- e sobre ela colocaban flores; cando era un adulto, era negra ou cuberta de panos negros.
"Os mortos non iñan en caixas descubertas; iso sería arrepiante. Iñan coa cabeza pousada en almohadóns que penduraban ás beiras do nicho, e a tapadeira do nicho repousaba enriba dos almohadóns, amostrándose pola rendixa triangular as mans cruzadas dos difuntos"Castelao: Prosas recuperadas, 417; Cousas, terceiro libro, Castrelos, col. O Moucho 21, 1975, 14.
A despedida
[editar | editar a fonte]
No momento de sacar a caixa da casa liberábase toda a tensión e a familia e as mulleres presentes rompían a chorar despedindo o morto e louvando a berros as súas virtudes. Chamábase a isto facer o pranto. Habitualmente, as mulleres da casa non ían ó funeral, e quedaban na casa, logo de despedir chorando ó defunto desde a porta ou desde as ventás.
- Estamos no intre en que se celebra o enterro do boticario, e da rúa xurden marmurios de moita xente. Ábrense as fiestras e aparecen as catro irmáns do boticario, dúas en cada fiestra, a faceren o pranto (Castelao: Os vellos non deben de namorarse, 489).
- Entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta e, coa voz amorosa dos días de mocedade, despideuse do seu compañeiro. '¡Deica logo, Eleuterio!' (Castelao: Cousas, 105).
Como antes, tíñase a precaución de que non houbese ningún meniño nin muller preñada durmindo na casa no momento de sacar a caixa para o cemiterio,[52] e incluso evitaban que estivesen presentes nese momento. Así o describe García Barros nas Aventuras de Alberte Quiñoi co gallo do enterro do Tío Baraxas:
"Os que quedaron adicáronse ... a coidar así mesmo de todo o establecido para estes casos que era, e pode dicirse que segue sendo: que todo o gando da casa estea fóra cando saia o defunto, ... que as mulleres en estado ou con nenos de peito xa non hai para que ter en conta de que aparezan pola casa nin se presenten á vista no traxecto.Aventuras de Alberte Quiñoi, 368.
Tamén, cando o morto era o cabeza de familia, adoitábase sacar o gando das cortes para evitar que morra o enferme, porque se cría que o morto, dono do gando, podía levar mau del.[64] Outra crenza relacionada co gando era a de non utilizar nunca a porta principal para meter os porcos mercados na feira, porque esa era a porta pola que sacan os defuntos.[65]
O acompañamento
[editar | editar a fonte]A orde da comitiva era a seguinte: primeiro un rapaz tocando unha campaíña, logo o sancristán coa cruz da parroquia (deste xeito, reforzábase a pertenza do defunto á parroquia), a seguir ía o cadaleito portado por catro homes, que ben chegaban ata a igrexa, ben se intercambiaban cada pouco, sempre de catro en catro. Detrás ía o cura ou curas rezando responsos e, finalmente, a familia, os amigos e os veciños. En Trasparga (Guitiriz), o gando que posuía o morto ía diante do enterro.[66] Durante o camiño ó cemiterio,[67], as mulleres continuaban chorando e despedindo o morto.
Había mulleres que eran contratadas especificamente para facelo, as carpideiras, choradeiras ou pranxideiras. Mariño Ferro e Reboredo insisten en destacar o papel destas mulleres na descarga da angustia causada pola morte dun ser querido ou dun veciño da aldea, sen ter nada que ver cun acto de hipocrisía social.[47][68]
Se a procesión encontrábase con algún veciño polo camiño, este detíñase e descubríase, e, se era muller, axeonllábase ó paso do féretro.
A comitiva adoitaba parar nos cruceiros que houbese no camiño e pousaban a caixa para que o crego botase un responso, segundo o solicitasen os asistentes botándolle unhas moedas no cubo da auga bendita. Estas paradas recibían o nome de pousas, e a mesa fronte ó cruceiro, sobre a que se depositaba a caixa, o de pousadoiro. Nos Ancares era costume deterse diante dun castiñeiro á saída da aldea, o chamado castiñeiro das cruces, e cravaban no tronco unha pequena cruz de madeira. [69]
Cando o morto era un neno, había música alegre. E cando se trataba dun mozo ou moza solteiros, os que carrexaban a caixa enlentecían a marcha ó aproximarse ó cemiterio, e daban tres pasos adiante e un ou dous pasos atrás, nun significativo intento de prolongar a súa estancia neste mundo.[70][71][72]
A inhumación
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Cemiterio.
O enterramento facíase no adro da igrexa, en sagrado. Xa desde tempos dos romanos era habitual que os cristiáns enterrasen os seus mortos cerca das tumbas dos seus mártires, primeiro nas catacumbas e, logo, no interior das igrexas (que gardaban as reliquias dos santos). Co tempo, pasaron a facelo ó redor destas ata que a finais do século XVIII prohibiuse esta práctica e creáronse os cemiterios parroquiais ou municipais. No momento de baixar a caixa á cova repetíanse os choros e lamentos, despedindo definitivamente o familiar ou veciño. Algúns botaban presas de terra sobre a caixa logo de bicala.
