Retrincos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Retrincos é unha colección de relatos de Castelao, composta por cinco narracións autobiográficas ("O segredo", "O inglés", "Peito de lobo", "O retrato" e "Sabela"), ordenadas cronoloxicamente e escritas cun mesmo criterio.

Publicación[editar | editar a fonte]

Van acompañadas por unha data e un lugar, que coinciden con ámbitos especiais para o autor. É a única obra de Castelao sen ilustracións propias, se ben Maside creou cadansúa xilografía para cada relato.

Foi editado en 1934 pola editorial Nós, en Santiago. Como acontecera tamén coas Cousas, tres dos cinco relatos de Retrincos xa foran publicados anteriormente.

Obsérvase nesta obra, como é natural en Castelao, un intenso contacto entre o autor e o lector. Hai interrogacións retóricas que nos fan sentir moi achegados ó relato e que xa aparecen no Limiar.

Relatos[editar | editar a fonte]

  • "O segredo" relata unha anécdota da estancia do neno Castelao na Pampa arxentina. Un gaucho morrera na tenda que tiña seu pai e este ordenoulle ó seu fillo que gardase silencio para que non lle chegase a noticia á nai, que estaba atemorizada coa vida bárbara daquelas xentes. O relato está datado en 1909 en Compostela. Publicouse previamente en Alma Gallega (novembro de 1927) e Nós (25.07.1926).
  • "O inglés" desenvólvese tamén na Pampa da infancia de Castelao, nos anos da guerra de Cuba. O conto comeza coa declaración seguinte: Eu quixen asasinar a un inglés por patriotismo. O relato está datado en 1914, en Rianxo, e non fora publicado anteriormente.
  • "Peito de lobo" preséntanos ó Castelao estudante en Compostela. Ocorréraselle facer, para as festas de Rianxo, un cabezudo que reproducía o rostro dun mariñeiro coñecido polo alcume de peito de lobo. O mariñeiro alporizouse con aquela reprodución grotesca de si mesmo e quería vinga-la aldraxe, pero co tempo foise amigando con Castelao e coa enorme cachola de cartón. O relato está datado en 1918, en Praceres (Lourizán, Pontevedra), e fora publicado n'A Nosa Terra (25.06.1919), no diario Galicia (de Vigo) (24.08.1924) e en Alma Gallega (novembro de 1927).
  • "O retrato" é unha fermosa anécdota de cando Castelao xa deixara a medicina: a curación imposible para un médico é o milagre feito polo pintor. O relato está datado en 1922, en Pontevedra. Publicárase en Nós (25.07.1927) e en Alma Gallega (novembro de 1927).
  • "Sabela" é unha narración da súa época de deputado en Cortes. O relato artéllase sobre o contraste entre a moza que fora a súa compañeira de bailes e a muller en que se converteu co paso do tempo. O relato está datado en 1934, tamén en Pontevedra, e tampouco fora publicado anteriormente.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]