O cabalo na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Véxase o artigo principal: cabalo.

O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do cabalo (maila besta e o poldro) na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Tendo presente que o termo besta non só designa a egua senón tamén a calquera animal de carga, especialmente os équidos, non se pode asegurar que algunha das seguintes manifestacións non se aplique realmente a mulas e burros.

A rapa das bestas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Rapa das bestas.

A Rapa das Bestas é o nome da operación que consiste en cortar a crina dos cabalos que se realiza nos curros celebrados en varias localidades do territorio galego.

A máis coñecida é a rapa das bestas de Sabucedo, no concello da Estrada, que dura tres días: o primeiro sábado, domingo e luns de xullo. De feito, dálle nome á celebración e así fálase da rapa das bestas de Sabucedo, mentres que na maioría dos lugares fálase de curro -o nome do recinto pechado no que se recollen os cabalos.

Fraseoloxía[editar | editar a fonte]

Léxico[editar | editar a fonte]

  • Cabalo: nome festivo do suco [1].
  • Cabalo do demo, cabaliño do demo: libélula.
    • Cabalo da quiobra: libélula [2].
  • Cabalo de mar, cabalo do mar, cabaliño de mar : peixe cuxa cabeza asemella o perfil dun cabalo (Hippocampus sp.) [3].
  • Cabalo mariño: animal fantástico con corpo de cabalo e cola de peixe [4].
  • Cabalo ruán: barbantesa (Mantis religiosa) [5].
  • Cabalo macho: peixe da familia dos gádidos, coñecido como fodón (Trisopterus minutus, antes Gadus minutus) [6].
  • Esporas de cabaleiro: planta (Delphinium sp.) [7].
  • Rabo de cabalo: planta da orde das Equisetales (Equisetum sp.) [8].
  • Cabaleiro: ringleira de herba, mes, etc., que deixa o segador tras de si [9].
  • Cabalo de vapor: cabalo de vapor, unha unidade de potencia da forza motriz das máquinas
  • Cabalos: nubes de treboada que aparecen frecuentemente no verán, Rivas Quintas recolle este refrán meteorolóxico por terras de Maceda: Se os cabalos corren pra Viana, culle os bois e vai á arada; se corren pra Quiroga, culle os naipes e xoga, no que cabalos é metáfora por nubes [10].
  • Poltro da auga: nome vulgar dos petos ou pícidos [11].
  • Uña de cabalo: molusco máis coñecido como peneira ou orella de mar (Haliotis sp.) [12].
  • Uña de cabalo: molusco coñecido como nacra ou navallón (Pinna sp.) [13][14].

Locucións[editar | editar a fonte]

Ter forza coma un cabalo
  • A cabaleiro: montado sobre as costas doutro. Tamén se di ó cabaleiro.
  • A cabaliño: ver a cabaleiro.
  • A cabalo, de cabalo: montando sobre un cabalo.
  • A uña de cabalo: fuxir a todo correr.
  • Alma de cabalo: dise dunha persoa sen escrúpulos.
  • No cabalo de san Francisco: a pé. Pode usarse cos verbos andar, ir, etc.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

Dous cabalos rifadores, non poden xuntos comer
  • A besta amatada, de lonxe ve vir a albarda.
  • Á besta axionllada ponlle máis carga.
  • Á besta boa, dálle vara i espora.
  • Á besta cargada, a cincha mátaa.
  • Á besta comedora, pedras na cebada.
  • A besta e a muller, que a preste quen quixer.
  • Á besta golosa, taleiga de area.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • A Tupina do Rixón,/ canta de alegre na Vila;/ o cabalo do pintor/ recáchalle o rabo arriba [15].
  • Aquile que anda no baille,/ aquile que entrou agora,/ vaille a besta na ribeira/ busca-lo viño prá voda! [16].
  • Arriba, cabalo mouro,/ lévame desta laguna;/ anque son filla dun probe/ non me troco por ningunha [17].
  • Arrieiros, os de Calvos,/ que pasades pola estrada,/ tende coidado coas bestas/ no lugar de Fontarcada [18].
  • Ben cho dixen, Catuxiña,/ que non foses a Santiago,/ que te habías de asustar/ de ver o Santo a cabalo [19].
  • Cabaleiro que vas da cabalo/ malo fogo che salte no rabo/ tres en riba, tres en baixo/ inda caedes do cabalo en baixo.
  • Cabaliño como o meu/ nono ten o rei de España;/ para mudar unha perna/ necesita unha semana.
  • Canto me pideche/ estáche perdonado,/ pon o pé no estribo,/ monta de a cabalo.
  • Conceución e Benitiña/ ambas eran tecedeiras:/ das orellas do cabalo/ farémoslle as lanzadeiras [20].
  • Costureiriña bonita,/ arrechégate a este valo/ quéroche contar un conto:/ o conto do meu cabalo.
  • Eu ben cho dixen, meniña,/ que non foras a Santiago,/ que te habías de asustar/ de ver o Santo a cabalo [21].
  • Eu xa vin esta-lo demo/ dacabalo dunha bruxa:/ o demo calca que calca,/ a bruxa puxa que puxa [22].
  • Na miña vida tal vin/ na feira de Monterroso:/ vintecinco escribanos/ da cabalo dun raposo.
  • O cabalo do pintor,/ aquile das pernas blancas,/ a Tupina do Rixón/ átalle o rabo con tranzas [23].
  • O crego vendeu a besta/ por lle non da-la cebada/ i agora vai ós enterros/ dacabalo da criada [24].
  • Pasei a Ponte de Ourense/ e paseina dacabalo;/ vin unha troita no río/ i atireille cun zapato [25].
  • Pasei pola túa porta/ co meu cabalo correndo/ e vin a toda túa xente/ i a costureira cosendo [26].
  • Quen te me dera, rapaza,/ en donde xa tuven outra,/ enriba do meu cabalo/ cuberto coa miña roupa.
  • Servir ó rei, quiridiña,/ servir ó rei ¡gran regalo!/ servir ó rei, quiridiña,/ ¡nin da pé, nin da cabalo!
  • Servir ó rei, queridiña,/ servir ó rei, ¡qué regalo!;/ servir ó rei, queridiña,/ ¡nin da pé nin da cabalo!
  • Si ti viras o que eu vin/ alá riba, en Monterroso,/ sete frades dun convento/ da cabalo dun raposo.
  • Si ti viras o que eu vin/ no monte do Monterroso,/ máis de sesenta mil corvos/ da cabalo dun raposo.
  • Vállame Dios si caera/ aquel que vai da cabalo/ ¡o que me había de rir/ aínda que estou apesarado!