- Ó mesmo tempo que eles íban chegando ó Campo Santo, iña chegando tamén o enterro, rompendo a marcha o estandarte negro e algo furado da parroquia, o crego i as mulleres que lle facían o pranto, turrando, turrando polos pelos como si fosen cousa allea, berrando hastra enroucare e agarrándose á tomba de tal maneira que non deixaban andar ós que a levaban (Rosalía de Castro: Conto gallego)[73].
Hai constancia do propósito da igrexa católica para acabar con este costume, xa desde os concilios bracarense e primeiros composteláns porque "es cosa que no place à Dios". En 1740, tras ser informado o arcebispo de Compostela de que nos enterros "concorren todos os descendentes e deudos dos defuntos a chorar a súa morte, máis por estilo e práctica que por dolor dela, o cal afectan con desmesurados berros e accións descompostas, facendo demostracións de querer sepultarse co defunto, con cuxo motivo prorrompen en ridículas expresións", ordenou ós párrocos que multasen a quen así se comportase con catro reais na primeira vez, con oito a segunda e, de reincidir, que se deixase sen dar terra ó defunto ata que as carpideiras se retirasen.[74]

Críase que o pano mortuorio sobre o que se colocaban os cadáveres na igrexa adquiría virtudes curativas para os enfermos, ós que se lles facía o chamado aventamento: íase á igrexa e deitábase o enfermo no chan, logo catro homes batían o pano sobre el.[75][76]
Cando a morte ocorría no descampado, tanto se se trataba dunha morte natural como violenta, mantíñase a lembranza do lugar colocando unha cruz, ante a que se rezaban oracións pola súa alma. Logo íanse colocando pedras ante a cruz ata dar lugar a un amilladoiro. Antón Fraguas supón que esa puido ser a orixe dalgúns cruceiros, como os de Ramírez ou o do Home Santo, ámbolos dous en Compostela.[77]
O regreso
[editar | editar a fonte]Rematado o enterro, os participantes volvían á casa do defunto, na que se adoitaba repartir un molete de pan a cada asistente (pan do defunto) ou só ós nenos (un carolo[78]); noutras ocasións, o pan repartíase entre tódolos pobres do lugar[79]. Pero moitas veces organizábase un verdadeiro banquete, semellante ó que se celebraba nas festas, no que participaban tódolos asistentes ou só os familiares que, por viviren lonxe, quedarían a durmir na casa. Estas comidas fúnebres (das que tamén se cita que se celebraban mesmo antes do enterro, co corpo aínda presente) facíanse na casa do defunto ou na dalgún familiar próximo ou, rara vez, na taberna.
- ¡O defundo vai na igrexa,
- a muller queda apenada,
- vamos bebendo e comendo,
- con chorar non se fai nada.
Estes banquetes funerarios varían moito segundo costumes locais e segundo os posibles de cada familia, desde un anaco de pan con viño (ou augardente) ata abundantes viandas de todo tipo, e desde só a familia directa ata toda a aldea, e deu lugar a verdadeiros excesos que eran, infrutuosamente, condenados polas autoridades eclesiásticas. A súa función era, en principio, acoller a familiares e amigos que viñan de fóra, nunha época na que non había restaurantes nin coches ou autobuses, pero tamén tiñan como consecuencia un reforzamento dos lazos sociais e axotar a dor e a tristura propias do momento.
Bernardo Barreiro recolle esta descrición das enchentes que se celebraban no século XVI para celebrar o Día de Defuntos:
- Os notables da parroquia, dentro da capela, xantaban e bebían a fartar en altares convertidos en mesas para a ocasión. Os pobres, entrementres, preparaban castañas no adro mentres agardaban a xenerosidade dos principais.[80]
Xa de volta de cemiterio, cumpría tomar certa precaucións para evitar o aire de morto ou aire de defunto, un perigo moi presente nesta ocasión pola proximidade doa asistentes coa persoa falecida.[81] Como protección compría purificar as roupas que vestían facéndoas pasar por riba do lume (en Campo Lameiro), ou pasar tamén os nenos (en Isorna e Leiro, parroquias de Rianxo). Igualmente, nos mesmos lugares, chegadas as doce da noite, varríase a casa doce veces para eliminar calquera impureza e sucidade posibles procedentes do morto.[82] Mariño Ferro recoulleu outra práctica, consistente en queimar unhas poucas herbas de San Xoán sobre unha tella, ou simplemente un toxo, e afumarse, antes de entrar na casa e antes de ver os fillos -por protexelos-. Engade que en Xestoso (Silleda) fano cunha pequena cacharela xa á porta da casa do defunto.[83] Manuel Quintáns di que se afumaban cunha foqueira feita con pólas de loureiro, a poder ser de loureiro bendito o Domingo de Ramos.[84]
A lembranza
[editar | editar a fonte]
Pero a vida segue e os que quedan teñen que seguir coas ocupacións e traballos de tódolos días. Quen se foi permanece na memoria dos que quedan -familia e veciños-, durante máis nou menos tempo, e quedan tamén con nós, como ánimas benditas. O finado pasa a formar parte do vocabulario habitual de familiares e amigos e sempre que se nomea se engades expresións como "Diolo descanse", "Diolo teña en paz / na gloria", "o finado de...", "o noso defunto / defuntiño".[85]
A forma social máis evidente de expresar esa dor e esa lembranza é o loito. Os elementos formais do loito foron variando moito ó longo do tempo, pero basicamente consiste en que os familiares visten roupa de cor negra durante máis ou menos tempo, en función do grao de parentesco. Era habitual que as viúvas prolongasen o loito de por vida, [86] ou por varios meses ou un ano; pasado este tempo chegábase a un período de alivio no que vestían de gris ou branco con motivos negros. No caso dos homes o loito nunca foi tan rigoroso e podía reducirse a un brazalete negro sobre a manga da chaqueta, gravata negra ou mesmo un simple botón negro.
O loito afecta tamén ós costumes sociais, pois os familiares xa non van a bailes nin festas. Nos lugares onde se cantan de porta en porta as panxoliñas e aninovos, ou as coplas do Entroido, xa non paran ante a casa onde houbo un defunto. Dentro da casa era frecuente tapar os espellos con gasas negras (os espellos están relacionados co embelecemento persoal, coa vaidade[87]) así como as lámpadas (para apagar a luz, é dicir, a alegría).[88]
A familia mantén o contacto co morto a través da oración. Como nunca se pode ter a seguridade de que fose ó ceo, hai que prever que a súa alma estea no purgatorio penando por algún pecado ou falta cometida, polo que cómpren oracións e esmolas que adianten o seu perdón definitivo. Tamén se lles reza para pedirlles axuda e conforto. Neste mesmo contexto nacen os petos de ánimas, onde os crentes botan esmolas para pagar as misas polas ánimas da parroquia.
Hai certos momentos nos que esta lembranza está máis presente: os cabodanos[89] e o día de defuntos. Tamén no Nadal hai unha lembranza especial polas almas dos que morreron.
Antón Fraguas recolleu na ría de Arousa (sen concretar máis) o costume de que no cabodano, antes de saír da casa cara a igrexa, a viúva percorría tódalas habitacións da casa chamando polo seu home.[90]

O día de defuntos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Día dos Fieis Defuntos.
O día de defuntos, 2 de novembro, dá nome ó propio mes: mes morto ou mes dos mortos, así como mes de defuntos e mes das ánimas. Foi instaurado polo papa Gregorio IV no século IX e constitúe unha data moi significativa dentro do calendario litúrxico galego. O obxectivo era o de separar a festividade de Tódolos Santos, o día 1 de novembro, data na que se honraban aqueles santos anónimos que estaban no ceo xunto ós santos canonizados, do día dous, data na que se honraban os mortos que non alcanzaros a santidade. Pero na realidade, Santos e Defuntos mestúranse e, de feito, é o día de Tódolos Santos cando os camposantos se enchen de familiares que van acondicionar a lousa ou o nicho do seu morto, levan flores e rezan ó seu pé.[91] Na lareira da casa colócanse cirios ou lámpadas de aceite polas ánimas dos mortos.
En Cambados, crese que o día de defuntos non se debe ir ó mar para evitar que nas redes veñan mortos ou os seus restos.[92]
O tizón de Nadal
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Tizón de Nadal.
Na noiteboa e no día do Nadal adoitaba colocarse na mesa un servizo máis para as ánimas que puidesen vir —dos familiares mortos ou calquera outra que fose de camiño—, ou deixábase a mesa sen recoller para que tivesen comida ó seu alcance. Limpábase a lareira con especial coidado de non deixar caer a cinsa e deixábase un madeiro no lume para que as ánimas se viñesen quentar.[93] Era o tizón de Nadal ou lume novo, que logo se conservaba como protector contra o raio; na zona de Tui, este mesmo costume seguíase o día de defuntos.[94]
As ánimas que volven do Alén
[editar | editar a fonte]O imaxinario popular non dubida de que as ánimas dos mortos a quen aínda lles quedou algo pendente por facer ou algunha pena que expiar seguen presentes entre os vivos. Entre outras actuacións xa se mencionou que viñan para advertir da morte dun conveciño, pero fan máis. Hainas que buscan axuda para restaurar algún dano que causaran en vida ou para insistir ante os seus familiares que cumpran as mandas que deixaron ó morreren; mesmo se cre que poden vir para aconsellar a quen quedou acá.
Para facer este camiño, tanto para ir desde deste mundo ó alén como para seguir o camiño de volta, as ánimas han de atravesar un río, que por veces se identifica co río Xordán, imaxe que lembra ó mito grego do inframundo, ó que as almas accedían cruzando o Aqueronte. Fraguas recolleu este vello mito aínda vivo en Galicia, no concello de Lobios. O lugar de Buscalque estaba separado da igrexa matriz de San Salvador de Manín polo río LImia,[95] e cando tiñan que levar un defunto desde a aldea ata o cemiterio parroquial debían atravesar o río nunha barca. No momento de pousar o cadaleito na barca, o parente máis achegado colocaba un cacho de pan sobre o corpo e dicía: "Para pasar o Xordán", nun paralelo evidente do óbolo que cobraba Caronte por facer o servizo de levar almas ó Hades.[96]
Pero tamén corre a tradición de que as ánimas van ó outro mundo, ou regresan, a través dunha estreita ponte, que pode explicar a cantiga recollida por Pérez Ballesteros:[97][98]

- Taberneira mide o viño
- e pon a medida dreita
- mira que tes que pasar
- unha ponte moi estreita
Tamén é sabido que quen non foi a Santo André de Teixido de vivo terá que ir de morto, e iso explica que existan ánimas peregrinando ó mosteiro do santo, como tales ánimas ou reencarnadas en animais; neste caso, como sexa que se trata de ánimas en pecado, tomarán a forma de animais rastreiros e velenosos. No primeiro caso, son os familiares -normalmente dous- os que acompañan a alma do morto: antes de comezar a peregrinación, os parentes van onda a tumba do defunto para convidar ó espírito do morto a facer a viaxe con eles. No segundo caso, advírtese que quen se atope unha cobra ou un lagarto no camiño ó mosteiro non lle debe facer mal ningún, porque se trata dunha ánima na súa última peregrinación.
O retrato funerario
[editar | editar a fonte]
O recurso á pintura e escultura funerarias como forma de manter a memoria dos familiares mortos (ou certas persoas de renome) vén de antigo. No mundo romano facíanse máscaras mortuorias que se colocaban no lugar máis noble da casa familiar, os exipcios facíano nas tumbas dos faraóns.[99] Na arte etrusca cómpre destacar o Sartego dos esposos (520 a. C.), e na Roma Imperial a escultura do Togado Barberini, que mostra orgulloso os bustos dos seus antepasados.
A pintura e a escultura (sartegos ou as esculturas orantes e xacentes) foron os soportes que continuaron durante a Idade Media e o Renacemento reflectindo as imaxes -idealizadas, non verdadeiros retratos- de mortos célebres (reis, nobles[100], papas e bispos) pero era algo imposible para o común dos mortais. Tamén, por suposto, nas Idades Moderna e Contemporánea. Por fin, cando no século XIX inventouse a fotografía, puido estenderse esta forma de retrato funerario a capas máis amplas da sociedade, se ben nun principio só podían recorrer a el as clases acomodadas, polo prezo dos materiais e técnicas de positivado. Por fin, os novos descubrimentos, cara 1850-1860, nos métodos de fotografía e revelado permitiron que, aínda sendo un notable esforzo económico, foi popularizándose ata converterse nun xénero fotográfico que se mantivo ata ben entrado o último cuarto do século XX. Cómpre ter presente que estes retratos funerarios eran a única forma visualizar a persoa morta, especialmente no caso dos meniños (as fotografías de anxeliños), e moitas veces a única fotografía desa persoa.[101]

Os fotógrafos especializados neste xénero intentaban, normalmente, desdramatizar o momento e procedían habitualente a maquillar o cadáver ou colorear a fotografía buscando crear a ilusión de vida. Existían tres categorías. En primeiro lugar, as fotografías que intentaban simular unha escena cotiá, en vida, co defunto sentado xunto ós seus familiares, cos ollos abertos. En segundo lugar, o defunto simulaba estar durmindo ou descansando; esta opción era a habitual nos meniños, fotografados no colo da nai u acochados no seu carriño. E en terceiro lugar, as fotografías máis realistas, que non intentaban disimular nada, co corpo na cama ou mesmo dentro do féretro.
O uso das modernas cámaras fotográficas fixo innecesaria a presenza do fotógrafo profesional, e a práctica pasou a un ámbito privado. A sociedade foi cambiando e a Igrexa e mailas as autoridades sanitarias e educativas prohibiron ou condenaron as fotografías funerarias. Hoxe se ven como algo macabro que produce rexeitamento e tan só se manteñen cando se trata de personaxes notables, cunha finalidade histórica.[102] As poucas fotografías funerarias que aínda se conservan pasaron a ser obxecto de coleccionismo.
Finalmente, cómpre lembrar as máscaras funerarias, feitas en cera -para un maior realismo- e pasadas logo a materiais duradoiros, como escaiola, mármore ou bronce, como se fixo co Padre Feijoo (1764), con Castelao (1950) ou con Asorey (1961). Tamén o relato "O retrato", do libro de Retrincos de Castelao, onde un pai lle pide ó autor un retrato do fillo moribundo, e só o acepta cando Castelao o pinta idealizado.
"¡Pola alma dos seus difuntos, non mo retrate así! ¡Non lle poña esa cara tan encoveirada e tan triste!
Rachei o traballo, ensumín o meu ollar nun novo papel branco e dibuxei in neno imaxinario. Inventei un neno moi bonito, moi bonito, un anxo de retablo barroco, a sorrir"Castelao: Obras, 232
Outros aspectos
[editar | editar a fonte]Bouza Brey recolleu a posible pegada no folclore galego (e portugués) do abandono dos vellos para morrer no monte.[103] Baseouse nunha lenda recollida por Martins Sarmento en 1880, que explicaba a orixe do microtopónimo Picoto do Pai, un monte de Monte Córdova, ó norte de Portugal. A lenda dicía que cando un home se facía vello, o fillo subíao ó monte e deixábao quedar alí, cunha manta e unha bola de pan millo, para que morrese aló. Dunha volta, un dos vellos díxolle ó fillo que lle deixase só media manta e gardase a outra media para cando o trouxeran a el. "Ata aquí trouxen ó meu pai, ti trouxéchesme a min e o teu fillo traerache a ti". O fillo comprendeu axiña e regresou a casa co seu pai. E así foise perdendo esa tradición ata desaparecer. Anos despois, escavando en Guimarães, atopou un Penedo do Pai, para o que unha vella do lugar lle deu a mesma explicación. Sarmento relacionaba este costume co hábito de meter no cadaleito, antes de enterrar o defunto, unha codia de pan mollada en viño.
Brey non atopou en Galicia sinais desta forma de eutanasia cos vellos, salvo unha cantiga recollida no lugar dos Mociños, do partido de Bande (Ourense):[104]
- A miña muller é vella,
- de vella non pode andar.
- Heina de levar ao monte
- i-heina de deixar quedar.
O único exemplo que achega sobre este tema no refraneiro é "Besta vella, aos toxos, o que en sentido recto só se refire ó vello costume de abandonar no monte os animais vellos, enfermos, coxos e, por calquera causa, inútiles para o traballo.[105] Pero insiste Brey en que, en sentido figurado, se aplica tamén ás persoas e que "é evidente que quere expresar que, ó que vellez non sirva para nada, senón que, máis ben, constitúe un estorbo, apárteselle e aténdeselle pouco".
Pero existe outro refráns máis explícito, na liña da cantiga anterior:
- A vella que non pode andar, que a leven a un areal e que alí a deixen quedar. [106]
Os ósos dos defuntos
[editar | editar a fonte]Existiu a superstición de ir buscar ós cemiterios ósos de defuntos para seren utilizados como filtro amoroso: había que moelos ben e darllos a beber ó mozo, mesturados con viño, para asegurar o amor deste, ou tamén para conseguir o desquerer.[107]
Francisco Añón escribiu un poema, A pantasma,[108] no que narra o caso dun mozo que foi ó cemiterio en busca de ósos de defunto:
- Aló n'a alta noite...
- dirigía meus pasos a deshora
- a un cimenterio triste e pavoroso
- para apañar un óso,
- según me tiña dito o noso cura,
- qu'era o remedio p'ra olvidar amores
- d'un-a rapaza que o meu peito adora.
Tamén se utilizaban contra os maleficios, para o que se metían nunha bolsa xunto a ósos de gato, da trenza dunha caixa de mortos, tres follas de ruda e un allo verde, e logo cosían esta bolsa no lado esquerdo do xustillo.[109][107] E dando a beber a unha muller no parto auga na que se cocera un óso de defunto, lográbase facilitar o parto.[110][107]
Finalmente, críase que con ósos de defunto mesturados en graxa e con outros ingredientes facíase unha pomada, chamada cacho, que permitía voar ás bruxas cando ían ós aquelarres.[111][107]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Non se entende o mesmo o fenómeno da morte na sociedade urbana que na Galicia rural; nin tanpouco na Galicia do século XIX e primeira metade do XX que na Galicia do século XXI.
- ↑ V. Vaqueiro, s. v. morte.
- ↑ A cruz que se adoita colocar no lugar onde se produciu unha morte violenta, para pedir as oracións dos transeúntes, obedece á crenza de que, por non recibir os sacramentos, a ánima de quen morreu estará probablemente no purgatorio. Hoxe en día, segue facéndose isto mesmo en moitos casos de mortes en accidentes de tráfico.
- ↑ Vicente Risco: Satanás. Historia del diablo, Nigratrea, Vigo 2003, 82.
- ↑ Existe certo matiz que distingue as almas e as ánimas: este termo aplícase especialmente ás almas que aínda están no purgatorio.
- ↑ Galicia Encantada.
- ↑ En Portugal cren que soñar cun touro anuncia unha desgraza ou morte inminente (Maças: 312).
- ↑ Vicente Risco 1962, 483.
- ↑ Segundo Mariño Ferro, esta crenza xa fora recollida por Plinio o Vello.
- ↑ Eleuter Pérez: "Da Ouebla de Trives: agoiros", en "Archivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós nº 17, 1.03.1923, px. 20.
- ↑ Rodríguez López, 100.
- ↑ José Curt, 317. "Cando cantan á esquerda, morte segura; á dereita, nada" [en castelán no orixinal].
- ↑ Galicia Encantada.
- ↑ "Cando un moucho chía, pide morte" (Leiro Lois, Adela (dir.) (1986): Cambados: a tradición oral. Cambados: Colexio Público Castrelo, px. 67.
