O burro na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Burro en San Salvador de Couzadoiro, Ortigueira

A seguir recóllese a pegada do burro na cultura popular galega, na fraseoloxía e na tradición oral galega (refráns, cantigas e adiviñas).

Crenzas e supersticións[editar | editar a fonte]

En Melide din que cando unha donicela traba a alguén se agarra de tal xeito que non o solta mentres non orneen sete burros e toquen sete campás de sete igrexas. O mesmo din do lagarto arnau [1].

Léxico[editar | editar a fonte]

Burro dunha lareira

En sentido figurado, cualifícase de burro a persoa ruda e corto de intelixencia. Pero tamén ten outros significados:

  • Burro, asneiro, asnelo ou randeira, é un trebello da cociña tradicional galega, formado por un triángulo de madeira fixo á parede por un dos lados, e do que pende a gramalleira que suxeita a ola sobre o lume. Tamén se chama burro o cabalete para erguer a moa do muíño.
  • Burro é nome de diversas especies de peixes, como o fogoeiro, carboeiro (Melanogrammus aeglefinus), a lorcha (Ophidion barbatum) ou algúns blénidos (Blennius sanguinolentus).
  • Burro designa tamén algúns moluscos, coma o reló ou moelo (Dosinia exoleta) ou o carneiro (Venus verrucosa).
  • Burro é o cilindro con buratos para asar as castañas.
  • Burro, como adxectivo, aplícase ó tempo ou ó ceo cargado de nubes.
  • O xogo do burro é un xogo de cartas no que se retiran tres dos catro cabalos da baralla. Logo, os xogadores van descartándose das cartas que forman parellas ata que queda un deles co único cabalo, perdendo o xogo.
  • Burra ou espulla é un vulto pequeno na pel.
  • Burra é o orificio no que encaixa unha portela.
  • Burra é un trebello para pescar nos ríos, a modo dunha nasa.
  • Burra é o cabalete para colocar os troncos para serralos.
  • Burra, como adxectivo, aplícase á masa de pan que queda apelmazada, sen ollos.

Locucións[editar | editar a fonte]

Traballar coma un burro:
Traballar moito, sen descanso
  • ¡Alá vai o burro coas noces! (botarse todo a perder todo).
  • Andar cargado coma un burro (dise do que traballa moito soportando cargas excesivas).
  • Arrancada de cabalo e parada de burro (aplícase a quen comeza calquera asunto con moito entusiasmo pero, por pereza e inconstancia, o abandonan ó pouco).
  • ¡Boa burra mercamos! (indica o mal resultado dun negocio).
  • Bota-lo burro (remata-lo primeiro en comer ou facer algún traballo. Utilizábase moito nas pullas entre aldeas veciñas presumindo de remata-las faenas agrícolas).
  • Burro coma un arado.
  • Ser como os burros da Limia, que apañan o viño e beben auga [2].

Refraneiro[editar | editar a fonte]

Ben vai a vella na burra cando é súa
  • Á burra e á muller polo pico lles entra a fermosura.
  • Á burra e á muller, a paus hainas que tanguer.
  • A burro froxo, arrieiro tolo que lle malle o lombo.
  • A burro morto, cebada ó rabo.
  • A burro novo, aparello vello.
  • A burro pardo, arrieiro arroutado.
  • A burro vello, a millor cebada e o pior aparello.
  • A burro vello, albarda nova.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cantigueiro galego do burro.
E, poidas que non poidas,/ arrea, burro, pra diante;/ como trasportes a carga/ nunca a cabeza levantes
  • A burra da miña tía/ non anda pero recúa,/ si tes gana de parola/ vaite que vai boa lúa.
  • Á mestra de Lubeira/ morreulle a burra bermella;/ tódolos que non cantaren/ leven o camiño dela.
  • Ai, miña probe Francisca,/ ¿qué lle fixeches ó cura/ que cando che bautizou/ púxoche o nome da burra?
  • Alá vai Esclavitú:/ -Déixame ir, que meto un grito;/ quero as orellas do burro/ pra faguer un abanico.
  • Algo che pasa, meniña,/ pois dis: ¡agora xa foi!/ soio dimpois que tropeza/ ó burro lle berran: ¡xo!
  • ¡Arre meu burriño! ¡Arre!;/ Pásame pronto a Galicia,/ aos de atráis non lles din nada,/ vanme meter en xusticia.

Adiviñas[editar | editar a fonte]

...o burro
Burro nunha casa do rural galego
  • Auga me chamo de nome, / ardente é o meu corazón; / o que non o atine / é un gran borricón. (a augardente)
  • Ave teño de nome, / llana son de condición, / o que non acerta e discorre / é un gran borricón. (a abelá)
  • Burriño de ferro, / albarda de liño, / atiza que atiza / cun pauciño. (o candil)
  • ¿Cal é, cal é? / o que non o adiviña / ben burro é. (o cal)
  • É tan grande como unha pulga / e ten orellas maiores cás dunha burra. (a verza)
  • ¿O que é, que é, / unha cousa como unha pulga, / que dá unhas orellas / como as dunha burra?. (a semente do nabo)
  • Pequena como unha pulga / e bota orellas como unha burra?. (a semente do nabo)
  • Redondiño, redondiño, / coma o pé dun borriquiño. (a moeda)
  • Redondiño, redondiño, / como o pé dun borriquiño, / tantas folliñas ten / que non llas conta ninguén. (o sombreiro dun cogomelo)
  • Ten boca e non fala, / ten ollos e non ve, / anda e mais non ten pés; / se non adiviñas / ben burro es. (a lúa)
  • Ten mans e non escribe, / anda e mais non ten pés; / se non adiviñas, / ben burro es. (o reloxio)
  • Un burro branco / bailando no campo, / coa pexa no pé / e burro non é. (o muíño)
  • Unha ave que Deus criou / con toda a natureza; / ten o pico na barriga / e as ás na cabeza. (o burro)
  • Xuntas as dúas nun burriño / e andando as dúas ó par, / cando unha anda doce légoas / a outra unha namais. (os punteiros do reloxio).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • CRESPO POZO, José Santiago: Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego con indicación de fuentes e inclusión del gallego literario (galaico-portugués). 1 (La Región, Orense 1972); 2,3,4 (Ed. do Castro, Sada, 1979/1982/1985).
  • PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19–52.
  • VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos. Compostela, 1933.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  1. Terra de Melide, 452-453.
  2. Dise dos que queren aforrar demasiado, dos forróns. Fonte: José Santiago Crespo Pozo, s. v. económico; José María Pereda Álvarez (1953), s. v. auga.