Saltar ao contido

Graba, Silleda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Graba
Santa Mariña.
ConcelloSilleda[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°40′36″N 8°17′49″O / 42.67677801, -8.29695961
Área9,3 km²
Poboación195 hab. (2022)
Densidade20,97 hab./km²
Entidades de poboación11[1]
editar datos en Wikidata ]

Santa María de Graba[2] é unha parroquia do concello de Silleda na comarca de Deza provincia de Pontevedra. Sitúase no val do río Toxa, o seu topónimo procede das minas usadas na zona desde a romanización de Galicia para extraer varios materiais, entre eles a grava[Cómpre referencia]. Segundo o padrón municipal de 2022 tiña 195 habitantes (97 homes e 98 mulleres),[3] distribuídos en 11 entidades de poboación.

Situación

Río Toxa.

Está situada a 7,6 km do núcleo urbano de Silleda, a 48,3 km de Santiago de Compostela e a 54,8 km de Pontevedra. Limita coas parroquias de Xestoso, Fiestras, Aciveiro, Escuadro, Refoxos e Siador.

A parroquia aséntase no Val do Toxa regado polas augas do río do mesmo nome. A altitude media é de aproximadamente 450 msnm, variando entre o 380 metros do punto máis baixo ata os máis de 700 dos montes que rodean o val.

As aldeas de Graba sitúanse nas marxes do Río Toxa dende o seu nacemento, nas abas da Serra do Candán ata o remanso das súas augas terras abaixo. Algúns nomes como A Peniza, Pedrouzo ou Penalta son unha referencia xeolóxica do lugar.

Noroeste: Escuadro Norte: Escuadro Nordeste: Fiestras
Oeste: Xestoso Este: Fiestras, Siador e Refoxos
Suroeste Xestoso Sur: Aciveiro Sueste: Refoxos

Historia

Antigüidade

Calzada Romana en Ervixe.
Ara aos Lares Viales de Graba, Silleda no Museo de Pontevedra.

As parroquias de Graba e Cortegada pagaban tributo aos monxes Mosteiro de Aciveiro por dereito de pasto nas terras do Candán. Aínda queda constancia que cobraban rendas en Graba no ano 1835.

Durante a Guerra da Independencia española, en marzo do 1809 reuníronse os curas de Abades, Fiestras, Graba, Cortegada, Oleiros, Refoxos, Ponte, Laro, Taboada, Rellas, Margaride, Negreiros, O Castro, Silleda e Siador e con eles moitos veciños das citadas parroquias, para deter o avance da invasión francesa. Entón decidiron cubrir as principais pontes de acceso ás terras do Trasdeza, (Ledesma, Taboada, Carboeiro e Pereiro; con 300, 2000, 300 e 2500 homes respectivamente) nomeando comandante xeral das forzas a D. Bieito Martínez.[Cómpre referencia]

A parroquia de Graba foi un concello entre 1812 e 1823.[Cómpre referencia] A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Escuadro, Manduas, Breixa, Laro, Lamela, Taboada, Silleda e Graba. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes novos concellos e a restauración do antigo réxime señorial nas terras do Deza.

Segundo o Dicionario Xeográfico-estatístico de España e Portugal de 1826, a parroquia producía millo, centeo, algún viño, trigo e cítricos como principais cultivos. Achega o dicionario a presenza de abundante caza nos seus montes e a celebración dunha feira mensual bastante concorrida. Destácase tamén a existencia dunha industria de lencería.

Durante a década de 1930, creouse en Graba a Sociedad de Oficios Varios para darlle forma ao movemento obreiro da zona. Durante a Segunda República Española mantívose moi activa, facendo bandeira de numerosos conflitos sociais como o incumprimento da xornada laboral de oito horas por parte dalgúns patróns.[Cómpre referencia] En xuño de 1931 organizan unha protesta diante do concello de Silleda para reivindicar este tipo de dereitos laborais.[Cómpre referencia]

Hai evidencias tamén de restos de explotacións mineiras no Coto do Castelo, cerca da aldea de O Souto.

En 1916 naceu nesta parroquia o empresario Cesáreo Sánchez, morto en 2010, que foi o administrador da Hidroeléctrica de Silleda, empresa que conta con máis de 6000 abonados en Silleda, Lalín e Forcarei.[Cómpre referencia] Foi na súa parroquia natal onde apostou pola enerxía hidroeléctrica. No lugar de Santa Mariña construíuse na década de 1940 a primeira central do concello. O seu investimento permitiu rematar o traballo que iniciara o seu irmán, poñendo en marcha a central que levaría electricidade a Silleda. Hoxe en día a planta está en desuso e en ruínas, mais atópase nunha paraxe de beleza singular aos pés dunha seimeira de difícil acceso.

