O liño na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Distintos trebellos para preparar o liño

O liño na cultura popular galega.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

O liño no Museo Liste.
  • A liñaza por San Marco nin nada, nin no saco [1] .
  • A muller de bo aliño, cría, fía, devana e vende o liño [2].
  • A que o liño aliña, esa o fía.
  • Antes de pan viño, antes de viño touciño, e antes touciño que liño.
  • Antes pan que viño, antes viño que touciño, e antes touciño que liño [3].
  • Bótamo todo en viño e non en liño [4].
  • Díxolle o millo á liñaza: "Ándate tí, espepitada, que ós tres días estás nada". E a liñaza respondeulle: "Seica coma tí, borrón, que tardas sete semanas en salires do torrón".
  • En saco de liño non lévela fariña ó muíño [5].
  • En Santiago e agosto estroupelear, que é tempo do liño mazar.
  • "¡Erte, dormiñón, que pasas un mes sen saír a ve-lo sol!", díxolle a liñaza ó millo. "¡Cala trigudilla: pola mañán sementada e pola noite nascida!", díxolle o millo á liñaza [6].
  • Febreiro, frebas de frío, e non de liño [7].
  • "¡Lavada, aos tres días nada!", díxolle o millo á liñaza. "¡Nugallán" –díxolle ela-, "un mes baixo o torrón e aínda se vou non vou!" [8].
  • Liño bo, liño malo, todo frolece en maio.
  • Liño de Holanda, pesa e non anda.
  • Liño e la non queren ventán [9].
  • O liño apurado dá lenzo ben sobrado.
  • O liño e a estopa, á sombra.
  • Polo San Martiño, fabóns ó liño.
  • Por San Francisco bota o liño mourisco, se o botas en San Simón nin da estopa nin estopón.
  • Por San Martiño, nin faba, nin liño.
  • Por San Martiño, non sementes fabas nin liño [10].
  • Por Santa Erea, toma os bois e semea; por San Martiño, nin fabas nin liño [11].
  • Pró liño, sete voltas de rella e a caghalla da ovella.
  • Santa Vivián, mociñas no liño e vellas na lan [12].

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • A Santa Virxe do Viso/ ten un tendel de meados;/ vente conmigo, meniña,/ ó río ver de lavalos [13].
  • Arrigadeiras do liño,/ arrigai o liño ben,/ non mirendes pró portairo/ que a merenda vela eí vén [14].
  • Arrigai, arrigadeiras,/ daille liño ós ripadores;/ á moza que ben responde/ nunca lle faltan amores [15].
  • Arrigai, arrigadeiras,/ daille liño ós ripadores;/ que xa veu a primaveira/ i hei de tomar dos amores [16].
Restrelo para asedar o liño
  • As mociñas da espadela/ son poucas, pero son boas,/ cando ven por elí ós mozos/ todas parecen cotorras [17].
  • Cálate, porca, cochina,/ non me volvas a falar,/ que tiñas sete camisas/ de tomentos a raiar [18].
  • Dónde vés, Carmiña?/ Veño da montaña,/ de ver o meu liño/ se ten a bagaña./ Se ten a bagaña/ déixalla criare/ que ó estar madura/ ímola arrigare [19].
  • Ei, señores ripadores,/ chegados á ramallosa,/ polas trazas que vou vendo/ non vai hoxe o liño á poza [20].
  • Esta noite hai unha fía,/ tamén hai unha espadela,/ miña nai, sáqueme o caldo/ que eu tamén hei de ir a ela [21].
  • Este ano hai moito liño,/ este ano hai moita aresta;/ os mociños que hai agora/ cheiran a mexo que apestan [22].
  • Fía, miña roca, fía,/ fía miña fiandeira,/ toda a noite fía, fía,/ o liño que veu da feira [23].
  • Fun ao mar e vin do mar/ i o teu liño sen fiar;/ que figueches, calaceiro,/ cada ano seu regueiro [24].
  • Hei ir á fía esta noite,/ e hei de matar o candil,/ e heille mazar a cotena/ a un majo que campa alí.
  • Hoxe arriguei o meu liño,/ hoxe o dei a fiare,/ que pasei onte por il,/ non sei se é liño se é herba [25].
  • Iste é o tempo do tróupele, tróupele,/ iste é o tempo do troupelear,/ iste é o tempo de maza-lo liño,/ iste é o tempo do liño mazar [26].
  • Maruxa, monda o teu liño,/ non te vaias á taberna:/ pasei onte por alí,/ non sei si é liño si é herba [27].
  • Meu chalequiño de liño,/ feito detrás das paredes:/ o que espreita xempre ouve/ falar de si moitas veces [28].
  • Meu chalequiño de liño,/ vámonos servir ao rei,/ que os ricos loitan e quedan/ i eu, como son probe, irei [29].
  • Miña roquiña de cana,/ meu fusiño de oliveira,/ tendes que fia-lo liño/ que me vén mañá da feira [30].
  • Mozos que estás no ripanzo,/ póñanse na ramallosa,/ que co que eí están faguendo/ o liño non vai á poza [31].
  • Na corte de Xan Manoel/ hai moitas mozas cantando:/ unhas tascan, outras fían/ i outras están asedando [32].
  • O liño queda na poza/ i a bagaña no palleiro;/ agora, miña meniña,/ tocarémo-lo pandeiro [33].
  • Qué estriga teño na roca!/ Que mazaroca farei!/ Que lindos mozos eu teño/ no lugar de Recarei [34].
  • Teño unha manta de estopa,/ hei faguer unha de liño,/ hei ter todo perparado/ para me casar contigo [35].
  • Teño unha roca en Gontán,/ un fuso no Chao da Veiga;/ i o liño por sementar/ cando me has vir, costureira? [36].
  • Vale máis unha da Laxe/ cunha chaqueta de liño/ que tódalas de Cornazo/ vestidas de pano fino [37].
  • Veño de ver o meu liño/ que me da pol-a cintura:/ non sei se é liño se e herba, / bagaña non ten ningunha [38].