Adiviñas[editar | editar a fonte]

...o cabalo
  • Anda no campo,/ ferro no pé/ e cabalo non é (o muíño)
  • Branco no medio,/ estribo no pé,/ rincha que rincha/ e cabalo non é (o tear)
  • Campo branco/ flores negras/ un arado/ e cinco égoas (a man escribindo)
  • Catro cabalos correndo/ un tras doutro/ e non poden coller/ un ó outro (a debandoira)
  • Catro cabalos/ camiño de Francia,/ un tras do outro/ e ningún o alcanza (a debandoira)
  • Catro cabalos/ van cara a Francia,/ corre que corre/ e nunca se alcanzan (a debandoira)
  • Catro cabalos/ van cara Francia,/ un detrás dos outros/ e nunca se alcanzan (a debandoira)
  • Catro cabalos/ van para Francia./ Un tras doutro/ e ningún se alcanza (a debandoira)
  • No medio daquel campo/ hai un cabalo branco,/ calciño dun pé/ e cabalo non é (o muíño)
  • ¿Que cousa cousiña é: está entre dous penediños/ e relincha como os cabaliños? (a campá)
  • Téñoche gordo,/ máis o quixera,/ aínda que entre as pernas/ non me collera (o cabalo)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Elixio Rivas Quintas (1978).
  2. Elixio Rivas Quintas (1978).
  3. Carme Ríos Panisse (1977)
  4. Eladio Rodríguez González, s. v. cabalo.
  5. Elixio Rivas Quintas (1978).
  6. Carme Ríos Panisse (1977).
  7. E. Losada, J. Castro e E. Niño (1992).
  8. E. Losada, J. Castro e E. Niño (1992).
  9. Elixio Rivas Quintas (1978).
  10. Elixio Rivas Quintas (2001).
  11. Constantino García González.
  12. Martín Sarmiento: Obra de 660 pliegos.
  13. Martín Sarmiento: Obra de 660 pliegos.
  14. Carme Ríos Panisse (1977).
  15. Xaquín Lorenzo Fernández, 51. A Vila é un lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira no concello de Lobeira.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández, 44. No orixinal: buscalo, boda.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 45. No orixinal: de esta, de un.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández, 45. Santiago de Calvos, parroquia de Bande; Fonte Arcada, lugar da parroquia de San Martiño de Aguís, concello dos Blancos, aínda que Xaquín Lorenzo sitúa esta parroquia en Xinzo. O Dicionario da Real Academia Galega de 1913 recollía esta cantiga así: Arreeiros, os de Calvos/ Que paseades a estrada;/ Tede cuidado co-as bestas/ No lugar de Fontercada.
  19. Xaquín Lorenzo Fernández, 53.
  20. Xaquín Lorenzo Fernández, 64.
  21. Xaquín Lorenzo Fernández, 79.
  22. Xaquín Lorenzo Fernández, 84. No orixinal: vín, estalo, de unha.
  23. Xaquín Lorenzo Fernández, 115.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. No orixinal: dala.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 128. No orixinal: paséi. Refírese á ponte romana de Ourense, a Ponte Vella. O arco central da ponte foi reconstruído polo bispo Lourenzo (1218-1248), despois de moito tempo de estar caído. Mentres non se arranxou, o Miño cruzábase por dúas barcas, unha do concello, no mesmo lugar da ponte, e outra do Cabido, no Portovello. Xaquín Lorenzo transcribe unha cantiga asturiana que acredita a existencia desas barcas: "Pasé la barca de Orense,/ pasela de madrugada,/ pasela en el mes de enero/ cuando llovía y nevaba", cantiga que pode falar daquel período de tempo ou ser máis moderna e falar doutra barca que cruzase o río durante momentos de reparacións ou interrupción do paso (Xaquín Lorenzo Fernández, 258).
  26. Xaquín Lorenzo Fernández, 129. No orixinal: paséi.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, Verba, anexo 27, Universidade de Santiago 1985.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • Elixio Rivas Quintas: Frampas III, contribución al diccionario gallego, 2001, no Dicionario de Dicionarios.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • MARTÍN SARMIENTO: Obra de 660 pliegos (1762).