Nesta parroquia naceu José Dionisio Valladares Gómez del Río y Rozas.

A igrexa parroquial e as capelas

A igrexa parroquial de Santa María de Graba foi levantada a finais do século XVII. Englóbase a construción dentro do barroco rural predominante na época. A praza da igrexa está presidida por un cruceiro bifrontal cun fuste estriado.

Na aldea de Vilar hai unha capela na honra a San Sebastián. Por último, en Santa Mariña hai outra capela adicada á mártir galega do século II. Xunto á ermida, a comezos do século XX, foi descuberta unha ara erixida aos Lares Viales, como protectores dos camiños, que supón unha proba máis da pegada romana na parroquia, atraídos polos recursos minerais.

Poboación

Segundo o Dicionario Xeográfico-Estatístico de España e Portugal, a parroquia contaba en 1826 con 163 veciños, cun total de 778 habitantes, dous terzos máis que no ano 2022 (195 habitantes).

Como se observa na táboa que indica a evolución da poboación de Graba 1999-2009, entre estas dúas datas a parroquia perdeu cerca do 22% do seu censo:

1999 2000 2001 2002 2003 2004 2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2022
338 332 329 320 317 316 313 302 290 273 265 264 262 254 246 195

Actualmente o crecemento vexetativo é negativo debido á unha poboación avellentada e á falta de vivendas libres para os mozos que ante esta escaseza optan por mercar a vivenda nos núcleos urbanos máis próximos.[Cómpre referencia]

Igrexa no día da festa

Lingua galega

A porcentaxe de galegofalantes é do 99,24 %:[cando?]

Censo Total 264
Sempre en galego 262 (99,24 %)
En galego ás veces 1 (0,38 %)
Nunca en galego 1 (0,38 %)

Economía

Tradicionalmente a economía de Graba tiña unha base na gandería de montaña, motivo de moitos litixios cos monxes do Mosteiro de Aciveiro, en Forcarei. A principal base da economía de Graba hoxe en día é a actividade agropecuaria. O sector primario aglutina case o 50% da poboación activa da parroquia. O sector terciario dálle emprego ao redor dun 25% da poboación activa, mentres que a industria emprega menos do 8% da poboación activa, segundo datos do IGE do censo de poboación e vivenda do ano 2001. Por outra banda o paro era de 4.5% no ano 2001, polo que se pode considerar que a parroquia gozaba dunha situación de pleno emprego.

Existen tamén artesáns adicados á cestería e ao trenzado de palla.

Natureza

Neve en Graba.

Lugares de gran beleza son Outeiro Verde, a antiga fábrica de luz, O monte da Devesa e o río Toxa onde se pode pescar. A parroquia presenta moitas posibilidades de lecer, dende a gastronomía ata sendeirismo ou rutas en quad.

De interese é visitar o conxunto megalítico de Monte Penido.

Festas

As festas son o 18 de xullo na honra de Santa Mariña e o 15 de agosto e 16 de agosto na honra á Santa María e ó San Roque.

Hai anos o 14 de agosto tiña lugar a festa do bolo preñado e do mexillón, que tivo grande éxito e contou con 10 edicións, pero desapareceu por problemas de coordinación entre os organizadores.[Cómpre referencia]

Lendas

Cabe destacar tamén a existencia de lendas e mitos coma o dos mouros do Souto que segundo conta a lenda agochaban unha mina de ouro na citada aldea.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias

Lugares de Graba

Lugares da parroquia de Graba no concello de Silleda (Pontevedra)

Arcos | Barreiro | Eirexe | Ervixe | O Fontao | O Outeiro | Pedrouzo | Penalta | Santa Mariña | O Souto | Vilar

Parroquias de Silleda

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Silleda

Abades (Santa María) | Ansemil (San Pedro) | Breixa (Santiago) | Carboeiro (Santa María) | O Castro (San Mamede) | Cervaña (San Salvador) | Chapa (San Cibrao) | Cira (Santa Baia) | Cortegada (Santa María) | Dornelas (San Martiño) | Escuadro (San Salvador) | Fiestras (San Martiño) | Graba (Santa María) | Lamela (San Miguel) | Laro (San Salvador) | Manduas (San Tirso) | Margaride (San Fiz) | Martixe (San Cristovo) | Moalde (San Mamede) | Negreiros (San Martiño) | Oleiros (San Miguel) | Parada (San Tomé) | Pazos (San Martiño) | Piñeiro (San Xiao) | Ponte (San Miguel) | Refoxos (San Paio) | Rellas (San Martiño) | Saídres (San Xoán) | Siador (San Miguel) | Silleda (Santa Baia) | Taboada (Santiago) | Vilar (San Martiño) | Xestoso (Santa María)

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas