Santa Compaña
| Santa Compaña | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
|
Instancia de
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||
A Santa Compaña ou, mellor, Compaña, é unha procesión de mortos ou de ánimas en pena que percorren de noite os camiños dunha parroquia para anunciar a morte dalgún veciño, disque cun ano de antelación. O mito das procesións de mortos ou de ánimas é propio da literatura e das tradicións culturais da Europa Occidental dende a Idade Media. A zona xeográfica "galega" na que a Santa Compaña influíu máis notoriamente considérase que é o territorio correspondente á antiga Gallaecia: Galicia, norte de Portugal e Asturias.[1] Tamén se describiron procesións semellantes na Bretaña, Escocia, Gales, Inglaterra, Baviera, Suíza, Francia, así como noutras rexións de España, pero Risco insiste en que é no noroeste peninsular "onde se presenta máis cumprida, máis clara e máis viva".[2] No caso de Escocia, alá describen baixo o nome de Sluagh unha procesión de mortos que camiñan -ou voan- e obrigan a integrarse nela a aqueles cos que se cruzan. Mariño Ferro considera que a crenza na Santa Compaña se mantén en Galicia "pola mesma razón pola que perduran outras manifestacións tradicionais: a alta taxa de poboación rural non integrada na sociedade moderna".[3]
A crenza na Santa Compaña, analizada por Vicente Risco como unha tradición cristiá de poucas pegadas anteriores, está rexistrada por outras fontes anteriores vinculada a tradicións europeas de raizame diferente; por exemplo, recólleo Martín Sarmiento[4] como elemento da antiga cultura aínda vixente. Logo, nos séculos seguintes, atópase en dicionarios, almanaques e na literatura: Ramón María del Valle-Inclán deulle o toque máis poético.[5] Está estudada dende finais do século XX coma un elemento propio da antropoloxía cultural galega.
Non debe confundirse coa posible aparición de ánimas, de forma individual, para pedir axuda -normalmente a familiares e amigos- e poder, por fin, saír do purgatorio, como por exemplo que desfagan algunha maldade que fixeran en vida, que repoñan un marco, que devolvan unha débeda, que cumpran unha promesa que el fixera, etc. Outras aparicións individuais poden tratarse de condenados que foron enterrados vestidos cun hábito, o que lles impide entrar no inferno ata que un vivo lles rache o hábito.
Orixe
[editar | editar a fonte]
A vixencia deste mito da relación na sociedade galega entre a parroquia dos vivos e a parroquia dos mortos recoñécese polos testemuños de fontes escritas ao longo da historia. Pódese ver descrita en diversos documentos da Inquisición do século XVI e comezos do XVII, mencionando xa a crenza, en Galicia, de ánimas errantes que non foron nin ó paraíso, nin ó inferno nin ó purgatorio.[6] Os vivos buscan a redención dos seus pecados na peregrinación a diferentes santuarios; os mortos fano vagando polos camiños da parroquia (e isto explica a denominación de Pelegrina que se lle apón á Compaña).
Martín Sarmiento[4] anota que a estantiga é un dos seus nomes particulares pola zona de Ourense. El fora testemuña de que o mito, xa antigo naqueles tempos, xa existía polo menos no século XVII. Deste modo, dálle o significado de ser un fenómeno vinculado á mitoloxía europea, é dicir, máis que da procesión de ánimas da tradición cristiá.[6] Pola contra, Risco cre que estamos ante un mito de orixe cristiá, independente da hoste de almas de heroes que se describe en Europa; sería, para el, de orixe medieval en correspondencia coa concepción cristiá do mundo.[7]
Por outra banda, o antropólogo Carmelo Lisón Tolosana publicou unha investigación etnográfica sobre a Santa Compaña, onde di que esta crenza, aínda viva no século XX en Galicia, está vencellada a un mito xermánico, a cazaría salvaxe, que difundiron as invasións destes pobos durante a Alta Idade Media co nome de estandiga ao longo de toda a Hispania.[6] O mito axiña sería cristianizado. A lenda da cazaría salvaxe e as crenzas das culturas célticas[a] van polo tronco dunha crenza antiga, o que supón que se trata de maxia na súa función de acceder ao coñecemento.
Nomes da Santa Compaña
[editar | editar a fonte]
Segundo Cuba, Reigosa e Miranda, os nomes Santa Compaña e Santa Compañía son nomes erróneos por contaminación culta, aínda que poidan usarse de xeito eufemístico en algures (como en Asturias, onde a chaman buena gente).[1]
| “ | A denominación 'Santa Compaña' é errónea, a pesar do seu éxito literario e no eido dos estudos de antropoloxía cultural. A xente non lle chama así e ademais a Compaña pode ser moitas cousas, pero santa, desde logo, non | ” |
Risco afirma, pola contra, que si que é santa, pois está formada por ánimas do Purgatorio, non condenadas: "son fieis defuntos, compoñentes da Igrexa purgante, que se están purificando dos seus pecados".[9] Recoñece, porén, que existen numerosas testemuñas que o contradín. Xa que logo, resulta común o medo que se sente ante a súa presenza, quizais porque a Compaña pertence ó mundo do mal, como todo o relacionado coa morte.
Lisón Tolosana concorda en que Santa Compaña é unha expresión que serve para denominala, en particular polos eruditos, pero que non é utilizada, ou moi escasamente, polos crentes. O xornalista Manrique Fernández afirma o mesmo: "Á Santa Compaña, en Galicia, nunca se lle chamou así. A denominación máis habitual, máis popular, foi unicamente Compaña".[10]
E a mesma tese defende o antropólogo Marcial Gondar Portasany, cando describe as aparicións colectivas e os distintos nomes que recibe en Galicia:
| “ | Unha observación nisto dos nomes. En conversación persoal, comentábanos o profesor Lisón -e, despois da análise exhaustiva que levamos a cabo , coidamos que podemos ratificalo- que a denominación Santa Compaña, con tanta fortuna na literatura sobre o tema, é absolutamente minoritaria; de xeito que probablemente haxa que entendela como unha contaminación do mundo relixioso oficial e a súa teoloxía do Purgatorio. Ó saca-lo tema valéndonos dunha alusión, sen nomeala -naturalmente, alí onde se usa esta denominación e non outras-, a verbalización empregada polo informante foi sempre "Compaña"; e só despois de oírnos usar esta expresión dixo, algunhas veces, "Santa Compaña". | ” |
— Gondar Portasany 1989, p. 183. | ||
Lisón Tolosona, con datos dos anos 1960 recolle 124 casos onde o motivo da procesión é para anunciar morte, 32 casos para facer penitencia e 31 casos para castigar. Os nomes para chamar a procesión están relacionados co motivo da súa existencia. Estes nomes locais atribuídos por cada zona corresponden a unha adaptación particular da crenza, a cal estará máis ou menos preto dun dos tres tipos enunciados.

- Compañía, Compaña, Santa Compaña.[11][12], acompañamento.[1][11][13]
- As da noite,[1][b] avisóns,[1][c] avexón.[1][14]
- Antaruxada,[1][11][15] pantaruxada.[16][17] Antaruxada é o nome que reciben as bruxas que bican no cu ó demo, pero tamén pode significar sinal, porque non deixa de ser un agoiro de morte.
- Cita, seña, señais.[3]
- Enxamio,[18][1] estadea,[11][19][20] estadeíña.[1]
- Estántiga,[11] estantiga,[1][12][21] estantigua, estandiga,[1][12] estantía.[1] O nome parece provir de hoste antiga.
- Ferranchada, denominación recollida en Xavestre (Trazo, A Coruña).[3][22][d]
- Hoste,[1][12] e hoste antiga, chamada así por formar unha comitiva que pode asemellar a unha hoste ou mesnada, é dicir, un exército de almas. Hoste e hostilla[e] pódense entender como exército, inimigo ou peregrino (e, precisamente, outro dos nomes da Compaña é e de Peregrina).[1][f] O adxectivo antiga significa aquí vellez, decrepitude, corrupción, e aplícase ó Mal (un dos moitos nomes do Demo é o de serpe antiga [23]).
- Pantalla,[1][12] en opinión de Vicente Risco, fusión ou contaminación dos termos «pantasma» e mais «espantallo». Pantalla úsase en Beariz (na comarca do Carballiño), e fai referencia ó medo que produce a súa aparición. Proviría de pan, orixe tamén da palabra pánico indo en certa instancia ata o deus Pan; sen esquecer as máscaras do entroido de Xinzo de Limia, tamén coñecidas como pantallas.[1]
- Peregrina,[22] e pelegrina.[3]
- Procesión das ánimas, aplicado especialmente no sur de Galicia, sobre todo en Ourense.[12] Na Bretaña falan dunha procesión dos defuntos, os Anaon.[1] No Entrimo (Ourense), procesión do caldeiro.
- Rolda,[1] roldiña'.[1] Neste caso, a procesión de ánimas remeda un enterro.
- Os sacramentos,[22] pola similitude co Viático.
