Refraneiro galego sobre o lobo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
En terra de lobos ouvear coma todos
  • A muller e a loba do máis feo se namora [1].
  • Alégrase o lobo cos couces da ovella.
  • Avisade ó lobo e deixade o gando soilo.
  • Ben parva é a ovella que co lobo se confesa.
  • Ben se aleda o lobo do que come o zorro [2].
  • Ben se alegra o lobo do que come o zorro.
  • Ben vai a ovella coxa, coma o lobo non a colla.
  • Burro de moitos cómeno os lobos.
  • Cabalo que ha de ir á guerra, nin o come o lobo, nin o malpare a égoa [3].
  • Can que lobos mata, lobos o matan [4].
  • Cando co fato anda o dono, nin dá o teo nin vén o lobo.
  • Cando mata o lobo, mata pra todos.
  • Cando o lobo non vai polo seu pé, non come do que quer.
  • Cando o lobo vai roubar, lonxe das casas vaino buscar.
  • Cando un lobo come a outro, non hai que comer no souto.
  • Coa auga en san Xoán xa se revolve o lobo ó can.
  • Come o lobo de toda a carne, menos da súa, que a lambe.
  • Con un lobo non se mata outro.
  • Cousa de moitos cómena os lobos.
  • Cousa de moitos, cousa de lobos.
  • Da conta que saca o pegureiro, o lobo / monte sábelle sabe o erro [5].
  • Día da Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado [6].
  • Dios nos libre da boca do lobo.
  • Do contado come o lobo.
  • Do lobo, un pelo.
  • Do lobo un pelo, e ese no medio do lombo.
  • Dou ó demo todos, dixo o que araba cos lobos [2].
  • Dous lobos a un can, ben o comerán [4].
  • En abril cátanos no cubil, en maio xa son bo galo, en san Xoán xa lle dou a carreira ó can, en santa Mariña xa vou pola cabritiña, en agosto xa vou co meu pai polo rostro, en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.
  • En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ó lado, en san Xoán atrévese co can, en Santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro.
  • En maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo ben empolado.
  • En terra de lobos ouvear coma todos.
  • En xaneiro, sete lobos no carreiro.
  • En xaneiro, sete lobos polo carreiro.
  • Faite ovella e comerate o lobo.
  • Gárdate de home mal barbado e de lobo esfameado [7].
  • Lobo famento non ten asento.
  • Lobo tardeiro non volve baleiro.
  • Mal lle vai á ovella que co lobo se aconsella.
  • Marzo marzán, á noite cara de lobo e a mañán cara de can.
  • Mentras o can dorme, o lobo mata e come [4].
  • Muda o lobo os dentes, mais non as mentres.
  • Na terra dos lobos ouvear coma eles [8].
  • Na terra dos lobos, ouvear coma todos [2][9].
  • Non come o lobo besta branca.
  • Non soilo o lobo come carne crúa.
  • Nunca o lobo mata ó lobo.
  • Nunca un lobo come a outro.
  • O fillo do lobo lobiño é [10].
  • O fillo do lobo logo adeprende a ouvear [11].
  • O fillo do lobo tira sempre ao monte.
  • O lobo e o raposo non son bos compañeiros.
  • O lobo famento non pode estar contento.
  • O lobo farto de carne, meteuse frade.
  • O lobo muda de pelo pero non de condición.
  • O lobo non come da carne que quer, senón da que houber.
  • O lobo non ve todo o que queda no monte.
  • O lobo, onde cría, non é donde fai a matanza.
  • O lobo perde do pelo pero das mañas.
  • O lobo vello caza á espera.
  • O lobo vello de noite oubea.
  • O porco que é pró lobo non hai san Antón que o garde [12].
  • O que entre lobos se mete, gandido sai.
  • Ó que se fai ovella, cómeno os lobos.
  • Onde non ves lobo, cata o lobo.
  • Os fillos do lobo, lobos serán.
  • Ovella de moitos cómena os lobos.
  • Palabra, díxolle o lobo á cabra.
  • Pola Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado.
  • ¿Qué lle importa ó lobo o que come o zorro?
  • Quen con lobos anda, oubear deprende.
  • ¡Quen o collera onde o lobo mata á ovella!
  • Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado.
  • Se marzo marcea non queda can nin ovella, nin pastor coa súa pelexa, nin o can coa súa carranca, nin o lobo coa súa zanca.
  • Son lobos dunha camada: se algún non esfola é que mata.
  • Toda carne come o lobo, agás a súa que a delambe.
  • Un bo día de xaneiro é un lobo no quinteiro.
  • Un lobo a outro lobo non se comen nin se morden.
  • Vaca de moitos, cómena os lobos [13].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  2. 2,0 2,1 2,2 Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  3. Eladio Rodríguez González, s. v. cabalo.
  4. 4,0 4,1 4,2 Eladio Rodríguez González, s. v. can.
  5. O lobo e mailas escabrosidades do chan galego fan difícil a custodia do gando.
  6. A Santa Cruz de maio celébrase o día 3.
  7. Eladio Rodríguez González, s. v. home.
  8. Juan Sobreira Salgado: Papeletas.
  9. Eladio Rodríguez González, s. v. oubear.
  10. Eladio Rodríguez González, s. v. fillo.
  11. Eladio Rodríguez González, s. v. fillo. No orixinal: oubear.
  12. Eladio Rodríguez González, s. v. porco.
  13. Porque ninguén se preocupa de coidala, deixando esa responsabilidade ós demais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.