Adiviñas[editar | editar a fonte]

  • De verde nace/e de verde se cría/e acaba bailando/coa señora María [39].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. San Marcos, 25 de abril.
  2. ERG, Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  3. Eladio Rodríguez González, s. v. pan.
  4. Eladio Rodríguez González, s. v. viño.
  5. Eladio Rodríguez González, s. v. fariña.
  6. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: vel-o, o millo, a liñanza (sic).
  7. Fálase máis normalmente das frebas de marzo, nome que se dá ós primeiros días deste mes que adoitan ser tan crus como os do mes de febreiro anterior. Eladio Rodríguez González, s. v. febreiro.
  8. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No texto: éla, ainda.
  9. Xosé Ramón Mariño Ferro.
  10. Eladio Rodríguez González, s. v. San Martiño.
  11. Santa Irea ou Erea, 18 de setembro; San Martiño, 11 de novembro.
  12. Santa Vivián, 2 de decembro.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 46. Os meados son as madeixas de liño fiado que, unha vez lavadas, dispóñense ó sol nun tendel de meados.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 45. No orixinal: ehí. Arrigar é apañar o liño ou outras plantas.
  15. Xaquín Lorenzo Fernández, 45.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández, 45. Ripar o liño é quitarlle a baga pasándoo polos dentes do ripo. A arriga faise polo abril.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 48.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández, 55. Tomentos son os restos da limpeza do liño, de ruín calidade; poñer a raiar é poñelos ó sol para que branquexen.
  19. Xaquín Lorenzo Fernández, 71. A bagaña é a cápsula, pequena e esférica, que con tén as sementes do liño.
  20. Xaquín Lorenzo Fernández, 73. No orixinal: Eih. Despois de arrigar o liño, ponse en feixes e lévase a unha poza onde se mete en auga durante un tempo.
  21. Fermín Bouza Brey 1929, 174.
  22. Xaquín Lorenzo Fernández, 78.
  23. Xaquín Lorenzo Fernández, 85.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández, 85. No orixinal: fun do mar. Engade Xaquín Lorenzo que, segundo Bouza Brey, se trata dunha fala de animais na que o paxaro chamado lavandeira dille ó labrego que ten que fiar o liño durante o inverno, mentres el migra ó mar; ademais debe facer que cada suco sexa un regeiro para asegurar que a planta estea sempre mollada.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 89. No orixinal: arriguéi, paséi, erba. Entre a arraiga do liño e o momento de fiar ten que pasar un tempo e distintas operacións para o poñer en condicións de ser fiado.
  26. Xaquín Lorenzo Fernández, 90. No orixinal: mazalo.
  27. Xaquín Lorenzo Fernández, 235. No orixinal: paséi, erba. Xaquín Lorenzo localízara en Reigosa, pero non identifica este lugar.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández, 97.
  29. Xaquín Lorenzo Fernández, 97. Daquela era posible a redención do servizo militar mediante o pago dunha cantidade de diñeiro.
  30. Xaquín Lorenzo Fernández, 101. No orixinal: fialo, ven.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 106. O ripanzo é o aparato en forma de peite co que se quita a bagaña do liño; ramallosa é un monte de ramas cortadas das árbores.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández, 106). Tascar, fiar e asedar son operacións relacionbadas coa preparación do liño.
  33. Xaquín Lorenzo Fernández, 118. No orixinal: tocaremolo.
  34. Xaquín Lorenzo Fernández, 137. Unha estriga é un pequeno feixe de liño que se pon na roca para fiar. Recarei é lugar da parroquia e concello de Bande.
  35. Xaquín Lorenzo Fernández, 152.
  36. Xaquín Lorenzo Fernández, 252. Xaquín Lorenzo non localiza estes lugares, alleos á Limia Baixa.
  37. A Laxe é lugar de Arealonga, parroquia de Vilagarcía; Cornazo é outra parroquia de Vilagarcía. Fonte: Bouza Brey, 179. No texto: mais, c-unha, todal-as.
  38. Real Academia Galega 1913, s. v. bagaña.
  39. O liño na devanadoira. Gárfer e Fernández, 268; no orixinal: beilando, ca.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas. México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C.: Adivinancero popular gallego. Taurus Ed., Madrid 1984.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I. Xerais, Vigo 1985.
  • Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano 1913-1928.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.