- Semuldanza.[3][22][g]
- Visión,[1][12] visita.[1][12][h]
- Xaira, nome recollido por Martín Sarmiento como usado na zona de Ourense no século XVIII.[1]
- Zarrulada.[1]
De por parte, tamén se cre na existencia dunha Sociedade do Óso, formada por xente normal pero que vive tanto neste mundo como no alén e que percorren os camiños igual que a Santa Compaña.
E tamén existe as procesións das bruxas, coas que pode confundirse a Compaña, pero que non é o mesmo.[24] Neste caso son as bruxas que se reúnen e percorren bosques e lugares ermos. O que si é certo é que desta procesión das bruxas cóntanse sucedidos semellantes ós relacionados coa Compaña.
As Xáns ou Xás son outra forma de ánimas en pena que andan por camiños e lugares, cun óso de morto a modo de candea. Diferéncianse da Procesión das ánimas en que realmente son fantasmas de vivos, espíritos de persoas vivas. Van tamén en dúas filas e levan no medio un ataúde, e aqueles que vaian cerca deste serán os que morran antes, mentres que os que van máis lonxe tardarán máis, ata tres ou catro anos.[25] O que pretenden estes fantasmas é facer dano á xente: dan malleiras e arrastran ás vítimas polas silveiras, rouban os froitos, moxen as vacas e derraman o leite, lanzan pedras contra os tellados, etc. Non son trasnos aínda que se porten como tal. Foron tamén recollidas por Martín Sarmiento na rexión de Ourense.[1][6]
Descrición
[editar | editar a fonte]
Non existe ningunha descrición consensuada sobre o que é a procesión, que varía segundo o informante. De todos os xeitos, o fenómeno, descrito por aquel que o viu ou comunicado por outros, é sempre unha realización particular: cada visión é unha recreación e en cada localidade vai evolucionar segundo as diferenzas socio-culturaís do grupo onde está vixente. Máis alá da multitude das descricións individuais, convén distinguir elementos sobre varios rexistros. No relato, hai elementos da vida material que cada un pode recoñecer como unha realidade da súa vida cotiá (os lugares da parroquia, a igrexa, as casas, a fonte etc.), elementos que teñen unha realidade mental (as ánimas, os defuntos etc.) así como elementos ficticios que só serven de decoración (o ambiente nocturno, as luces opacas, os murmurios inintelixibles, os corpos brancos e pálidos etc.). Dentro dos elementos que teñen realidade mental pódense distinguir naquelas ánimas da procesión que son de xente coñecida, vivos ou mortos, daqueles que son figuras sen relación cos veciños.

A Compaña érguese das súas tumbas ás doce da noite, segundo unha ampla maioría de informantes.[i] Pero outros din que sae ás nove da noite ("Entre as nove e as dez deixa a noite para quen é"), ou canda o solpor ou mesmo ó raiar o día;[j] iso si, de día a Compaña é invisible aínda que se sente o bruído ó pasar, como o do vento nas canas do millo. Mesmo se di que as ánimas saen despois de cear. As ánimas érguense respondendo ó chamado do morto que leve máis tempo enterrado: "Levantaivos, difuntos, e saí todos xuntos!".
A frecuencia tamén é variable: ou tódalas noites do ano, ou só as de venres ou sábados, ou só as de determinados meses do ano (outubro, ou desde decembro a marzo). En calquera caso, o momento oportuno para a aparición da Compaña será sempre a noite, e a tradición considera que a noite non é hora para andar fóra da casa. Non se esqueza que non está unicamente a Compaña senón que durante a noite axexan os trasnos, as meigas, a raposa, o lobo e o lobishome.
A comitiva pode adoptar a imaxe dunha procesión, e asemellarse ó acompañamento do Viático cara á casa dun moribundo; ou a dun verdadeiro enterro, e os informantes describen que ven o enterro dun veciño tal como vai ser no seu momento, só que de noite e con antelación, pero coa presenza de curas, pranxideiras, responsos e, por suposto, catro figuras cargando co cadaleito. Os mortos dispóñense en dúas filas, vestidos cun sudario branco, e descalzos. Son indistinguibles e non se pode recoñecer a quen correspondían, aínda que se conta o caso dunha muller que foi ó encontro da Compaña para falar coa súa irmá. Tamén se fala de procesións formadas por xente de aspecto completamente normal, homes, mulleres, vellos e nenos, moitas veces acompañados de cans. A presenza das ánimas faise notoria no cheiro a cera queimada ou a incenso, e no suave vento que se ergue ó seu paso.