- ↑ Por veces, o propio moucho interprétase como personificación da morte: Eu ben vin estar o moucho/ encima dun gacio de uvas,/ vaite daí morte negra,/ desamparo das viudas. E chega a tomar o nome do que se cre agoira: paxaro da morte.
- ↑ Rodríguez López, 101.
- ↑ Rivas Quintas: s. v. morte.
- ↑ Antonio Fraguas Fraguas: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Edicións do Castro, Sada 1990, 53.
- ↑ Rodríguez López, 100.
- ↑ Eladio Rodríguez, s. v. agoiro.
- ↑ Eladio Rodríguez, s. v. avelaíña.
- ↑ Risco amplía esta información: o que vai morrer é un familiar ou algún asistente ó funeral. Pódese afinar quen será observando onde estaba o cirio que se apagou: se estaba na cabeceira, seráo cabeza de familia; se estaba polo medio, será un membro da familia; se está pola banda da dereita da igrexa, ou da esquerda, será alguén que se atopara na mesma zona (Vicente Risco (1962), 417).
- ↑ Vicente Risco (1962), 416.
- ↑ Mariño Ferro afirma que no cadro A derradeira cea, de Leonardo da Vinci, pode observarse un saleiro envorcado na mesa, anunciando a inminente morte de Xesús (Mariño Ferro (2000), 439).
- ↑ Conta Risco que San Pascual Bailón avisa ós seus devotos petando nas paredes da casa (Vicente Risco (1962), 416).
- ↑ Vicente Risco (1962), 416.
- ↑ Vicente Risco (1962), 416.
- ↑ Galicia Encantada.
- ↑ Rodríguez González, s. v. urco.
- ↑ Galicia encantada: Sabía que son agoiro ou aviso de morte...
- ↑ "Las mortajas relegan a los féretros en la procesión de Ribarteme", en La Voz de Galicia, 30.07.2007.
- ↑ As Candeas, ou a Candeloria, celébranse o 2 de febreiro.
- ↑ Ferro Ruibal, 183.
- ↑ En Viana do Bolo chaman "a espora" a este sacramento, lembrando a espora que calzaba o cabaleiro cando comeza unha viaxe (Mariño Ferro e Reboredo, s. v. morte).
- ↑ Eladio Rodríguez, s. v. cabo.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega: s. v. agonía.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega: s. v. defunto.
- ↑ En Castro Caldelas, eran homes os que amortallaban as mulleres, e estas os homes, sempre á vista de todos (Mariño Ferro, 442).
- ↑ Dise que o demo, o mesmo que as enfermidades, entran no corpo polos orificios naturais.
- ↑ Fraguas engade que os homes levaban cirolas, calcetíns e camisa, e as mulleres camisa, medias e unha saia (Fraguas 1990, 63).
- ↑ Manuel Ponte describe o enterro dun mozo, tras regresar das Américas con tuberculose: "Dentro do traxe (de rigorosa festa) no que o meteran, a súa delgadez acentuábase con aspecto macabro (Manuel Ponte: "Velatorio de aldea", en Alma Gallega (Órgano Oficial de la Sociedad Casa de Galicia), Montevideo, novembro de 1927, 32-33) [facsímile do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago 2006].
- ↑ Gran Enciclopedia Galega, s. v. defunto.
- ↑ V. Vaqueiro, s. v. morte.
- ↑ "Un enterrador de cibdade que dispe e descalza ós mortos para surti-las tendas de roupa vella... un enterrador que saca boa soldada co ouro dos dentes das caliveras tiña que sere meu amigo" (Un ollo de vidro, 38). "...Co meu traxe dos días de festa -que por certo levoumo o enterrador ó día seguinte de enterrarme" (px. 42).
- ↑ Fraguas 1990, 62.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega 2003, s. v. mortalla.
- ↑ 47,0 47,1 47,2 Mariño Ferro, X. R. e González Reboredo, X. M., s. v. morte.
- ↑ Mariño Ferro 2000, 442.
- ↑ Nos Ancares, no hórreo (Galicia Encantada).
- ↑ Mariño Ferro, 443.
- ↑ Fraguas 1990, 57.
- ↑ 52,0 52,1 Lis Quibén:269, Rodríguez González: s. v. morte.
- ↑ Mariño Ferro 2000, 442. Localízao en Arzúa.
- ↑ Gran Enciclopedia galega s. v. defunto.
- ↑ López Ferreiro recolleu nas ordenanzas da Catedral de Santiago que, cando morrese un coengo da Igrexa de Santiago, o campaneiro debía tocar tres toques cunha soa campá e, a seguir, outras tres veces con dous campás. Tras este aviso, tódalas capelas da cidade debían tocar tres veces as súas campás, para comunicar a morte a toda a cidade (Diccionario gallego-castellano da Real Academia Galega, 1913, s. v. campana).
- ↑ Alonso Romero, 75.
- ↑ López Castro, José Antonio (1996). Raíces de Santa Eulalia de Curtis y Santa María de Teijeiro. p. 30.
- ↑ Eduardo Lence-Santar: "Velatorios", artigo publicado en El Compostelano o 12.12.1939, en Etnografía mindoniense, editorial Follas Novas (Edición de Armando Requeixo), Santiago de Compostela 2000
- ↑ "O avellón", en O Tio Marcos d'a Portela, parrafeo 53, 16.11.1884, pp. 3-5.
- ↑ Enciclopedia Galega Universal, s.v. abellón.
- ↑ Eladio Rodríguez, s. v. morto. Lémbrense os valiosos tesouros cos que faraóns, reis e nobles eran enterrados na antigüidade.
- ↑ Manuel Mandianes Castro: "¿Para que el teléfono en el ataúd", en La Voz de Galicia 25.10.2025.
- ↑ Cando o morto era un meniño tamén era común que a caixa fose portada por outros meniños.
- ↑ Lis Quibén:316, Rodríguez González, s. v. facenda, Rodríguez López: 194.
- ↑ Rodríguez González, s. v. corda. García Barros tamén recolle esta mesma crenza nun dos seus Contiños da terra: "Chegou á casa, meteunos pola porta da eira pois pola do quinteiro non é ben, que é por onde saien os defuntos" (García Barros: 21).
- ↑ Rodríguez González: s. v. facenda, Rodríguez López: 194.
- ↑ Que, en Valdeorras seguía exactamente o mesmo camiño polo que o morto acudía normalmente a misa.
- ↑ A presenza destas prañideiras profesionais xa está documentada na Grecia clásica.
- ↑ Suponse que a orixe destes castiñeiros das cruces se debía a que o cemiterio quedaba fóra da vista da aldea, e as cruces que espetaban mantiñan viva, á vista, a memoria do finado.
- ↑ Fraguas 1990, 64; non especifica onde se segue este ritual, máis aló de "nalgúns pobos da provincia de Ourense".
- ↑ Mariño Ferro, 445. Localízao en Ribadavia.
- ↑ Siro: "A festa dos mortos" (en La Voz de Galicia, 2.11.1988). Engade que o costume foi recollido en diferentes lugares de Ourense: A Grova, Galez (Entrimo), Seixo, San Fagundo (San Cristovo de Cea) e Seoane .
- ↑ O relato é Conto gallego, do que se pode ler o texto íntegro.
- ↑ García Ramos, 24.
- ↑ Marcial Valladares Núñez (1884), s. v. aventamento.
- ↑ Rodríguez González, s. v. aventamento
- ↑ Gran Enciclopedia Galega s. v. defunto.
- ↑ Pedazo de pan cortado coa codia.
- ↑ O Sínodo de Mondoñedo xa recomendaba facelo no 1541.
- ↑ "Crónicas da parroquia dos mortos", en La Voz de Galicia, 2.11.2002. Bernardo Barreiro recolle a testemuña do bispo de Mondoñedo Antonio de Guevara, en 1551.
- ↑ "A morte, o máis terrible dos males e o máis oposto á eternidade divina, contamina as persoas de impureza e enfermidade" (Mariño Ferro e Reboredo, s. v. morte).
- ↑ Mariño Ferro (2000), 444.
- ↑ Mariño Ferro (1985), 233.
- ↑ Manuel Quintáns Suárez: Anuario de tradicións galegas, Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, 1994, 105; Quintáns non localiza este costume.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega s. v. defunto.
- ↑ O que se pode relacionar coa reprobación social das segundas nupcias.
- ↑ Lémbrese o refrán que di: "Nin moza sen espello nin vella sen consello".
- ↑ Mariño Ferro, 449.
- ↑ Data do aniversario da morte dunha persoa.
- ↑ Fraguas 11990, 63.
- ↑ Quintáns Suárez, 104.
- ↑ Leiro Lois, 32.
- ↑ Fraguas 1990, 102.
- ↑ Rodríguez González, s. v. día.
- ↑ Desde 1992, Buscalque está asolagado baixo as augas do encoro de Lindoso.
- ↑ Fraguas 1990, 64.
- ↑ Cancionero popular gallego, Biblioteca de las tradiciones populares españolas, tomo IX, 1886 [ed. facsimilar editorial Akal 1979, tomo II, 234. Recóllea en Abegondo.
- ↑ Mariño Ferro, 450.
- ↑ A máscara de Tutankhamon é un exemplo de sobra coñecido, pero tamén aplicábase a cidadáns normais, como no caso dos retratos funerarios de al-Fayum.
- ↑ Lémbrese, como tal, o Sepulcro do Doncel de Sigüenza (Guadalaxara).
- ↑ Cabe destacar a alta mortalidade infantil na época.
- ↑ Lémbrense as fotografías dos cadáveres de Franco, o Che Guevara ou os sucesivos Papas.
- ↑ "Referencias a una eutanasia familiar primitiva en el folclore gallego-portugués", en Etnografía y folklore de Galicia I, Xerais 1982, pp. 81-91. Lémbrese que xa nas culturas grega e romana se adoitaba expoñer os enfermos nos camiños por se algún camiñante coñecía o remedio para a súa curación. Tamén se abandonaban meniños recien nacidos para que morresen no monte ou fosen recollidos e criados por alguén (como foi o caso de Edipo, ou de Moisés e Sargón de Acad).
- ↑ Brey di que topou con esa tradición "no partido de Bande, no sitio chamado Os Mociños", que escribe en 1940. No Nomenclátor actual, Mociños é lugar e parroquia de Quintela de Leirado, e o partido xudicial de Bande non comprende este concello.
- ↑ Tamén existiu en Galicia o costume de botar algún lugar do monte, apartado das casas, os cadáveres das reses que morrían de por si na casa -a carniza ou morralla-, lugares coñecidos como pudrideiros ou morralleiras. Esta práctica foi prohibida nos anos 2000 cando a crise das vacas tolas obrigou a desfacerse dos cadáveres en centros de tratamento autorizados.
- ↑ La Voz de Galicia, suplemento "Galicia", 19.03.1994.
- ↑ 107,0 107,1 107,2 107,3 Rafael Quintía: Dicionario de amuletos galegos, 190-191.
- ↑ Poesías gallegas y castellanas, Andrés Martínez Editor, La Coruña 1889, 57-60.
- ↑ Rodríguez López, 175.
- ↑ Rodríguez López, 156: "Para facilitar o parto... fanlle beber auga na que coceran un óso de defunto" (en castelán no orixinal).
- ↑ Eladio Rodríguez, s. v. cacho.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- ALONSO ROMERO, Fernando (2000): "Las almas y las abejas en el rito funerario gallego del abellón", en Anuario Brigantino 2000, nº 23, px. 75-84.
- ANÓNIMO (1990): Nacemento, casamento e morte en Galicia. Respostas á enquisa do Ateneo de Madrid (1901-1902). Consello da Cultura Galega, Santiago 1990.
- ANÓNIMO (1998): "A festa dos mortos", en La Voz de Galicia, 2 de novembro de 1988.
- BRAÑAS, Alfredo (1884): "O avellón", n'O Tío Marcos d’a Portela, Parrafeo 56, 16.11.1884, 3-4.
- CASTELAO (1999): Obras. Henrique Monteagudo (coord.). Galaxia, Vigo.
- As citas proceden das seguintes obras contidas no tomo 1: Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, Cousas, Retrincos, Os dous de sempre, Prosas recuperadas, Os vellos non deben de namorarse.
- Díaz Díaz, Teresa: Evolución del retrato funerario: la necesidad de perpetuidad", en El mundo de los difuntos: culto, cofradías y tradiciones, El Escorial 2014, 623-640.
- ENCICLOPEDIA GALEGA UNIVERSAL (1999). s. v. abellón, s. v. morte. Ir Indo Edicións, Vigo.
- FERRO RUIBAL, Xesús (dir.) e outros (1992): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo
- FRAGUAS Y FRAGUAS, Antonio (1990): La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos 51. Ed. do Castro, Sada.
- GARCÍA BARROS, Manoel (1931): Contiños da terra. Nós Pubricacións Galegas e Imprenta, A Coruña.
- GARCÍA RAMOS, Alfredo (1912): Arqueología Jurídico-Consuetudinaria-Económica de la Región Gallega. Madrid. Facsímile do Consello da Cultura Galega. s.d. (1989).
- GONDAR PORTASANY, Marcial (1987): A morte. Museo do Pobo Galego, O Castro, Sada, A Coruña.
- GONDAR PORTASANY, Marcial (1989): Romeiros do Alén. Antropoloxía da morte en Galicia. Xerais, Vigo.
- GONDAR PORTASANY, Marcial (1993): Crítica da razón galega, entre o nós-mesmos e o nós-outros. Edicións A Nosa Terra, Vigo.
- GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA (2003): passim.
- LEIRO LOIS, Adela (dir.) (1986): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados.
- LIS QUIBÉN, Víctor (1949): La medicina popular en Galicia. Madrid (reed. Akal, Madrid 1980).
- MAÇAS, Delmira (1950): Os animais na linguagem portuguesa. Centro de Estudios Filológicos, Lisboa.
- MARIÑO FERRO, Xosé Ramón (2000): Antropoloxía de Galicia. Xerais, Vigo.
- Mariño Ferro, X. R. e González Reboredo, X. M.: Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Nigratrea, Vigo 2010, s. v. morte.
- PONTE, Manuel: "Velatorio de aldea", en Alma Gallega 1927, px. 32-33.
- Rafael Quintía Pereira (2024): Dicionario de amuletos galegos, Ab origine Edicións, Pontevedra.
- RISCO, Vicente (1946): "La procesión de las ánimas y las premoniciones de muerte", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares II, 1946, 380-429.
- RISCO, Vicente (1962): "Etnografía: cultura espritual", en Historia de Galiza (Ramón Otero Pedrayo, dir.). Vol I. Editorial Nós, Buenos Aires 1962 (reed. Akal, Madrid 1979).
- RIVAS QUINTAS, Elixio (1978): Frampas, contribución al diccionario gallego. Ed. Ceme, Salamanca
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo.
- RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús (1910): Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Edición facsimilar de Editorial Maxtor, Valladolid 2001.