A procesión adoita ir encabezada por unha persoa viva que porta nas súas mans unha cruz e mais un caldeiro con auga bendita;[k] outras veces, só leva a cruz e son outras ánimas as que levan o caldeiro e outros obxectos. Tras el, seguen varias ánimas con cirios acesos, que ás veces son ósos humanos e outras son os dedos dos mesmos defuntos, ardendo. A maioría dos informantes coinciden na presenza dunha campaíña[l] e, nalgunhas versións, os mortos levan tamén un escano, un cadaleito, un peto de ánimas ou un estandarte. Dise que a persoa que vai morrer vai detrás do cadaleito, levando na man unha candea de pequeno tamaño, que indica a pouca vida que lle queda. Algúns informantes din que as ánimas arrastran grosas cadeas, como as que levan os penitentes, en alusión ás penas morais que deben soportar.

A persoa que precede esta procesión, o portador da cruz, pode ser tanto un home como unha muller,[26] pero, en calquera caso, unha persoa viva. Trátase da figura principal na comitiva, coa obriga de vir desde onde estea á hora e lugar que comece a procesión;[m] non pode en ningún momento volver a cabeza nin renunciar aos seus cargos precedendo á Santa Compaña, á que obedece en todo. Só se verá libre cando atope a outra persoa, tamén viva, polo camiño a quen lle entregar a cruz e mailo caldeiro, momento no que estoutro pasará a substituílo.[27] Se non o consegue andará coa Compaña todo o que lle reste de vida (normalmente, pouco), tempo durante o que se volverá cada vez máis delgado e pálido (da cor dos mortos), a cada día que pasa; estará sempre canso e amorriñado e ás veces chega a perder a razón. Por suposto, non pode contar a ninguén nada destas camiñadas nocturnas nin do que vexa ou escoite durante as mesmas, nin sequera se algún día ten a fortuna de traspasar a cruz a outro e zafarse de andar cos defuntos.
Algunha versión substitúe a figura deste portador da cruz pola da estadea, un espectro alto, moi delgado, que dirixe a comitiva. Leva a cabeza cuberta cunha caveira ou ben a cabeza desta figura é unha caveira, cos ollos vermellos e botando lume pola boca. Por veces, a Compaña toma o nome de estadea deste personaxe.
Tamén se fala da posible presenza dunha persoa (humana, viva) que precede á Compaña: o rendeiro da estadea, cuxa función é avisar que vén a comitiva das ánimas e pedir ós veciños misas e esmolas para salvar as súas almas; por iso este personaxe carga cun peto de ánimas. A xente, agradecida polo aviso, dáballe castañas, moletes de pan ou mel.[1]
Outros elementos que poden aparecer son un carneiro negro ou un macho cabrío,[28] Outras veces é un can ou unha cadeliña negra, cun cascabel no pescozo. Ocasionalmente, pode haber varios vivos, entre os que nunca falta un coxo; porén, este personaxe coxo tamén pode ser considerado como un integrante esencial da comitiva, como o sería o portador da cruz. Interprétase esta tara física como representación dos defectos morais (os pecados) que deben ser redimidos polas ánimas que integran a comitiva.[n]

O que si é comunmente aceptado é que a Compaña dá medo, xa que é considerada como sinal de morte. Pode ser porque a Compaña visita todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento. Pode ser porque a Compaña necesita dun vivo que leve a cruz e anda ás portas pedindo compañía. Mesmo din que as ánimas deixan un cadaleito diante da porta daquel a quen agoiran a morte. Cuveiro Piñol, escribe:
| “ | Compaña: entre o vulgo, creída hoste ou procesión de bruxas que andan de noite alumeadas con ósos de mortos, chamando ás portas para que as acompañen, aos que desexan que morran axiña... | ” |
— Xoán Cuveiro Piñol, Diccionario gallego (1876), s. v. compaña [en castelán no orixinal] | ||
Aníbal Otero dá unha interpretación diferente á habitual cando define a denominación estántiga. Segundo el, a Compaña non estaría formada por ánimas en pena senón polos espíritos de persoas que están próximas a morrer, que se reúnen e percorren a parroquia para despedirse de familiares, amigos e dos seus bens na terra.[29]
A Compaña, tras dar unha ou varias voltas ó redor da igrexa parroquial,[o] dedicará a noite a andar polos camiños da parroquia,[p] en absoluto silencio ou tanxendo a campaíña, cando non cantando latinorios
- Cando éramos vivos
- andabamos polos camiños;
- e agora que somos mortos
- andamos por entre os hortos
Pero tampouco faltan as informacións que describen unha comitiva entre fortes berros e lamentacións, unha chea de xente chorando desconsoladamente. Din que nos Ancares tocan bombos e tambores.[1]
A parroquia é o territorio da Santa Compaña, que nin pode saírse dos lindes parroquiais nin cruzar un río, e polo tanto é un elemento constitutivo do mito.[1][6] Esta circunscrición de movementos ó territorio da parroquia pon en evidencia que non existe unha única Compaña, senón que cada parroquia ten a súa propia.
Pero isto non impide que as ánimas de Sanxenxo poidan cruzar o mar para ir ata Ons. Pasan desde Noalla e van andando sobre o mar, ou voando, ata a illa, fan o seu percorrido habitual e desaparecen no cemiterio. Neste caso, a comitiva (de homes, mulleres e nenos, vestidos como xente normal) vai precedida por unha luz. Tamén en Ferrol a Compaña é quen de atravesar a ría.

Romance de lobos, 1908, Ramón del Valle-Inclán.
A comitiva pode ser algo semellante á da cazaría salvaxe (Wild Hunt) dirixida por Odín (ou un dos seus substitutos) ou unha das variantes do mundo imaxinario e simbólico da idade media como a Mesnie Hellequin en Francia onde o que é destacable é a brutalidade. A comitiva pode referirse á hoste antiga das ánimas en procesión. Sen esquecer que pode tamén ser unha derivación de procesión de meigas.[1]
En todo caso, Risco afirma que non existe tal relación:
| “ | A procesión das ánimas pode ofrecer certo paralelismo con representacións pagás, mais todo o que se leva dito da súa semellanza coa 'Mesnie Hellequin' e mais co séquito do 'Wild Jaeger' e outros exércitos de pantasmas , non nos chega a convencer.[30] | ” |
Como liberarse da Compaña
[editar | editar a fonte]Parece ser que a Compaña é moi celosa do segredo dos seus percorridos, a maiores do perigo que supón que o portador da cruz a entregue á persoa coa que se tope. Por iso, se un anda de noite polos camiños e ve vir a comitiva, aínda que sexa desde lonxe, deberá afastarse inmediatamente do camiño: as ánimas non poden deixar o camiño rodado do carro
Pero isto non sempre será posible, polo que haberá que botar man doutros remedios para liberarse dela:[31][32]
- Levar unha cruz.
- Se a aparición cadra nunha encrucillada onde se levante un cruceiro, o máis seguro é subirse ós chanzos e esperar a que pase.
| “ | ¡Ditoso d’o que tiñ’a sórte d’empararse n’o imediato cruceiro, subir correndo as suas gradas e abrazarse de súpeto á coluna d’o Cristo con tod’as suas forzas! Ditoso d’o que ó ver a Compaña tiña serenidade d’abondo para trazar o círcalo de defensa n’a terra, o derredor seo, e a Cruz n’o aire, que o encomunicaba c’o a impoente marcha ou percisión d’os mórtos! | ” |
— Antonio de la Iglesia: “Folk-lore gallego: Os aparecidos”, en A Monteira nº 62, 6.12.1890, 73-74 | ||
- Abrir os brazos en cruz e pronunciar o nome de Xesús Cristo no momento cruzarse coa Compaña.
- Responder "Cruz teño" cando o portador intente darlla dicindo "tócache a ti" ou "toma ti".
- Levar as mans ocupadas con algo, como por exemplo un pau, algo de leña ou unha pedra; ou manter os brazos cruzados ou os puños pechados.
- Levar no peto un cacho de pan, que representa o pan eucarístico e protexe contra o Mal.
- Deitarse no chan boca abaixo, facéndose o morto ou o durmido, e sen mirarlle a cara a ningún espírito. Así, o desafortunado liberarase da cruz, pero se cadra o Acompañamento pasará por riba del e deixarao esmagado.
- Trazar cunha cruz un círculo no chan, e agardar dentro ata que pase, ou o risco de Salomón (ou pentalfa).[q] Aquí, o círculo representaría unha muralla, ou simbolizaría a perfección, a eternidade e o ceo.
- Levar consigo a corna dunha vacaloura, cornos -fragmentos- de vaca ou de cervo, pezuños de cabalo, dentes de porco ou de xabaril ou dentes de allo, que representan, pola súa función o a súa forma, armas de defensa dos animais; tamén son eficaces as castañas, que neste contexto estiveron protexidas polo ourizo.
- Levar posto un escapulario ou certos obxectos benditos, as chamadas cousas santas.

Contan en Lalín que a Compaña, á que alí chaman Visión, espera nas encrucilladas e, cando aparece unha persoa, danlle algo de comer; por veces, montan un verdadeiro banquete funerario ó que invitan ó transeúnte. Se este acepta está perdido e deberá ir con eles na procesión. Pero se é el quen leva un pan e come del, non lle pasará nada.[1][33]
Tamén resulta posible enganar á Compaña. Contan en Sandiás que un mozo se topou unha noite con ela. Tirouse no chan para pasar desapercibido pero escoitou que as ánimas dicían "Eiquí cheira a vivo, cheira a vivo", ante o que el respondeu que non, "Cheira a pan de nogueira", e así conseguiu que seguiran o camiño. A lenda lembra a das fillas do mouro ás que lle cheiraba a cristianillo vivo.[34]
E aínda con todas estas cautelas non se ten a seguridade de zafarse da Compaña. Cóntase que é moi capaz de entrar nas casas e sacar ás persoas das súas camas, para obrigarlles a andar coa candea polos camiños. Para iso, chegan ante a casa da súa vítima e avísana cuns suaves toques na porta, e o seu espírito sae polo ollo da pechadura. De se negar, as ánimas sacaranllo á forza e daranlle tal malleira que morrerá en poucos días, cando non nesa mesma noite.
Cóntase que unha muller andaba a fiar de noite coa ventá aberta cando deu en pasar a Compaña ante a casa. Unha das ánimas botoulle un óso da súa perna á cara dicindo: "Ti que estás fian, fianco, faille unha media para este pernanco". E desde aquela o óso seguíalle coma un can e non podía verse libre del. A muller foi consultar ó cura e este lle dixo que, cando pasara outra vez a Compaña, que lle botara o óso e que pechase axiña a fiestra. Así o fixo e, aínda que os da Compaña volveron a guindarlle o óso xa non puideron porque petou contra os cristais. Outra muller, na Limia, que asomou á porta ó escoitar a campaíña, recibiu unha labazada fría.
Na cultura galega nas últimas décadas do século XX e principios do XXI
[editar | editar a fonte]A cultura popular de finais do século XX e comezos do XXI considera a Santa Compaña como a lendas da mitoloxía popular galega máis arraigada no medio rural.[35] A lenda anda espallada por Internet, tanto como curiosidade acerca de Galicia.[36] como combinada co paranormal.[37]
O tema da Santa Compaña recóllese na cultura popular en forma de espectáculos[38] e incluso cómics.[39]
Tamén algúns músicos e bandas recollen o tema nalgunhas das súas obras, como é o caso de Golpes Bajos (2014)[40], Mägo de Oz (2000[r]) e Los Suaves (1994),[41] por exemplo. Unha banda de rock de Rianxo, fundada en 2012, chámase Santa Compaña.[42]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Tocantes á orixe, Murguía e os máis dos escritores galegos creron na procedencia céltica da Santa Compaña, e así pensou tamén Menéndez y Pelayo"[8]
- ↑ En Baviera, pobo da noite, xente da noite.
- ↑ Porque son avisos de morte; ou tamén porque son visións.
- ↑ O termo fai referencia ó ruído das cadeas de ferro que arrastran as ánimas.
- ↑ Hostilla, de hostilis, inimigo.
- ↑ En Asturias, Huestia, Güestia ou, eufemisticamente, buena gente.
- ↑ Termo que fai referencia á idea de representación ou figuración do futuro enterro que agoira a súa aparición.
- ↑ Chámase así porque van visitar a quen vai morrer, e mesmo se cre que lle levan o viático.
- ↑ De aí o dito "Desde as doce á unha anda a mala fortuna".
- ↑ Risco 1962, p. 429, recolleu que na Limia Baixa ou en puntos da beiramar -que non especifica- as ánimas andan de día; pero tamén recolle de Murguía que ás veces saen ás doce do mediodía (Risco 1946, p. 388).
- ↑ Como as ánimas son iso, espíritos, élles imposible cargar con obxectos materiais, como a cruz e o caldeiro.
- ↑ Lémbrese que cando os enterros discorrían a pé, ían precedidos pola cruz e a campaíña.
- ↑ Unhas veces, sente como o chaman os defuntos; outras veces comeza cun desacougo que non cesa ata que deixe todo e vaia á igrexa. Cóntase o caso de algún que tiña que vir tódalas noites desde Castela, onde estaba na sega. Isto fai pensar que non é preciso que a persoa estea fisicamente presente senón que abonda a presenza da alma, do corpo astral, quedando no sitio onde estaba o corpo material.
- ↑ Cóntase o caso dun mozo que se cruzou cunha procesión de mulleres e, por fachenda, rouboulle a candea á última, unha muller coxa. Contouno logo ó cura e este lle reprendeu por non entender que era unha procesión de bruxas e que debía devolverlle a candea á coxa. Así o fixo á noite seguinte e, cando veu que as bruxas o arrodeaban, trazou un círculo no chan e resgardouse dentro.
- ↑ Lémbrese que, tradicionalmente, o cemiterio estaba no adro da igrexa.
- ↑ Ata a alba, momento en que as ánimas regresas ás súas tumbas. A esta presenza nocturna débese o nome popular de As da noite, e dise que as ánimas recomendan ós vivos: "Anda de día, que a noite é miña".
- ↑ Este símbolo protexe contra os espíritos e da Santa Compaña. Consiste en dous triángulos cruzados, formando a figura dunha estrela de seis puntas. Pero para que o risco de Salomón sexa eficaz, debe ser trazado dunha soa vez e sen levantar o pau, pois se se levanta perdería toda virtude máxica.
- ↑ (...) "el dios de las sombras se instalaba./ La reina de la noche acudió,/ su majestad la luna viene acompañada/ de una procesión de almas en pena,/portadores de luz, rosas en un ataúd./ Al frente dicen ver a un vivo con una cruz,/ pues necesitan de él para llevar la muerte/ a quien les pueda ver".
- Referencias
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 Cuba, Reigosa & Miranda 2008.
- ↑ Risco 1962, p. 426.
- 1 2 3 4 5 Mariño Ferro 2003.
- 1 2 Sarmiento, M. (1754). Viaje a Galicia (Primeira documentación de tradicións galegas antigas, incluíndo a Santa Compaña). Biblioteca Nacional de España, BNE.
- ↑ Romance de lobos (1908).
- 1 2 3 4 5 Lisón Tolosana 1998.
- ↑ Risco 1962, p. 432.
- ↑ Risco 1962, p. 431.
- ↑ Risco 1946, p. 390.
- ↑ Jácome, Xabier et al (2012) . Lendas vivas. A Santa Compaña, V Televisión, cap. 13, 22.01.2012.
- 1 2 3 4 5 Varios autores, en Dicionario de dicionarios.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 Risco 1962.
- ↑ Risco 1962, p. 425, di que é o nome que recibe no norte de Galicia, de onde foi tomado por literatos e escritores.
- ↑ Segundo Martín Sarmiento, así a chaman en terras de Ourense.
- ↑ Risco 1962, p. 425-432.
- ↑ IES As Mariñas. Arquivado 21 de xullo de 2024 en Wayback Machine.
- ↑ Blake Aguilar (2021) Entes malignos.
- ↑ "O Enxamio son las almas da parroquia que aínda non puderon ir pó ceo" (Gondar Portasany 1989, p. 183).
- ↑ Risco 1962, p. 426, supón que procede de estadal, un cirio do tamaño dunha persoa, en alusión ás candeas que levan as ánimas.
- ↑ Eladio Rodríguez establece diferenzas entre a estadea e a Compaña. Segundo este autor, a estadea sería unha alma soa, altísima, branca ou transparente, que percorre os camiños.
- ↑ Na cidade de Lugo houbo un Carril das Estantigas (Antonio Reigosa: A Santa Compaña, V Televisión).
- 1 2 3 4 Enciclopedia Galega Universal, s. v. Compaña.
- ↑ "Deus botou do ceo ó gran dragón, serpe antiga, chamado Satán e Satán, o que fai extraviar a todos os homes: botouno á terra; e ós seus anxos con el" (Apocalipse 12.9, abibliagalega.com)
- ↑ Cuveiro Piñol define a Santa Compaña como "hoste ou procesión de bruxas", pero Risco 1962, p. 425, nega esta asimilación: "A veces, a tradición popular confonde a procesión das ánimas con cortexos de bruxas, mais istes mesmos casos demostran a existencia de dúas representacións independentes, que se misturan nalgún caso".
- ↑ Eladio Rodríguez, s. v. xans.
- ↑ Risco 1962, pp. 427 e 430, engade que se o santo padroeiro da parroquia é home, o portador da cruz será un home; e se é unha santa, a portadora será unha muller. Ou que, por Lobeira, no primeiro caso -cando o santo patrón é home- só van ánimas de homes; mentres que no segundo só van ánimas de mulleres.
- ↑ En ocasións, esta cesión pode ser máis prosaica: en Xinzo de Limia houbo un que aceptou a substitución por corenta reais (Risco 1962, p. 427).
- ↑ É sabido que o demo toma a forma de macho cabrío nos aquelarres. Cuba, Reigosa & Miranda 2008 (s. v. bode) cren que a figura deste bode como integrante da Compaña é realmente unha alusión a Wode, Wotan ou Woden, é dicir, Odín, o deus da mitoloxía nórdica que, cos seus cans, dirixe a cazaría salvaxe.
- ↑ Otero, Aníbal (1976-1977). "Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés", Cuadernos de Estudios Gallegos, XXX/90-91-92, pp. 137-155 [tomado do Dicionario de Dicionarios s. v. estántiga]. Crenza recollida en Corzáns (Salvaterra de Miño).
- ↑ Risco 1962, p. 425.
- ↑ Risco 1962, p. 428.
- ↑ Cuba, Reigosa & Miranda 2008, p. 88.
- ↑ Vaqueiro 2011, p. 135.
- ↑ Risco 1962, p. 430.
- ↑ Suárez 1979, pp. 41-50.
- ↑ "Mitos y Leyendas. La Santa Compaña". www.twakan.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2009. Consultado o 2026-02-19.
- ↑ "La Santa Compaña: La peregrinación de los muertos". Mundo Paranormal (en castelán). Consultado o 2026-02-19.
- ↑ I.E. (17 de decembro de 2008). "«Na rodaxe sobre a Santa Compaña pasámolo ben, hai ata desfile de ánimas»". La Voz de Galicia.
- ↑ Redacción (2007-10-05). "Ourense acolle a presentación de “A Santa Compaña”, nova entrega das aventuras de Trasmallo". culturagalega.gal. Consultado o 2026-02-19.
- ↑ A Santa Compaña Arquivado 01 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. de Golpes Bajos.
- ↑ Los Suaves - Topic (2018-07-28). "Santa Compana". Consultado o 2026-02-19.
- ↑ "Santa Compaña. Presentando á banda". Consultado o 22.01.2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Santa Compaña |
| A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Santa Compaña |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alberro, Manuel (2008). "La Santa Compaña en el NO de la Península Ibérica y en otros países célticos como Irlanda, Escocia y Gales" (PDF). Revista de Folklore (en castelán) (336): 183–187. ISSN 0211-1810.
- Alonso Romero, Fernando (1981). "Los orígenes del mito de la Santa Compaña de las islas de Ons y Sálvora". Cuadernos de Estudios Gallegos (en castelán) 32 (96-97): 285–306. ISSN 0210-847X.
- Becoña Iglesias, Elisardo (1982). La Santa Compaña, el urco y los muertos. A Coruña (en castelán) (autoedición). ISBN 84-300-7376-0.
- Cuba, X. R.; Reigosa, A.; Miranda, X. (2008). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9782-869-7.
- Gondar Portasany, Marcial (1989). Romeiros do alén: antropoloxía da norte en Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-389-1.
- Lisón Tolosana, Carmelo (1998). La Santa Compaña. Fantasías reales. Realidades Fantásticas. Madrid: Akal. ISBN 84-460-0943-9.
- Mariño Ferro, Xosé Ramón (1995). Aparicións e santa compaña. Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 84-8289-010-7.
- —————— (2003). "Santa Compaña". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: Grupo El Progreso.
- Nóvoa Santos, Roberto; Rof Carballo, Juan (1976). A Santa Compaña. Akal. ISBN 84-7339-124-1.
- Ramón e Ballesteros, Francisco de (1971). "Dúas historias do alen encol da Santa Compaña". Grial (34): 493–496. ISSN 0017-4181. JSTOR 29748954.
- Risco, Vicente (1946). "La procesión de las ánimas y las premoniciones de muerte". Revista de Dialectología y Tradiciones Populares (en castelán) II (cuaderno 3º): 380–429. ISSN 0034-7981.
- —————— (1962). "Etnografía: cultura espritual". En Otero Pedrayo, Ramón. Historia de Galiza I. Buenos Aires: Nós. ISBN 84-7339-429-1.
- Rodríguez González, Eladio (1958-1961). Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Editorial Galaxia.
- Suárez, Andrés (1979). Luaña, mitos, costumes e crencias dunha parroquia galega. Galaxia (en castelán). ISBN 84-7154-341-9.
- Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Guías A Z. Vigo: Galaxia. ISBN 978-84-9865-387-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Pineda, Fran. "A Santa Compaña: A lenda galega máis estendida". Vive el Camino.
- García Campos, José Alberto (3 de novembro de 2024). "Galicia Mágica: La Santa Compaña". Nueva Acrópolis de Vigo (en castelán).
- Varela, José Ramón. Ritos y premoniciones de la muerte en la cultura galega jrvarela.net (en castelán).
- "La santa compaña" (2/11/2006). Blogodisea (en castelán).
- A Santa Compaña, que non é santa pero si acompaña. Orgullogalego.gal (en galego)